Entrevistas escritas

Entrevista a Xabier Pérez Davila: “A cuestión xa non é planificación ou libre mercado, a cuestión é planificación capitalista ou planificación socialista”.

A finais do ano pasado Edicións Laiovento publicou “Socialismo en Europa 2020. Unha ambiciosa proposta socialista, feminista e ecolóxica” de Xabier Pérez Davila. O autor, que publicou entre outros libros “A batalla polas pensións (1981-2013)” en Estaleiro Editora e “Alén dá Casta. Un ensaio sobre o poder e as clases sociais no século XXI” (Edicións Laiovento), desenvolve no seu máis recente ensaio un extenso percorrido por asuntos centrais para pensar a emancipación no século XXI: desde as posibilidades actuais da planificación económica até a avaliación das principais experiencias históricas do socialismo, pasando pola centralidade dun sector emerxente como é o das tecnoloxías da información e os datos, ou a importancia de pensar unha articulación entre socialismo, feminismo e ecoloxismo a través dun fío republicano. Conversamos con el con motivo da publicación do seu ensaio. A entrevista completa e en versión podcast foi publicada a inicios de febreiro na páxina web de A Xanela.  

Ben, Xabier. Gustaríame comezar preguntándoche como xurdiu a idea de escribir este libro.

A partir da desintegración da Unión Soviética impúxose a idea do fin da historia, a idea de que o capitalismo sería o único horizonte posíbel para a humanidade. Esta idea contradí toda a historia. O feudalismo pareceu no seu tempo unha forma de organización social, un modo de produción, insuperábel. A escravitude, cando foi contestada, esa contestación cualificouse de utópica. O colonialismo, cando practicamente todos os pobos non europeos eran colonias dun pequeno grupo de países, territorialmente moi reducidos, parecía eterno. A humanidade foi quen de superar o feudalismo, a escravitude, o colonialismo. Agora, as mulleres propoñen  superar o patriarcado. Quero contribuír a reabrir o debate sobre se podemos imaxinar algo máis alá do modo de produción capitalista. Esa é a idea central.

Como definirías hoxe o socialismo?, e cales pensas que son as súas paixóns, os seus afectos?

Para imaxinar que podería ser unha sociedade socialista temos que partir da sociedade actual construída sobre o modo de produción capitalista tal como se desprega no ano 2020 ou 2021. O que vemos é un proceso de produción altamente socializado, mais, como a propiedade dos medios de produción é privada, a apropiación do valor é tamén privada, e isto onde nos leva? Lévanos a fenómenos como a desigualdade crecente, a explotación crecente, a caída dos salarios no PIB. Que sería o modo de produción socialista? O modo de produción socialista conservaría o carácter altamente socializado do proceso produtivo tal como existe hoxe, porén ao se basear na propiedade colectiva dos medios de produción, a apropiación do valor tamén sería colectiva co que se reduciría ou se eliminaría a explotación e os altos niveis de desigualdade.

Falabas das paixóns. O desexo socialista parte de emocións pre-políticas, antropolóxicas. Eu falaría de tres, liberdade, igualdade e xustiza. Vivimos nunha sociedade moi rica, na que un 30 por cento da poboación  se atopa en situación de pobreza ou risco de exclusión social. A algunhas persoas, á maioría, isto parécenos inxusto. Ben, da sensibilidade á desigualdade, á inxustiza, á falta parcial de liberdade, nacen as que considero emocións socialistas: igualdade, liberdade e xustiza.

De todas as propostas que articulas neste libro, cal podería estar máis perto do sentido común das nosas sociedades?

Se facemos unha enquisa sobre items, tentando eliminar as connotacións ideolóxicas, existe unha ampla maioría da poboación, incluíndo persoas que votan partidos de dereitas, que queren unha sanidade pública, que queren unha educación pública, que queren un sistema de pensións público. Si hoxe preguntásemos, despois do que sucedeu cos prezos da electricidade nas últimas semanas, moitas persoas que votan distintas forzas políticas, contestarían que queren empresas de enerxía públicas. Cando se fan enquisas sobre items, os sentimentos da poboación e os desexos da poboación están moi á esquerda do seu comportamento electoral. Isto acontece mesmo en Estados Unidos entre parte dos votantes republicanos. Son indicios de que existe un desexo latente socialista. No Estado español, máis do 40 por cento da poboación considera que o capitalismo é incompatíbel coa democracia. Nos Estados Unidos, no centro do capitalismo e do neoliberalismo, entre a poboación máis nova son maioría os que prefiren unha sociedade socialista, ou comunista mesmo, antes que a sociedade capitalista.

Fas alusión ao neoliberalismo, ás décadas dos 70 e 80, refíreste a que se creba o Pacto fordista para civilizar o capital. Como definirías o neoliberalismo?

Nos últimos anos colaboro con movementos de pensionistas. Quen está a organizalos ? Antigos sindicalistas, de clase obreira, algúns deles metalúrxicos, que participaron na resistencia antifranquista, antifascista, que se organizaron na clandestinidade, e que conseguiron liderar a loita pola democracia, mentres conquistaban dereitos laborais. Eu vivino desde a Universidade de Santiago de Compostela. Para nós o movemento obreiro era un referente. Non era un referente imaxinario. Quen lideraba era la clase obreira. Sartorius e Sabio contabilizaron as horas e os milleiros de traballadores en folga nos anos da transición[1]. Temos en Vigo a experiencia, que supoño que coñeces, do ano 72[2]. Vigo é unha cidade cunha tradición de loita operaria importantísima. Foi un proceso dun século de organización, que chegou a un apoxeo nos anos 70 e provocou a redución das taxas de ganancia e ameazou o control capitalista do proceso de produción nas fábricas. O neoliberalismo chegou para destruír esa conciencia, esa organización e as conquistas que conseguira a clase obreira organizada. Paul Mason escribe que o capitalismo occidental “propúxose destruíla, e destruíuna a base de deslocalizacións, desindustrialización, leis antisindicais e unha implacábel guerra ideolóxica”[3].

Na primeira parte do teu libro estudas tres síntomas: desigualdade, precarización do traballo e descenso da participación dos salarios no PIB que son tendencias mundiais. A que se debe o aumento da desigualdade no últimos vinte ou trinta anos?

Os niveis de desigualdade aos que chegamos só cabe cualificalos de extravagantes. Utilizo a metáfora da aldea dos súper-millonarios habitada polos 25 individuos máis ricos do mundo, Jeff Bezos, Amancio Ortega, Zuckerberg, etc. O seu patrimonio conxunto é superior ao PIB do Estado español con 47 millóns de habitantes. Sería necesario que lles entregásemos o valor anual da produción de 20 millóns de persoas activas, dos automóbiles, da construción naval, do sector agroalimentario, do sector turístico, da prestación de servizos sanitarios, educativos, etc. para constituír o patrimonio de só 25 capitalistas. É un nivel de desigualdade extravagante, intolerábel.

Cales son as causas? Detéñome en tres. A primeira, o descenso da participación dos salarios no PIB, un fenómeno universal. Este é o factor decisivo. Do valor da produción total, unha parte crecente vai a beneficios e dividendos e unha parte decrecente a salarios. O segundo factor é a captación de rendas. Despois dunha distribución primaria entre salarios e beneficios, cada vez se crean máis mecanismos para que os que están arriba capten rendas. As rendas inmobiliarias, nos últimos anos, no Estado español, pasaron de supor o 2 por cento ao 8 por cento da renda dispoñíbel, multiplicáronse por 4. Rendas financeiras. Rendas das grandes tecnolóxicas como Amazon. Amazon na súa publicidade afirma que defende aos pequenos produtores. Non, Amazon extrae renda dos pequenos produtores. E, por último, reformas impositivas, unha tras outra, tras outra, tras outra, cada vez máis regresivas e utilización de paraísos fiscais.

Estas son o tres grandes causas do aumento da desigualdade: caída da participación dos salarios no PIB, captación crecente de rendas e reformas impositivas regresivas.

Tomas os datos dun estudo de Fred Moseley para aplicar a teoría do valor-traballo de Marx.

Si. Segundo Moseley en Estados Unidos, en 1947, de cada hora traballada, o salario equivalía a 25 minutos, e 35 minutos eran valor apropiado polo empresario. Corenta anos despois, o salario por hora traballada correspondía ao produto de 18 minutos, os 42 restantes eran máis-valía que enriquecía o empresario[4]. Para comprender o mecanismo na orixe da desigualdade non dispomos de ningunha teoría superior á teoría do valor-traballo de Marx. Por que cae a participación dos salarios no PIB? A tendencia é que, de cada hora de traballo dun operario de Citroën, ou dunha operaria da conserva, cada vez máis minutos se transformen en valor do que se apropia a empresa e cada vez menos minutos se destinen a salario. Ese é o mecanismo fundamental.

Tamén escribes sobre a duración da xornada e da precarización…

Unha visión civilizada do traballo implica considerar que o traballo debe estar ao servizo da vida e non a vida ao servizo do traballo. Neste sentido un obxectivo da arquitectura económica debería ser que todo o mundo tivese un traballo, mais que todo o mundo traballase menos horas, de maneira que todo o mundo participase na produción de bens e na prestación de servizos reducindo o tempo de traballo para que as traballadoras e os traballadores teñan tempo para ler, para facer deporte, para participar na sociedade, para pasear … Porque é necesario lembrar que unha traballadora, un traballador é un ser humano.

Respecto da precariedade, a relación laboral transformouse radicalmente. Dunha relación que non abranguía a toda a clase, mais si sectores importantes, unha relación constitucionalizada, tomo o termo de Domènech[5], sometida a unhas regras que limitaban a duración da xornada, que fixaban salario base e complementos, que determinaban o salario na negociación colectiva, que recoñecían o dereito de sindicación. Este modelo está a ser substituído por unhas relacións de traballo individualizadas, sen negociación colectiva, con contratos cada vez máis precarios. Na Gran Bretaña, o contrato de cero horas, moi semellante ao existente entre o persoal sanitario do pool[6] que debe estar dispoñíbel as 24 horas co teléfono aceso. É a extensión do precariado. Un fenómeno que non afecta só as traballadoras e os traballadores das tarefas consideradas menos cualificadas. Afecta tamén os enxeñeiros informáticos, persoal investigador, o infoproletariado intelectual[7]. É unha precarización xeral do traballo que chega ao máximo da perfección desde o punto de vista capitalista nas plataformas, nos riders. O capital consegue mediante unha transmutación máxica que o propio traballador, o ciclista, deba adquirir o capital fixo, non ten dereito a un contrato laboral, é definido como empresario. O capital desvincúlase dos investimentos necesarios para que se produza o acto produtivo. É unha tendencia global, aínda que con moi diferentes intensidades. Non é o mesmo o capitalismo dos países nórdicos que o de Alemaña, Galiza ou Estados Unidos.

Recolles multitude de exemplos de loitas deses novos suxeitos. Unha coñecémola ben, Frigolouro, a Telefónica en Biscaia, os riders de Deliveroo , Uber … que son ao final loitas polo recoñecemento do dereito do traballo. Estamos a recuar?

No que se refire ás relacións laborais estamos a recuar. E ademais moito. E ademais non se ve o final. No Estado hai un goberno progresista. Unha das promesas que levaba no seu programa electoral era a derrogación da reforma laboral de 2012. Estamos a agardar. Unha das consecuencias da pandemia, agás de se producir unha mobilización dunha enorme magnitude vai ser unha nova intensificación da precarización. As grandes tecnolóxicas estadounidenses, que saen fortalecidas da crise, son trituradoras de dereitos laborais. A Comisión Europea propón reformas laborais e do sistema de pensións como contrapartida aos programas de axuda .

Comparas os diagnósticos de Marx e Piketty. Gustaríame comezar pola produción teórica de Piketty, especialmente por O Capital no século XXI e o recente, Capital e ideoloxía. Cales coidas que son as súas principais achegas? Observas unha evolución entre os dous ensaios?

A gran achega de Piketty é volver pór no centro do debate económico a cuestión da desigualdade e a creación dunha rede mundial de investigación en colaboración con outros  economistas para facer estudos empíricos sobre a evolución da desigualdade en Francia, en Estados Unidos, na Gran Bretaña, etc. Con todo ese traballo constrúen unha base de datos na que se pode seleccionar un país e xerar unha gráfica sobre a parte da renda que capta o 10 por cento de maiores ingresos, o 1 por cento máis rico, o 50 por cento inferior … Ese é un traballo moi útil.

Respecto da evolución. Na introdución de O capital no século XXI escribe que está “vacinado contra preguiceiros discursos anticapitalistas”. É unha descualificación total do anticapitalismo. Aí Piketty alíñase cunha posición claramente pro capitalista, aínda que desde unha clara conciencia da desigualdade. En Capital e Ideoloxía xa propón o que chama Socialismo participativo con medidas  tan radicais como taxas marxinais no IRPF do 90 por cento, que as houbo, por certo, nos Estados Unidos non hai moitas décadas, taxas que agora serían cualificadas de expropiadoras. Esta evolución é moi significativa porque é un síntoma de que o sistema produce tales niveis de desigualdade que está a perder lexitimidade. Entre os economistas partidarios do capitalismo, entre os máis honestos, está a darse un xiro á esquerda.

Agora gustaríame preguntarche sobre o capital como relación social. Que é para Marx o capital?

O capital é, para Marx, a conexión que existe entre a persoa que posúe medios de produción e a maioría desposuída, despoxada dos medios de produción e que, por tanto, vese obrigada a vender a súa forza de traballo á persoa posuidora, que hoxe máis que persoas individuais, aínda que queden casos como o de Amancio Ortega, en xeral son grandes acumulacións de capitais  individuais, fondos de investimento que non teñen rostro como BlackRock ou Blackstone. Esa relación social que une o propietario dos medios de produción coas persoas obrigadas a vender a súa forza de traballo é a relación social específica do modo de produción que nos goberna, que vive o seu esplendor entre 1820 e a actualidade.

Até que punto poderían dialogar Marx e Piketty? 

O diálogo é imposíbel xa que Piketty afirmou varias veces non ler O Capital de Marx porque lle parece moi difícil, cun certo desprezo. Se non o leu non pode haber diálogo. Se o que me preguntas é como explican os dous as relacións sociais, entón, aínda recoñecendo o enorme interese da obra empírica de Piketty  sobre a desigualdade; para explicar o que está a acontecer na sociedade capitalista, a perda de salarios no PIB e o aumento da desigualdade, a teoría do valor-traballo de Marx é totalmente contemporánea, mentres que o mecanismo que propón Piketty, a desigualdade aumenta cando o rendemento do capital é superior ao crecemento da economía, paréceme teoricamente débil.

Habitualmente formúlase unha dicotomía entre libre mercado e planificación. Ti escribes que esta dicotomía é falsa, a verdadeira dicotomía sería planificación capitalista ou planificación socialista. Podes desenvolver esta idea?

No capitalismo actual predominan os instrumentos de planificación sobre os mecanismos de libre mercado. No sector do automóbil 10 grandes empresas producen 3 cuartas partes de todos os automóbiles. Cada un deses grandes aglomerados posúe de media 7 marcas, o que quere dicir que absorbeu 6 marcas antes independentes, por exemplo, Seat que foi absorbida por Wolkswagen , ou Citroën-PSA-Peugeot agora cunha relación estratéxica co grupo Fiat. Todo o que ocorre dentro deses enormes conglomerados está internamente planificado. Para desenvolver o carro autónomo estabelecen alianzas coas grandes tecnolóxicas. Isto é unha economía planificada que utiliza un nexo de mercado, que o socialismo debería conservar, para chegar ao consumidor. O consumidor elixe o que compra. Nun socialismo economicamente viábel, a conexión entre produción e consumo debería realizarse a través do mercado, deberían ser as consumidoras as que elixisen. Leigh e Rozworski exemplifican brillantemente a importancia da planificación na economía capitalista a través de Walmart[8], a empresa de maior facturación, superior ao PIB da Unión Soviética nos anos 60. E se hai unha característica que se deba salientar de Walmart é o enorme uso das tecnoloxías da información, a comunicación e os datos (TICD) desde a súa fundación co obxectivo de planificar a relación cos produtores, cos subministradores até a colocación dos produtos nos andeis. En 1995, Walmart implantou un sistema denominado Collaborative Planning Forecasting and Replenishment (CPFR), que poderiamos traducir como Planificación Colaboradora de Previsións e Reabastecemento, que lembra o nome dun organismo soviético de planificación. Desde outro punto de vista o capitalismo global xa estaría controlado-planificado por unha súper-entidade formada por 150 grandes institucións[9]. En consecuencia, a cuestión xa non é planificación ou libre mercado, a cuestión é planificación capitalista ou planificación socialista. Allin Cottrel e Paul Cockshott propoñen un algoritmo de planificación que permitiría coordinar unha economía de tamaño continental[10].

Unha anécdota, Nancy Walton, unha dos catro irmáns propietarios de Walmart, tivo, non se se aínda o ten, o seu iate amarrado no porto de Bouzas [11], un iate de máis de 80 metros, un símbolo do capitalismo global.

Fas un balance das principais experiencias socialistas. Comecemos pola Unión Soviética, cal é a túa valoración?

Diferencio o que chamo balance ético-político do económico. A Unión Soviética nace dunha das experiencias de democracia radical máis extraordinarias, a construción de soviets de traballadores, soldados e campesiños que agruparon millóns de persoas, mais esa experiencia durou moi pouco e foi rapidamente substituída por unha ditadura. A esquerda anticapitalista ten que recoñecelo porque de non o facer carecerá de credibilidade e lexitimidade. Debemos citar a colectivización forzosa do campo que foi unha brutalidade, unha crueldade, un crime enorme; os procesos de Moscova; e o Gulag. A experiencia de democracia radical durou moi pouco e derivou nunha ditadura. Con todo, o espazo que abriu a Unión Soviética guiou millóns de traballadores e traballadoras en todo o mundo porque lles deu a esperanza de que era posíbel outra sociedade, unha esperanza que hoxe en boa medida se perdeu, e foi imprescindíbel para abrir un espazo para a liberación das colonias, que esa é unha das grandes conquistas do século XX. Centos de millóns de seres humanos deixaron de ser servos de Occidente.

Sobre o balance económico debemos diferenciar dúas etapas. Desde a revolución até os anos sesenta, a Unión Soviética é a historia dun éxito económico extraordinario. O historiador Robert C. Allen argumenta[12] que, de non ser pola revolución e os plans quinquenais, Rusia instalaríase  nun camiño de desenvolvemento semellante ao percorrido por India e produciríase un aumento demográfico extraordinario. Unha das conquistas da Unión Soviética foi o enorme aumento do nivel educativo das mulleres. Cando as mulleres melloran a súa educación adquiren poder para decidir sobre a súa capacidade reprodutiva. O pobo ruso evitou unha traxectoria parecida á de India, pasou dunha situación comparábel no 17 á de India ou Brasil a, cara a finais dos anos 60, ser unha potencia económica e tecnolóxica mundial e conseguir un nivel de vida para a súa poboación moito máis alto. A taxa de crecemento económica na Unión Soviética entre 1928 e 1975 foi superior á estadounidense. Esta tendencia comezou a declinar nos anos 60 e inverteuse e apareceron unha serie de problemas económicos: incapacidade de planificación, estrago de materiais, baixa produtividade, etc.

Coméntanos tamén algo sobre Cuba…

Os principais tópicos sobre Cuba son dous: o primeiro asevera que os resultados económicos de Cuba son inferiores aos dos países da súa contorna e despreza as conquistas sociais, o segundo, subestima a importancia do bloqueo estadounidense. Para comparar o resultado económico utilicei os datos do BM entre 1960 e 2017. Cuba está na media dos 22 países latinoamericanos de máis de 1 millón de habitantes. Non é certo que os resultados económicos cubanos sexan peores que os dos países da súa contorna. En conquistas sociais e benestar humano, seguindo os datos de Nacións Unidas, os resultados son moi superiores en educación e saúde. Ademais, non se debe subestimar a influencia do bloqueo económico estadounidense. Fago unha comparación entre Cuba e Portugal moi pertinente porque Cuba e Portugal teñen aproximadamente a mesma poboación, a mesma superficie, e son veciñas dun xigante: o de Portugal, a Unión Europea, o de Cuba, Estados Unidos. As dúas mantiñan, antes da revolución no caso de Cuba, as súas relacións económicas fundamentalmente con ese xigante. Imaxinemos as consecuencias para Portugal da interrupción das relacións económicas coa Unión Europea. Produciríase unha catástrofe económica. Iso é o que afronta Cuba desde hai 60 anos. Cuba fai o máximo que se pode facer nas condicións nas que está e dado o seu tamaño, que non é o da China.

Afirmas que China non é propiamente un Estado socialista, senón un capitalismo de estado con capacidade de planificación estratéxica. Que balance fas da experiencia chinesa e que implicacións xeopolíticas coidas que pode chegar a producir?

Non se pode dicir que China sexa un Estado socialista porque en China existen altos niveis de explotación, non hai sindicatos autónomos, non hai democracia. Mais, desde a revolución conseguiron facer cousas moi importantes que sería bo puidesen facer todos os pobos empobrecidos da Terra. Ao comparar a capacidade de África ou América Latina para enfrontar a crise do coronavirus coa capacidade de China, rapidamente chegamos á conclusión de que en China se fixeron moitas cousas moito mellor. India e China conseguiron a independencia case ao mesmo tempo. En 1960, o produto por persoa era bastante máis alto en India que en China. Até 2017, en India multiplicouse por 6, en China por 38. A política económica do PCC converteuse no principal instrumento mundial de loita contra a pobreza. A recuperación da soberanía e a capacidade de planificación estratéxica permitiron este grande éxito.

Sobre as consecuencias xeoestratéxicas, xa as está a haber. Está a se producir un enfrontamento fundamentalmente ao redor do desenvolvemento das TICD, un enfrontamento no que Estados Unidos contradí o que defendeu durante décadas, o libre mercado, a libre circulación de mercadorías e o dereito a investir no estranxeiro. Estados Unidos defendeuno mentres estaba nunha posición de superioridade. No momento en que lle aparece un competidor, Huawei, no campo da tecnoloxía 5G, os principios que se presentaban como incontestábeis abandónanse. O que se dirime é o monopolio estadounidense no goberno das redes mundiais de telecomunicacións[13].

Existe unha intención crítica na túa análise da experiencia escandinava?

Son crítico coas nosas sociedades por non aprender o que poderiamos aprender dos países nórdicos. Aquí non tivemos un goberno con participación do PSOE, excepto uns poucos meses na II República, até o ano 1982. Nos países nórdicos, a partir da Segunda Guerra Mundial a socialdemocracia foi hexemónica, unha socialdemocracia que facía políticas socialdemócratas, non socioliberal como o PSOE. Se gustas das series, convidaríate  a ver O tempo da felicidade. En poucos capítulos conta o descubrimento en Noruega de petróleo e a decisión de crear unha empresa pública para extraer e comercializar o petróleo. Esa empresa aínda existe. Chamábase Statoil, Petróleo do Estado, agora chámase Equinor. O petróleo é a principal riqueza norueguesa, de propiedade pública. Isto é socialismo. É decisiva a altísima taxa de sindicación, do 70 por cento no catro países. Os salarios determínanse mediante negociación colectiva. O salario por hora no sector de comida rápida é máis do dobre en Dinamarca que en Estados Unidos. O Estado xoga un papel chave na creación de emprego, a porcentaxe de emprego público respecto do total é o dobre que aquí. Política que ten un carácter de xénero moi importante porque o emprego en atención á dependencia; escolas infantís con rateos moi baixas, en Dinamarca, 1 persoa adulta por cada 3 meniños, que serve tamén para combater a desigualdade en capital sociocultural; e sanidade, é un emprego fundamentalmente feminino. Nestes países o 70 por cento do emprego público é feminino. Estas políticas melloran as condicións laborais e as vidas das traballadoras liberándoas da parte dos coidados socializada como explica Martínez Herrero[14]. Ao mesmo tempo conséguese unha alta eficiencia económica, cun alto nivel de impostos e cun nivel de desigualdade que é o máis baixo de todas as rexións económicas.

Ocúpaste amplamente do capitalismo dixital. Por que consideras pertinente pensar sobre isto?

Eu declárome socialista, no sentido de que o capitalismo en Europa e América do Norte é xa unha superstición, unha idea obsoleta que debe ser superada como o foron no seu momento o feudalismo, o colonialismo ou a escravitude. E eu quero pensar no socialismo en 2020, no tempo no que vivo, na contemporaneidade. É imposíbel pensar a economía, a sociedade, a organización do proceso produtivo sen ter en conta a tecnoloxía do noso tempo. As TICD están a transformar a sociedade e a economía. Buscamos información en Google, relacionámonos a través das redes sociais, almacenamos os nosos arquivos na nube, Amazon extrae rendas dos produtores e leva os seus produtos aos nosos barrios[15], Facebook lexisla sobre a liberdade de expresión ao decidir pechar as contas de Twitter de Donald Trump. Constantemente cruzámonos con ciclistas, con riders , distribuíndo alimentos. O GPS dos teléfonos intelixentes almacena os datos de todos os desprazamentos, compras, buscas. As TICD están nas nosas vidas e na nosa economía e por tanto é necesario estudalas para deseñar un proxecto para o tempo que vivimos.

Defendes a creación dun bloque europeo das TICD. Comparas co caso de Airbus nos 70, cando as principais potencias europeas acordaron crear unha industria aeronáutica.

Nos anos 60, a industria de construción de aeronaves de pasaxeiros estaba en mans de Boeing, practicamente o 100 por cen. Gobernando Edward Heath en Reino Unido, Willy Brandt en Alemaña e George Pompidou en Francia, preguntáronse se Europa non podería construír avións de pasaxeiros e crearon Airbus. Hoxe Airbus ten a metade do mercado mundial, a outra metade tena Boeing. Produciuse un retroceso importantísimo na autonomía, na independencia mental das elites europeas que están colonizadas polo que se ensina como economía, polos MBAs e por Estados Unidos. Aparecen unhas tecnoloxías que transforman a economía mundial e Silicon Valley ocupa todo o espazo. É o modelo de imperialismo dixital de Silicon Valley. China, que parte dunha posición moito máis atrasada que Europa, toma conciencia e pregúntase cal é o obxectivo de Silicon Valley. O que pretende Silicon Valley, como explica Morozov[16], é ficar con todos os nosos datos para os converter na materia prima que alimente os seus sistemas de intelixencia artificial e tamén para llelos ceder ás axencias de seguranza estadounidenses. O Goberno chinés enténdeo e decide “os datos que se xeren no noso territorio ficarán no noso territorio e nós imos desenvolver o noso ecosistema de empresas”. E aparece Alibaba que vén sendo Amazon, Huawei que vén sendo, quizais, Apple, aínda que máis centrada nas redes de telecomunicacións … e desenvolve o seu propio ecosistema. E, que fai Europa? Practicamente nada. Que consecuencias ten esta inacción? Que Amazon conquiste os nosos barrios. Non só o meu barrio de Vigo, Amazon conquista París, Barcelona. Tanto é así que as alcaldesas destas cidades fan un chamamento a comprar no comercio local. Europa abandonou, non temos un Apple, non temos un Amazon, non temos un Facebook que si teñen en China. Algunhas tecnoloxías como a dos buscadores, Google, canto máis grandes, máis eficaces son. Necesitamos un proxecto europeo de soberanía dixital democrática.

Como se relacionan co Estado as elites do poder capitalista?

As elites capitalistas entenden o Estado como un instrumento para promover os seus intereses. A través de mecanismos como os Think tanks, as portas xiratorias, teñen moitos instrumentos para premer e influír nos representantes políticos. As elites capitalistas teñen unha concepción instrumental do Estado. No Estado español cunha gran compoñente de capitalismo rentista baseado nas finanzas, nas rendas dos servizos públicos privatizados, na construción de infraestruturas inútiles como a AVE, que non se debeu construír. Vaise investir no AVE o equivalente ao 6 por cento do PIB que tería usos moito máis útiles desde o punto de vista social e ecolóxico. É unha visión instrumental, de captación de rendas, o Palco do Bernabeu, Florentino Pérez, etc., e no caso do Estado español ultracentralista e cada vez máis. Ese enorme poder concentrado en Madrid do que comezan a ser conscientes mesmo sectores do PSOE como o presidente da comunidade Valenciana, Ximo Puig, que hai pouco presentou un relatorio sobre a concentración do poder en Madrid. En xeral, por non nos cinguirmos ao caso de Galiza ou o Reino de España, as elites capitalistas entenden o Estado como un instrumento ao servizo da acumulación.

E, que relación existe entre democracia e socialismo?

No tres grandes tradicións, socialdemocracia, socialismo e comunismo, hai páxinas heroicas de loita pola democracia. As forzas máis consecuentes na loita contra o franquismo foron organizacións marxistas, fundamentalmente o Partido Comunista, a esquerda comunista, a Unión do Pobo Galego e partidos homólogos nas outras nacións. Mais, na nosa historia hai feitos terríbeis que debemos recoñecer. Se queremos ter credibilidade, o noso compromiso coa democracia ten que ser non instrumental, ten que ser de principios. Da mesma maneira que non pode haber igualdade con dependencia económica, tampouco paga a pena loitar por ningunha sociedade que non poña no centro da súa organización o respecto pola dignidade do ser humano e non hai dignidade sen liberdade de expresión, sen liberdade de organización política e non hai dignidade sen plena vixencia das garantías xurídicas. Esta concepción da democracia ten algúns puntos en común coa democracia que hoxe temos, e vai máis aló, pois persegue ensanchar as liberdades de que xa dispomos, e alargalas con novas liberdades, fundamentalmente de tipo económico. Se hoxe se organizase un referendo sobre a creación dunha Empresa Pública Galega dá Enerxía, é moi probábel que a poboación votase si. Hai unhas semanas preguntáronlle ao ministro Ábalos pola creación de empresas públicas enerxéticas e respondeu con displicencia como se fose algo inimaxinábel. Hai que imaxinalo e hai que construír unha sociedade na que teñamos dereito a decidilo ou se queremos unha banca pública. A democracia económica ou a liberdade económica sería o que o socialismo engadiría ás democracias capitalistas.

Que relación existe entre a igualdade e a liberdade?

No capitalismo moitos elementos da vida económica e social quedan fóra da democracia, cada vez máis. Antes da revolución neoliberal, era democrático decidir crear empresas públicas, agora, semella que non o fose. Neste sentido, o socialismo é un alargamento da liberdade. E, na miña opinión, a liberdade está intrinsecamente unida á igualdade. Contra esa interpretación de que liberdade e igualdade están enfrontadas, na realidade sucede todo o contrario. Que liberdade real ten unha persoa sen emprego, ou cun emprego precario, un emprego na hostalaría no que debe traballar 14 horas? Tería máis liberdade se traballase 8 horas, ou 6. Ademais, os ricos posúen os medios de comunicación, dirixen o debate público, e condiciónano. Na miña opinión, liberdade e igualdade están intimamente relacionadas.

É o caso da vivenda, un ben de primeira necesidade sobre o que a constitución material está enfrontada coa constitución formal.

Si, a idade media de emancipación anda por riba dos 29 anos. Nos países nórdicos está nos 20 anos[17]. Esta sociedade, ao privilexiar o dereito a captar rendas a través dos activos inmobiliarios, póndoo por diante das vidas das persoas novas, está a privalas de liberdade nun momento da súa vidas que non vai volver. Esas mozas, eses mozos, serían realmente, materialmente máis libres se unha política de emprego, de salarios e de vivenda distinta lles permitise aos 18 anos estudar e manterse independentemente. Esa liberdade estáselles a negar. Este é un exemplo de como a liberdade ten un alto compoñente material. Da mesma maneira, un traballador estadounidense que para dispor de seguro médico ten que aceptar unhas condicións laborais coas que querería romper, porque o seguro médico está vinculado ao contrato, ten menos liberdade que una traballadora ou un traballador galego que ten a sanidade garantida, porque garantir sanidade e educación dá liberdade.

Falemos da socialización dos medios de produción. Cales son os pasos para avanzar nesa dirección?

Xa existen illas de socialismo, a sanidade pública é unha illa de socialismo, a educación pública é unha illa de socialismo, as pensións públicas son unha illa de socialismo, porque son espazos fóra da valorización do capital e ao servizo das vidas dos seres humanos. Como podemos aumentar as illas de socialismo? A partir de dous núcleos, incrementando o Estado de benestar, os servizos públicos, en detrimento dos servizos privatizados, ese sería o primeiro núcleo; e o segundo núcleo constituiríase mediante a socialización de sectores e empresas estratéxicas. A socialización das empresas de máis de 250 traballadores deixaría baixo control público o 15% do emprego en Galicia, o 34% no Reino de España e o 33% na UE-28. Acabamos de pasar unha onda de frío, que foi moi intensa en Lugo e Ourense, e hai moitas persoas que non poden manter as súas casas a unha temperatura adecuada. Aquí en Vigo temos ciclos formativos, no Meixoeiro, de eficiencia enerxética, e temos unha escola de enxeñaría industrial. Por que non crear unha Empresa Galega da Enerxía e pór o alumnado deses ciclos e as enxeñeiras e enxeñeiros a traballar nun plan para que en 10 anos todas as vivendas e instalacións en Galiza estean acondicionadas para obter a máxima eficiencia enerxética? Así, teriamos unha empresa pública, ímonos adestrando en capacidade de xestión, enfrontamos a mudanza climático e comezamos a camiñar noutra dirección. Ao mesmo tempo, por que non recuperar unha banca pública? Por que  non introducir en serio a participación das traballadoras e traballadores na xestión das grandes empresas? Participación que, en xerme, existe en Alemaña. Debemos fuxir de “estamos aquí e o outro é un soño inalcanzábel”. Existen políticas para ir avanzando, para desde aquí ir creando espazos fóra do control do capital, espazos non de valorización do capital, senón espazos ao servizo das vidas dos seres humanos, para que poidan vivir unha vida máis feliz, e máis plena.

Analizas as teses de varios autores que defenden a democracia directa. Ti es máis ou menos reticente con esta idea. Interésache tamén a argumentación que desenvolve Domènech en El Eclipse de la fraternidad[18] sobre a democracia parlamentaria. Como pensas que se poden articular ambas as dúas dimensións?

Sociedades co volume de poboación e o nivel de complexidade das nosas vexo moi difícil que se baseen fundamentalmente en mecanismos de democracia directa. É difícil que non existan institucións de democracia representativa. Esas institucións, tal e como están configuradas, presentan graves deficiencias. Tanto no Parlamento galego, como no Parlamento español hai moi poucas persoas de clase traballadora. Hai profesores, moitos de universidade, avogados, economistas … Tanto na sociedade galega como na española e europea existe unha maioría de traballadoras e traballadores, e unha porcentaxe moi importante que desempeñan traballos con gran compoñente física[19], recoller o lixo, limpar edificios, mover enfermos, soldar, conducir camións. Todos eses sectores sociais, en Galiza, no Estado español, en Europa e no Brasil, do que dou datos, están ausentes das institucións representativas. E non deberían estar ausentes. Recordo agora o filme Pago xusto que conta unha folga das traballadoras da Ford en Inglaterra para reivindicar igualdade salarial cos homes. As traballadoras negocian cunha ministra do Partido Laborista que lles explica que ela foi unha traballadora. Houbo unha época en que os partidos socialdemócratas e comunistas servían como canles para que traballadores de base a través da militancia aprendesen a se expresaren con elocuencia, técnicas de organización, despois fosen concelleiras dun pequeno concello e algunhas acabasen sendo dirixentes. Hoxe isto é inimaxinábel. Non penso que poidamos conservar as liberdades democráticas sen institucións de democracia representativa, mais haberá que buscar fórmulas para que reflictan a composición real da sociedade, e complementalas con institucións de democracia directa como referendos, a participación de traballadoras e traballadores na xestión das empresas, etc.

Argumentas ao longo do libro que o socialismo é superior ao capitalismo para enfrontar esta crise civilizatoria. Por que?

A crise ecolóxica, e a mudanza climática, é a gran cuestión que o condiciona todo. É o gran desafío que afrontamos como especie. É difícil esaxerar a súa importancia. Para dicilo dunha maneira provocadora, a ecoloxía non ten que ver cos paxaros, aínda que tamén. A ecoloxía ten que ver coas bases materiais da existencia dunha sociedade humana civilizada. Iso é o que está en perigo. Se destruímos as bases materiais da sociedade humana civilizada, se continúa a extinción de especies, recomezará outro proceso evolutivo. O que estamos socavando son as bases dunha sociedade humana vivíbel.

Por que sería superior o socialismo? Porque un dos elementos esenciais do modo de produción capitalista é a necesidade de alargar constantemente o proceso produtivo, e isto implica a creación de novas necesidades, o aumento da produción, co obxectivo real de producir máis valor, máis máis-valía. Ese é o motor do capitalismo. Para conseguilo necesita xerar novos bens de consumo, crear novas necesidades. No libro expoño algúns exemplos moi recentes, o café take-away, un problema do que xa se tratou no Parlamento británico porque se producen miles de millóns de vasos que son de plástico e cartón moi difíciles de reciclar…

Mencionas tamén as cápsulas de café…

Si, unha cápsula de café contén aluminio, plástico … é imposíbel de reciclar. Para fabricar aluminio hai que consumir moita enerxía. Os cruceiros en barco, as viaxes en avión, o transporte de contedores, os bitcoins. Para obtelos é necesario resolver uns complicados problemas matemáticos a través da chamada minería de bitcoins. Constrúense granxas de computadores que se dedican a resolvelos, algunhas en Islandia porque como a temperatura é máis baixa, é máis fácil evacuar a calor. A capacidade de xeración de necesidades polo capitalismo é ilimitada e totalmente incompatíbel coa urxencia de reducir o impacto da economía sobre o medio natural. Un socialismo baseado nun gran nivel de igualdade que contraese radicalmente a industria da publicidade e a xeración de necesidades, faría un pouco menos difícil esta transición que vai ser moi difícil. Por outra banda, se temos que renunciar ao obxectivo do crecemento indefinido do PIB, temos dúas opcións, ou estabelecemos un gran nivel de igualdade, ou unha parte da poboación terá que renunciar a, por exemplo, quentar as súas casas. Que é preferíbel, un gran nivel de igualdade e que todo o mundo poida quentar a súa casa ou, moita desigualdade e que algúns quenten enormes mansións e posúan avións privados e megaiates que consomen nun día de navegación o mesmo que un tractor en 900 horas?

Paul Cockshott proporciona un argumento adicional, a planificación socialista será imprescindíbel para a adaptación á mudanza climática[20].

E, sobre o New Green Deal, unha proposta de Bernie  Sanders, que opinión che merece?

Hai no mundo tres grandes puntos de vista sobre esta cuestión, o negacionista, non hai mudanza climática, non hai crise ecolóxica. Deixareino de lado porque co irracionalismo é imposíbel debater. Dentro das correntes políticas que recoñecen a crise ecolóxica e a mudanza climática están, o crecemento verde, aí estaría o New Green Deal; e os sectores que estiman que é imposíbel facer compatíbel o obxectivo do crecemento indefinido do PIB co control da mudanza climática. Dous investigadores publicaron un estudo[21] no que analizan a posibilidade de desvincular o crecemento económico do aumento do consumo de materiais e das emisións de CO2. Conclúen que non se pode desvincular. Por tanto, a teoría do New Green Deal e a proposta de crecemento verde non serían realizábeis. Agora ben, teñen unha utilidade política moi importante, traen a cuestión ecolóxica ao centro do debate e contribúen a unha toma de conciencia que é imprescindíbel. En novembro vaise a celebrar en Glasgow un cume sobre a mudanza climática, son urxentes grandes mobilizacións para esixir aos máximos responsábeis políticos que adopten xa medidas decisivas porque a mudanza climática está a nos caer enriba.

Recolles a investigación de Nancy Fraser sobre os distintos réximes de reprodución social no capitalismo. Que camiños elixe a emancipación da muller en cada un dos réximes de reprodución social e como conectar o feminismo coa teoría de Marx sobre o capital?

A Asociación Internacional para a Economía Feminista asocia máis de 500 investigadoras de máis de 60 Estados, un indicador de que a economía feminista é unha disciplina plenamente madura, cunha teoría compacta, explicativa. Para comprender a economía globalmente son necesarios tres elementos, a teoría do valor-traballo de Marx, a economía ecolóxica e a economía feminista. Cristina Bengoa[22] escribe que a economía tradicional, incluíndo a marxista, ignorou toda unha parte esencial da actividade económica, todo o traballo reprodutivo e de coidados que require máis horas das que se necesitan para a que convencionalmente se vén recoñecendo como actividade económica. Ignorala, que significa? Descargala sobre as mulleres. Podemos ignorala porque as mulleres fan a maior parte dese traballo gratuitamente.

O capitalismo fordista baseábase na familia de un provedor, o pai traballaba na fábrica de automóbiles e a nai encargábase dos labores domésticos. Esta división provocaba dependencia económica. No réxime neoliberal rexe o modelo de dous provedores: 40 horas de traballo de mercado do home, máis horas extraordinarias do home, máis traballo doméstico do home, e o mesmo para a muller, coa diferenza de que as mulleres dedican o dobre de tempo ao traballo doméstico, e os homes máis tempo ao traballo de mercado. Isto leva ao que Nancy Fraser[23] denomina crise do tempo e dos coidados, na que viven moitas familias, unha situación na que non hai tempo para vivir, aínda menos cando aparece a necesidade de coidados das persoas maiores dependentes. Un esquema que recae sobre as mulleres. Isto non é inevitábel, podemos aprender moito dos países nórdicos. O camiño é, primeiro, socializar toda aquela parte do traballo doméstico e de coidados que se pode socializar, debería existir un servizo público de cobertura universal de atención ás persoas dependentes nos seus fogares para que esas persoas estivesen onde queren estar, nas súas casas, e só cando non quedase outra solución en residencias públicas. Tamén se pode socializar a atención aos pequenos de 0-3 anos coas rateos danesas de 3 cativos por persoa adulta. Debe existir un servizo de comedores escolares gratuítos e de empresa ou polígono. A segunda liña de actuación pasa polas políticas para incorporar as mulleres en igualdade ao traballo retribuído, a taxa de actividade feminina aínda é 10 puntos inferior á masculina e con máis traballo temporal e a tempo parcial. Por último, os homes deberán participar en igualdade no traballo doméstico. Isto é o que lles está resultando máis difícil de conseguir nos países nórdicos. Avanzan máis na incorporación das mulleres ao traballo retribuído, na socialización do traballo doméstico e de coidados, mais os homes resístense a se implicar no traballo doméstico.

Escribes que xa non é “o capital contra o traballo” senón directamente “o capital contra a vida”.

En Estados Unidos, as grandes tecnolóxicas pagan ás traballadoras para que na súa etapa de maior capacidade produtiva conxelen os seus óvulos e se centren no traballo. Se deciden ter fillos, deben facelo máis aló da súa idade natural reprodutiva. É dunha brutalidade … porque unha cousa é que unha muller decida libremente ter unha filla a unha idade avanzada, mais que sexan as empresas as que as condicionen … volvemos á cuestión das relacións entre liberdade e igualdade. Isto é unha forma de ditadura.

No Estado español, un modelo moito peor que o doutros países europeos xera unha das taxas de natalidade máis baixas do mundo. As mulleres cando se lles pregunta, manifestan que, de media, desexan ter dous fillos. Porén, a taxa real é moi pouco superior a 1 fillo por muller. A organización social imposta polo capital impídelles decidir. En Galicia aínda menos, aquí súmanse os problemas de envellecemento e emigración. Por iso podemos afirmar “o capital contra a vida”. Hai 70 anos non existía sanidade pública universal e moi pouca educación pública e hoxe témolas. Necesitamos pensar cos ollos de dentro de 70 anos. Como facemos para liberar as mulleres da tripla carga que soportan hoxe? Miremos cara aos países nórdicos, non é necesario mirar cara a Marte.

Entramos na última parte da entrevista, horizontes do socialismo do século XXI. Por que escolles a metáfora da madurez de Europa para o socialismo?

Comparo cos países nos que se iniciaron as primeiras experiencias socialistas, a Rusia de 1917 e a China de 1949. Eran sociedades moi atrasadas, coa inmensa maioría da poboación activa traballando nunha agricultura de moi baixa produtividade, cun nivel educativo, científico-técnico baixísimo, e con practicamente ningunha tradición democrática. Estes países que decidiron facer, tanto a Rusia de Stalin, como a China de Mao? Decidiron facer unha primeira acumulación de capital, ese foi o seu obxectivo, construír as infraestruturas e a capacidade científico-técnica que posuían outros países máis avanzados. Isto conduciu a uns  modelos cos problemas que citei. Respecto de Europa , primeiro, as forzas produtivas están plenamente desenvolvidas, incluíndo unha forza produtiva esencial, a alta cualificación científico-técnica das clases traballadoras. Segundo, o capital está altamente concentrado e os procesos produtivos son altamente sociais; a produción das vacinas para a covid-19 foi un proceso altamente socializado en todo o mundo, o único que vai ser privado é a apropiación do valor. Por último, Europa, séculos de distintas tradicións democráticas. Este tres serían as condicións ideais para pensar en Europa nun socialismo eficiente economicamente, que combata a explotación e a desigualdade, que sitúe no centro do proxecto a adaptación aos límites físicos do planeta, e a igualdade económica da muller, e non reducindo as liberdades e a democracia, senón alargándoas.

Nos capítulos XI e XII comparas as propostas de reforma do capitalismo de Piketty, Antón Costas e Oxfam, coa alternativa marxista de socialización dos medios de produción. Cal é a túa conclusión?

Antón Costas, Piketty e Intermon-Oxfam fan propostas que mellorarían considerabelmente a distribución da renda e os salarios. Porén, as súas propostas quedan curtas porque se deixamos incólume o mecanismo que dá poder a unhas poucas persoas para dominar a vida de millóns, que é a propiedade privada dos medios de produción, podemos corrixir algunhas deficiencias, mais deixariamos intacto o mecanismo que tende a concentrar extraordinariamente a propiedade, a capacidade de dirección da economía e por tanto a limitar a capacidade do resto da sociedade para decidir. De acordo co nivel extraordinariamente alto de desenvolvemento das forzas produtivas e do carácter extraordinariamente social da produción, o máis adecuado sería socializar os principais medios de produción, aqueles que estamos en disposición de xestionar eficientemente.

Para finalizar, recoméndanos una película.

Para pasar unha boa tarde Un asunto real, un filme que narra feitos históricos do século XVIII en Dinamarca. Hai dúas escenas moi interesantes. Na primeira, uns aristócratas, mentres cabalgan, ven un campesiño atado e torturado. Noutra escena, en Copenhague, un grupo de plebeos pide que se instale un sistema para evacuar as augas negras e evitar as pestes. Os aristócratas respóndenlles  que quen vai pagar todo iso, que non se pode. No século XVIII semellaba imposíbel gastar diñeiro en sanear as augas residuais e deixar atrás o absolutismo. Dinamarca saíu do absolutismo e hoxe dispón dun Estado do benestar. A moitas persoas pódelles semellar imposíbel superar o modo de produción capitalista e a explotación, mais quizais dentro de 100 anos miren cara a nós e pensen, “que sociedade tan estraña, por que a aturaban?”.


[1] Sartorius, Nicolás, Sabio, Alberto, El final de la dictadura, Ediciones Temas de Hoy, Madrid, 2007.

[2] O documental Vigo 1972 dirixido por Roi Cagiao narra esta folga mítica.

[3] Mason, Paul, Postcapitalismo. Hacia un nuevo futuro, Editorial Paidós, Barcelona, 2016, p. 273.

[4] Moseley, Fred, The Falling Rate of Profit in the Postwar United States Economy. Citado en VVAA, Derecho a decidir. Propuestas para el socialismo del siglo XXI, p. 155.

[5] Domènech, Antoni, El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista, Ediciones Akal, Madrid, 2019, pp. 249-250.

[6] Sistema de contratación temporal do Sergas na provincia de Pontevedra. As traballadoras deben estar sempre dispostas a aceptar un contrato que pode ser por unhas poucas horas. De non aceptalo, perden postos na lista.

[7] Sotelo Valencia, Adrián, O precariado. Unha nova clase social? Fundación Moncho Reboiras, Galiza, 2017.

[8] Phillips, Leigh e Rozworski, Michal, People´s Republic of Walmart. How the World´s Biggest Corporations Are Laying the Foundation of Socialism, Verso, Londres, Nova York, 2019.

[9] Vitali, Stefania, Glattfelder, James B., Battiston, Stefano, The Network of global corporate control, 2011, e Glattfelder, Batitston, The Architecture of Power: Patterns of Disruption and Stability in the Global Ownership Network, 2019.

[10] Paul Cockshott e Alin Cottrel, Contra Hayek en Cockshott , Paul e Neto , Maxi, Ciber-comunismo. Planificación económica, computadoras y democracia, Editorial Trotta, Madrid, 2017.

[11] Un dos portos da cidade de Vigo.

[12] C. Allen, Robert, Farm to Factory. A Reinterpretation of the Soviet Industrial Revolution, Princeton University Press, Princeton, 2003.

[13] Wen, Yun, The Huawei Model. The Rise of China´s Technology Giant, University of Illinois Press, 2020.

[14] Martínez Ferreiro, María José, El modelo sueco de cuidados a la infancia y sus consecuencias sobre las mujeres, Revista de Economía Crítica, n.º 8, segundo semestre 2009.

[15]https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/amazon-conquista-do-meu-barrio/20201113164117108981.html

[16] Morozov, Evgeny, Capitalismo Big Tech, Enclave de Libros, Madrid, 2018.

[17]https://www.expansion.com/economia/2018/08/12/5b704b52468aeb775d8b461e.html.

[18] Domènech, Antoni, Op. Cit., pp. 354-363.

[19] Hugrée, Cédric, Penissat, Étienne e Spire, Alexis, Les Classes sociales en Europe. Tableau des nouvelles inégalités sur le vieux continent.

[20] Cockshott, Paul, A catástrofe inminente e como preparármonos, en Finanzas, terra, coidados, datos: Privados? Sociais?, Santiago de Compostela, 2019, editado pola ex-parlamentaria europea, Lida Senra. En internet, The  Impeding Catastrophe and How to Plan for it, https://www.youtube.com/watch?v=tefMFiPjPlg.

[21] Jackson Hickel & Giorgos Kallis, Is Green Growth Possible?

[22] Carrasco Bengoa, Cristina, La economía del cuidado: formulación actual y desafíos pendientes, Revista de Economía Crítica, n.º 11, primer semestre 2011.

[23] Fraser, Nancy, El capital y los cuidados, revista New Left Review, n.º 100, setembro-outubro 2016.

SOBRE O AUTOR

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas y de la Administración por la Universidad de Santiago de Compostela (USC). Escribe sobre diversos temas, pero se interesa especialmente por el campo de la teoría política

0 comments on “Entrevista a Xabier Pérez Davila: “A cuestión xa non é planificación ou libre mercado, a cuestión é planificación capitalista ou planificación socialista”.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: