Sociedade

Anatomía dun cadáver: o tempo de ocio durante a pandemia (I)

O malestar dunha xeración que non puido

Es difícil reconocer la mentira cuando to’s la creen

Pasan los años diciendo: “mañana estaré bien”
Hasta que llega el día en el que ya no lo crees
Y la fuerza de la inercia te mueve los pies[i].
Foyone, #RapSinCorte XLIII

A miña xeración está moi fodida. Tras un ano de restricións á mobilidade asistimos á aceleración dun malestar xa presente antes da chegada da pandemia. Daquelas era habitual atoparse con persoas que recoñecían vivir episodios de ansiedade, estar queimadas cos seus traballos, ou que se atopaban a medio camiño entre a tristeza e a depresión.

Na era prepandémica os indicadores sobre malestar[ii] no noso país non resultaban esperanzadores: entre catro e cinco de cada cen persoas declarábase en depresión, rexistrándose un total de 1.868.173 casos, especialmente concentrados nos grupos de poboación máis avanzada e constituíndo un risco maior para as mulleres (16,5%) que para os homes (8,9%); a estes datos engádese que un 20% dos pacientes que acudían aos centros de saúde e Atención Primaria presentaban síntomas de depresión non diagnosticados en máis da metade do casos -ao mesmo tempo que dende o ano 2000 até 2013 as prescricións de antidepresivos aumentaban nun 200%-.

Segundo datos de 2015 o intervalo de idade no que con máis frecuencia se iniciaba a depresión era entre os 30 e os 40 anos. As bases materiais deses síntomas son de sobra coñecidos. Nunca se tratou de que os milennials fosen uns “brandos”, “mimados” ou “consentidos”. Mais ben toda esa xeración asistiu a unha crise capaz de condicionar por enteiro as súas vidas, instalándoas no reino da necesidade. A gran crise económica de 2008 colocou nunha encrucillada o relato da meritocracia, esa peculiar ficción que estruturou as nosas realidades mediante a promesa dun reino da liberdade individual. Tal reino de individuos omnipotentes mudou a un estado crítico: propietarios sen casa, traballadores sen traballo e mozos conscientes de que no futuro vivirían peor do que viviron os seus pais.

O malestar cultural emerxía no incumprimento das promesas e na quebra das expectativas que impregnaron os nosos imaxinarios. Os últimos datos da década pasada[iii] sobre traballo e vivenda amosaban que unha de cada cinco persoas de entre 16-34 anos estaba en risco de exclusión social e pobreza, que un 26,9% da mocidade que traballaba por un salario facíao cun contrato a tempo parcial, e que só o 18,7% da poboación de entre 16-29 se emanciparan do seu fogar -e destes só o 17,4 % o conseguira vivindo só-, sendo o Reino de España un dos países da UE-28 coa media de idade de emancipación (28,7 anos) máis tardía (Táboa 1).

Táboa 1. Idade de emancipación na UE-28

O soño do progreso tamén producira fastío en Galicia, onde tras a “recuperación económica” podías ser propietario dunha vivenda libre se pagabas entre nove e doce veces o teu salario anual neto (figura 1), entrar no selecto club  do 17-19% de persoas emancipadas da súa casa casa aos 29 anos (figura 2), ou pagar unha vivenda en réxime de alugueiro con só tres quintas partes dos teus ingresos salariais -dúas quintas na poboación de entre 29 e 34- (figura 3), os cales figuraban por debaixo do teito dos 10.000 €. Todo isto cun eterno desfase entre poboación na procura de traballo asalariado e emprego, cuns niveis de paro xuvenil totalmente deteriorados con respecto ao ciclo económico da primeira década de século (2002-2009).

Figura 1. Relacion entre o prezo da compra dunha vivenda libre e o salario anual neto que percibe unha persoa de 16 a 29 anos

Figura 2. Taxa de emancipación residencial da poboación de 16 a 29 anos

Figura 3. Custo do acceso do alugueiro dunha vivenda libre para unha persoa asalariada entre 16 e 34 anos

Perante o desvanecer do sólido moitos optaron por dicir que “o bo de caer é erguerse”, unha frase un tanto manida e ousada se atendemos aos indicadores sobre ese punto nodal do discurso meritocrático denominado “ascensor social”. Segundo un estudo da OECD realizado no ano 2018 en España[iv]: os descendentes dunha familia de baixos ingresos tardarían catro xeracións en acadar o ingreso medio (figura 4) e un 75 % da poboación recoñecía que no futuro a súa situación financeira seguiría igual ou empeoraría con respecto ao presente; as persoas situadas entre o 20% das rendas máis baixas tiñan escasas posibilidades de mellorar a súa situación durante os seguinte catro anos, producíndose un estancamento no 64% destas (nótese a ironía: o reverso deste grupo de poboación está na quinta parte da poboación máis rica, na cal o “estancamento” sube até o 72%); e un 28% dos fillos de pais con baixos ingreso manteríanse no mesmo nivel de renda ao mesmo tempo que só un de cada cinco fillos de traballadores manuais serán xerentes no futuro, a diferencia dos fillos dos xerentes no presente (50%).

Figura 4. número agardado de xeracións para acadar os estratos máis baixos o nivel intermedio de ingresos

Non por casualidade nos comezos da década pasada, en medio dunha crise que puxo contra as cordas a millóns de cidadáns, emerxeron marcos discursivos que interpretaban á crise como o resultado de decisións individuais que optaran por niveis de vida superiores aos que lles correspondía de forma natural. Así florecían os discursos que culpaban e estigmatizaban ós sectores sociais subalternos ao mesmo tempo que se promovía o coaching emocional e a filosofía mundana da auto-superación e o rendemento individual (autoaxuda). Eras pobre por méritos propios pero poderías ser rico se quixeses.

O que naquel momento era unha posibilidade escasa e limitada, a de que a pesar do fracaso un podía prosperar -obter máis ingresos, aumentar recoñecemento social e consolidar status quo-, hoxe é unha quimera.Se fai dez anos podíamos a pesar de todo, actualmente, co conxunto de restricións á mobilidade non hai liñas de fuga individual nin desexables nin validas.Se daquelas a nosa xeración se atopou coa contradición do verbo modal poder (un poder que non pode/ unha posibilidade imposible), tras a chegada da pandemia este sentido disciplinario artellouse positivamente co deber ético e o compromiso cívico. Hoxe non podemos nin debemos vivir por enriba das nosas posibilidades.

Coa súa cargada metáfora belicista[v] aguerra contra o Coronavirus”eclipsou calquera tipo de discusión sobre as nosas posibilidades. Pero de que posibilidades falamos? Das que nos foron asignadas antes da crise? É a laboralidade un campo privilexiado sobre a ociosidade? É a intensidade na restrición do ocio igual de desexable para o campo do traballo? Debemos renunciar ao noso tempo libre como se dun xesto sacrificial se tratase? Deben garantir os poderes públicos un colchón de seguridade? Sería apropiado que ocúpase o centro do debate a discusión sobre unha cobertura psicolóxica pública e universal?

Hoxe toda contestación política ao noso malestar pasa non só por detectar os síntomas de época, senón por entender como a crise pandémica ven a intensificalos. Toda resposta que aspire a mellorar as nosas vidas debe ocuparse da relación entre o noso ánimo e o tempo de ocio do que dispoñemos. Esa será a única batalla: a de artellar un conxunto de dores tan profundas baixo o horizonte dunha boa vida repleta de tempo libre.


[i]https://www.youtube.com/watch?v=QWVBrOXML1g&list=LL&index=3

[ii]“Radiografía de la depresión en España” en El Mundo. Dispoñible en: https://www.elmundo.es/salud/2015/02/17/54e34b4ce2704ea6698b457b.html

[iii]Datos extraídos da base dixital de EP Data (https://www.epdata.es/) e do Observatorio de Emancipación del Consejo de Juventud de España (http://www.cje.org/descargas/cje7610.pdf)

[iv]“A Broken Social Elevator? How to Promote Social Mobility” en OECD. Dispoñible en: https://www.oecd.org/spain/social-mobililty-2018-ESP-ES.pdf

[v]Alba, S., e Herrero, Y. (2020): “¿Estamos en guerra?”. CTXT. Dispoñible en: https://ctxt.es/es/20200302/Firmas/31465/catastrofe-coronavirus-guerra-cuidados-ciudadanos-ejercito-alba-rico-yayo-herrero.htm

SOBRE O AUTOR

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente polo campo da teoría política.

0 comments on “Anatomía dun cadáver: o tempo de ocio durante a pandemia (I)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: