Sociedade

Privilexios ambientais

Unha idea para un ecoloxismo de masas

Nosotros podríamos imaginarnos con dificultad a un hombre que viene al mundo sin brazos ni piernas, o, lo que es parecido, a un hombre que arrastra su vida sin tierra. Sin embargo, separar la tierra del hombre y organizar la sociedad con el fin de que satisfaga las exigencias de un mercado inmobiliario, ha constituído una parte vital de la concepción utópica de una economía de mercado.

Polanyi, Karl

La Gran Transformación

Desde a segunda metade do S. XIX o ecoloxismo vén poñendo énfase nas relacións entre a sociedade e a súa contorna natural[1]. O papel da ecoloxía na historia da humanidade, así como nas relacións económicas moldeadas polo capitalismo, tense visto relegado a unha dimensión exóxena da evolución social. A escola neoclásica, hexemónica na interpretación da economía, fortalece a división entre economía e medio ambiente, ao considerar como obxecto da economía unicamente aqueles bens e servizos que poden ser monetarizados. Ben entrados no S. XXI, afrontamos un profundo cambio de paradigma neste sentido: o carácter global, transfronteirizo, do Cambio Climático (CC) non ofrece lugar para refuxios territoriais ou acomodos ideolóxicos, é unha manifestación material da nosa vulnerabilidade social e precisa ser conceptualizado en termos de maiorías.

Que o CC sexa un fenómeno global non quere dicir que afecte a todos os países por igual, nin a todas as clases. A contribución de Jacob Remes a este respecto tórnase imprescindíbel para a análise das desigualdades aparelladas:

Non existen os desastres naturais. Hai riscos, algúns deles son naturais (terremotos, tornados, crecidas de río) outros non (incendios industriais, contaminación, bombas nucleares). Pero o que os converte en desastre é como se relacionan coa vulnerabilidade individual e comunitaria[2].

Un simple dato pode ilustrar a veracidade desta afirmación: en 2016 o furacán Matthew atravesou o Caribe até Estados Unidos. Deixou 546 mortes en Haití, 81 en Florida e 4 en… Cuba. Por que Cuba, que conta coa metade de PIB per cápita que EE.UU tan só tivo que lamentar 4 mortes? A unha axencia meteorolóxica eficiente únese unha mobilización civil organizada, a implementación de plans de educación ambiental e a consciencia xeneralizada do risco. Pero todas estas medidas non terían sido posto en práctica sen unhas institucións públicas que puxesen a vida por enriba de calquera outro valor.  

A mensaxe lanzada por diversas organizacións ecoloxistas ao longo do mundo a respecto do CC apunta a que o planeta está en perigo e a causa dese perigo é a humanidade, pero esta é unha idea un tanto enganosa. Non é o planeta o que está en perigo. Con ou sen CC, a Terra continuará xirando ao redor do sol durante millóns de anos e a vida que alberga, aínda que reducida, adaptarase máis tarde ou máis cedo. Seguirá habendo vida sobre o planeta con CC. En cambio, as nosas sociedades evolucionaron sobre un rexistro climático estábel durante aproximadamente 20.000 anos. Grazas a un clima predicíbel e constante, e pese a todas as contradicións históricas, acadamos un considerábel progreso social. O clima é unha base material importantísima deste progreso, e hoxe non podemos asegurar que continúe a ofrecernos as posibilidades de desenvolvemento que nos ofreceu até agora. Non considerar esta dimensión social, supón colocar a súa problemática presentada polo ecoloxismo fóra da política.

«Para entender los mecanismos del cambio climático tenemos que enriquecer el análisis tomando en consideración la tendencia del capitalismo en general hacia la concentración y la centralización, la incesante substitución de trabajo vivo por trabajo muerto, la estandarización de las técnicas y la sobreproducción de medios de consumo de masas para el mercado mundial[3]

Aproximadamente un terzo das emisións totais de gases de efecto invernadoiro na UE proceden da xeración de electricidade. No Reino de España a industria eléctrica produce algo máis dunha quinta parte das emisións. É posíbel eliminar este foco de emisións mediante enerxías renovábeis, deixando aos combustíbeis fósiles como un engadido que apoiase a xeración eléctrica cando as renovábeis non desen a basto debido á súa intermitencia. Cal ten sido o impedimento principal para cumprir este obxectivo até agora? Aínda que a rendibilidade económica das enerxías limpas tense incrementado durante os últimos anos e as contaminantes teñen minguado (relativamente) a golpe de eco-taxas[4], as empresas enerxéticas seguen obtendo altos beneficios mediante a xeración por combustión, sobre todo cando o prezo da electricidade aumenta. Dito noutras palabras: prefiren apurar até o extremo o esgotamento dos combustíbeis fósiles antes que aceptar taxas de rendibilidade máis reducidas, aínda a risco de que este exceso se cargue sobre as posibilidades de desenvolvemento das futuras xeracións. O capitalismo é un pésimo xestor a longo prazo.

En segundo lugar, distribuír a responsabilidade do cambio climático a partes iguais a toda a humanidade é, canto menos, inxusto. Desatende os privilexios ambientais que exercen as compañías transnacionais por medio do dumping ambiental, ou a permisividade de moitas administracións públicas con actividades económicas que causan un grande deterioro ecolóxico alí onde se dan.

Por outra banda, existen desigualdades observábeis no relativo á pegada ecolóxica en función da renda. O informe de Inxustiza Climática de Intermon Oxfam, partindo dos datos de pegada de carbono por países, indica unha distribución completamente desigual nas emisións de CO2. Estima que o 10% da poboación máis rica do planeta é responsábel directa de máis do 50% das emisións, en canto o 10% máis pobre tan só emite o 0’7% do total. Por desgraza faltan aínda datos solventes que desagreguen a pegada ecolóxica en función da renda. Sendo así poderiamos estabelecer nexos de unión consistentes entre estratos de clase e impacto ecolóxico. Pese a esta debilidade discursiva, dito informe si se atreve a facer afirmacións como a seguinte:

«A modo de ejemplo, un consumo altamente contaminante y asociado a personas con niveles muy altos de ingresos es el de los jets privados. En la próxima década, multinacionales y superricos habrán adquirido unos 7.600 jets privados nuevos y cada pasajero en cada vuelo de esos nuevos jets quemará 40 veces más dióxido de carbono que un pasajero de un vuelo regular[5]

Pero as capacidades do discurso ecoloxista para sumar maiorías capaces de disputarlle ao neoliberalismo a hexemonía cultural, non se esgota en absoluto aí. Pese aos esforzos de comunidades, países e organizacións ecoloxistas por lograr compromisos reais no relativo ás emisións de CO2, estas seguen a supoñer un risco maiúsculo para o futuro das presentes e futuras xeracións. O desprazamento das actividades máis contaminantes aos países periféricos non logra enmascarar que son as mesmas empresas multinacionais as que se lucran co deterioro sistemático do medio ambiente. Outro dato resulta aínda máis relevante, e é que os maiores incrementos de emisións históricas aconteceron entre o 2002 e 2019[6], cando o consenso científico sobre a raíz antropoxénica do CC estaba xa tremendamente fundamentada e o nivel de consciencia social era xa bastante alto. A actuación dos lobbys de presión contra a mitigación dos impactos do CC, representan unha rebelión contra a evidencia científica que distancia o sentir xeral da poboación do comportamento da esfera produtiva, revelando así o seu carácter antidemocrático e antipopular.

A análise das emisións representa unicamente un dos aspectos do ecoloxismo. Chamamos ás políticas dirixidas á xestión deste e doutro tipo de residuos “políticas de fin da canle”, en alusión a un sistema capitalista que precisa devorar unha cantidade crecente de natureza, monetizala e continuar o seu ciclo de acumulación sen pechar o ciclo de materiais[7]. A contraparte deste ciclo, o “inicio da canle”, ten que ver coa extracción de recursos e, xunto co transporte de mercadorías perigosas, é fonte de unha ampla conflitividade social.

No caso galego, se analizamos a historia recente do País, pronto advertimos que a conflitividade asociada ao medio ambiente ten sido unha das causas máis potentes de mobilización social nas últimas décadas. Desde a loita das Encrobas, até a mina de Touro – O Pino, pasando pola Fosa Atlántica, Ence e a eucaliptización da franxa atlántica e cantábrica, o Prestige, o Mar Egeo, o Urkiola, o Casón, o Blue Star, as mobilizacións de Galiza Non se Vende, os verquidos nas rías, a planta nuclear de Xove, a mina de Corcoesto, os incendios etc. son exemplos ben ilustrativos da enorme incidencia que a xestión problemática do medio natural ten sobre a poboación.

«El capitalismo lucha por crear un paisaje físico adecuado a sus necesidades y propósitos (…), sólo para descubrir que lo que ha creado se vuelve antagónico a sus necesidades en un momento futuro[8]

A territorialización de todos estes impactos ecolóxicos no noso País non é unha circunstancia lateral da reprodución do ciclo económico, senón unha característica central da nosa condición de periferia europea. Unha condición que nos coloca en graos medio-baixos das cadeas globais de valor, desestimando posibilidades de desenvolvemento alternativas. 

 A concatenación de todas estas experiencias concretas, xunto coa resposta científica e popular á crise climática, permítenos ver que o ecoloxismo é, no noso País, un alicerce discursivo con unha capacidade de mobilización subestimada. O que tería que ser un eixo transversal en todo programa político, fica relegado a un apartado cara o final de un longo documento con demasiada frecuencia. Ben articulado en conxunción con outros eixos argumentais (feminismos, reparto da riqueza, políticas sanitarias, alugueres etc.) podería conformar un marco de maiorías sociais transformador.

Despois de todo as medidas “verdes” destacan, entre as súas potencialidades, a promesa por un futuro próximo no que a modernidade adapte as tecnoloxías aos límites da biosfera; a denuncia de un capitalismo depredador que unicamente é capaz de reproducirse a costa de devorar natureza a un ritmo crecente, para incitarnos a un consumo individualista e alienante e empuxarnos a vidas que realmente non queremos. O “verde” é sinónimo de hábitos saudábeis (elemento que pode ter moito percorrido no mundo post-COVID), tanto nos nosos patróns de conduta individual como en institucións sociais (infraestrutura, transportes etc.)

Sen embargo, o seu potencial emancipador non reside en tecnoloxías adaptadas á crise ecolóxica ou en hábitos máis saudábeis, senón no desexo de ritmos de vida máis lentos; na contradición entre o tempo industrial da esfera económica e o tempo para a vida. Unha procura que arrastra certa morriña dun pasado tremendamente idealizado, abofé, pero onde a patoloxía capitalista do estrés crónico non fixera aínda aparición. Unha emancipación que se orienta cara a posibilidade de desfrutar do tempo, en lugar de consumilo. En cierto sentido muy fundamental, los conflictos en torno al tiempo de trabajo son los conflictos de clase centrales en la sociedad capitalista. El poder puede definirse en términos de control sobre el tiempo ajeno[9].


[1]A primeira obra ecoloxista foi publicada en 1854, titulada “Walden. A vida nos bosques” de Henry Thoreau.

[2]Colectivo Contra el Diluvio (2017) “No hay desastres naturales: una conversación con Jacob Remes.” En liña: https://contraeldiluvio.es/no-hay-desastres-naturales-una-conversacion-con-jacob-remes/

[3]Tanuro, Daniel (2015). Cambio climático y alternativa ecosocialista. Un análisis marxista de la crisis ecológica global. Ed: Crítica & Alternativa. Barcelona.

[4]É imprescindíbel ter en conta, nesta breve análise, que as empresas contaminantes suxeitas ás políticas de emisións nacidas do Protocolo de Kioto, logran evitar grande parte das restricións por medio da compra-venda de bonos de emisións, bancos de mitigación etc. supoñendo unha monetarización e privatización do medio ambiente tan extensa que cumpriría abordar noutro artigo.

[5]Oxfam, Intermon. (2019) Injusticia climática Lo que contaminan los más ricos y pagan los más vulnerables. Ed: Intermon Oxfam.

[6]Fonte de datos: https://es.statista.com/estadisticas/635382/emisiones-historcias-de-co2-globales/

[7]A esta contradición do capitalismo Marx, na súa análise do capitalismo agrario, chamoulle “fractura do metabolismo social”: Y todo progreso de la agricultura capitalista no es sólo un progreso en el arte de esquilmar al obrero, sino a la vez en el arte de esquilmar el suelo; todo avance en el acrecentamiento de la fertilidad de éste durante un lapso dado, un avance en el agotamiento de las fuentes duraderas de esa fertilidad. Pax. 612, Tomo I, Vol II. O Capital. Ed: SigloXXI, 2009.

[8] Harvey, David. (2007) Espacios del Capital. Hacia una geografía crítica. Ed: Akal. Madrid.

[9]Riechmman, Jorge. (2003) Tiempo para la vida. La crisis ecológica y su dimensión temporal. Ediciones del Genal.

SOBRE O AUTOR

Henrique Lijó. Sociólogo pola UdC. Autor de «Privilexios ambientais. O reparto da natureza como causa histórica de desigualdade». Operario dixital. Empregando ferramentas libres para desmontar a casa do amo.

0 comments on “Privilexios ambientais

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: