Sociedade

Unindo loitas: cara un ecofeminismo antiespecista

1. Introdución

En España sacrifícanse ao ano unha media de 850 millóns de animais non humanos para consumo alimenticio, do redor de 50 quilos de carne por persoa ao ano, máis do dobre do que recomenda a Organización Mundial da Saúde (A. L. S, 20 Minutos, 2019); paralelamente partidos como PACMA ou organizacións como Igualdade Animal vanse facendo oco nas nosas sociedades.

 En 2019 foron asasinadas 55 mulleres a mans das súas parellas, segundo Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, e estas seguen cobrando de media 4.915 euros menos que os homes, segundo o informe “Brecha salarial e teito de cristal” realizado polos Técnicos do Ministerio de Facenda; paralelamente o movemento feminista medra sen parangón nos últimos anos .

Doutra banda, seguindo os datos do Observatorio de Sustentabilidade, do redor de 314 millóns de toneladas de CO2 foron vertidas á atmosfera polo noso país neste mesmo ano; dende non fai moito, co novo estalido do movemento ecoloxista, millóns de mozos de todo o mundo están a demandar un futuro sostible e equitativo neste planeta baixo a consigna de que “non hai un planeta B”.

A empírea e as voces cidadás parece que nos están a amosar algo, os nosos ollos deberían mirar nestas direccións, pero sabemos que os datos sen politizar, sen pensalos eticamente, sen expor agravios ao redor deles, sen formular enunciados críticos e preguntas filosóficas, éticas, son só iso, datos. Sen contextos teóricos, sen xente que se pregunte o porqué de determinadas cifras, sen interpelacións, só estamos ante unha cifras máis.

Estas cuestións non son novas, nin faltas de importancia, estamos ante problemas de forte relevancia, que levan tempo sendo obxecto de discusión e disputa política ao longo da nosa historia. Dende Grecia, coñecemos que os Pitagóricos ou Órficos renunciaban ao consumo de carne ou á caza, e que o pensador Hesíodo teorizaba sobre a relación entre animais e xustiza (Flores Farfán, Linares Salgado, 2018); da mesma maneira dende eses anos coñecemos figuras femininas, como Hípatia ou Aspasia de Mileto, que se erixiron contra a situación que as relegaba a ser o Segundo Sexo, participando na ciencia, na filosofía e na política do seu tempo; así mesmo, o respecto pola natureza e as contornas humanas é algo que tamén podemos retrotraer á mitoloxía destes tempos.

Vemos polo tanto que o feminismo, o antiespecismo, e o ecoloxismo non son modas da actualidade, senón que son correntes de pensamentos e de demandas, movementos sociais e políticos que se remontan longo no noso percorrido histórico.

Podería parecer que as tres loitas expoñen problemas separados, e que se poderían tratar de xeito exclusivo a dominación sobre os animais, sobre as mulleres e sobre a natureza. De feito estas son posturas éticas e políticas comúns: o feminismo, o ecoloxismo ou o antiespecismo. Seguindo esta separación, esta podería ser a forma en que afrontaramos estas conxunturas e desenvolvamos o noso argumento, con todo, aquí propoñeremos un enfoque que trate de extraer lazos comúns entre as devanditas formas de dominación e as súas correspondentes demandas; vendo se é posible articular conxuntamente a crítica e apelacións que proveñen desde o feminismo, o ecoloxismo e o antiespecismo.

A bibliografía sobre estes temas é extensa, pero tratando de sintetizar, situaremos o debate do redor de dúas posturas, por unha banda, temos o ecofeminismo da care tradition, que en moi resumidas contas, trata cuestións como a relación entre a cultura dos coidados, afectos, simpatías… historicamente asociada ás mulleres, e a protección da natureza e os animais non-humanos, equiparando en canto a consideración moral, á natureza e aos animais non-humanos (Faria, 2016). Por outro lado, unha postura máis centrada na individuación sentinte, na relevancia moral dos individuos que senten, como é a da pensadora Catia Faria, que fai fincapé en dous elementos: primeiro, en igualar a discriminación e opresión sexista e especista e as súas demandas de igualdade, e segundo, en diferenciar -e aquí reside a súa principal disparidade co ecofeminismo- a consideración moral que ten da natureza e os animais; dándolle unha maior relevancia aos segundos, pola súa capacidade para sentir, para ter experiencias agradables ou desagradables, e pola cantidade de sufrimento que se dá na natureza por parte dos animais.

Isto invitaríanos a pensar que a natureza non é un lugar para adorar e idealizar, como sinala Faria que fan algúns ecofeminismos, e que, requiriría de certas intervencións na mesma se o que nos preocupa é construír unha sociedade de coidados e benestar, como defende o propio ecofeminismo (Ibíd.). De feito, nos seus últimos escritos, a autora portuguesa defenderá claramente a incompatibilidade entre a loita antiespecista e a ambientalista, canos menos nos termos que ela a sitúa (Faria, 2019).

Nós adoptaremos esta última postura, a de Catia Faria, a dun feminismo antiespecista, centrado nos individuos e a sintiencia, pero tentando -se é posible- buscar un maior trato da problemática ecolóxica, máis en concreto, traendo á colación achegas do ecosocialismo, apenas desenvolta nesta postura, que cremos que pode aportar achegas á concepción que ten Faria do ambientalismo, e que expón problemas como (Máiz,2011, cap.5):

1) o tratamento da crise político-social-ecolóxica do cambio climático: é dicir, a necesidade de atender á contorna que se abriu dende o pasado século, é que como apuntan diversos informes do IPCC, fará que a terra comece a ser practicamente inhabitable a partir da década dos anos 50 se non reducimos as emisións de CO2 a 0 antes do 2030, desencadeando así unha competencia feroz polos lugares máis habitables, na que os sectores con mais recursos serán beneficiados desta disputa, deixando os continentes e lugares mais devastados para aquela persoas e animais con menor posición na estrutura social. 

2) a hipótese da escaseza: a idea de sustentabilidade ou de vivir de acordo a límites materiais da natureza, dotada esta dunha certa consideración moral, sempre que a súa consideración non choque coa preservación de individuacións sentintes.

3) a igualdade entre xeracións e interxeracional, é dicir, a repartición equitativa da pegada ecolóxica tanto entre individuos dunha mesma xeración, como entre os individuos de xeracións futuras, e estes entre eles, que permite un igual goce de oportunidades e benestar e a garantía dun planeta habitable e disfrutabel no futuro, entre outras moitas consideracións que veremos máis adiante.

Isto leváranos a poñer en xogo dúas accións, en primeiro lugar, a inclusión do pensamento ecolóxico nas posturas feministas e antiespecista, ampliando o seu horizonte de preocupacións ao redor das cuestións que abre a conxuntura do cambio climático. En segundo lugar, a inserción da ecuación antiespecista no ecoloxismo, incluíndo no tratamento da equidade da pegada ecolóxica e a consideración das xeracións futuras, aos animais non-humanos e as súas necesidades, tanto en relación cos humanos como na súa relación co sufrimento na natureza, promocionando un vivir de acordo aos límites e a conservación da natureza respectando a igualdade entre os animais non-humanos de hoxe e de mañá.

2. Construíndo o argumento

2.1 Introdución

Como vimos, o propósito deste ensaio é construír unha argumentación que nos permita engarzar, da maneira máis cohesionada posible, as loitas feministas, antiespecistas e ecoloxistas. Para iso, dividiremos o apartado en varias seccións e subseccións.

Primeiro, conceptualizaremos o que entendemos por ecofeminismo, introducindo de forma sistemática as diferentes posicións que coexisten dentro do ecofeminismo, centrándonos principalmente en dúas: (1) a denominada como the feminist care tradition, e (2) a posición que asociamos coa postura da autora Catia Faria, descartando (3) as posicións ecofeministas de corte antropocéntrico, ou que non teñen en conta a cuestión animalista por non facer fronte ao propósito deste traballo –unificar as tres loitas que aquí consideramos-.

Neste sentido, o relevante será entender os puntos de diverxencia e achegamento entre estas posturas éticas. Como resultado de todo isto, e como anunciamos ao longo da introdución, a postura que adoptaremos dentro destas correntes será a da autora Catia Faria: un ecofeminismo marcadamente antiespecista centrado na individuación sentinte como fonte de valoración moral, fronte a enfoques máis holísticos, ou que consideran á natureza como un aliado das mulleres e os animais.

En segundo lugar, elaboraremos a que consideramos a cuestión central do traballo: tentaremos pensar como é posible articular a posición anterior cun ecoloxismo forte, que se faga cargo de todas as problemáticas que xorden por mor da crise político-social- ecologica do cambio climático. Como vimos na introdución, a priori sería complexo articular dúas posturas, que no caso de Catia Faria, só ten en consideración as individuacións sentintes, e respecto da segunda, en principio ten que dotar dun certo valor moral á natureza, aínda que sexa soamente instrumental, para a preservación sostible e equitativa da contorna na que se desenvolven as individuacións sentintes, tanto humanas como non-humanas.

2.2 Expoñendo as posturas éticas: 1) the feminist care tradition; 2) a postura de Catia Faria

Comezaremos con aquela tradición, the feminist care tradition, que asocia o ecofeminismo coas posicións éticas que máis alá de relacionar a dominación da natureza e as mulleres coa dominación patriarcal –o ecofeminismo antropocéntrico ou máis tradicional-, fan unha análise do especismo intersecionándoo con outras formas de dominación e discriminación, como o sexismo, o racismo, a heteronormatividade, o colonialismo ou o capacismo, sinalando as estruturas de poder e dominación comúns que fan posible estas formas de disparidade cos suxeitos dominantes: os homes cisheteros brancos (Faria,2015:469).

Esta teoría ética faríase cargo do que sería -en palabras das súas propias autoras- un déficit ou falta de atención á hora de entender conxuntamente as estruturas que permiten a explotación das mulleres, os animais e que degrada (Adams,  Gruen, 2014): o  patriarcado ou certas formas de  cartesianismo occidental (Donovan, Adams, 2007:2), é dicir, da prevalecencia da relación suxeito metafísico dominante ao que se lle mostra como obxecto as cousas, a rex extensa, que debe dominar e controlar a través das formas de pensamento calculador que criticou Heidegger na súa obra, entre outras, Serenidade (Heidegger,2002), e que se desenrolan no nacemento da modernidade con Descartes.

Este enfoque desenvolverá unha proposta basada no recoñecemento do valor moral das mulleres, os animais e a natureza, cimentada sobre a moralidade do coidado, as relacións afectivas, a responsabilidade, a situacionaldiade ou a atención ás condicións concretas onde se dan os casos de dominación e discriminación, as emocións, como a compaixón, a empatía ou a simpatía.

Desta maneira, tratará de enfrontarse ás que serían as formas dominantes e masculinas de pensar a ética, baseadas pola contra na xustiza, os dereitos, as regras e as formas máis abstractas, así como a racionalidade fronte ás emocións, sen deixar de lado estas dimensións, pero si poñendo o foco sobre que estas formas converten á reflexión nunha ferramenta menos situada, máis abstracta e individualista (Adams,  Gruen, 2014) (Adams,  Donovan, 2007).

Neste sentido, este pensamento viría a romper coas vellas dicotomías, home/animal, home/muller, cultura/natureza, mente/corpo, razón/emoción, instaladas nalgunhas das reflexións contemporáneas, que provocarían a priorización ou dominación das primeiras dimensións sobre as segundas, é dicir, do home sobre o animal, da razón sobre as emocións, etc (Adams,  Gruen, 2014:3).

Quizais o interesante para o obxecto que aquí tratamos, a nota dominante sobre esta tradición, preséntanola precisamente a autora que aquí expoñemos como alternativa,  Catia Faria, nun artigo seu no que analiza un dos libros onde se sistematiza a tradición do coidado: “one  of  their  major  assumptions ( present  across  different  chapters):  the idea  that  the  primary  oppressive  force  of  both  women  and  other  animals  is  patriarchy  and  that  the  best  way  to  neutralize  this  imbalance  is  to  become,  in  short,  allies  with  nature” (Faria,2015:471).

É dicir, para o conxunto de autoras que atopamos nestes compendios ecofeminista, natureza, animais e mulleres serían suxeitos portadores de formas de opresión similares, e o patriarcado basicamente e a forma de combatelo converteríase nun suxeito aliado. É esta asunción, e así imos entrando no pensamento da autora portuguesa, a que poñería en cuestión Faria: segundo afirma no mesmo artigo, as mulleres e os animais non son seres idénticos á natureza, pois os dous primeiros posúen capacidade para a sintiencia, para experimentar experiencias de forma positiva como negativa, o que lles daría unha relevancia moral diferente.

En segundo lugar, tamén afirma que a esta tradición pódeselle obxectar que basearse nunha consideración moral dos animais (ou das mulleres) en emocións como a simpatía, fai que esta dependa dunha facultade que non todo o mundo ten porque experimentar cara a eles, ou que se experimente con máis intensidade cara a uns determinados individuos (os cans por exemplo) e non cara a outros. Configuraríase unha base non tan  universal como a que ela propón para a consideración moral: a consideración dos animais como suxeitos con intereses relevantes, igual que as mulleres (Ibíd:470-471).

En terceiro lugar, conectando os dous puntos anteriores, a autora pon de manifesto, en relación coa suposta alianza entre animais e natureza, que moitas veces danse conflitos de intereses entre estes e a natureza, pois a natureza, como afirmamos na introdución, non sería un  páramo tan  idílico e  defendible como postulan estas autoras da ética do coidado, nela danse enormes cantidades de sufrimento por parte dos animais humanos, que requiriría unha intervención para evitalo; o que para moitas delas sería unha intervención considerada como patriarcal, dominante e  antropocéntrica (ibíd:473). Con todo, se nos chegamos aos postulados básicos do ecofeminismo, isto é, “to  create  glimpses  of  health  and  joy” (ibíd.), non habería nada de negativo en facer intervencións que cren un maior benestar para os animais que habitan na natureza.

Observando as diferenzas entre estas dúas tradicións e os seus principais supostos, podemos penetrar con máis en profundidade no pensamento de Catia Faria, para o que nos faremos cargo dalgunhas consideracións dun artigo seu, o persoal é político: feminismo e  antiespecismo (Faria, 2016).

A primeira xa a observamos parcialmente, trátase daquela consideración que presenta algunhas das súas diferenzas co ecofeminismo, pois por moi imbricados que sexa a presentación das autoras ecofeministas, os animais e á natureza son para Faria diferentes e non necesariamente aliados dada capacidade de sintiencia dos primeiros, o que os fai individuos con intereses relevantes, de non sufrir, non morrer e de gozar das súas vidas (ibid:24), gocen unha consideración moral diferente á da natureza.

Ademais, polas formas naturais de reprodución que se dan no medioambiente e os recursos finitos que hai no mesma, o natural -a diferenza do que postulan algunhas autoras  ecofeministas- sería un lugar máis de sufrimento que de benestar animal, razón pola que nos di que “a natureza non é algo ser admirado, celebrado ou tomado como modelo moral (…) se a natureza é a maior fonte de sufrimento e morte de non humanos, entón parece que os danos naturais debes ser tamén obxecto da preocupación ecofeminista” (ibíd:30.). Configuran así un novo paradigma de intervencións na natureza feminista e  antiespecista, que se distancia das formas tradicionais antropocéntricas e masculinas, e polo tanto dominadoras, que axudan a reducir o máximo posible o malestar animal nas flores ( ibíd.:31).

A segunda consideración serve como ponte para tecer alianzas entre as formas  antisexista e antiespecista. Para  Catia Faria existirían similitudes estruturais nas formas de discriminación, desigualdade e opresión que se dan ás mulleres e aos animais por parte dos suxeitos dominantes: os homes brancos  cishetero, vexamos brevemente esas similitudes.

En canto á discriminación, tanto o  sexismo como o  antiespecismo, serian formas de discriminación moral, formas de non ter en conta os intereses relevantes de determinados individuos, que se basean en criterios morais arbitrarios como a especie ou o xénero, polo que son similares e teñen que ser defendidas conxuntamente. Ambas serían formas de discriminación por non pertencer á especie e xénero dominante, o home  cishetero branco (ibíd.:25), polo que “é necesario entender que, se nos opoñemos a unha forma de discriminación necesariamente debemos opoñernos a todas as discriminacións e non só cando lles  afectedes resultan ser membros da especie humana”. Tratando agora a desigualdade, esta refírese non só ás consideracións de discriminación, de non poñer atención nos intereses de determinados individuos, senón na repartición desigual que se da en determinados bens e servizos; é dicir, estamos ante unha cuestión de xustiza social e política.

Neste sentido, tanto mulleres como animais vense tratados desfavorablemente nesta repartición, polo que unha loita pola igualdade real levaríanos -non só- á igual consideración dos intereses de todos os individuos, senón á defensa dunha igual repartición (ibíd.:25-27).

Por último, tanto animais como mulleres vense igualmente oprimidas, subordinadas, tanto pola non atención aos seus intereses e a objetivización, como polo seu mero tratamento como elemento de uso, a través da  erotización que se lle dá a moitos dos animais e a  animalización que se lle dá ao corpo das mulleres. Ambos son participes da opresión que supón a existencia dunha masculinidade cishetero baseada no consumo da carne e a consideración das mulleres como un obxecto meramente sexual (Adams,1990; 2016, ibídsupra.).

A última das consideracións do pensamento da autora portuguesa refírese a unha defensa militante, levar ata o límite do seu significado a consideración de que o persoal é político, de que debemos defender na esfera privada aqueles valores que defendemos no ámbito político ou público, rompendo así coa dualidade privado/publico e tendo que politizar moitas desas decisións que antes considerabamos como pertencentes ao ámbito do privado: a alimentación, as relacións con outras persoas en base aos valores que defende, a procreación, etc. O tempo que dedicamos a unhas ou outras accións é tempo que podemos dedicar ou non á defensa de suxeitos oprimidos, no caso da procreación Faria defende que unha verdadeira loita  antiespecista debe considerar que o tempo dedicado a esta é tempo que deixamos de axudar, por exemplo, aos animais, coas consecuentes implicacións éticas da nosa acción (ibíd.:31-36).

Expoñendo os elementos centrais do  ecofeminismo  antiespecista e as súas principais diferenzas, pasamos agora a expor cales consideramos ao noso xuízo que son os seus déficits.

2.3 Un déficit ecolóxico?: a ausencia dun tratamento profundo no  ecofeminismo  antiespecista á cuestión do cambio climático.

A posición de  Catia Faria:

A posición de Catia Faria amósase como toda unha postura argumentativa relevante para articular o feminismo co antiespecismo, con todo, atopamos un baleiro teórico no referente á cuestión ecoloxista, na conxuntura que se abre a partir da crise do cambio climático. O obxectivo deste apartado será ver se podemos encher ese baleiro, tratando de ofrecer certos argumentos que permitan aglutinar as tres loitas nun conxunto teórico-práctico. Para iso abordaremos cal é a postura da autora portuguesa neste sentido, e posteriormente elaboraremos os que consideramos son os pasos necesarios para elaborar un ecofeminismo  antiespecista verdadeiramente ecolóxico.

Ata o de agora vimos como a autora portuguesa defendía certa separación con algunhas formas de  ecofeminismo. Nos últimos desenvolvementos dos seus escritos,  Catia Faria non só defenderá isto, senón a incompatibilidade de todas as posturas éticas  antiespecistas con todas as posturas éticas ambientalistas (Faria, 2019). Esta incompatibilidade residiría primeiro, en que algunhas das posicións ambientalistas e algunhas das posicións  animalistas son incompatibles, pois unhas só defenderían a relevancia moral das entidades e procesos naturais (ambientalistas estritas), mentres que as outras apelarían unicamente ás  individuacións sentintes (animalistas estritas), co cal ambas se referirían a un criterio de consideración moral incompatible (ibíd.:5).

Aínda así, poden existir posicións que complementen a apelación ás individuacións  sentintes coa apelación ás entidades naturais e viceversa. Faria VAI máis alÁ desta diferenciación, argumentando que todas as posicións éticas ambientalistas e todas as posicións éticas animalistas son incompatibles, pois terían consecuencias normativas inconmensurables e consecuencias prácticas diferenciadas ( íbid.:6-7). Segundo a súa  conceptualización, todas as posicións ambientalistas defenderían que os intereses das entidades naturais holísticas son máis relevantes que os intereses das individuacións  sentintes, mentres que as  animalistas defenderían o contrario, o cal, á parte de xerar unha incompatibilidade normativa, xeraría respostas diferentes a posicións prácticas como a da intervención na natureza: os  animalistas estarían en contra por exemplo do control poboacional de especies invasoras, e os ambientalistas da intervención na natureza para evitar o dano ou sufrimento animal ( ibíd.:7).

A nosa posición:

Queda clara a incompatibilidade destas dúas posicións éticas, agora ben, todas as posicións éticas ambientalistas, ou por utilizar un concepto máis amplo, ecoloxistas, se reducen a estes supostos? Parece claro que a resposta é afirmativa cando estamos a aseverar que a posturas ecoloxistas apelan dunha ou outra maneira á relevancia moral das entidades naturais, pero na miña opinión non queda tan claro que todas as posicións priorizarían os intereses da entidades naturais sobre as  individuacións sentintes.

Como diciamos na introdución, o primeiro paso para construír un  ecofeminismo  antiespecista verdadeiramente ecolóxico e verdadeiramente antiespecista require a introdución da ecuación animalista no pensamento ecoloxista ou ambientalista, é dicir, centrar e priorizar a consideración moral na  individuación  sentinte, tanto non-humana como humana, e ampliala sempre que non resulte incompatible, á entidades e procesos naturais. Desta maneira, se temos que intervir na natureza para evitar o dano aos animais, farémolo dunha  forma reducindo o sufrimento non-humano.

Da mesma maneira, o  antiespecismo debe ampliar o seu horizonte de consideración cara ás entidades naturais, pois estas posúen un valor instrumental para a preservación dos seres vivos, son o ámbito do seu desenvolvemento ao mesmo tempo que terían unha consideración intrínseca para moitos dos individuos sentintes, neste caso humanos amantes das contornas naturais, pois estes formarían parte da súa cultura, serían ámbitos de admiración estética, ou simple e sinxelamente, parte de si mesmo e xerador de vínculos afectivos, pois como dicía Marx “so ou  home social  é consciente dá entraña humana dá  natureza  pois  só  entón se  lle presenta como  aquilo que ou vincula  aos  demais seres humanos…  só  entón se  converte a  natureza  na base dá  súa propia existencia humana”(Máiz,2011).

Por outra banda, o  ecofeminismo  antiespecista que aquí expomos, debe dar outro paso, o de facerse cargo das cuestións provenientes do  ecosocialismo, ou da preocupación pola vida e a conservación da natureza dunha maneira equitativa para todos, neste caso dando o paso de complementalo coa incorporación de todos os seres sintientes de agora e de mañá. Esta posición preocuparíase por encher algún dos ocos que deixaba a postura de Faria (Máiz,2011, cap.5):

1) o tratamento da crise político-social-ecolóxica do cambio climático

2) a hipótese da escaseza

3) a igualdade entre xeracións e interxeracional

Podemos sintetizar esta postura na figura de Riechmann, un esquema dos elementos que debería priorizar unha postura coma esta: intereses das  individuación  sentintes desta xeración, dunha forma equitativa á da seguinte xeración e por ultimo as necesidades de segunda orde destas  sintenzas. Doutra banda, a razón pola que conservar o capital natural: por motivos relacionados coa preservación desas  individuacións  sentintes, ao que se lle poden engadir meta-motivos como a valoración intrínseca e estética de determinadas formas naturais )sempre que non danen á sintenzas) e o xeito de facelo: renovándoo, substituíndoo ou protexéndoo, é dicir, intervindo nel, na natureza (Riechmann, 2003:2006).

Vemos que esta postura é perfectamente compatible coa defensa do  antiespecismo e o feminismo, e poli tanto pode encaixar coa postura que esbozamos anteriormente de  Catia Faria. Cremos neste sentido que podemos atopar un certo equilibrio entre os tres argumentos, que permitirá unir así os esforzos pola loita por un planeta mellor para todos os seres humanos, as mulleres e os animais non-humanos.

3. Posibles obxeccións ao argumento

Neste apartado presentamos algunhas das obxeccións que cremos que poden aparecer na nosa argumentación, tratando de contestalas:

1) Todas as posturas ambientalistas son incompatibles coas animalistas: como vimos expondo, consideramos que se precisamos cales son os obxectos de relevancia moral e a súa prioridade -neste caso  sintiencias e natureza, priorizando a  sintiencia-, podemos facer compatible algunhas destas posturas.

2) A preocupación x é máis importante que a y: esta obxección parte da defensa de que algunha das loitas é máis importante que outra. Nós consideramos que están  imbricadas: sen contorna natural non hai espazo para o desenvolvemento das sintiencias, sen  sintiencias non hai un suxeito capaz de darlle valor á contorna natural e defendelo, mulleres e animais sofren por igual, e as súas loitas deben ser equiparables e simultáneas.

3) Unindo as causas difumínanse os obxectivos: esta obxección viría a dicir que tratar de aglutinar tantos obxectivos fai que que estes se difuminen. Pola contra, nós cremos que seguir a idea de que o persoal é político implica defender unha maneira de actuar sustentable, feminista e  antiespecista no ámbito privado, o que lonxe de difuminar os obxectivos conéctaos e refórzaos. Outra cousa é que logo no activismo e a participación certas persoas poidan especializarse máis nunha rama da loita que noutra, pero sempre tendo presente, que as tres esixencias son iguais, e deben defenderse de forma simultánea e articulada tanto no ámbito público como no privado.

4. Liñas de investigación que se abren

Por último aquí presentamos cales son os camiños que se abren a raíz da construción deste argumento. Por unha banda, existe todo un mundo de posibilidades á hora de deseñar políticas públicas que incorporen ás mulleres en postos de relevancia, e a discusión pública na toma decisións sobre cuestións ecolóxicas para facer fronte ao cambio climático. Como defenden as ecofeministas do coidado, algúns comportamentos femininos tendenciais como a incorporación das emocións ou a  situacionaldiade poden aportar un novo enfoque e ampliar as miras á hora de tomar novas decisións.

Por outra banda habería que pensar como conxugar os problemas de  superpoboación e os efectos que teñen no cambio climático, coa defensa da relevancia moral dos seres  sentintes, posicións como a de  Catia Faria en contra da reprodución (Faria,2016) poden ser unha solución. En terceiro lugar, ábrense dilemas en canto á utilización de seres  sentintes, como os vermes para a eliminación de micro-plásticos, unha dos elementos chave da contenda  ecologica. Un ecoloxismo antiespecista debe buscar sempre solucións que non impliquen a utilización ou explotación de seres con capacidade de ter experiencias.

En temas de xustiza social e política, queda todo un camiño por pensar sobre as políticas públicas que permitan distribuír e redistribuír de forma equitativa os recursos finitos entre os animais humanos e non humanos desta xeración e das seguintes.

5. Conclusións

No presente traballo elaboramos un argumento que trata de unir baixo un mesmo paraugas as loitas feministas, ecoloxistas e  antiespecistas. Para iso revisamos os postulados do  ecofeminismo  antiespecista, tanto  the  feminist  care  tradition como o pensamento da autora Catia Faria, poñendo de manifesto a necesidade de profundar máis nas cuestións ecoloxistas que xorden a raíz da crise político-económica-social- ecoloxica do cambio climático. A nosa exposición queda agora sometida á proba do mellor argumento e da emoción mellor invocada.

O tema pode parecer algo abstracto e afastado da realidade, pero a recente prohibición da caza do lobo ilustra na práctica moitas das cuestións que tratamos o longo deste traballo. Neste debate encontramos unha oposición aparente entre a interacción de dous individuacións sentintes: por un lado os intereses dos gandeiros e a preservación dos seus ecosistemas, e por outro a conservación da vida dos lobos.

Na miña opinión, o debate polarizouse en torno a dous posturas que parecen inconmensurables, reducíndose a dos gandeiros a seguinte: a caza do lobo como única alternativa para a preservación da gandaría. Non hai outras posibilidades de intervención na natureza, como as que defende Faria, que permitan preservar o benestar dos animais ao tempo que se respectan os intereses (especistas) dos gandeiros? Ao meu parecer a resposta é clara, unha política activa por parte dos concellos con inversións que permita desenvolver barreiras e proteccións para as granxas, ao tempo que se unha política de alimentación para os lobos que os desincentiven a cazar a gandería podería.

Queda á marxe pensar un tempo na que as granxas destinadas á alimentación especista dos humanos fiquen no esquecemento, e os únicos conflitos nos que os humanos teñamos que intervir sexan entre animais non-humanos en réxime de liberdade e benestar na natureza. Un tempo no que a máxima de que o persoal é político permita unha forma de vivir na que as nosas decisións non sexan a condición da ausencia de decisión de outros, humanas ou non humanas.

6. Bibliografía

Adams, C. and Gruen, L., 2014. Ecofeminism: Feminist Intersections with Other Animals and the Earth. London: Bloomsbury.

Adams, C., 2016. La política sexual de la carne. [S.l.]: Ochodoscuatro Ediciones.

Donovan, J. and Adams, C., 2007. The feminist care tradition in animal ethics. Columbia University Press.

Faria, C. and Paez, E., 2019. It’s Splitsville: Why Animal Ethics and Environmental Ethics Are Incompatible. American Behavioral Scientist, 63(8), pp.1047-1060.

Faria, C., 2015. Women, nature and nonhuman animals: natural allies? Ethical Perpectives 22, 3.

Faria, C., 2016. Lo personal es político: feminismo y antiespecismo. Revista Latinoamericana de Estudios Críticos Animales, II.

Flores Farfán, L. and Linares, J., 2018. Los Filósofos Ante Los Animales. Ciudad de México: Almadía.

Heidegger, M. 2002. Serenidad.  Barcelona: Ediciones Serbal

Máiz Suárez, R., 2011. A Arte Do Imposible. [Santiago de Compostela]: Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Riechmann, J., 2003. Todos Los Hombres Somos Humanos. Ensayos Sobre El Lugar De Los Animales En Las Sociedades Industrializadas. Granada: Universidad de Granada.

SOBRE O AUTOR

Arturo Cabrero Lozano é graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Actualmente cursa o máster da mesma universidade en Filosofía, Coñecemento e Cidadanía. Os seus intereses abranguen todo o ámbito do pensamento filosófico e científico político centrándose principalmente na teoría política. Actualmente é activista do movemento Fridays For Future en A Coruña.

0 comments on “Unindo loitas: cara un ecofeminismo antiespecista

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: