Entrevistas escritas

Anxo Carracedo: “A farmacoxenómica é un camiño imparable no tratamento das enfermidades”

No eido da ciencia galega salienta o célebre divulgador e investigador xalleiro Anxo Carracedo, un dos máis distinguidos líderes mundiais en xenética forense e consagrada eminencia no atanguinte á xenómica clínica.

Dende moi cedo tornaríase nunha figura sobresaínte, máxime trala obtención do Premio Extraordinario tanto na licenciatura como no doutoramento en Medicina, a adquisición da cátedra en Medicina Legal e o recoñecemento como Doutor Honoris Causa por considerables universidades europeas e americanas. Na actualidade dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e mailo Centro Nacional de Xenotipado; amais de coordinar o Grupo de Medicina Xenómica da USC —institución na que exerce a docencia— integrado por varias plataformas tecnolóxicas, científicos de diversas nacionalidades e unha decena de grupos de investigación adicados, maioritariamente, ao estudo do compoñente xenético das enfermidades. Actualmente é presidente da Academia Internacional de Medicina Legal e director da Fundación Kaertor —orientada cara a busca de fármacos en fases temperás— entre outras ocupacións.

Entre os seus éxitos destacan o descubrimento de marcadores de ADN forense, que están a ser empregados en laboratorios de todo o mundo, e o descubrimento de xenes  relacionados có autismo, os trastornos psiquiátricos, o cancro e enfermidades raras. A meirande parte das súas publicacións áchanse recollidas en prestixiosas revistas internacionais —tales como Science ou Nature—, abranguendo temática relacionada coa medicina xenómica, xenética clínica, forense ou de poboacións. Cabe destacar o labor realizado como presidente de numerosas sociedades relacionadas coa medicina forense, o cancro e a farmacoxenómica.

O seu dilatado percorrido profesional foi recoñecido mediante a concesión dun extenso repertorio de galardóns entre os que salientan a Medalla Castelao (2006), o Premio Jaime I de investigación (2009), as medallas Galien (2010) e Adelaida (2011), a Medalla de Galicia (2011), o Premio Fernández Latorre (2011), o Premio Prismas de Divulgación (2013) ou Premio Nacional de Xenética  (2015).

Fonte: Asomega

Dirixe un estudo encamiñado a determinar as características xenéticas proclives a favorecer as infeccións por covid có propósito de obter, primordialmente, información útil para atopar tratamentos contra a doenza. En que punto se atopan?

Xa estamos rematando o estudo principal. Estamos analizando o xenoma de máis de 18.000 doentes para ver determinantes xenéticos que predispoñan a gravidade tras enfermar de covid, así como a complicacións como o tromboembolismo, vasculite ou distrés respiratorio. A verdade que é un estudo moi grande con uns 80 centros implicados e máis de 50 subproxectos. A severidade da infección depende de varios xenes e especialmente dun segmento do cromosoma 3 onde hai varios xenes implicados.

O obxectivo da farmacoxenómica radica en tentar ser capaces de ofrecer a menciña e maila dose axeitada a cada paciente mediante o emprego de biomarcadores. Será exclusivo para determinadas doenzas —infecciosas, agudas, crónicas…— ?

É transversal á medicina e afecta a todo tipo de tratamentos. É a base da medicina personalizada ou de precisión, que é un camiño xa imparable no tratamento das enfermidades e mesmo no seu concepto. Está moi avanzada no cancro pero estanse a beneficiar moitas outras áreas. Vai ser particularmente importante en psiquiatría penso eu.

Máis aló das medidas de seguridade a aplicar, de que xeito afectaron as circunstancias actuais á súa actividade investigadora?

Creo que aínda que se ralentizou o traballo en moitos laboratorios, non no noso, os investigadores aproveitaron para publicar resultados pendentes doutras investigacións e facer novos proxectos.

Por outra banda, fíxose moita máis investigación na covid en detrimento doutras áreas, pero o avance da ciencia e moi transversal e benvido sexa.

Nalgunhas ocasións a prensa trata de visibilizar proxectos científicos con falta de financiación ou a precariedade do persoal investigador. Pola contra, as súas equipas acostuman contar coas dotacións axeitadas, constituíndo as súas principais áreas de traballo a xenética do cancro ou as enfermidades psiquiátricas en idade infantil. É cuestión de recoñecemento social ou prestixio no campo de estudo?

O financiamento da investigación no noso campo é basicamente público e competitivo. É dicir, todos competimos con proxectos que son avaliados por expertos independentes e gañan as mellores ideas. Ten pouco ou nada que ver o prestixio social aínda que é certo que o prestixio e a traxectoria científica é un valor e conta na avaliación, pero o determinante é sempre a calidade do proxecto.

Fonte: GCiencia

Coida que o feito de aumentar ata o 2% do PIB nacional a inversión en ciencia, mellorará a antedita situación?

Estamos moi lonxe de acadalo e sería moi necesario. Galicia está por debaixo da media nacional e moi por debaixo da dos países veciños.  A verdade é que sería moi importante achegarnos a esas porcentaxes e isto non só é cuestión do I+D público, senón tamén do I+D privado; aínda mais deficitario.

Tal e como a OMS vaticinou, a pandemia suscitou o notable detrimento da saúde mental dos concidadáns, debido tanto ás restricións e o distanciamento social como á incerteza dun futuro que xa se tornara complicado antes da crise covid; incrementándose o consumo de psicofármacos contra a ansiedade e a depresión. Considera que se as condicións materias non mudan, se estenderá unha vaga de farmacodependencia permanente?

Eu non son un experto en enfermidades mentais —outra cousa é que para min sexan unha prioridade na investigación e na atención— pero si é evidente que aumentaron moitísimo os trastornos de ansiedade e moitos pacientes se descompensaron. É un dos graves danos colaterais producidos pola pandemia sobre a saúde, nun sector xa desfavorecido e que haberá que abordar.

Gustaríame preguntarlle sobre o interese que amosa pola promoción do galego na ciencia, promovendo tanto o seu uso no ámbito académico como a creación de novos termos relacionados coa devandita área. Porén, a realidade que afronta a ensinanza superior é que tan só se emprega o galego no 22% dos contidos pese ás campañas acometidas pola equipa de normalización linguísica. A que cree que se debe a falta de equilibrio lingüístico neste espazo?

Análise linguística e sociolinguística do profesorado da Universidade de Vigo.
Fonte: uvigo.gal

Si que penso que o galego é máis usado entre os estudantes que entre os docentes e as estatísticas así o amosan. Non sei si é polo medo a non falalo ben ou obedece a outras cousas como o feito de pensar que hai sempre estudantes de fóra e é consecuencia do noso sentido da hospitalidade, pero espero que isto vaia cambiando pouco a pouco.

Igual que a lingua da ciencia é o inglés a nivel internacional, para a divulgación na nosa terra debemos usar o galego. No ensino tamén sería moi importante ir incrementando o seu uso.

Dada a totalidade dos cargos que desempeña, intúo que xurdirán complicacións no intre de tentar conciliar emprego coa vida persoal, como atopa a maridanza entre obrigas, lecer e familia?

Ben. Traballo moito pero gústame o que fago. Estou demasiado tempo conectado ao ordenador pero sempre saco un ratiño para o lecer, mergullar, pescar, facer deporte, tocar a guitarra ou ler. En canto a familia, para min é unha prioridade e no traballo ou no lecer estou rodeado dela.

Estraña o anonimato?

Non son un famoso, e a miña vida e moi sinxela. Practicamente non teño vida social ningunha e fóra da miña familia e un moi reducido grupo de amigos, anonimato total. Iso si,  estou todo día con xente do meu de grupo, interactúo con moitos científicos de todo o mundo continuamente e atendo a xente que precisa axuda.

Aquilo que máis lle contenta da súa profesión?

Poder axudar aos demais. Cando lle atopamos o diagnóstico a unha doenza rara que ten consecuencias na maneira de abordala, cando atopamos as causas das doenzas que van representar mellores tratamentos ou ao abordar problemas da xustiza…

SOBRE A AUTORA

Inés Khalloufi Izquierdo. Estudante do Grao en Enxeñaría Química na Universidade de Santiago de Compostela

0 comments on “Anxo Carracedo: “A farmacoxenómica é un camiño imparable no tratamento das enfermidades”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: