Sociedade

A violencia do invisible. Unha radiografía da desigualdade de xénero na saúde mental

A saúde mental é moito peor nas mulleres que nos homes. A práctica totalidade da literatura científica concorda nisto.

Os  resultados das  investigacións que analizan a incidencia da enfermidade mental na poboación achegan unha e outra vez  os mesmos resultados: as mulleres duplican aos homes en diagnósticos de ansiedade e depresión e tamén teñen maiores probabilidades de ser diagnosticadas de trastorno límite da personalidade e trastornos da conducta alimentaria. Soamente son superadas por eles en consumo excesivo de substancias (Bacigalupe et al., 2020).

Galicia non é unha excepción. O último estudo do 2017 do Servizo Galego de Saúde concluíu que as mulleres  teñen un risco máis de dúas veces superior ao dos varóns de padecer trastornos do estado de ánimo. Tamén as mulleres teñen máis intentos de suicidio (Mateos Álvarez e Gómez Beneyto, 2017).

Por outra banda, a situación social provocada polo momento pandémico está tendo como resultado un incremento preocupante dos diagnósticos de ansiedade e depresión entre a poboación. Entre os factores de risco para sufrilos: “ser muller” (Parrado-González e León-Jariego, 2020).

Que hai detrás destas desigualdades na saúde mental? Por que as mulleres temos peor saúde mental e máis risco de padecer ansiedade e depresión que os homes? Nunha primeira instancia, poderiamos pensar en dúas posibles respostas: a primeira, que efectivamente as mulleres temos peor saúde mental; a segunda, que a definición dos trastornos e a medición da saúde mental presenta un nesgo de xénero que deriva en que nós sexamos máis diagnosticadas ca eles.

Se nos decantamos pola primeira resposta, atoparemos argumentos de sobra para sotela. Non é sorprendente que as mulleres teñamos peor saúde mental cando as nosas oportunidades laborais e vitais se ven a miúdo limitadas e precarizadas (a pobreza ten faciana de muller), cando se nos discrimina e se nos violenta sistematicamente, se nos bombardea con cános de beleza imposibles de acadar e se nos educa para compracer e coidar aos demais, moitas veces á costa da nosa propia saúde. Nesta dirección, diversos estudos científicos confirman que entre os factores de risco para padecer algunha enfermidade mental se atopa ter baixos ingresos, coidar diariamente dalgún enfermo e sufrir violencia física ou sexual, realidades vividas por moitas mulleres -e de modo máis intenso dende a aparición da covid19-. Ademais, a intersección de diversas fontes de desigualdade incrementa o risco de padecer problemas de saúde mental, de forma que as mulleres migrantes, de baixa clase social ou con menor nivel educativo están entre os colectivos máis vulnerables (Rocha et al., 2010).

Chama a atención que, pese á evidencia científica destas cuestións, na práctica médica non se lles adoite prestar atención, esquecendo repetidamente indagar no contexto familiar e social da muller, ou peor, chegando a desacreditala cando alega acoso, discriminación… ou simple desbordamento pola cantidade de cargas familiares. A perspectiva de xénero na medicina e en concreto na psiquiatría segue a brillar pola súa ausencia. Do mesmo xeito, moitísimas investigacións seguen a “esquecer” a variable de xénero nas súas análises.

Por iso,  precisamos afondar nas distintas formas en que se manifesta a desigualdade de xénero e analizar os distintos lugares dende os que operan as violencias estrutural e simbólica que teñen como diana os nosos corpos. Estas violencias, ás veces tan invisíbeis, mais non por iso menos perniciosas, inmíscense na institución sanitaria, na ciencia médica e na psiquiatría, para influír na definición dos trastornos, na investigación científica, na práctica médica e, tamén, nos diferentes métodos de diagnóstico.

Patoloxización do indesexable

Non é nada novo que o diagnóstico psiquiátrico sempre estivo vinculado á definición social da loucura e das conductas indesexables. As conductas indesexables nunca son casuais: coinciden coas dos colectivos máis discriminados socialmente. Neste sentido, os grupos maiormente psiquiatrizados sempre foron os máis oprimidos: as mulleres, as persoas racializadas, de baixa clase social, gays, lesbianas, trans…E, en xeral, todos colectivos con identidades disidentes e, por ende, atravesados polo patriarcado.

A “histeria feminina” manifesta como as definicións médicas non son imparciais e se teñen empregado para perpetuar a subordinación das mulleres. Phyllis Chesler, no seu celebérrimo libro “Mulleres e loucura”, pioneiro en abordar o nesgo de xénero na psiquiatría, considera que a loucura e os psiquiátricos funcionaron tanto como “castigos por ser muller, como por atreverse a desexar non selo”(Chesler, 2019, p.76). Dito doutro xeito: tanto as mulleres que se pregaban aos roles do seu xénero como as que se atrevían a desafialos, corrían o risco de ser diagnosticadas.

Deste modo, a construción da muller como louca serviu historicamente para apartala dos lugares de poder, encerrala, controlala e violentala, como manifestan multitude de exemplos históricos de mulleres talentosas como Virginia Woolf, Sylvia Plath, Zelda Fitzgerald…Que foron tratadas de xeito espantoso polos seus maridos e polos psiquiatras.

Na actualidade, o modelo estándar de saúde mental continúa a ser un modelo androcéntrico, no cal os estereotipos masculinos continúan a estar asociados coa boa saúde mental, e os estereotipos femininos coas características patolóxicas.

Sobrediagnóstico de patoloxías mentais e sobremedicación das mulleres

Este modelo androcéntrico da saúde mental deriva na psiquiatriazación de multitude de procesos naturais das mulleres (o síndrome premenstrual é un claro exemplo), impacta na definición de certos trastornos (aquí poderiamos incluír o trastorno límite, moito máis diagnosticado a mulleres) e inflúe na elaboración dos test de diagnósticos de trastornos como a ansiedade e depresión, nos cales se da prioridade ás manifestacións do malestar asociadas ás mulleres.

O informe SESPAS do ano 2020 da Universidade do País Vasco confirma este nesgo dos instrumentos psicométricos:

“O Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais (DSM) foi criticado por definir características tipicamente masculinas (como a asertividade e a autonomía) como un estado de saúde mental saudable, mentres que o comportamento tipicamente feminino, baseado na expresividade emocional, preséntase como un problema” (Bacigalupe et al., 2020, p.64).

As consecuencias desta tendencia non son baladís: córrese o risco de infradiagnóstico nos homes e de sobrediagnóstico nas mulleres que, a síntomas similares e niveis de gravidade similares aos deles, son moito máis catalogadas con problemas de ansiedade e depresión.

Da man deste sobrediagnóstico, outro dos resultados deste nesgo de xénero na psiquiatría é a maior prescrición de psicofármacos ás mulleres. Concretamente, son medicadas con ansiolíticos e antidepresivos o dobre que os homes, descontando o efecto de que sexan máis diagnosticadas. Como indica o mesmo informe SESPAS: “incluso a igualdade de diagnóstico ou sintomatoloxía e número de consultas realizadas, as mulleres son medicadas con maior frecuencia” (p.64).

Infradiagnóstico de doenzas físicas

Outra das violencias que pode sufrir unha muller que acude a consulta é que se infravalore o seu malestar físico e, en consecuencia, non se lle fagan probas físicas suficientes. Está sobradamente demostrado que a sintomatoloxía de certas patoloxías físicas é diferente nas mulleres, pero o androcentrismo médico non tivo en conta estas diferencias. E, ante a ignorancia, o máis usual é negar a existencia dun problema ou, de xeito alternativo, catalogalo coma un problema psiquiátrico. Polo tanto, ao risco de sobrediagnóstico de problemas de saúde mental en mulleres, súmase o risco de infradiagnóstico de enfermidades físicas.

Persoalmente non teño que ir moi lonxe para ver exemplos deste tipo. A miña propia avoa, cando hai un par de anos pediu cita no médico por un profundo cansanzo e dificiultade para respirar, foi diagnosticada cun ataque de ansiedade e fóronlle prescritos ansiolíticos para tratalo. Ao día seguinte ingresaba no hospital cun trombo no pulmón. Case non o conta. E este non é un caso illado.

Por outra banda, como explica a médica e endocrinóloga especialista en medicina con perspectiva de xénero Carme Valls Llobet (2020) no seu libro “Mulleres invisibles para a medicina”, existen diferentes carencias e patoloxías físicas en mulleres que poden causar ansiedade ou depresión. Por exemplo, é común que a anemia ferropénica estea detrás dos problemas de ansiedade, e que o hipotiroidismo e a dor crónica provoquen depresión. Por iso, é fundamental someter ás pacientes a exames diversos para descartar patoloxías físicas antes de facer un diagnóstico psiquiátrico.

Enfoque biopsicosocial e feminista da saúde mental

De todas estas razóns expostas extráese unha clara conclusión: falta perspectiva de xénero na medicina en xeral e na psiquiatría en particular. Moita perspectiva de xénero. E isto deriva en violencias que algunhas veces non teñen claros culpables, pero si evidentes prexudicadas. Porque non só a violencia física fai dano: as ausencias, os esquecementos, os nesgos, asuncións e tópicos tamén teñen consecuencias nefastas.

Voltando á pregunta do principio: “por que as mulleres temos peor saúde mental?” Eu decántome por mesturar as dúas respostas: as mulleres temos peor saúde mental polas condicións da nosa existencia, mais tamén existe un nesgo de xénero na psiquiatría que fai que se nos considere máis enfermas e trastornadas e que se nos medicalice máis.

Calquera persoa que teña transitado por un problema de saúde mental sabe que para ter unha completa recuperación son imprescindibles certos recursos coma o apoio social e a atención psicolóxica. Os psicofármacos poden ser un recurso importante para moitas persoas, pero que sexan a primeira e única opción de tratamento, especialmente no caso das mulleres, é un grande erro. Porque , como dicíamos ao comezo, os malestares psicolóxicos das mulleres a miúdo derivan das cargas familiares, as violencias sufridas e o empobrecemento das súas vidas. A peor saúde mental nas mulleres é, en grande medida, resultado da desigualdade de xénero na sociedade.

Por iso, a única resposta posible a esta problemática é o feminismo. Precisamos o feminismo en todas as esferas da vida, en todos os lugares. Na educación, na política, na economía, no traballo (incluído o traballo de coidados, por suposto), na cidade e na familia. Precisamos, e queremos, feminismo na medicina e, en concreto, na saúde mental.

Ademais, non queremos que esta incorporación do feminismo na saúde mental se quede nalgo superficial, en palabras bonitas pero baleiras. Queremos un enfoque feminista que o atravese todo: as políticas de saúde, para dotar ás institucións de recursos suficientes e accesibles a todas; as definicións dos trastornos e dos métodos de diagnóstico, para eliminar dunha vez por todas os nesgos de xénero; a formación das e dos profesionais sanitarios, para que conten cunha perspectiva de xénero e un enfoque biopsicosocial que lles permita detectar a complexa interacción de causas que subxacen aos nosos malestares.

Un enfoque feminista que nos recoñeza coma suxeitos das nosas vidas e das nosas decisións e que, lonxe de impoñer unha vía única, nos otourgue a todas diversas posibilidades e ferramentas para recuperar a axencia dos nosos corpos e da nosa saúde.

Referencias bibliográficas

Bacigalupe, A., Cabezas, A., Bueno, M. B., & Martín, U. (2020). El género como determinante de la salud mental y su medicalización. Informe SESPAS 2020. Gaceta Sanitaria, 34(1), 60-67.

Chesler, P. (2019). Mujeres y locura. España: Editorial Continta me tienes. (Obra original publicada en 1972).

Mateos Álvarez, R. & Gómez Beneyto, M. (Coords.). (2017). Prevalencia de los trastornos mentales en Galicia. Santiago de Compostela: Servicio Gallego de Salud, Xunta de Galicia.

Parrado-González, A., & León-Jariego, J. C. (2020). COVID-19: Factores asociados al malestar emocional y morbilidad psíquica en población española. Revista Española Salud Pública, 94(8), 1-16.

Rocha, K. B., Pérez, K., Rodríguez-Sanz, M., Borrell, C., & Obiols, J. E. (2010). Prevalencia de problemas de salud mental y su asociación con variables socioeconómicas, de trabajo y salud: resultados de la Encuesta Nacional de Salud de España. Psicothema, 22(3), 389-395.

Valls Llobet, C. (2020). Mujeres invisibles para la medicina. Madrid: Capitán Swing.

SOBRE A AUTORA

Raquel Vidal Blanco, graduada en socióloga pola UDC, mestrado de Investigación en Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Defensora da educación pública. Integrante da área de Mocidade de Podemos Galicia.

0 comments on “A violencia do invisible. Unha radiografía da desigualdade de xénero na saúde mental

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: