Política

A idea de nación en Pi i Margall

1. Introdución

A historiografía, a academia e a esquerda española non recordan con suficientemente hábito o legado da Primeira República. Isto amósase como un erro, pois foi un dos experimentos políticos pioneiros na Europa do seu tempo, e deixou unhas experiencias, uns líderes e un pensamentos que aínda deberían ser estudados e aprendidos no presente.

Dinos Faustino Zapico, no seu artigo do Salto (Zapico, El Salto, 202) que se “Non é reivindicable  que en 1868 se instaurase en España o voto universal masculino cando non había nese momento ningún outro estado en Europa (exceptuando Suíza) onde tal cousa existise? Non é  reivindicable que a constitución de 1869, nacida das eleccións de xaneiro dese ano, fora a máis avanzada do continente nese momento? Non é rechamante que en febreiro de 1873 se proclamase a República, única no continente exceptuando a suíza e a sanmarinense, cando en Francia, derrubado xa o réxime bonapartista, tardarían anos en facelo?” En definitiva, debemos seguir analizando estes acontecementos e reivindicalos como parte dun legado progresista, republicano e federalista.

Neste caso interésanos a figura de Pi i Margall, en especial, a súa idea de nación como precursora teórica de nocións que agora son de actualidade nos estudios políticos sobre as nacións. Unha idea baseada sobre a natureza complexa e plural dos entes nacionais, como entes conformados por unhas matrices complexas de individuos, municipios, provincias e rexións autónomas, pero tamén como nacións plurais nas que poden habitar outras, na que os habitantes conviven  na diversidade e non na homoxeneidade.

En definitiva, unha realidade heteroxénea que non se esgota no organicismo e monismo doutras ideas de nación; unha concepción política e construtiva da nación, como ente mudable polo facer voluntarista dos suxeitos e entidades que a conforman, que a reformulan día a día. Un concepto que rompe, no desenvolvemento do primeiro libro das nacionalidades, coa idea do principio das nacionalidades ou a idea de que estas se poden unir –ou non- mediante a forza sobre a base dun supostos criterios prepoliticos, (a etnia, a raza, a historia, a lingua…). Pola contra Pi i Margall propón un principio federal de unidade polo pacto e o respecto da autonomía, a liberdade e a independencia de cada uns dos entes que conforman as nacións. (Máiz,2018) (Pi i Margall,2009).

Todo isto enmárcase na súa perspectiva de como articular a nación española, unha nación composta por provincias que antes foron nacións, que desexan conservar a súa autonomía, e unirse, en todo caso, polo pacto democrático e federal. Vexamos a continuación cada un destes elementos; vexamos como Pi i Margall foi desenvolvendo a súa teoría da nación.

2. Rexeitamento do principio das nacionalidades

Ao longo do primeiro libro, Las Nacionalidades (2009), Pi i Margall realiza un estudo sobre os diferentes criterios que se están a utilizar como base xustificadora do principio das nacionalidades (unha nación un estado, e vicersa, a razón dunha única lingua, raza, historia…), o principio en torno o que se unificaban as nacións na Europa do seu momento: a raza, a lingua, a etnia… Así, conclúe (Pi i Margall,2009:85): “busco o motivo da fusión nunha das nacións que as compoñían, e non sei atoparlle racional nin lexítimo”.

É dicir, que por moito que investigue estes criterios -e Pi faino ao longo de todo o libro, con numerosos casos de nacións comparadas- non atopa que nin baixo a lingua, unha historia, unha cultura ou raza común, exista algo así como un principio que obrigue a unificar as nacións. No transcurso do seu libro Pi i Margall ilustra a violencia, as ansias de unitarismo e despotismo que levou a unificar diversas nacións, as veces coa escusa de reunir nela toda unha historia conxunta (os falantes, os membros dunha mesma raza…), sempre ameazando a autonomía e a pluralidade das rexións ou provincias que un día foron nacións.

3. Unha concepción política, voluntarista, da nación    

Desde a concepción de nación que nos mostra Pi, a nación non é unha realidade orgánica nin social dada de antemán, se non que ademais de ser un conxunto heteroxéneo de elementos procedentes do social, ten un carácter enteiramente político, voluntarista, a nación é entendida como un proceso histórico que muda no tempo pola acción dos seus actores (Máiz, 2018:349). O longo de todo o libro das nacionalidades Pi amosa a inexistencia dunha esencia, nin histórica, ni lingüística, ni racial, que leve a nación a constituírse como unha entidade continua no tempo, pola contra, as nacións fanse e desfanse, únense e sepáranse por mor de complexos faceres, xa sexa mediante o pacto, a violencia ou de calquera outra acción política.

Así sinala Máiz (2018:351), que en Pi i Margall reside “un concepto non nacionalista de nación, isto é, un concepto que articula intimamente a dimensión histórico-cultural coa dimensión democrática voluntarista, da consideración das nacións non só como feitos senón como procesos de construción política sobre unha base cultural”. O seguinte pasaxe das nacionalidades móstranos isto (Pi i Margall,2009:101): “dicir agora as agregacións e disgregacións que eses estados sufriron no século X ata os nosos días, os que desapareceron e os que de novo se crearon, as diversas formas que tiveron (…)”

4. A nación como matriz heteroxénea de unidades autónomas: individuo, familia, pobo, rexión, provincia e nación

Continuando cos trazos que caracterizan as nacións para Pi i Margall, poderiamos dicir que, para a súa teoría é esencial tanto o pacto como a autonomía. Neste sentido, a autonomía do individuo primeiro, e logo de todos os entes colectivos que forman as nacións, familia, pobo, rexión, provincia…son o elemento base da súa concepción da política. Todos eles conforman unha matriz complexa, plural e policéntrica, na que federalismo mediante, as unidades mais baixas forman as superiores, mediante o pacto (Máiz, 2018:327). O pacto entre individuos forma as familias, o pacto entre familias forma o pobo; e o pacto de pobos a rexión… Isto ilustrase perfectamente na seguinte pasaxe (Pi i Margall:321): “a federación supón polo tanto necesariamente igual e perfecta autonomía nos pobos para constituir as provincias; igual e perfecta autonomía nas provincias para constituir nacións…

Bibilografia

Máiz, R. (2019). Nacionalismo y federalismo. Madrid. Siglo XXI.

Pí y Margall, F. (2009). Las nacionalidades. Madrid. Akal.

SOBRE O AUTOR

Arturo Cabrero Lozano é graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Actualmente cursa o máster da mesma universidade en Filosofía, Coñecemento e Cidadanía. Os seus intereses abranguen todo o ámbito do pensamento filosófico e científico político centrándose principalmente na teoría política. Actualmente é activista do movemento Fridays For Future en A Coruña.

0 comments on “A idea de nación en Pi i Margall

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: