Política

Que teñen en común o sorriso de Rocío Monasterio, Ortega Smith cun fusil de asalto e Santiago Abascal a cabalo?

A retirada de Pablo Iglesias no debate electoral organizado pola Cadea Ser o 23 de abril[i], xusto despois de que Rocío Monasterio non recoñecese a súa condición de vítima e de que esta o convidase a “largarse” do estudo, foi un fito significativo: abriu un momento de ruptura ou hiato na forma de relacionarse co discurso da extrema dereita. O xesto de Iglesias, retirándose en silencio e renunciando a replicar o ton ameazante da candidata de Vox, conseguiu transcender á campaña e sen dúbida constitúe un momento que perdurará na memoria. Un síntoma da importancia do seu xesto foi a retirada dos outros dous candidatos do bloque progresista, Mónica García (Más Madrid) e Ángel Gabilondo (PSOE), que pasada unha hora durante o debate decidiron apoiar ao candidato de Unidas Podemos. O xesto colocou a Iglesias no liderado da dignidade democrática e mudou radicalmente os marcos de discusión da campaña (de “Comunismo o Libertad” a “Fascismo o Democracia”), que xa comezaban a cambiar tras o coñecemento das ameazas á directora da Guardia Civil (María Gámez) e o ministro de Interior (Fernando Grande-Marlaska)[ii].

O excepcional da situación, que colou a boa parte do intelectual orgánico do réxime durante unha semana detrás do impulso moral de Iglesias, incluído a unha multitude de xornalistas dalgúns dos principais medios de comunicación[iii], abriu de novo o interrogante sobre como relacionarse con Vox[iv]. Os límites con respecto a como relacionarse coa extrema dereita atoparanse nas tensións internas entre as dúas grandes cosmovisións existentes no bloque progresista: o marco da tolerancia e a equidistancia cos “extremos”, un relato augurado pola transición que se mantén vivo debido ao fracaso da memoria histórica, e que permitiu unha razón de estado e uns consensos entre as elites políticas do réxime do 78; e o marco da negación de lexitimidade á extrema dereita propio da retórica antifascista, impulsada polos grupos que non foron decisivos durante a transición e capaz de impregnar unha gran parte das culturas políticas militantes e dos movementos sociais de impugnación. Será clave para o futuro a  forma de abordar a memoria institucional por parte destes actores, ben sexa reivindicando unha memoria institucional que queda moi lonxe e asusta a unha gran parte do país (a da II República), ben sexa continuando a amnesia e incapacitando algo tan básico como a reparación, esa capacidade de enterrar e falar cos mortos que forxa a existencia dunha comunidade democrática. Dende logo, o decisivo residirá na forma de relacionarse que teñan ambas cosmovisións e no equivalente que formen, en como se contaminan mutuamente e son capaces de posicionar ó adversario, e por suposto, na capacidade que teñan de interpelar ó conxunto da cidadanía.

A inexistencia dunha memoria institucional é unha constante no tempo que influirá como un peso morto no diálogo aberto tras o xesto de Iglesias, pero a liña de continuidade máis preocupante, a verdadeiramente importante, é a que se ten acentuado no últimos cinco anos a través da intervención cultural de Vox. Unha forma de intervención que involucra xestos, discursos, consignas e imaxinarios fundamentados nun elemento moi rechamante, e máis se o vemos dende as posicións das elites da transición española: a reivindicación dunha memoria institucional. Pero non só iso. A súa conexión co Estado profundo (Deep State), o descrédito polas institucións máis modernizadoras do estado democrático e de dereito, as declaracións de simpatía polo réxime franquista, ou a celebración da sublevación militar non só traen consigo unha memoria, senón que publican como elemento fundamental unha forma de xestionar as pulsións e un estilo de poder excluínte e autoritario.

Ese estilo de intervención que propón Vox na area pública é o propio dos señoritos energúmenos, unha posición típica en boa parte das elites dirixentes hispanas. Segundo Alba Rico[v], os heroes e grandes nomes da historia española colocáronse con respecto ao dualismo cartesiano (corpo/mente) nunha posición contraria á do resto de Europa, producíndose formas místicas e destrutivas mediadas polo desligamento recíproco da mente e do corpo. Dende esas formas: o ton dunha mente sen corpo (mística) é o dunha melancolía que se “comprace sen parar na perda do mundo ou na imposibilidade de intervir nel”; e o dun corpo sen mente (destrución) é o dun energúmeno «posuído dunha arrebatada actividade” e “ emancipado de calquera límite mental capaz de frear a súa cólera”. Os xestos de Vox encádranse no impulso energúmeno[vi] contra os melancólicos, esa loita que ten aparecido unha e outra vez durante a historia de España, e que non fai máis que agravar a melancolía dos segundos.

Alén dos resultados electorais de Vox[vii], esa actitude caracterizada polas emocións viscerais e as paixóns tristes, polo odio e o resentimento, é o fío de continuidade que ten definido tanto o divorcio dos cidadáns coa representación política como o destes entre si. Por iso é tan importante que os xestos das forzas transformadoras e racionalistas recuperen a capacidade de conmover, non mediante a compensación dun odio recíproco, senón mediante a promoción doutros afectos (amor, xenerosidade, concordia) que revertan o clima de brutalidade e egoísmo no que emerxen as bestas. Despois de transitar por unha trama afectiva altamente influenciada pola extrema dereita, estamos perante a posibilidade de abrir un hiato que transforme a mesma. A suspensión desa atmosfera «energúmena» impulsada polos xestos reactivos e excluíntes contra os sectores subterráneos dos de abaixo, que case sempre  producen no adversario (melancólico) os efectos desexados, é un propósito fundamental se queremos construír unha maioría social polo cambio.

Que teñen en común o sorriso desafiante de Rocío Monasterio nos debates electorais, os disparos de Ortega Smith cun fusil de asalto nunha base militar ou a montura a cabalo de Santiago Abascal nun spot electoral? Que transmiten aquilo que queren proxectar: unha personalidade autoritaria. Esa corporalidade e xestualidade é unha parte fundamental do discurso de Vox, xa que sirve como elemento unificador do seu discurso de odio. Sobre isto, comenta Jorge Armesto que:

“los voceros mediáticos y los líderes políticos de la ultraderecha son admirados no por decir la verdad sino por tener cojones. Por decir lo que les sale del nabo. Hasta sus oyentes más fanáticos saben que son igual de mentirosos que los demás, y que exageran hasta el extremo, pero es precisamente esa cualidad excesiva la que produce el hechizo. Nadie los calla, hacen su voluntad, incluso para mentir, insultar o decir las burradas que les salgan de la polla. Le cantan las cuarenta a cualquiera, olé sus huevos. Y además lo hacen impunemente, día tras día, sin que nada los detenga. Incluso si ─raramente─ algún tribunal los condena por injurias, lo viven como un triunfo, pues la condena demuestra hasta qué punto son indomables. Porque se la suda y al día siguiente siguen igual”[viii].

Os fundamentos retóricos desta formación intégranse até cumprir unha función ideolóxica que consideran primordial: desprazar o medo e as incertezas –ira, baleiro e frustración- que senten amplos sectores da sociedade contra uns inimigos interiores que moitas veces viven na exclusión social (“inmigración ilegal”, “menas”, “estercolero multicultural”), mesmo por fora da condición de cidadanía. Mediante esa forma de proceder, dirixíndose contra os desposuídos e os que máis perderon coa globalización, garanten a reinserción simbólica da clase media española nun contexto de inseguridade. A sensación anímica: restituír a orde e seguridade que faltan nas nosas vidas mediante a expulsión da outredade, daquilo que  non coñecemos e daqueles que son sectores sociais subalternos (con outras palabras: daqueles que están por debaixo nosa).

Detrás das miles de mensaxes de Whatsapp, memes e comentarios do cotiá agóchanse marcos e interpretacións promovidas por esta formación[ix]. Nesta batalla cultural que promoven para activar os elementos reactivos do popular, na que portan o retorno do reprimido e xeran un clima de resentimento e desconfianza, non debe pasarnos desapercibido o uso que fan dunha corporalidade e xestualidade concretas como ferramentas de cohesión do seu discurso. En contra do que comenta Jorge Armesto no seu artigo[x], o programa de Vox é indisociable da trama afectiva e a proxección simbólica á que aspiran. Todos os elementos articúlanse na súa estratexia política, e é que existe unha relación íntima entre o estilo excluínte das élites hispanas (xestualidade energúmena) e a entrega do país ás oligarquías mediante un estado autoritario (neoliberalismo autoritario).

Por algunhas destas razóns Vox conseguiu constituírse como un actor político central á hora de definir a batalla cultural dos nosos días[xi]. E é que sen coñecer ó adversario nunca poderemos atacar a onde este sexa máis débil.


[i] “Pablo Iglesias abandona el debate de la Cadena SER tras poner Vox en duda la denuncia sobre la ca…” na Cadena Ser. Disponible en: https://www.youtube.com/watch?v=TM6UyyosjA0

[ii] Iglesias y Marlaska reciben sendas amenazas de muerte con balas: “El tiempo de reírte de nosotros se terminó” en El País. Dispoñible en: https://elpais.com/espana/elecciones-madrid/2021-04-22/pablo-iglesias-recibe-una-amenaza-de-muerte-en-un-sobre-con-dos-balas.ht

[iii]Dúas mostras de dúas das xornalistas máis recoñecidas e con máis influencia no progresismo (Pepa Bueno e Angels Barceló): https://www.youtube.com/watch?v=AGFa2QrKJ3M; https://www.youtube.com/watch?v=iU6AW8AkVoc

[iv]A risco de parecer excesiva a expresión referenciada, penso que é  evidente que o xesto de Pablo Iglesias eclipsou as retóricas antifascistas e as posicións melancólicas que ten promovido dende o seu espazo político, as cales acostuman a retroalimentarse cos xestos energúmenos promovidos polos líderes de Vox. Que fose capaz de asumir un xesto totalmente inesperado dende a súa condición de vítima descolocou aos adversarios, e permitiu que sectores do progresismo español seguisen os seus pasos e o que é máis importante: o seu marco de democracia ou fascismo. Sobre se ese era o marco axeitado para encarar a adversidade… esa é outra historia.

[v]“Melancólicos y energúmenos” en Público. Dispoñible en: https://blogs.publico.es/otrasmiradas/48111/melancolicos-y-energumenos/?utm_source=twitter&utm_medium=social&utm_campaign=web

[vi] O seguinte parágrafo extraído do artigo de Alba Rico aclara moi ben en que consiste un xesto energúmeno: “Un xesto energúmeno defínese pola súa complexión e ton, é verdade, pero tamén porque, nese de confrontación preestablecido, só pode ser percibido como admirable polos partidarios de quen o fai e perde, polo tanto, no mesmo momento da súa execución, todo valor explicativo, declarativo ou programático. Perde dun golpe todo valor diferencial”. 

[vii] Vox conseguiu ser a cuarta forza no parlamento madrileño: 13 escanos e un 9,13% do total de votos emitidos (un escano máis e un 0,27% máis do total de votos emitidos con respecto ás eleccións autonómicas anteriores)

[viii] “Comprender al votante de Vox” en El Salto. Dispoñíbel en: https://www.elsaltodiario.com/opinion/jorge-armesto-comprender-votante-vox

[ix] “Así funcionan las Redes de la ultraderecha en tiempos de pandemia” en Ctxt. Dispoñíbel en: https://ctxt.es/es/20200302/Politica/31485/redes-sociales-campa%C3%B1as-odio-vox-coronavirus-socialdemocracia-alt-right-guillermo-fernandez.html

[x] Este pasaxe en concreto: “Vox no tiene un programa, sino una actitud. Sus ocurrencias, que podrían cambiar a conveniencia, son únicamente medios propagandísticos, no acciones al servicio de fines reconocibles. Por eso no tienen ahora especial interés en ocupar áreas de gobierno y por eso prestarse a debatir sus ─escasas─ propuestas es como mirar los cubitos del trilero. Sus votantes tampoco conocen su programa ni qué ideas concretas defienden, y eso ni les importa ni les preocupa. Los votan por cómo se muestran, por lo que simbolizan, no por lo que prometen”.

[xi] Moitos análises téñense feito cargo das complexidades desta intervención, poñendo a lupa sobre varios aspectos definitorios deste proxecto político: a tensión inherente entre o rol de outsiders do sistema político que pretenden proxectar dende o seu espazo ideolóxico e a extracción de clase/procedencia elitista dos seus principais cadros dirixentes; a súa localización no mapa da extrema dereita europea e pertenza á internacional reaccionaria; o paradigma inmunitario a partir do cal pensan a construción do pobo, relacionado intimamente cunha memoria institucional que reivindica a grandeza católico-imperial; ou a batalla cultural que están a promover para activar os elementos reactivos do popular, portando o retorno do reprimido e xerando un clima de resentimento e desconfianza.

SOBRE O AUTOR

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración poka Universidade de Santiago de Compostela (USC). Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente polo campo da teoría política

0 comments on “Que teñen en común o sorriso de Rocío Monasterio, Ortega Smith cun fusil de asalto e Santiago Abascal a cabalo?

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: