Sociedade

O confinamento intelectual nun continente en disputa

Así culminaba Esteban Hernández a súa reflexión sobre a intermediación dos intelectuais durante esta crise do Coronavirus, cun claro alegato de cara aos intelectuais duros:

“É agora cando precisamos doutros intelectuais, outros expertos. Esta é unha época dura, e fan falta pensadores duros, é dicir, que miren os problemas de fronte, que non se escondan tras unha ortodoxia que xa non sirve. Ser responsable é intentar dar respostas en momentos concretos aos problemas concretos, e non perderse no idealismo do que se foi, a época da globalización feliz, nin no utopismo dun futuro demasiado lonxe. Implica pragmatismo no mellor sentido, un que aborde de fronte o xogo de forzas xeopolítico e económico que está a ter lugar por debaixo da traxedia sanitaria”.

Se algo está a evidenciar este escenario é a multitude de direccións a imprimir no destino do país. As editoriais dos medios de comunicación fixan as súas respectivas liñas editoriais, os partidos políticos constrúen determinados discursos e a cidadanía expresa toda unha amalgama de demandas e preferencias. Se no momento previo a esta crise asistíamos ao artellamento dun goberno de coalición progresista que debía escoller entre transitar ou dirixir no interregno neoliberal, hoxe estamos perante unha aceleración das contradicións que definían aquel contexto: a crise social xa está en casa e non á volta da esquina.

Asistimos a un punto de inflexión no modo de gobernanza neoliberal que determinou o vínculo social nos últimos trinta anos, pero esta explosión non alberga un sentido e temporalidade necesarios para o devir das nosas sociedades. A dinámica que adquirirá España dentro do sistema mundial non se decidirá nin tampouco adoptará un contido unívoco ás poucas semanas desta crise social e sanitaria. A emerxencia e contrariedade entre as formas de afrontar a crise configurarán o continente da disputa, e nese terreo decidirase a dirección moral e intelectual do país.

No mapa teremos a unhas elites tratando de recompoñerse durante o seu mandato lexislativo, con forzas de oposición reaccionarias tratando de subir na escaleira do poder e forzas transformadoras escindidas, ou ben nun papel subalterno durante a xestión gobernamental ou ben nunha oposición caracterizada pola debilidade parlamentaria e organizativa. As forzas racionais e transformadoras terán o obxectivo de articularse nunha guerra de posicións na que os distintos actores (partidos, sindicatos, sociedade civil, poderes transnacionais) non colocarán intermitentes. Ao igual que na crise da República de Weimar, nos Estados Unidos durante a Gran Depresión de 1929 ou na última crise mundial, os escenarios delimitaranse durante varios anos nunha ardua batalla cultural, con resultados de diverso signo: aparecerán monstros, produciranse transformacións e non cambiará nada. Posibilidades contraditorias entre si, tanto no interior dos estados como entre os estados.

Ate o momento, é evidente a perdida de lexitimidade da ortodoxia neoliberal, repartida no centro e periferia mundiais entre elites políticas autoritarias e progresistas. A dúas bandas e repartidas nos respectivos contextos estatais, a xeografía destas elites trazouse nun espazo de repartición das demandas sociais máis que operativo durante as últimas décadas: por un lado, formas de goberno máis progresistas no ámbito da moral e na forma de exercer o poder político; polo outro, gobernos conservadores e regresivos no seu exercicio político. Pero estas dúas bandas establecéronse en torno a un consenso central, que constituíu un punto de alternancia política funcional á fase de acumulación capitalista emerxente dende os anos oitenta: a aceptación do Consenso de Washington. Noutras palabras, o común entre estas diferentes elites foi a complicidade cos piares característicos do neoliberalismo e coas formas post-políticas que definiron o exercicio de poder entre estados nacionais e corporacións transnacionais.

Pero non todo é volátil ou se caracteriza pola fluidez dos seus estados; o caos aberto polas crises non só entende de chivos expiatorios e de construcións (sempre) arbitrarias do inimigo. Algo non funciona no noso sistema de gobernanza e temos varios elementos que permitiron desatar tal caos. Acaso non son Merkel, Orbán ou Salvini síntomas dunha causa máis profunda? Quizais debamos ampliar as miras no debate e ir máis alá dos contendentes internos á mesma: non temos que desbotar a contenda política, pero temos a necesidade de construír unha perspectiva que incumba ao actual modo de gobernanza neoliberal.

A tarefa dun bloque político progresista non só debe cinguirse ás abstraccións e ideas formuladas na disensión cotiá, senón que debe ampliarse a unha diagnose das posibilidades de transformación dos actuais balances de poder. Será necesario seleccionar os tropos, metáforas e mitos que converxeran no relato, ao mesmo tempo que se pensa estruturalmente cales son as causas que fixeron que o noso sistema estivese deseñado para non funcionar en situacións de crise, deixando á intemperie á maioría da cidadanía. Tanto unha coma outra son elementos imprescindibles para, primeiro aglutinar e unificar aos sectores sociais subalternos, e segundo dirixir politicamente. Construír un horizonte de sentido que se verbalizará nunha serie de adversarios e espazos de exclusión, sendo ideal, pero que ao mesmo tempo propoña solucións viables no contexto de interdependencias no que se formula.

Entre infantes e reaccionarios

Para dirimir a dirección do estado será necesario que nas construcións discursivas se equilibren tanto os idealismos e conviccións como o pragmatismo e a responsabilidade. De non producirse tal equilibrio, estes dous laterais constitutivos da acción política tórnanse excesos: infantilismo no seo das forzas transformadoras, que nun constante utopismo idealista abstráense das posibilidades, confundindo o ser das cousas co deber ser e o seu desexo coa realidade, producíndose un esgotamento das expectativas e a entrada no círculo nefasto da melancolía, ese recurso nostálxico que atrapa a imaxinación e impide unha potencia emancipadora; e reaccionarismo nas forzas conservadoras, que instaladas na xestión do existente e o cinismo moral enquistan o sistema no que exercen a súa dominación, xa que o colapso da súa dirección política implica o distanciamento coas demandas dos sectores subalternos, as cales foron (máis ou menos) capaces de integrar institucionalmente.

Neste último lado do reaccionarismo, a crise de representación que se abre no momento no que no son capaces de atender institucionalmente ás demandas populares, fai que as posicións de rixidez en torno ás estruturas de poder previas tornen como usos do monopolio da violencia e de leis que restrinxan a capacidade de auto-organización da sociedade civil. Trátase da pornografía do poder e do mundo das fantasías, polos opostos e antagónicos á par que caras da mesma moeda. A responsabilidade como reverso negativo da convicción e o idealismo como reverso negativo do pragmatismo.

A terceira píldora nos intelectuais

Di Hernández que “neste momento crucial, os nosos intelectuais e expertos de referencia entraron en hibernación, no mellor dos casos. Esta guerra contra o coronavirus ten dúas frontes, a urxente, o sanitario, e a de futuro, o que obriga a anticipar respostas, a mudar as formas de afrontar os problemas, a dar novas solucións. E xusto nese momento, o que atopamos é unha particular cerrazón, o continuo regreso ao pasado, a negativa a analizar en serio as nosas debilidades”. Como desenvolve posteriormente no artigo, a intermediación intelectual durante a crise está a postularse dende dúas posicións: unha primeira “revestida de responsabilidade” que recoñece a situación e emite mensaxes esperanzadores carentes de contido real para abordar a crise (“charlas motivacionais, píldoras TEDx contra a crise, palabrería de ‘coach‘ social”); e unha segunda “máis agrea” que “culpabiliza aos perdedores” e/ou outorga a responsabilidade das carencias estruturais a determinados grupos.

Quizais debamos engadir unha terceira posición nesta intermediación intelectual da crise: aquela que presentada como precavida opta polo silencio ou a indiferenza. Ao igual que as anteriores, esta posición vencéllase a sectores pertencentes a todo un amplío espectro ideolóxico e moral, dende persoas politizadas a persoas despolitizadas e dende posicións comprometidas a posicións pasivas. A urxencia requirida por este momento excepcional é entendida dende unha razón normativa moi concreta: cancelar as diferentes posicións e as cadeas de reproches, sexa por resignación ou sexa polo convencemento moral de que o contexto non é o oportuno. A este respecto debemos comentar que a conversión do silencio nun valor moral tamén é unha operación ideolóxica, por máis que se presente como neutral. A preferencia por non dicir nada, sexa por ocultar ou por non atender a unha orde de saber, sempre é lexitima. Pero debemos sinalar que esta operación tamén se move en fronteiras e espazos de exclusión-inclusión: a condena dende a autoridade moral, outorgada polo silencio sobre o desexo de pensar/dicir. A condena a quen fala ou pensa non é máis que a condena ao desexo de facelo.

Quedarse quieto, ou neste caso quedarse en silencio, non semella unha opción normativamente superior á de compartir o pensamento cos demais. E opino isto como algo independente de se unha persoa atende conscientemente a unha orde de saber ou non, xa que a comunicación interpersoal non implica por necesidade o desexo de desexar. Non é necesariamente autorreferencial, por máis que os fluxos hipercomunicativos contemporáneos produzan a sensación de que toda conversación non é máis que a proxección do un no outro. Debemos sinalar esta confusión, xa que a opción do silencio tamén garda unha serie de perversións, como entender tódolos silencios como iguais ou estigmatizar a todo aquel que fale. Non existe algo así como un lugar correcto de enunciación onde unha norma asigna de forma necesaria qué posicións son boas ou malas.

Tampouco é unha opción superior dende o plano explicativo-empírico. A construción do relato e a disputa aberta entre distintos discursos por xerar un sentido é unha constante en calquera acontecemento. O único que xera descontinuidades é a dirección da narrativa, a cal se constitúe a través dun sector social dominante. Todo discurso constrúese mediante a captación particular de universais, isto é, mediante a extensión de posicións de parte como posicións comúns. Polo tanto, o control da narrativa sempre está en disputa, e o silencio non é máis que un recurso incrustado neste campo relacional. Podes escoller o silencio, pero por máis que apareza revestido como prescindir dunha posición non deixa de selo. O que cala outorga, toma partido.

Un exemplo desta terceira posición atopámolo no artigo de Berta Gómez Santo Tomás “Señor, suélteme el brazo: dejad de intelectualizar la cuarentena”. Neste artigo critícase a autorreferencialidade instalada no debate entre varios dos principais filósofos profesionais (Zizek, Agambem e Han) que pronunciaron a súa opinión sobre a crise do coronavirus, e suxírese que perante a “rapidez irreflexiva” das súas opinións estes opten por “calarse un momento”. A razón que argumenta a autora é que os análises ofrecidos non axudan a pensar mellor o fenómeno, o cal entende como un equivalente do cuñado que reenvía mensaxes por Whatsapp a toda velocidade. Existe algo de verdade no referido a aparición destes filósofos nun momento de oportunidade: Zizek publicou o seu libro “Pandemic! COVID-19 shakes the world” na editorial OR Books o día 25 de marzo; Agambem “caricaturizou” as súas propias teses no seu artigo “L’invenzione di un’epidemia”; e Han rebatíu a interpretación de Zizek de que tras esta crise nacerá unha nova forma de comunismo.

Sobre o filósofo norcoreano, a autora define a produción intelectual deste como “doses de anticapitalismo pop” que “se articulan no mercado editorial coma un Best-seller”, sinalando a subsunción da súa escritura ás oportunidades abertas por cada problema social. Durante o artigo observamos unha crítica do oportunismo destes filósofos, do cal se deduce que a autora pensa que hai contextos propicios e defendibles para o exercicio do pensamento, ou canto menos, que hai unhas formas de pensamento aceptables, uns lugares de enunciación correctos: “Por suposto, un pode equivocarse. Todos nos precipitamos nas nosas opinións e seguiremos a facelo. Pero o que non fixemos e eles si, é facelo dende a súa posición. Sentar cátedra cuns análises express manufacturados en forma de libro ou artigo en apenas uns días atenta contra todo o que supostamente representa o pensamento critico e a filosofía como disciplina. Ou iso dicían”.

A posición da autora sitúase tanto: na orde dos seus gustos, onde comprende con total desagrado as publicacións ad hoc que se aveciñan, por exemplo na mención aos “hedonistas de salón” encargados da “previsible avalancha de libros escritos por homes nos que se abordará a corentena con autocompaixón mal disimulada, aforismos grandilocuentes e citas descontextualizadas de Oscar Wilde, sempre recordándonos o valor inigualable dos pequenos praceres da vida: un Ballantine’s cos colegas, o cheiro da lavanda na primavera, o roce co ombro espido dunha descoñecida”. Pero tamén cando sinala o adiantamento destes hedonistas por parte de filósofos que capitanean o “buque do mal gusto”, evidente nos comentarios sobre o anuncio do libro de Zizek (`verdade, Zizek? ¿Por que ías a agardar a ter unha información suficiente sobre as consecuencias da crise do Covid-19 no seu paso polos diferentes países? ¿Para qué permitirte unha distancia reflexiva, unha perspectiva xeral e equilibrada, se podías decidir sacar xa –ou sexa onte– “o novo libro de Zizek sobre o coronavirus”?´); como na orde dos seus desgustos, no momento de emerxencia dunha reacción de rexeitamento aos tantos filosóficos respecto da pandemia. Esta última posición maniféstase no reproche aos erros de predición de Agambem ou na observación dunha suposta inversión por parte de Han de varios dos postulados da súa filosofía especulativa.

¿Moratoria intelectual?

Pois ben, detrás desta crítica á precocidade destas publicacións, faltas de “distancia reflexiva” necesaria e oportunistas, temos unha teoloxía da inexistencia. A crítica apunta algúns elementos de interese, como a autorreferencialidade dos autores (pregada de erros de previsión especialmente en Agambem), pero susténtase na recomendación/esixencia do “silencio da filosofía até que se resolva a crise e volvamos á normalidade”. Xandru Fernández comenta ao respecto: “Como se fose de mal gusto que os filósofos digan nada mentres non saímos da focha, como se fose desconsiderado de cara as vítimas, ou de cara aos profesionais da saúde, ou de cara aos cidadáns confinados nas súas casas por solidariedade, espírito de sacrificio, patriotismo ou medo a que lles casquen dous mil euros de multa”.

Esta teoloxía da inexistencia non apunta ao escrito, senón ao desexo de escribir. Esta terceira posición defensora dun “confinamento intelectual”, promóvese dende un periodismo cultural que asume, en boa medida, os tropos e metáforas bélicas empregadas nos documentos do BOE: “O curioso é que sexan algúns periodistas os máis interesados en limitar e fiscalizar a desfachatez de pensar, como se o Estado, tradicionalmente inimigo da crítica, houbera externalizado tamén estes servizos de control do pensamento, confiando en que a rivalidade entre profesionais das letras será moito máis eficaz que o secuestro de publicacións”.

A moratoria intelectual que propón a autora desbota que o adiantamento destes filósofos, no caso de non producirse, podería ser copado por unha filosofía institucional. Como para abandonar un momento de emerxencia civilizatoria aos designios dos hedonistas de salón que ela mesma denuncia. Neste sentido, Fernández comenta a potencia destas interpretacións, as cales manteñen unha forma particular de habitar a catástrofe: “Se hai algunha razón de peso pola que deberíamos estar animando aos filósofos a pensar e a publicar non é polo contido subversivo, inspirador, emancipador ou edificante das súas propostas, senón pola actitude que se manifesta a través delas, a obstinación en impedir que o pensamento crítico véxase desprazado polo sentimentalismo, o cinismo e a épica, tres maneiras de habitar a catástrofe que se sustentan nunha mesma e sospeitosa crenza, a saber, a de que todo volverá a ser igual que era”.

O intelectual duro entrevé o inconsciente social

En xeral, o intelectual orgánico non repara no inconsciente social que rexe á normalidade. O pensamento crítico emerxe na reflexión sobre os contidos ocultados polas formas de racionalidade dominantes, entrando nunha tensión coas lóxicas gananciais dos principais medios de comunicación. As formas de conciencia desenvólvense día tras día nas portadas dos xornais e na acción televisiva, naturalizando toda unha serie de identificacións que non reparan naquilo que se exclúe. O que se exclúe é invisibilizado, non existe. As crises forzan a visibilidade deste inconsciente social, expresan unha negatividade radical e amosan ao real espido.

Dado que o lugar do pensamento nos próximos tempos será insólito, o cal dificulta toda volta á normalidade, sobrarán aqueles intelectuais brandos que acostumabamos escoitar, faltos de perspectiva e entregados á produción dunhas imaxes que, por máis ou menos belas que sexan, só entrevén o ordinario. Precisamos de intelixencias duras que pensen a cousa sistemicamente, ecanto antes mellor.

***

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente polo campo da teoría política.

0 comments on “O confinamento intelectual nun continente en disputa

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: