Política

Arden os colectores nas democracias plenas?

“La democracia sin pan, sin trabajo y sin derechos es un sarcasmo, una mentira, un circo, un teatro”

Diego Cañamero Valle

Con motivo do encadeamento de Pablo Hasél, as rúas de varias cidades do país estan a ser escenario de altercados e cargas policiais, acontecementos que ocupan a axenda mediática e tamén a parlamentaria. Baixo o noso prisma, no corazón destas protestas agóchanse varias análises posibles, mais só algunhas se están a visualizar; convén entón preguntarse se as árbores nos están a impedir ver bosque, e para dar cunha resposta o primeiro paso é o de formular a pregunta axeitada: quen son e que intereses defenden os actores que se manifestan na interpretación dos feitos?

                  Muller rebusca no cubo do lixo durante unha manifestación no Barrio de Salamanca. Maio de 2020
Fonte: La Ultima Hora
Papeleiras a modo de barricada nunha nanifestación contra a sentenza de Pablo Hasél. Barcelona . Febreiro de 2021.
Fonte: fotografía de Emilio Morenatti

Ao inmiscirnos no miolo do asunto, atopamos de fronte cunhas elites políticas desexosas de arrastrar o debate cara un plano normativo. Por un lado,  o bloque reaccionario alenta a represión contra as manifestantes a través da explotación política do medo e o sufrimento, unha interpretación primitiva que as presenta como sádicas que desfrutan exercendo a violencia sobre as súas vítimas (a policía e as comerciantes), lexitimando calquera tipo de acción contra elas, sen interese polo que as conduce a actuar así e cales poden ser as hipotéticas solucións. A dicir verdade, é a concepción que manifestan sobre practicamente calquera problema político que deveña nalgún tipo de violencia, como a de xénero ou a que emerxe do problema territorial (se é que recoñecen estas categorías), cuxa solución pasa polo azote sobre as culpables: prisión permanente revisable, xudicialización do conflito…noutras verbas, man dura para que aprendan a lección.

Non deixa de ser un paradoxo que este populismo punitivo que advirte da perigosidade de grupos violentos conectados coas institucións monte en cólera cando esas ás que acusa de representantes do vandalismo cuestionan a calidade da democracia española. Ao tempo que PP, C,s e Vox advirten ao PSOE da necesidade de cesar do seu cargo a Pablo Iglesias por alentar a violencia nas rúas (¿?), piden que se tomen medidas contra o líder da formación morada por poñer en dúbida que España sexa unha democracia plena.

Pola súa banda, o PSOE, como partido do Réxime, escapa tamén de calquera interpretación da causalidade dos procesos, non lle interesa afondar en porque se poñen en cuestión as institucións. Limitase a unha defensa do meramente formal: o statu quo está referendado na Constitución. “España es una democracia plena y resulta inadmisible cualquier tipo de violencia”, argüíu Pedro Sánchez para sentar cátedra sobre a cuestión que ocupa a axenda estes días. O día anterior sacara a relucir con orgullo un informe de The Economist que colocaba a España entre as mellores democracias do mundo, como arma contra as críticas por parte de ambos bandos do Parlamento.

Máis alá de que os indicadores que o presidente do Goberno decida utilizar na súa defensa se atopen atravesados por criterios políticos, pois xunto ao informe de The Economist ben podía haber sacado a relucir os de Amnistía Internacional ou as denuncias nas que o Tribunal de Estrasburgo cuestiona a calidade da nosa democracia, é ben curioso que para defender a democracia española ante as súas cidadáns do que precisamente refuse sexa de preguntarlles. ¿Cuestionouse por exemplo, sexan cales sexan os resultados, que grao de satisfacción coa nosa democracia amosa o CIS?

En realidade, é a liña que o PSOE segue respecto a todas as críticas aos piares do Réxime do 78, como ven acontecendo cunha monarquía cada vez menos avalada pola cidadanía, negándose a que o Parlamento –compartindo posición cos partidos do bloque reaccionario- investigue os escándalos de corrupción do rei emérito, e acusando aos que critican esta postura de pretender barrenar as institucións[i] ¿Por que investigar a estrutura corrupta do PP nunha comisión no Congreso dos deputados non implica debilitar as institucións?[ii]

Paradoxal defensa da democracia a que se sustenta en expoñer que as institucións están tan consolidadas que non fai falta preguntar de onde emana a súa lexitimidade, ou se tan sequera a teñen ¿Se a monarquía ten un claro compromiso cos valores éticos, morais e a transparencia, por que lles molesta que as que o dubidan o poidan comprobar?[iii] Que houbese que agardar a que Juan Carlos I deixase o seu cargo para poder investigalo, a razón da inviolabilidade da súa figura, da para outro debate sobre privilexios, dereitos e liberdades (democracia, en definitiva). Sexa como sexa, PP, C,s, Vox e o PSOE votaron o pasado día 23 de febreiro en contra dunha iniciativa para eliminar a inviolabilidade de Felipe VI e o aforamento do seu pai.

O discurso dunhas elites que miran para outro lado cando resoan as voces que precisamente o que reclaman é ser escoitadas, ten cabida co amparo dos principais dispositivos de creación de opinión pública nas sociedades modernas, os medios de comunicación de masas, que actúan como soporte desta estratexia á defensiva, facendo uso dun relato parcial e reducionista dos feitos: os máis  conservadores criminalizando directamente a un dos actores, presentado como un conxunto de potenciais saqueadoras de comercios que unicamente aproveitan as protestas como pretexto para proceder cos seus desexos, e os máis progresistas dando unha cobertura asimétrica ás distintas voces, as das comerciantes afectadas en detrimento das manifestantes (tamén das pacíficas, que por certo, son a maioría).

As elites que lle negan sistematicamente á súa cidadanía calquera oportunidade para fuxir dun agónico presente e un futuro incerto, son á súa vez as que se valen dun brazo mediático que presenta ás manifestantes como interlocutoras exentas de intereses en manter calquera tipo de negociación. Nada novo baixo o sol, o oligopolio mediático oferta plataformas informativas que non son neutrais.

En calquera caso, a clave do debate non pasa por desbaratar os argumentos do adversario, senón por abordalo no marco axeitado, isto é, evitar que as posicións flutúen entre se debe ou non condenarse o uso da violencia. As manifestacións polo encadeamento de Pablo Hasél non só son protestas contra un rapeiro que entra ó cárcere por criticar ó rei e os abusos policiais, do mesmo xeito que nas recentes protestas contra a brutalidade policial en Linares tamén retumban uns sentires cuxa dimensión é máis ampla ca a da consigna da propia manifestación. Estas mobilizacións son ingredentes do caldo de cultivo que cociña o esgotamento de máis dunha década de precarización do mercado e o paralelo aumento dos custos de vida, mentres as elites económicas se independizan da sociedade -facéndose cada vez máis podentes- co consentimento das elites políticas, ao que se lle suma a pesada lousa da crise da Covid-19. [iv].

Segundo un estudo da Fundación Pfizer y Fad realizado o ano pasado, o 60% das mozas españolas (15-29 anos) pensa que a probabilidade de que as oportunidades laborais e o futuro empeore nos vindeiros anos son altas, mais que as perspectivas de vida das mozas españolas son peores que as dos seus pais non é unicamente compartida entre elas, é a idea xeralizada entre todas as xeracións.

O futuro das mozas segundo o conxunto da cidadanía española
Fonte: Foundation For European Progressive Studies (datos de 2018)
Estado anímico da poboación española por grupo de idade (datos recollidos entre o 18 e o 25 de xaneiro de 2021)
Fonte: ESPACOV (Estudio Social sobre la Pandemia COVID-19)

O contexto é tal que así, e de feito non debemos obviar que a ola de protestas non só camiña nun sentido progresista, nos últimos meses tamén se produciu unha contraofensiva conservadora que postula unha solución aos problemas do noso tempo por vías reaccionarias: o estado de benestar é un ente limitado atacado pola inmigración (esa mesma que lles serve de man de obra escrava ás elites económicas que representan, esa á que deixar moribunda na porta dun hospital porque non ten contrato coma quen abandona un aparello no punto limpo que lle corresponde) e os “chiringuitos” públicos, e a liberdade de expresión retrocede en tanto que o Estado intervén no sentido contrario ao que impoñen as elites, é dicir, o que permite un mercado laboral precario, altas taxas de paro como mecanismo de coerción sobre unha necesitada clase traballadora, e a explotación mercantil dos nosos dereitos, algúns tan básicos como os de vivenda ou educación pública universal. Que son senón as protestas contra a Lei Celáa? [v].

Que as mobilizacións que encheron os faladoiros e informativos mediáticos estas semanas se enmarcan nunha dimensión macro política non é un exercicio de difícil comprensión, precisamente porque a realidade micro de cada unha de nós representa un exemplo perfectamente válido para entender o seu significado. Serve con pensar nos malestares que golpean as nosas vidas cada día e as redes de apoio que nos salvagardan: as plataformas de emprego, as ETTs, as multinacionais ou as propias institucións públicas externalizadas non ofertan máis ca traballos que ben poderían catalogarse como unha escravitude post-moderna, cuxas condicións son tan miserables que nin sequera a remuneración salarial é garantía de estabilidade (Moruno, J, 2015).

Traballadoras precarias altamente cualificadas. A mocidade comproba a cada paso como o camiño do mundo laboral se converteu nunha viaxe polo deserto cara un oasis que nunca chega, porque os intereses das corporacións privadas absorben cada gota de auga do intelecto colectivo en aras da súa mercantilización. As universidades son verdadeiros centros de extracción das empresas privadas, que supeditan os recursos humanos e materiais da ensinanza universitaria ao valor de mercado, facéndoa dependente dos seus fondos baixo o pretexto de adaptala á sociedade[vi].

De seguro que todas as universitarias puideron comprobar algunha vez o corporativismo e a mercantilización que sofre esta institución educativa. No meu caso en particular, como alumno de doutoramento, podo sentir a miúdo o escaso interese que profesan as institucións públicas no campo da investigación se esta non resulta instrumental para o mercado, dando lugar a precariedade insostible (na que se deixa sentir con forza a brecha de xénero), que tensiona as relacións entre os colectivos de investigadoras e a universidade cada ano.

Un ten que estar matriculado no doutoramento para que lle dean a axuda, é dicir, a xente botaba un ano traballando de balde sen saber que ía ocorrer (…) Nin sequera un 10% do persoal predoutoral está remunerado. De cada cinco persoas, catro están traballando sen remuneración, ou polo menos sen remuneración de convocatorias públicas. Altérnanse traballos temporais, pero sen ningún tipo de contrato público (…) Adoitanse asinar 8 horas diarias e 60 horas lectivas por ano. Pola competitividade que hai dada a baixa oferta, obriga a xente dedicar moitas máis horas e ‘autoexplotarse’. Logo, hai desprazamentos ou estadías que tampouco están cubertas polos organismos públicos. Ao final, están pagando para traballar [vii]. Explica David Mosquera, investigador predoutoral de FPU na USC.

Eu mesmo, o ano pasado asistín xunto a outro compañeiro a un dos cursos de formación do doutoramento. O primeiro poñente foi un coach que no medio do seu discurso de emprendedor preguntou, -así estaba escrito literalmente no seu power point-, ata que punto era importante a financiación para investigar, dando a entender que a cobertura material non é tan elemental. O meu colega, sentíndose agraviado protestou educadamente contra a defensa dun discurso deste tipo no seo dunha universidade pública, intercambiando pareceres co poñente, que foi apoiado na súa idea de “ogallá houbese bolsas para todos pero así é a universidade”, por varios dos organizadores do evento. O coach preguntoulle ao meu colega cal era a súa formación e este contestoulle que Historia, recibindo por resposta algo sí como “Eres historiador en Santiago, podes apostar por desenvolver algún tipo de proxecto emprendedor que lle poida interesar a empresas turísticas“.

As intervencións das seguintes poñentes trataban de proxectos que os grupos de investigación desenvolveran coa financiación do Estado, en tanto que tiveran saída no mercado laboral porque algunha empresa privada se interesara na proposta (turismo e derivados, basicamente) . Estaban presentando como natural que un proxecto de investigación nunha universidade pública ten cabida en tanto que o sector privado (apoiado con fondos públicos) lle outorga validez mercantil.

Tan duro como certo que o “estuda para ter unha mellor vida ca min” cae en saco roto. Contratos de formación a modo de explotación encuberta, como o caso das coñecidas bolsas Feuga[viii], voluntariados ou prácticas vernizadas de acumulación de experiencia laboral, pensadas en realidade para facilitar a man de obra barata, gratis ou que directamente paga por traballar, caso das estudantes de medicina explotadas na realización do cribado do Coronavirus promovido pola propia USC[ix], cando as graduadas non son arroxadas directamente a un mercado laboral no que se atopan con empregos aos que postulan nas mesmas condicións ca antes de haber cursado os seus estudos. ¿Cantas persoas están a afrontar un proceso tan duro como unha oposición sen máis motivación ca a de asegurar unhas condicións materiais estables, simplemente porque non coñecen outra alternativa?

Taxa de paro xuvenil dos países da Unión Europea
Fonte: Elaboración de Statista a parites de Eurostat
Temporalidade dos contratos a persoas mozas en España.
Fonte: El País a partires do Instituto de Estudios Económicos.
Porcentaxe de mozas que pensan en emigrar dada a situación económica do país en Eruopa (datos de 2014).
Fonte. Expansión a partires de Intrum Justitia

O golpe definitivo que provoca o KO é a burbulla inmobiliaria, que imposibilita practicamente calquera posibilidade de independencia económica. Técese así unha tela de araña na que non perecemos grazas á axuda –que non solución- das institucións que conforman o noso núcleo primario: a familia (de aí a dependencia que a gran maioría de mozas españolas manteñen respecto dos seus pais) e as amizades (a saúde mental non é nin sequera abordada como un problema comunitario).

Capacidade de alugar unha vivenda segundo a renda (datos de 2018)
Fonte: El País a partires do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana
                    Porcentaxe de subida do alugueiro nos últimos cinco anos en España
Fonte: Elaboración de Expansión a partires de Fotocasa
Idade de independencia das mozas europeas (datos de 2018).
Fonte: Elaboración de Statista a parites de Eurostat

Un ritmo de vida acelerado e insostible para os humanos e para o planeta, que vende desexos de felicidade irrealizables aínda cando a desigualdade non deixa de medrar, cun discurso da autosuficiencia que nos debilita tanto a saúde que precisamos cada vez máis de psicofármacos contra a ansiedade e a depresión. O ano pasado rexistráronse síntomas de ansiedade ou cadros de depresión no 65% da poboación española, pero os antecedentes teñen unha longa traxectoria previa á pandemia; o consumo de antidepresivos medrou un 14,73% e o de tranquilizantes un 9,3 entre 2012 e 2016, e España xa se sitúa como a décima potencia mundial en consumo de psicofármacos, cinco postos máis arriba en relación ao comezo do século.

Unha sociedade que desenvolve e normaliza antes a medicación para poder sobrelevar a dor ca a creación dunha rede de coidados da saúde mental. Calquera sabe que cando non se pode soportar máis a violencia que exerce esta sociedade, e que por extensión exercemos sobre nós mesmas, a solución pasa as máis das veces por atiborrarse de pastillas, quizais para poder amosar no traballo que nos amarga e nos impide sequera costearnos unha psicóloga un sorriso de orella a orella. Unha ilustrativa e paradoxal imaxe do problema: aínda que estés roto por dentro tes que sorrir, porque estar triste está mal visto (imperio da imaxe), e como é un tema tabú xa chorarás ao chegar a casa.

Claro que este problema non o van a solucionar a familia e as amigas, por moito que prime a camaradería. Xa o dixo o rapeiro Jarfaiter dende as súas letras emanadas da vida kinki: “estar adaptado a un sistema enfermo no es un jodido síntoma de salud“.

Non obstante, tampouco debemos obcecarnos con esta lectura. Se ben os disturbios acontecen nun clima atravesado polo espírito de “non hai futuro“, todo parece indicar que o perfil das manifestantes non é dunha descontenta calquera, por regra xeral coindice máis ben co de figuras altamente politizadas cando non outsiders insurrectas. ¿Que porcentaxe das mozas sometidas a traballos precarios, ou como mal menor minimamente remunerados pero que non teñen relación coas expectativas que formulan para a súa vida, xa no digamos acoden a estas manifestacións, simplemente ven reflicitidos algúns dos seus agravios nelas? Este esgotamento tampouco se traduce en consignas plurais e delimitadas contra a nova política e as vellas institucións. ¿Que proclamas sinalan co dedo as elites e á necesidade dun cambio se fan eco na opinión pública?

A rapaza que racha o escaparate dunha gran cadea comercial para rapiñar uns valiosos produtos non é o suxeito que alumea o camiño cara a procura da area de praia baixo os “adoquines”, pero as manifestantes pacíficas tampouco son en realidade unha agraviada do común, nin Hasél representa o mozo desesperado que se prende lume ao Bonzo, desatando un incendio de protestas. Un dedo non pode tapar a lúa.

Proseguindo na nosa análise, baixo estas circunstancias tampouco resulta estraño entender que se as demandas dunha sociedade non atopan a súa resposta no Estado, as urnas son un vínculo de lexitimidade débil. É aquí onde se polarizan as posicións do debate: por unha banda, a imperiosa necesidade por presentar a democracia como un conxunto de regras pechadas e estancas, e a impugnación das súas institucións como un atentado contra a mesma (de aí a referencia ao aval internacional de The Economist e a solución policial á violencia); por outro lado, a democracia como a posibilidade de revisar abertamente os pactos establecidos, poñendo en cuestión a súa verdadeira representatividade da vontade popular.

O medo das de abaixo non é un bo indicador democrático, pero o medo de que o pobo tome decisións que as elites non profesan, menos aínda. A revolución que configurou o esquema das constitucións liberais, a Revolución francesa, foi unha crise de estado que enfrontou as tensións pola participación na toma de decisións políticas, o clero e aristocracia negaban a representatividade do Terceiro Estado, e a Asemblea Nacional reivindicaba o dereito a tomar parte rachando coa división estamental; en síntese, unha reformulación do sentido de soberanía. Poñer en interdito a noción de soberanía que as elites utilizan como arma de defensa da nosa democracia representativa, é un acto de moita máis violencia ca o de prender lume a todos os colectores do lixo de España xuntos.

Democracia é un termo co que a todas lle se enche a boca, -ata aos máis autoritarios, abertamente defensores do franquismo, unha das ditaduras máis atroces do século XX-, pero estaría ben saber que significa en realidade para cada unha delas. Máis alá de que ás elites que perpetran a situación se lle debese de caer a cara de vergoña, que pode facer unha cidadanía obrigada a pagar prezos desorbitados por un teito, ás familias que desafiuzan para que a súa vivenda pase a mans dun fondo voitre que nin sequera sabe onde está o edificio que acaba de mercar, ou ás que palían o frío tapándose con a saber cantas mantas porque o oligopolio eléctrico sube o prezo da luz en pleno inverno, que poden facer cando ven como os partidos do Réxime incumpren a Constitución e os seus programas de goberno sobre a garantía deses dereitos? Cuestionar esta democracia.

Así pois, o debate de se somos ou non unha democracia plena resulta estéril se quen participa do mesmo non son todas as que –formalmente- teñen voz, por iso resulta fundamental incluír na ecuación a natureza das preferencias e intereses das cidadáns (elementos prepolíticos ou resultado continxente das vicisitudes de participación) e o xeito no que se formula a relación entre gobernantes e gobernadas e os mecanismos de control que as últimas poden exercer sobre as primeiras (Máiz, R. 2011). Para o caso da monarquía, a cuestión é, en primeira instancia, por que son uns medios de comunicación os encargados de calibrar as demandas de cambio no modelo de xefatura de Estado[x], e non instrumentos do propio Estado, como o CIS, e en consecuencia, se existe unha vontade de cambio, por que o Estado non se fai cargo dela a través de mecanismos de participación cidadán, como o referendo sobre a monarquía negado xa durante a transición? [xi].

Nivel de satisfacción coa monarquía por rango de idade
Fonte: Plataforma de Medios Independientes

En definitiva, esta lectura sinala que a nosa supervivencia pasa por evitar que a corrente nos arrastre a un mar no que se reducen as posibilidades de saír a flote. O inimigo contra o que loitamos tamén é quen de realizar as mesmas diagnoses ca nós. A lei mordaza é un apontoamento do autoritarismo do Estado e o Síndrome de Sherwood unha estratexia para presentar como equilibrada a confrontación de dous actores nunha posición desigual, manobras que só se explican se quen aplica as políticas de desigualdade tamén é coñecedor do agravio que producen.

De feito, de pouco serve esta operación se non se completa cunha ollada cara dentro, a través da que coñecernos a nós mesmas antes de escoller o rumbo de navegación: ao tempo que loitamos contra o discurso do emprendedor por entender que os nosos problemas teñen unha razón de ser estrutural, a miúdo sinalámonos como as culpables mentres ollamos con recelo o noso insuficiente currículum ¿Por que non estudaría unha carreira con máis saídas? ¿Será que non me adapto ben ao mercado laboral? Culpa miña por non sacar nota dabondo para acceder a unha bolsa. ¿Para que me queimo pola explotación no meu traballo se sei que non me queda máis remedio ca calar? ¿Por que xestiono tan mal estas emocións?. Unha disociación entre o discurso e as vivencias, que devén nun forzado conformismo a modo de illa, -deserta pero que permite non afogar-, neste mar cheo de quenllas.

 “Quen fracasa na sociedade neoliberal do rendemento faise a si mesmo responsable e avergónzase, no lugar  de poñer en dúbida á sociedade ou ó sistema. Nisto consiste a especial intelixencia do réxime neoliberal”. (Byung-Chul Han, 2014, p. 9).

Fai un tempo un servidor acudiu a unha entrevista de traballo como repartidor nunha cadea de comida rápida o mesmo día que presentou o seu traballo de fin de máster. Seleccionáronme logo dunha entrevista na que, obviamente, non vendín as miñas titulacións senón a flexibilidade de horarios e disposición a aceptar un salario precario. A admisión veu acompañada polos clásicos “polo menos tes traballo” dos amigos e “a cuestión é entrar no mercado” dos familiares, que tornaron no “trata de non facer caso” como consellos –con toda a boa fe do mundo- para soportar as humillacións da encargada de turno.

Meses máis tarde a empresa ofertou un novo posto ao que postularon dous colegas, que tras superar o proceso de selección foron citados para unha entrevista, o mesmo día, un detrás do outro. Antes de acudir á cita fomos tomar un café, no que eu tratei de explicarlles o funcionamento interno da empresa a modo de vantaxe competitiva fronte a outros aspirantes (enchufe é moito dicir), ao tempo que non paraba de rumiar a idea de que dous amigos aspiraban a un só posto, evidenciando un nerviosismo que dende a miña posición de proletario xa admitido nesa mesma empresa podía advertir. Tras unhas risas incómodas fíxose un silencio e mentres removía o vaso xa sen café e coa mirada perdida, fun quen de abstraerme da situación por un momento.

Estábame sentindo privilexiado por un traballo no que coñecía cun par de días de antelación os meus horarios e cantas horas semanais me corresponderían, cunha remuneración tremendamente precaria a cambio dunhas tarefas que nin moito menos tiñan relación algunha coa formación dos meus cinco anos de estudo, e no que nin sequera se cumpren as condicións pactadas, obrigándolle aos traballadores a realizar pedidos en menos tempo do que establece o convenio, facendo uso dun capital que nin sequera garante a súa seguridade, que ademais deben utilizar tamén os seus propios recursos (os móbiles dos que dispoñíamos nin sequera tiñan whastapp, condición necesaria para o reparto, pero nin sequera podíamos utilizar algún tipo de prenda coa que abrigarnos da choiva, pois debían utilizarse os chuvasqueiros da empresa, e dispoñíamos de menos da metade dos necesarios). Esa violencia é moito máis dolorosa ca calquera zoupada dun policía.

Outro día atopeime cunha rapaza coa que compartira piso durante un dos cursos da carreira. Logo de poñernos brevemente ao día e rímonos un pouco contando como aquel traballo de fin de grao que tantas inseguridades me producía tivera o seu premio cun sobresaínte, contempleime con ese mono de traballo post-fordista, e pareceume que tornaba nunha camisa de forza, mentres unha sensación de culpabilidade e de fracaso me esgazou por dentro. Un avergoñamento que me asolágou moitas máis veces, e que lonxe de desaparecer, transformouse noutro tipo de violencia cara min mesmo cando a incapacidade de converter a fatiga en autocomplacencia me impulsou a deixar o traballo.

Cando isto aconteceu percorreume unha sensación de alivio, pero ao instante unha angustia por non gozar xa de fonte de ingresos nin tampouco un emprego de mellores condicións no horizonte. É aquí onde agroman as aclaracións sobre a situación de desemprego, pero non só cos demais, as conversas non só xiran do redor do traballo (non nos referímos só ás oito horas de xornada laboral, tamén ás continuas interpelacións sobre a posición socioeconómica que che permite acadar e o consumo que che permite realizar) con quen o ten ou aspira a el nestas condicións, senón tamén cun mesmo.

Sentirse integrado nesta sociedade ten que ver a toda costa con traballar, co traballo remunerado, claro, preparar unhas oposicións non o é, por iso coas restricións pandémicas pechan as bibliotecas e non as cadeas de comida rápida, mentres o traballo doméstico segue directamente invisibilizado, pois como di Silvia Federici, “la cadena de montaje empieza en la cocina, en el lavabo, en nuestros cuerpos

A fórmula para non sentirse excluída nin xuzgada pola comunidade é o emprego, aínda que este sexa precisamente á fonte dos nosos malestares, aínda que o noso propio diagnóstico sexa que esa actividade pola que nos levantamos o luns desexando que sexa venres á noite (se é que unha ten a sorte de poder desconcetar o móbil o venres e evadirse das súas responsabilidades durante dous días), esa fin en si mesma cuxa motivación reside en ollar a conta bancaria a final de mes (as veces con ingresos que non permiten vivir dignamente), esa forma de organizar a vida en realidade é a que nos aboca a sufrila. Sobredimensionar as condicións aceptables do emprego é un método de supervivencia.

Isto é así ata o punto de que a culpa da exclusión recae no mesmo suxeito que escapa desa realidade que detesta: unha mesma. Non ía tan desencamiñado o de “polo menos tes traballo”, aínda que este nos degrade á condición de escravas (literalmente camiñase cara iso; o teléfono móbil que pode soar en calquera momento para esixirnos calquera responsabilidade laboral é un verdadeiro grillón), aprendemos que en realidade nos fai libres.

En resumidas contas, é hora de desbotar esa idea de que canto peores sexan as condicións obxectivas mellores serán as condicións de posibilidade para a revolta, porque o proxecto neoliberal empeora as condicións de vida das clases traballadoras, ao tempo que fragmenta a comunidade nun arquipélago de pequenas illas desertas mediante a destrución dun tecido institucional que funcionaba como barco. Tamén o ideal do revolucionario que confronta co patrón, e a alienacion como ferramenta para explicar a asunción da súa posición, porque a conciencia de clase e o ímpetu transformador caen en saco roto se non hai unha rede de apoio.

Fai un tempo, un amigo contoume que cansado de empatar traballos precarios, deses nos que se sofre a explotación do obreiro e os riscos do contratante, facendo que a un lle brillen os ollos fantaseando con eses empregos que permiten tan sequera chegar a casa e desconectar da xornada que reproducirá de maneira idéntica ao día seguinte, decidiu denunciar esta extorsión alegal. A “sorpresa” foi que só un sindicato –verdadeiramente minoritario- de todos os que consultou lle ofreceu cobertura, o resto viñeron a dicirlle que non había nada que facer, a demanda implicaba moito esforzo para pouca recompensa, e a solución pasaba máis por ser conscientes das condicións deste tipo de empregos e tentar evitalos. Literalmente, unha visualiza calquera plataforma de emprego e unhas oito de cada dez ofertas son así.

Máis alá do corporativismo ou os vínculos do mundo sindical cos intereses da patronal, estes feitos dan boa conta do triunfo do neoliberalismo, que perfecciona as súas ferramentas de explotación mentres as plataformas de defensa dos de abaixo van quedando cada vez máis débiles e oxidadas, asoballadas por unha derrota cultural. Bastante ten unha traballadora calquera con sufrir o traballo, como para facerse sangue dándolle voltas ao nocivas que lle son as súas condicións se non ten alternativa. Se os sindicatos, por exemplo, son unha feble ferramenta de negociación, da igual á valentía da obreira ou a súa conciencia de clase, porque o medo da clase traballadora camiña nunha dirección reaccionaria.

Nada máis lonxe da realidade, o inimigo ao que nos enfrontamos ademais de non ter rostro, tamén adopta forma de espello. Esta historia non só trata de perversas tropas nazis que destrúen Polonia sen resistencia, senón dos propios masacrados sinalando culpables entre si, porque a degradación das traballadoras devén nunha competitividad moi nociva, unha carreira por ver quen non queda de último. As deficiencias dun Estado que non é quen de dar cobertura ás máis desamparadas nun momento de urxencia coma este, non se entende sen a condena da propia clase traballadora ás que reciben prestacións condicionadas á súa situación de vulnerabilidade, -como o Ingreso Mínimo Vital-, e o estigma dos que as solicitan, froito da asunción dos intereses das elites como universais.

O discurso de “la paguita” non comeza e acaba no bloque reaccionario. Recordo que unha vez a encargada de máis xerarquía do meu traballo, a máis explotada de todo o cadro de traballadoras, pronunciou esa frase repetida ata a saciedade de “a xente non quere traballar”; eu non podía parar de pensar en que esa oferta de emprego tan precaria á que se presentaran os meus colegas acumulara en tan só uns días máis de cen aspirantes.

Os agravios son comúns pero non calquera tipo de consigna os interpela nun sentido democrático e progresista, porque no reino da desconfianza a salvagarda mutua precisa da recomposición das estruturas de solidariedade colectiva, unha coalición dos fráxiles fronte á canalización da violencia cara o que non es ti, aínda que esa outra proteste porque a orde imperante exerza –tamén- violencia sobre ela[xii]. Enfrontar ás clases podentes require atacar figuras do noso imaxinario colectivo, como os chavs, os parias ou a aparofobia, consecuencia da procura de responsables nun sentido xerárquico e descendente, que enraíza unha desconfianza na comunidade e os seus cementos de carácter público.

Así as cousas, se este é o taboleiro de xogo, o as debe xogarse a rachar as costuras dun Estado que responde con agresividade fronte á denuncia das súas propias contradicións, razón pola cal ademais de en que marco ideolóxico resulta desexable debater, debemos reflexionar tamén sobre como configuralo. Nun terreo embarrado e cunha árbitra que favorece intencionadamente a unha das participantes, cómpre pensar sobre canta enerxía resulta proveitosa dedicar ás labores de denuncia do inxusto trato mediático e policial, ou dándolle a volta ao asunto, como evitar ter que dedicar esforzos a esta denuncia.

O máis nocivo de ter que afrontar a polémica da violencia en termos morais é que o cronómetro do debate non deixa de correr mentres as nosas intervencións se encamiñan a contestar que quen sofre son as persoas e non as papeleiras e que quen ataca primeiro é a policía, un labirinto que, dende logo, a onde non conduce é ao camiño a través do cal abordar os feitos dende unha perspectiva distinta: cal é a lexitima fonte desta rabia? Algo semellante ao que acontece cando o debate sobre a vivenda xira en torno á necesidade de desacreditar o problema da ocupación, mentres a burbulla inmobiliaria e os intereses do capital rendeiro son temáticas que orbitan nun segundo plano, e non son abordados como o eixo central do problema.

Aparece aquí a pregunta de se, do conxunto de prácticas que engloba o repertorio de acción colectiva, resulta útil o uso da violencia para transformar a sociedade. O debate sobre a utilidade política do emprego da violencia é un dos máis repetidos no seo dos movementos sociais de corte progresista ao longo da historia, polo que evidentemente resulta imposible separala do seu sentido político. Agora ben, que lección extraemos de todos os intercambios de ideas que rodearon esta cuestión? A súa mera lexitimidade avala o seu uso, ou precisamos incluír máis variables na ecuación, como o contexto no que se atopan os actores que se deben enfrontar (cidadanía e grao de liberdade do Estado)?

Coido que na última década en España se veu construíndo un horizonte sobre o avance de movementos pacifistas en consonancia co final da violencia armada de ETA, que poñen de manifesto o seu potencial transformador. As proclamas do gran movemento social desta década, o feminismo, avanzaron facendo que determinados actores que as rexeitaban non lles quedase máis remedio ca integralas; certo é que valéndose dunha posición apolítica, pero o PP e C,s xa se ven obrigados a ser partícipes do 8M. A menor escala, outros movementos como o dos pensionistas, as plataformas de defensa vivenda, contra o abandono da España baleirada (como Linares), contra o recorte dos servizos públicos ou as protestas ante o cambio climático, dan boa conta da capacidade de articular agravios nunha rede común e reconstruír un tecido comunitario á calor de protestas pacíficas.

Máis ala de consideracións románticas sobre a violencia subversiva, que sempre pensan na foto da manifestante lanzando un cóctel molotov, upada pola solidariedade das súas camaradas, e non na cara b desa imaxe: danos físicos irreparables, multas, persecución mediática, cárcere…Cando se aproxima o décimo aniversario do 15-M, cabe preguntarse: estase a canalizar nun sentido transformador a rabia que atravesa unha cidadanía que dez anos despois continúa a sufrir o imperio da reforma laboral, a lei mordaza e a burbulla inmobiliaria, mentres o bloque conservador segue a sinalar o excesivo desfrute do estado social como o culpable, o PSOE mantén o seu discurso formalista e Unidas Podemos se sitúa nunha posición subalterna respecto deste último?

Estánse a abordar as cuestións que nos interesan ou a corrente arrástranos ao mesmo lugar a cada brazada que damos? Temos en mente algunha illa común á que poida nadar calquera de nós ou estamos a expensas das ondas? Prende o fósforo do retroceso dos dereitos de protesta sobre un terreo empapado da gasolina de falta de expectativas de vida? Continuidade ou ruptura cun novo ciclo? Ata aquí humilde aporte dun servidor perante este clima de protestas.


[i] RTVE. 13-1-2020. Robles acusa a Podemos de “cuestionar las instituciones” por querer investigar al rey y se enzarza con Belarra.

https://www.rtve.es/noticias/20210113/robles-rechaza-congreso-investigue-rey-emerito-acusa-podemos-estar-cuestionando-instituciones/2065682.shtml

[ii] El País. 1-10-2020. El Congreso aprueba la comisión de investigación sobre el espionaje a Bárcenas con los apoyos de la investidura de Sánchez y Cs.

https://elpais.com/espana/2020-10-01/el-congreso-aprueba-la-creacion-de-la-comision-de-investigacion-sobre-el-espionaje-a-barcenas.html

[iii] Europapress. 30-12-2020. Robles ensalza los “valores éticos y morales” de Felipe VI, que son “equiparables” a los de otras monarquías europeas

https://www.europapress.es/nacional/noticia-robles-ensalza-valores-eticos-morales-felipe-vi-son-equiparables-otras-monarquias-europeas-20210102100039.html

[iv] El País. 21-2-2020. Hay mucha rabia y un cúmulo de problemas.

https://elpais.com/espana/2021-02-20/el-hartazgo-de-unos-jovenes-mas-alla-de-un-rapero.html

[v] La Vanguardia. 20-12-2020.Las protestas contra la ley Celaá vuelven a llenar de coches varias ciudades.

https://www.lavanguardia.com/politica/20201220/6136914/protestas-ley-celaa-manifestaciones.html

[vi] Cuarto Poder. 15-5-2020. La Universidad vaciada.

https://www.cuartopoder.es/ideas/2020/05/15/la-universidad-vaciada-carlos-fernandez-liria/

[vii] El Salto Diario. 1-3-2021. “Non podemos estar facendo malabares con outros traballos para manter o de investigadora“.

https://www.elsaltodiario.com/precariedad/facendo-malabares-traballos-manter-investigador

[viii] El Salto Diario. 21-12-2020. Becas FEUGA, ¿contrato de formación o explotación laboral encubierta?

https://www.elsaltodiario.com/universidad/becas-feuga-contrato-de-formacion-o-explotacion-laboral-encubierta

[ix] Galiciapress. 29-10-2020. El alumnado de Enfermería de la USC denuncia la precariedad de los estudiantes a cargo del cribado COVID del Sergas .

https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/2142577/alumnado-enfermeria-usc-denuncia-precariedad-estudiantes-cargo-cribado-covid-sergas

[x] Diario Público. 9-9-2020. Una plataforma de 16 medios realizará la mayor encuesta sobre la monarquía en España

https://www.publico.es/sociedad/plataforma-16-medios-lanza-campana-realizar-mayor-encuesta-monarquia-espana.html

[xi] El Diario. 18-11-2016. Adolfo Suárez no sometió a referéndum la monarquía porque las encuestas le dijeron que perdería.

https://www.eldiario.es/politica/adolfo-suarez-referendum-monarquia-encuestas_1_1158112.html

[xii] ReporteSextoPiso. 10-2-2021. La coalición de los frágiles frente a la coalición de los solos.

https://reportesp.mx/2021/2/lecturas/la-coalicion-de-los-fragiles-frente-a-la-coalicion-de-los-solos/

Bibliografía
Byung-Chul, H. (2014). Psicopolítica : neoliberalismo y nuevas técnicas de poder. Barcelona. Herder.

Máiz, R. (2011). O arte do imposible. Editorial Galaxia. Vigo. 

Moruno, J. (2015). La fábrica del emprendedor. Trabajo y política en la empresa-mundo. Madrid. Akal.

Daniel Vicente Guisado. “Juventud, precariedad y clase”. El Salto Diario. Visto en:

https://www.elsaltodiario.com/economia/juventud-precariedad-y-clase

Eduardo Bayón. “Son las expectativas estúpida”. La Voz de Asturias. Visto en:

https://www.lavozdeasturias.es/noticia/opinion/2020/12/17/expectativas-estupido/00031608232431562846346.htm

Isabel Serrano Durán y Merlina Del Giudice. “Quemar contenedores es una acción moderada: manifiesto de una generación que arde”. La Trivial. Visto en:

Quemar contenedores es una acción moderada: Manifiesto de una generación que arde 

Lois Alcayde Dans. “Hasél, os medios e a democracia xenerosa”. En Mazarelos.gal. Visto en:

mazarelos.gal/2021/02/22/hasel-os-medios-e-a-democracia-xenerosa/

Marcos Pérez Pena. “Sindicatos alertan de que a nova Lei de educación condenará á precariedade a un gran grupo de docentes de FP”. En Praza Pública. Visto en:

https://praza.gal/acontece/sindicatos-alertan-de-que-a-nova-lei-de-educacion-condena-a-precariedade-a-un-gran-grupo-de-docentes-de-fp

Marcos Pérez Pena. “O Supremo equipara os contratos de investigación predoutorais con “contratos de prácticas” e réstalles dereitos”. En Praza Pública. Visto en:

https://praza.gal/ciencia-e-tecnoloxia/o-supremo-equipara-os-contratos-de-investigacion-predoutorais-con-contratos-de-practicas-e-restalles-dereitos

Raimundo Viejo. “6 claves para entender los disturbios: “La situación es mucho peor en 2021 que en 2011”. El Confidencial. Visto en:

https://www.elconfidencial.com/espana/2021-02-24/claves-entender-disturbios_2964371/

Xabier Ron. Equívocos unívocos sobre a democracia ou como a perversa lóxica representativa devora a lóxica democrática. En Praza Pública. Visto en:

https://praza.gal/opinion/equivocos-univocos-sobre-a-democracia-ou-como-a-perversa-loxica-representativa-devora-a-loxica-democratica

Xurxo Antelo Alvite. “Entrevista a Mierdajobs”. A Xanela.org. Visto en:

https://xanela.org/2019/10/18/entrevista-a-mierdajobs/

SOBRE O AUTOR    

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutorando en Historia Contemporánea.

0 comments on “Arden os colectores nas democracias plenas?

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: