Política

Pulsión de morte, estratexia populista e esperanza verde no Madrid que dawns great again

Despois dun acontecemento político son moitos os que, dende a comodidade do intelectual, lanzan o seu bisturí sobre uns feitos que se sucederon concatenados, e que moitas veces, nin sequera os mellores estrategos son capaces de guiar ou predicir; ou sobre os que é doado botar unha mirada atrás. Este podería ser o caso, pero o certo é que a contundente vitoria de Ayuso estivo marcada por uns trazos bastante acusados que ó menos, ao que escribe estas liñas, non lle é doado deixar sen expresar.

Sen ambición de servir como análise global e obstinación última da realidade, no presente artigo alumearemos as que cremos que son algunhas das claves da contenda madrileña do pasado martes.

En primeiro lugar, sería erróneo analizar estas eleccións ó marxe do contexto global no que se circunscriben: a pandemia do Covid 19. Ayuso soubo capitalizar en moi boa medida os efectos da coñecida fatiga pandémica: a saciedade da maioría da poboación polos efectos físicos e psicolóxicos que ten a continuada exposición ás medidas restritivas por mor da pandemia. Lonxe de ser un brinde ó sol, que provocou como outras tantas veces, a risa do votante acomodado da esquerda, inxenuo unha vez máis na súa análise, as políticas e o discurso da candidata do PP no referido á flexibilización dos horarios e as medidas favorables á hostalaría e ó ocio, servíronlle para facerse cunha meirande parte dos hosteleiros e, probablemente, fixéronlle gañar amais unha gran cantidade de votos entre aquelas persoas que se sentían afogadas pola pandemia.

Pode parecer triste, pero o discurso da irresponsabilidade foi potencialmente satisfactorio á hora de canalizar aquelas pulsións de morte, aqueles elementos do psiquismo que non entregan ao goce libidinal máis baixo e irreflexivo pero que se atopan presentes en todos e con maior incidencia nas épocas de estrés como é a que nos está tocando vivir. Poderíase dicir que Ayuso foi a abandeirada do masoquismo e do grotesco do sentir madrileño. Neste sentido, os seus contrincantes pertencentes ós partidos do goberno, Pablo Iglesias e Gabilondo, víronse probablemente afectados polo peso de ser os representantes do comité sancionador que parece ser para algúns o goberno de España. Na política, como na vida, o bo, o ben argumentado ou o responsable non adoita ser o gañador. Proba disto é que, a pesar dos incontestables números de mortes e ingresos en UCI, a candidata madrileña non se viu castigada senón que premiada. 

Outro dos elementos que cremos claves para entender a vitoria de Ayuso é enmarcar a súa táctica dentro das estratexias populistas reaccionarias máis requintadas que nos acompañan nos últimos anos dende a vitoria de Trump. Neste sentido, aquí defenderemos que o cualificativo da dereita trumpista, lonxe de ser unicamente un slogan de campaña, é un acertado diagnóstico sobre algunhas das estratexias seguidas por Ayuso. Según Ramón Máiz (2021) no seu ultimo artigo da revista Grial, Estratexia discursiva e réxime  emocional no populismo reaccionario, os populismos actuais adoitan estender as súas estratexias sobre tres eixos de polarización tanto afectivos como ideolóxicos: o eixo populista ou pobo/elites; o eixo nacionalista ou aquel que se estrutura sobre o nós/eles; e o eixo máis ou menos neoliberalista sobre o que se cimentan unhas políticas de maior ou menor coidado dos servizos públicos dunha cidadanía máis ou menos inclusiva.

Respecto ó primeiro eixo, moi acertadamente, Ayuso soubo dende os primeiros instantes da campaña fixar o seu obxectivo sobre Sánchez en primeiro lugar, e Iglesias posteriormente. Ámbolos dous constitúen o polo de polarización que se erixe como as elites políticas que ameazan ó pobo de Madrid, representado en última instancia pola súa líder carismática. Lanzar os dardos contra o presidente do goberno e o vicepresidente, e non contra Gabilondo ou Iglesias non é produto dunha especial animadversión da líder do PP; pola contra, os estudos sobre populismo amosan o axeitado que, en termos de réditos políticos, é construír un discurso cimentado sobre a oposición a un inimigo situado no cumio da sociedade e responsable de todos os males; sendo neste caso o malestar pola xestión da pandemia e a consecuente crise económica. Ademais, como amosou brillantemente no seu último ensaio Michael Sandel (2020), A tiranía do mérito, respecto do ocorrido con Trump e os seus electores, unha cidadanía enfadada pola lóxica do mérito, por sentirse como aqueles merecedores da súa derrota na sociedade, é normal que experimente emocións de rexeitamento e odio cara candidatos que son mostra do éxito dentro desa lóxica, as elites intelectuais, como poderían ser un catedrático de metafísica como é Gabilondo, ou un doutor de ciencias políticas como é Iglesias. Neste senso, os datos do CIS de Tezanos eran claros: os estratos cun nivel menor de estudios tiñan unha intención moi ampla de votar a Ayuso nestas eleccións, unha Ayuso que soubo elaborar un discurso simple e para todos, construíndo un perfil de líder cercana.

Respecto ó segundo eixo, e en continuidade co anterior, en síntese nacional populista, Ayuso foi quen de construír unha sorte de nacionalismo light, dun vivir á madrileña, que lonxe dun mero chauvinismo de chirigota, soubo erixirse como un eixo articulador dun nosoutros que se enfronta a un eles: á España de Sánchez e Iglesias, social-comunista e ameazadora das liberdades conquistadas nos sucesivos gobernos do PP madrileño e agora de Ayuso. Vivir á madrileña non é só a mofa de novo que provoca que unha candidata diga que Madrid é non encontrarse co teu ex, vivir á madrileña. É unha sofisticada estratexia política de fabricar un sentir polarizado de pertenza a un Madrid que tamén é España, pero que se sente ameazado por unha parte desa España que non tería cabida nela, seguindo esta lóxica que invita ao antagonismo.

Por último, respecto ao último eixo, máis ou menos neoliberalista, Ayuso foi quen de continuar o legado de Aguirre, abandeirando un discurso fortemente neoliberal, no que destacan primeiro unha defensa da liberdade como non interferencia no ámbito privado, neste caso, sobre todo no ámbito do ocio; en segundo lugar,  a reivindicación de fortes   baixadas de impostos e liberdade económica para as empresas; e en terceiro, como é común no PP madrileño, beneficios da contratación privada na sanidade e os grandes pelotazos urbanísticos como o do Zendal.  Todo isto lle permitiu non só gañarse o favor das elites económicas máis podentes e os estratos máis altos do electorado, senón tamén daqueles sectores descontentos coas restricións ou cos efectos da crise económica produto da pandemia.

En definitiva, como esperamos ter mostrado, a estratexia populista de Ayuso ademais de servirlle para gañarse a parte do electorado de Vox, moi proclive a activarse neste tipo de discursos, constituíuse como unha estratexia transversal que, como mostran os datos, foi quen de gañar na meirande parte dos barrios de Madrid, incluso naqueles cunha tradición máis de esquerdas.

Por último, gustaríame rematar cunha nota positiva: a que deixou a candidatura de Máis Madrid dirixida por Mónica García. Parece que o que nos mostran estas eleccións respecto do bloque da esquerda é que, de novo, a ambivalencia mercado-técnica do PSOE entre o centro e a esquerda, e o medo ó fascismo, non foron suficientes para constituír unha alternativa sólida á dereita. O que nos mostra o sorpaso de Más Madrid, é que a esquerda debe construír e aportar algo sólido se quere facer fronte á estratexia populista de Ayuso. Seguindo o exemplo de Biden no outro lado do Atlántico, unha candidatura moderada no ton, que non lle entre no xogo confrontativo ao seu rival e que aporte fortes e valentes propostas para os retos do tempo actual, pode ser quen de facerlle fronte á ameaza populista. Como se veu no debate e ó longo de toda a campaña, Mónica García decidiu confrontar unicamente con Ayuso (aínda que véndose obrigada a posicionarse en contra da extrema dereita no seu momento) e facelo en termos de programa, de solucións, de propostas e apelando ós problemas cotiás que constituíron o seu lema de campaña: O que de verdade importa. Como ben soubo interpretar Iglesias, os novos liderazgos femininos, e as novas preocupacións e sensibilidades feministas, ecoloxistas, sanitarias… ábrense camiño. Se no seu momento o politicamente axeitado foi escoitar e representar as demandas do 15 M, neste (algo que Mónica e Íñigo souberon ver) o necesario é escoitar ás novas ondadas de movementos (o ecoloxista, o feminista, as mareas brancas…), poñéndolles voz, guiando a alternativa verde e morada que percorrerá pronto toda Europa; pois son o futuro.

O que deixou brotar a creación destas liñas despídese, deixando agora que estas queden suxeitas a probas da interpretación do lector; a proba do mellor argumento e da emoción mellor invocada por este.

Arturo Cabrero Lozano é graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Actualmente cursa o máster da mesma universidade en Filosofía, Coñecemento e Cidadanía. Os seus intereses abranguen todo o ámbito do pensamento filosófico e científico político centrándose principalmente na teoría política. Actualmente é activista do movemento Fridays For Future en A Coruña.

0 comments on “Pulsión de morte, estratexia populista e esperanza verde no Madrid que dawns great again

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: