Cultura

Bailar o presente, reflexións en torno á danza contemporánea.

Hoxe, 29 de abril, é o día internacional da danza. Para moitas unha data máis no calendario, e para outras un momento máis no que pararnos a reflexionar sobre o que é o noso medio e modo de vida. Por iso, ante o auxe de publicacións que, o ano pasado quedaron no campo da conmemoración sentín a necesidade de achegar a miña perspectiva, e de que esta vaia máis alá dun simple aplauso, unha reflexión superficial, un sorriso ante a cámara, é dicir, coma se fose un mantra, que todo irá ben e que xuntos sairemos desta.

Dende sempre, fascinoume o feito de que a danza sexa a última páxina da arte, e se nestes momentos de pandemia a arte se viu prexudicada, imaxinade o que lle agarda á danza.

Tamén teño que dicir que nolo gañamos a pulso.

Canta xente (familiares, amigos….) se interesaron na danza por iniciativa propia? É dicir, que non fosen ao teatro ao longo das súas vidas simplemente por acompañarvos ou para vervos. Realmente a xente ten ganas de asistir a un espectáculo de danza?

A danza contemporánea non se interesou por ter un achegamento ao pobo, e falo en específico da contemporánea, xa que é a que máis preto tiven na miña vida; esta converteuse nunha pantomima, moitas veces nunha caricatura de si mesma. O contido redúcese a eses bailaríns elásticos cun corpo enmarcado nos canóns de beleza predominantes na sociedade occidental. Máis aló diso, atopámonos cunha soa expresión: a mirada baleira de contemporáneo místico, profundo, onde ¡que contemporáneo son!, se converte na expresión dominante. Nada máis. Podes ver a unha persoa bailar en milleiros de estados emocionais, pero sempre distorsionado por ese filtro do contemporáneo místico.

Onde quedou a verdade?

En que momento nos convertemos nunha especie de autómatas, que nin sequera se expoñen os movementos que facemos? Dende o meu punto de vista hoxe en día a danza contemporánea ten un rumbo de clase. Está claro que hai actuacións en espazos públicos –como os museos-, pero…quen acode realmente a eses sitios? Para quen están creadas estas obras? A través dos anos, conseguimos facer sentir ás clases baixas deste país que son uns incultos que non entenden o significado intrínseco da danza, como se fósemos seres superiores e eles simples mortais incapaces de entender o significado da mesma.

Unha obra de arte debe ter sentido en si mesma e non estar acompañada dunha descrición larguísima onde tenta xustificarse. Se nestas só atopamos o culto ao bonito, a unha realidade  idealizada onde parecemos seres sen sentimento algún, onde non hai espazo para as problemáticas actuais, se se fai unha obra ao respecto disto, esta volve unha vez máis a pasarse por ese filtro, non hai un compromiso real, onde se faga sentir ao espectador o tipo de problemática que se quere reflectir.

A danza contemporánea leva anos enfocándose en quen pode permitirse pagar por vela ou estudala, en consecuencia, outras moitas persoas quedan atrás, sen representación. Quen ten acceso a este tipo de estudos? quen se pode permitir estar de bolseiro nunha compañía dedicándolle 8 horas ao día máis ás actuacións das fins de semana, cobrando apenas 200 € ao mes?

Gustaríame ser máis concreto, a danza contemporánea estase a enfocarse nas clases altas, a modernos adiñeirados que non son conscientes do que están a ver. E é normal, porque non están a mirar nada máis alá do conxunto de movementos creados para encaixar dentro dos seus canóns, para así poder saír e comentar o elásticos e áxiles que son os bailaríns. En ningún momento se prioriza a mensaxe, só o noso nivel de encaixe nos seus canóns de estética. Non hai cousa que odie máis que acabar unha actuación e que os comentarios só fagan referencia ao bonito do estilo, ao ben que bailan e á destreza coa que o fan, xunto a outros que só quedan na superficialidade do movemento.

Con isto non quero dicir que se faga dunha forma consciente, cantas obras hai sobre a fraxilidade do ser, sobre os  convencionalismos latentes? A estas habería que sumarlles outras moitas nas que só atopamos movementos, de feito, cantas obras que reflicten verdadeiramente esta sociedade podemos atopar? Cantos grupos minoritarios non están representados simplemente porque non entran no canón de beleza ou no estándar social? É máis, cantas destas persoas fóra da norma teñen oportunidade de aparecer nestas actuacións? Xa vos digo que isto só ten unha razón, e é que ao finalizar estas obras a xente prefire irse á súa casa con esa sensación de achegamento á beleza  canónica, e non co nó no estómago que produciría presenciar o reflexo claro desta sociedade.

Agora ben, pregúntome se a responsabilidade é nosa, dos espectadores? Como poderiamos crear un público crítico? Temos que achegar o pobo á danza, invadir as rúas, facerlles sentir que eles forman parte do que representamos, que é un medio de expresión no que entramos todas, todos e  todes. Que o público tamén pode ser intérprete, temos a obrigación de baixar a danza contemporánea do plano místico á realidade, a crear unha conexión real.

O mellor de todo é que o facemos sen darnos conta. Só nos dedicamos a crear unha obra tras outra, cantas máis ao ano mellor, máis diñeiro para a compañía, máis posibilidades de contratar bailaríns, de ter un espazo mellor para poder ensaiar … Iso permítenos facer máis obras, para así gañar máis diñeiro e asegurar o crecemento da compañía… Sóavos de algo?

Creo que a capitalización desta rama da arte lévanos a miles de producións baleiras, que só foron creadas pola necesidade de obter un beneficio económico, e que non teñen en conta que se di e moito menos como se di. Isto non implica que se faga dunha forma consciente só é pola necesidade de facer rendible o traballo que leva crear unha obra. O resultado disto é o de caer ante o peor inimigo que nos podemos atopar: a danza contemporánea  axeonllada ante o capitalismo. É o reforzo da mensaxe de que isto é o correcto, de que importa máis a cantidade de obras que a calidade destas, que é normal que o espectador non sinta nada ao finalizar unha actuación.

No momento en que as compañías de danza pasan de ser o soño dun mozo con mil ambicións a unha empresa, todo cambia, este vese forzado a entrar nesta roda do capitalismo voraz que ataca ao noso tempo. Aquí xórdeme outra pregunta: é a capitalización da danza o que nos levou a este punto, onde miles de compañías se ven afectadas pola situación actual, sen poder seguir nesta roda?

Con isto non quero  invisibilizar ás compañías que se deixan a pel porque esta arte chegue a todas. Compañías sen ánimo de lucro, que traballan con todo tipo de persoas e clases sociais, que se  predispoñen a proxectos sociais ou que se interesen polas persoas en risco de exclusión, que realicen algún acto de reivindicación social, etc. Son moitas as que loitan para que a arte regrese ao pobo e poder crear así un público crítico, ao que lle guste ver danza porque sinte que somos persoas coma elas, que quen capaces de empatizar coa situación na que se atopan.

Entón, por que son minoritarios estes proxectos? Non xeran o diñeiro suficiente? É unha boa escusa o diñeiro? Isto lévame a formularme (aínda máis) estas preguntas: Que nos interesa máis, que a danza chegue ao pobo ou gañar diñeiro da danza? Existe un punto intermedio?

Son consciente de que expoño teorías un pouco utópicas, pois ao final os bailaríns teñen que comer, pagar o alugueiro… pero, merece a pena pisar a arte só por isto? A nivel individual tentei que a danza non fose a miña fonte principal de ingresos, pois para iso tería que crear –primeiro- por obrigación e –segundo- ao gusto do consumidor, cousa que non me chama a atención. Considero que a danza é unha expresión libre que non debe estar atada a ningunha norma, canón estético nin moito menos á lei de oferta e demanda do mercado.

Dito isto, tamén me gustaría dicir que a danza doume, está a darme e darame os mellores momentos da miña vida. Coñecín a moitísima xente que traballa con colectivos de todo tipo e que cren, do mesmo xeito ca min, que non hai que deixar caer unha arte tan bonita cun papel social tan importante coma esta.

Non imos dar un paso atrás, a arte foi e será do pobo. Facede o esforzo de entender que son conceptos moi difíciles como para tratalos só nunha soa publicación; se vos interesa o tema, nun futuro bastante afastado, todo isto poderédelo atopar moito máis desenvolto en: “A arte (non) morreu, comeuna o capital.”

Ignacio David Valls Bordera, Técnico medio en danza contemporánea, graduado no conservatorio profesional de danza José Espadero. Sobrevivente.

0 comments on “Bailar o presente, reflexións en torno á danza contemporánea.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: