Política

Galicia: entre a política e a moral. Galeguismo e posibilidades contrahexemónicas no reino de Feijóo

Aquí cada valle es una patria

René Zavaleta[i]

Fai xa máis de medio ano que Feijóo revalidou a súa maioría absoluta, a oitava do Partido Popular, e unha vez sucedida a habitual cascada de análises repletas de inferencias causais que xustifican todo tipo de premisas teóricas, fobias ou filias -xa se sabe, a análise a posteriori é a única ciencia exacta-, este semella un bo momento para pensarmos como chegamos ata aquí e que posibilidades de transformación deixou o escenario post12X.

O PP gaña e dirixe

Durante a última campaña repetíronse moitos dos clásicos aos que os galegos xa estamos máis que afeitos, un dos máis habituais os comentarios que, en referencia aos materiais electorais do PPdeG, sinalan aquilo de “agochan o logo do PP” ou “só ensinan a Feijóo”. Desculpade o símil futbolístico, pero isto é o equivalente a que Zidane se queixe porque o Barcelona coloca a Messi na posición que lle permite marcar máis goles.

A concepción da política que subxace a este tipo de razoamentos é que os galegos están enganados ou polo menos votan sen ser plenamente conscientes da súa condición social e nacional. Unha visión segundo a cal os galegos non son o suficientemente intelixentes como para decatarse da realidade obxectiva. Así, o fundamental en política xa non sería unha produción de sentido que permita xerar unha visión compartida do mundo e fomentar a mobilización, senón unha reafirmación dos principios ideolóxicos e morais de cada proxecto, que, por suposto, deben manterse impasibles ás diferentes conxunturas.

Esta perspectiva está fortemente arraigada na cultura política da esquerda galega, un bo exemplo sería a entrevista publicada tras as eleccións pola revista catalá Catarsí[ii] a Rubén Cela, membro da executiva nacional do BNG e presidente da fundación Galiza Sempre. Mentres que fai unha análise elaborada e complexa da realidade galega nas súas vertentes socias e culturais como periferia da periferia, ante as preguntas de por que o PPdeG segue gañando as eleccións ou por que o BNG perdeu votos tras o bipartito, apela a unha mesma variable explicativa: a influencia dos medios de comunicación nos galegos. Non parece moi convincente.

Fronte a esta visión debemos tratar de analizar e entender en termos políticos a construción que permite ao Partido Popular ser hexemónico. Porque esta é a cuestión fundamental, o PPdeG foi o partido máis votado en todas as eleccións ao Parlamento desde 1981 porque é o actor que dirixe intelectual e moralmente o país. Foron quen de completar o acto político por excelencia: vincular os seus intereses particulares cos intereses nacionais.

Fonte: elaboración propia a partir da Xunta Electoral Provincial

Dicía aquel sardo anano e chepudo que fora secretario xeral do mítico Partido Comunista Italiano que ao inimigo hai que atacalo ideoloxicamente onde é máis forte e politicamente onde é máis débil. Esta tarefa será imposible se non entendemos que o descarado control do sistema mediático galego e as relacións clientelares que operan ao longo da xeografía galega por medio das administracións locais non o explican todo. No noso sistema político o PPdeG é quen ocupa o centro, o que reparte xogo e coloca aos actores en función dos seus intereses máis inmediatos. Non se trata, como moitos opinólogos venden desde Madrid, de que o PPdeG sexa máis moderado ideoloxicamente e iso lles permita acceder con máis facilidade á bolsa de votantes de centro; que fácil sería a política, non? O do PP é máis complexo, unha construción cultural sedimentada desde os anos 90 que acepta e traballa estratexicamente sobre a base de que a identidade maioritaria dos galegos é dual e, polo tanto, calquera intento de construción de sentidos comúns ten que pasar pola asunción e asimilación de parte do capital simbólico do galeguismo, sexa este de esquerda ou dereita.

Esta labor, netamente política, realizárona fundamentalmente a través da cultura galega: emprego do galego como lingua oficial do partido, identificándoa como a lingua do pobo e constituínte do país, as romarías no Monte do Gozo como liturxia política, a reivindicación dunha gastronomía rexional propia, unha utilización da relixión moi ligada á figura do Apóstolo Santiago maximizando o potencial turístico da Catedral e o Camiño, a aceptación da mitoloxía celta como fundamento histórico nacional dunha etnia diferenciada, defensa de elementos populares como a gaita que o propio Fraga defendía como parte do folclore galego e do “mellor das nosas tradicións no mellor dos nosos corazóns, é un xesto de respecto, é un respecto aos humildes, aos simples, ás xentes das aldeas, dos que temos tanto que aprender[iii]…Unha estratexia oposta á dos seus partidos irmáns en Cataluña e Euskadi, onde tradicionalmente se sacrifican en pos dunha identidade española construída en oposición a estas identidades periféricas, a famosa antiespaña.

Fonte: elaboración propia a partires de Enquisas Postelectorais do CIS

Como xa recoñecen todos os científicos sociais, as nacións non son unidades fixas baseadas en elementos obxectivos -etnia, demografía…- expresados politicamente a través do nacionalismo e os seus derivados, senón que son os actores os que coa súa praxe as constrúen. Estes producen identidades compartidas polos cidadáns e naturalizan intereses nacionais específicos, son o resultado dun proceso político de construción nacional nunca rematado ou pechado e sempre continxente.

Pois ben, a identidade galeguista está moi influenciada polo PPdeG, como non podía ser doutra forma sendo o principal encargado do desenvolvemento e consolidación do proceso autonómico. Esta institucionalización do autogoberno galego veuse reforzada pola dinámica de competición promovida por Fraga con Madrid e o goberno socialista, así como pola creación dunha acción exterior propia. Fraga non só se foi a “predicar no deserto”[iv] como dicía a parodia en referencia á viaxe a Libia, senón que estivo presente por América Latina (Venezuela, Cuba, Brasil, Arxentina, Guatemala, México, Chile e Bolivia) ademais de Polonia ou Australia. Guste máis ou menos, o galego ten moito dos populares.

Esta rearticulación rexional-conservadora do galeguismo contaba coa vantaxe dun sentimento de identidade difuso, non canalizado como o vasco e catalán, e unha traxectoria histórica da ideoloxía galeguista[v] que permite unha fácil asimilación polas forzas conservadoras, ou polo menos máis tolerable. O galeguismo sempre contou, xa fose na súa vertente máis intelectual ou na organización política, con potentes sectores liberais e conservadores, e non incorporou unha análise de clase ata os anos 60 coa aparición do grupo Brais Pinto e a posterior formación da Unión do Povo Galego -UPG- de inspiración anticolonial.

As identidades fórmanse escollendo determinados elementos e non outros, se collese todo e non houbese un exterior non habería comunidade. A rearticulación da simboloxía galeguista en clave rexional -integrada no fracasado sistema das autonomías- e conservadora -neoliberal- é o que Feijóo ven en chamar “galeguismo de concordia”[vi]. A reivindicación dun galeguismo afastado de proxectos con calquera rastro de antagonismo ou vontade de transformación. Fraga foi o enxeñeiro que deu sentido a este proxecto, pero as palabras de Albor o día da moción de censura que acabaría co seu mandato recórdannos que foi una pulsión que estivo presente desde os comezos dos populares: “o único que podo facer é saír de aquí con toda a dignidade de vello galeguista e vello demócrata[vii].

O que non existía en Galicia no tempo pre-Fraga era a pulsión populista, resulta curioso cando menos que o fundador de Alianza Popular sempre se autodenominase como galeguista e populista. Lonxe das teorías academicistas que postulan o populismo como unha mestura entre complexas operacións discursivas e consideracións psicoanalíticas, e contrariamente aos novos conservadores que asocian o termo coa demagoxia e o engano, o que fora ministro do Caudillo entendíao como a capacidade de aprehender o sentido común do pobo para, desde aí, operar politicamente: “nos tempos nos que vivimos ou se está co pobo ou se está contra o pobo (…) eu procuro estar aí naturalmente, non creo parecer débil, ben ao contrario, mire vostede para eses bancos e verá que o pobo quere estar representado, e o outro son respectabilísimas minorías”. Paradoxalmente esta circunstancia era aproveitada pola oposición de esquerda para atacalo, foi o caso de Camilo Nogueira que entendía que “como o marqués de Bradomín que era feo, católico e sentimental, o señor Fraga é conservador, rexionalista e populista” e especialmente por Xosé Manuel Beiras quen nunha ocasión acusouno de “populista, ou sexa, que utiliza e manipula ao pobo, que é o que fixeron os populistas como Perón (…) ou Getulio Vargas”. Estes comentarios nunca incomodaron a un Fraga que sempre mantivo unha visión positiva do populismo pola súa vinculación coas clases populares: “eu fun e son populista porque veño do pobo e ao pobo volvo”[viii].

No que Fraga si coincidía cos novos populistas é na predilección polo teórico da política Carl Schmitt. En consonancia coa ensamblaxe teórica que proporciona a obra do alemán, o PP galego sempre entendeu o hiperliderado de Fraga como unha expresión da vontade do pobo galego e toda crítica ou forza de oposición unha traizón, non ao PP, senón a Galicia. Pero a súa influencia na política galega non só se explica polo de Vilalba. Schmitt mantivo unha forte vinculación coa Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, tradicionalmente centro de formación da clase política galega e especialmente do PP -alí estudaron Fraga, Rajoy, Romay Beccaría e Feijóo entre moitos outros- e onde ocupaban unha cátedra Alfonso Otero, quen pasou a ser o marido dunha das fillas de Schmitt, e Álvaro D´Ors, profesor de Dereito Romano que foi o seu discípulo e amigo co que mantivo unha longa correspondencia. Polos motivos familiares Carl Schmitt chegou a vivir longas temporadas en Compostela, onde confraternizou con xuristas e políticos galegos. Non é difícil imaxinar que foi froito da súa relación con Schmitt que Fraga dixera en 2008 aquilo de que “aos nacionalistas habería que colgalos”[ix]. Xa se sabe, na lóxica do amigo-inimigo un pode pasar rapidamente do agonismo ao antagonismo.

O que escribe estas liñas está convencido de que Feijóo non ten lido a Schmitt, polo menos en profundidade, tampouco o necesita, aínda así en 2017 na presentación do curso universitario, xa fose por iniciativa propia ou por recomendación dalgún asesor con aspiracións teóricas, decidiu mostrar a súa desconformidade coa tradición schmittiana do PP galego e arrancou o seu discurso no acto inaugural do curso académico aseverando que “a democracia galega é herdeira dos principios enunciados por ese universitario que foi  Hans  Kelsen. A súa defensa dos procedementos para a evolución legal e constitucional dun Estado fronte a un Carl  Schmitt que avogaba pola democracia directa, sen ataduras procedementais. Sabemos que o primeiro inspiraría ás democracias do noso tempo, mentres que o segundo sería utilizado con  fruición polas ditaduras (…) Convén non esquecelo cando se transgriden as normas coa escusa de que representan obstáculos para a plena realización da suposta vontade do pobo”[x].

Seguindo esta liña, non debemos confundirnos nin mesturar mitos con análises pouco rigorosos, nin Feijóo é Fraga nin o actual PPdeG é igual ao anterior, aínda que o galeguismo siga sendo o núcleo da súa produción político-simbólica. O PPdeG de Feijóo cimenta a súa hexemonía nunha relación orgánica Xunta-Partido na que ambos se mesturan de tal forma que é difícil distinguilos. Unha hexemonía máis naturalizada a través dos aparellos administrativos e a xestión técnica que do combate ideolóxico.

A base organizativa do PPdeG, aínda que lonxe do nivel dos anos 90, permítelle ser o actor con máis arraigo no territorio e mobilizar a votantes e simpatizantes en cada campaña electoral. Teñen máis militantes que o resto de partidos xuntos, máis concelleiros que o BNG e PSdeG xuntos e, sobre todo, a conciencia de que ocupar o espazo do centro implica, sobre todo, parecerse ao pobo[xi]. Con todo, o PPdeG nos últimos tempos está tendo problemas para gañar alcaldías nos cascos urbanos. Sempre necesitando unha maioría absoluta que lles permita evitar os pactos á súa esquerda, a día de hoxe só gobernan un -Arteixo- dos quince municipios máis poboados do país. A figura de Feijóo permite reducir esta tendencia, o caso máis evidente quizais sexa o de Vigo onde pasaron dun 13% a nivel municipal a un 32% no autonómico.

Pero o PPdeG non só vive da súa liña estratéxica galeguista, se algo mantivo ao longo do tempo foi a importancia do liderado na captación do voto e influencia no sistema político galego. Sempre condicionando a loita política en Galicia o seu favor, cando o seu candidato non foi tan influínte os resultados non foron os esperados.

O actual presidente da Xunta foi o alumno avantaxado de Fraga, desprovisto do folclore populista, pero igual de hexemónico. A Fraga gustáballe o pobo galego, a Feijóo os cidadáns galegos. O de Os Peares é un burócrata sen rivais á súa altura ao que lle gusta bañar en galeguismo un perfil construído en torno á idea do xestor fiable e seguro, pero non ten inconvenientes en poñer o traxe de neoliberal ou militante de Galicia Bilingüe cando así o precisa. Para que nos entendamos, Feijóo é un político que sen maiores dificultades pode pola mañá facer unha entrevista con Federico Jiménez Losantos e pola tarde ir ao Gaiás a presentar unha exposición sobre a Xeración Nós.

Fonte: elaboración propia a partires de Enquisas Postelectorais do CIS

Menos interesante ca Fraga desde calquera ángulo: cultural, académico, político… Feijóo compénsao cun manexo case perfecto da comunicación política. Antón Losada, profesor de Ciencia Política, adoita comentar nas súas clases que o medio de comunicación máis grande en Galicia é a Xunta, polo menos en canto ao número de xornalistas contratados. O PPdeG comunica ben porque ten a capacidade de facelo a través dos recursos gobernamentais, con contratacións e subvencións, pero tamén porque lle outorga un valor especial na súa forma de facer política.

Volta a empezar?

As últimas eleccións produciron unha reconfiguración electoral do sistema político galego que semella retrotraernos vinte anos, a cando só había tres partidos importantes e poucos sobresaltos.

Se o caso do PPdeG se presta a interpretacións de todo tipo, isto multiplícase no do Bloque Nacionalista Galego. En menos de catro anos, grazas a volatilidade electoral na rexión, pasou de correr o risco de converterse nunha forza extraparlamentaria a acadar unha cifra récord de escanos. Esta transición garda relación coas transformacións que se veñen producindo no seo da organización. Para entendelas precisamos trazar unha breve xenealoxía dos nacionalistas.

No ano 2012 levouse a cabo a famosísima Asemblea de Amio, unha cita fundamental polo que se debatía a nivel estratéxico e organizativo no BNG, pero tamén polo momento histórico que se estaba a vivir. Despois do fracaso que supuxo perder a Xunta de Galicia tras menos de catro anos de goberno bipartito, a organización quedou sumida nun interregno no que nin se analizaban de forma crítica as experiencias de goberno nin se producían cambios estratéxicos enfocados a unha guerra de posicións nas novas circunstancias sociais e económicas derivadas da crise do sistema-mundo que comezou no ano 2008. Se os cambios a nivel galego non movían ao Bloque, por suposto, tampouco o conseguía a histórica mobilización que se produciu no Estado español a raíz das manifestacións do 15 de maio de 2011 en Madrid que rapidamente se espallaron polo resto de territorios e anunciaban a incipiente posibilidade de novos discursos con capacidade de aglutinar a sectores sociais que tradicionalmente non se sentían identificados cos proxectos de esquerda.

Nese escenario unha parte da militancia do Bloque entendía que se estaba ás portas dunha estrutura de oportunidade política que precisaba a nivel interno dunha apertura da organización en forma de maior flexibilidade orgánica e a nivel externo dun novo proxecto común como chave para a recuperación da lexitimidade social. Esta era a postura do Encontro Irmandiño liderado por Xosé Manuel Beiras, á que se lle sumaría o grupo dos quintanistas liderados por Carlos Aymerich baixo o nome de Máis Galiza. Fronte a eles, cunha postura máis conservadora -conservación do existente-, estaba a organización que historicamente controla o partido, a UPG, que se presentaba á asemblea baixo o nome de Alternativa pola Unidade. Con apelacións a unha unidade en abstracto, defendían unha reivindicación da propia organización e dos principios da esquerda nacionalista[xii]; case como se o mero intento dunha apertura supuxese un ataque ao partido. Nalgúns lugares o Partido, como diría Federico Sánchez, resúmeo todo.

Finalmente, en segunda volta e tras o apoio da corrente Movemento Galego ao Socialismo, a UPG saíu gañadora do proceso e puido poñer en práctica as súas teses. Consolidouse así un discurso autorreferencial e excluínte no que o eixo central sería o dereito á autodeterminación e segundo o cal era imposible calquera acercamento a forzas políticas que non fosen exclusivamente galegas -seguindo a lóxica dos dous mundos galeguismo/españolismo-. Tras a asemblea comezaron as escisións, por un lado, os grupos en torno a Beiras fundaron Anova Irmandade Nacionalista e, por outro, os quintanistas, pero sen o apoio de Aymerich e os seus, fundaron Compromiso por Galicia. Produciuse ademais un goteo constante de militantes que abandonaban por mor do anquilosamento do partido ante os cambios que se foron producindo no sistema político galego e español nos seguintes anos.

As eleccións ao Parlamento galego do ano 2012 supuxeron para o BNG os seus peores resultados desde os anos 80. Foron superados pola candidatura Alternativa Galega de Esquerdas -AGE- liderada por Beiras e froito dun pacto entre Anova e Esquerda Unida un mes antes dos comicios. Os resultados electorais parecían confirmar de forma empírica as teses beiristas, as mesmas que non puideron gañar a batalla interna uns meses antes. A candidatura foi o resultado dunha reflexión que entendía que naquel momento debía primar a unidade popular-cidadá como método para a articulación do suxeito e os procesos constituíntes como un horizonte que permitise procurar novos camiños para a transformación social.

O acordo para formar unha plataforma electoral aberta a novas formulacións estratéxicas -Yolanda Díaz presentaba o acordo afirmando que o obxectivo era transformar “a rabia dos galegos por 300.000 parados e 30.000 mozos que saen de Galicia cada ano en votos contra os desvergonzados que nos están gobernando[xiii]– parecía a decisión máis lóxica para os irmandiños. Contaban cun partido de cadros sen ningún tipo de capacidade organizativa pero cunha visión distinta do novo papel que debía xogar o nacionalismo galego e un candidato recoñecido polo corpo electoral galego e con posibilidades de aportar novos apoios. Co tempo, como se fose un mal endémico nas forzas progresistas, AGE pasaría  polos mesmos problemas internos que sufriu o Bloque.

No ano 2016, ás portas dunha nova contenda electoral, levouse a cabo a XV Asemblea Nacional do BNG, na mesma aprobaríanse unhas teses políticas que continuaban coa liña xurdida de Amio. Como recolleu unha peza satírica mítica que xa forma parte da memoria colectiva da esquerda galega, o BNG escollería entre o plistoceno e o paleolítico[xiv]. Sen embargo, naquela asemblea, e de forma contraria a calquera predición lóxica, produciuse o cambio máis importante para entender os resultados do BNG nas últimas eleccións: unha militante da UPG e deputada desde o 2004 chamada Ana Pontón pasaría a ser a Portavoz Nacional e, posteriormente, candidata á Xunta.

Con ela comezou un cambio de rumbo no discursivo que permitiu ao BNG salvar as eleccións de 2016 in extremis. Esta transformación nos marcos interpretativos non é a primeira vez que se produce nos nacionalistas, como xa se ten estudado[xv] nos anos 90 o ascenso da formación estivo vinculado ao desenvolvemento dun proxecto común centrado nas políticas sociais e o abandono do marco do colonialismo interno. Pontón recupera en parte esta idea de benestar e progreso, adoptando así as peticións dos que foran críticos do partido. Xa na primeira campaña coa nova candidata quedan moi claros cales son os novos elementos do nacionalismo: reclamo de maior autogoberno, non por dereito histórico senón para fortalecer os servizos públicos e mellorar as condicións de vida dos galegos. O espazo que viñan de ocupar a soberanía e o dereito a autodeterminación pasárono a ocupar a loita contra as privatizacións, o feminismo ou a necesidade dunha facenda propia para distribuír máis e mellor, en oposición aos recortes estatais. Procurouse separar o significante nacionalismo dos significados tradicionais asociados ao mesmo e vinculalo cun proxecto de defensa dos intereses dos galegos.

Un elemento curioso deste proceso que consistiu en a) un nacionalismo social cada vez máis afastado de reivindicacións culturais ou históricas, b) contar cunha muller de candidata e c) obter uns resultados electorais históricos, é que non foi único do BNG, senón que, como se existise unha especie de Internacional Soberanista, tamén se produciu nun período de tempo moi semellante nos casos de Bildu en Euskal Herria, Sinn Fein en Irlanda ou Scottish National Party en Escocia.

Desde esta óptica debemos interpretar o chío publicado por Juan Carlos Monedero a mesma noite das últimas eleccións:

O chío, evidentemente, é unha parvada, pois non é a primeira vez que o BNG prima o social sobre o nacional, pero si dá conta de que nas últimas eleccións foron capaces de ocupar un espazo que lles era alleo nos últimos anos. Ese espazo fai catro anos xa estaba representado por En Marea, non así en 2020 ao producirse un novo aliñamento electoral provocado pola descomposición de Podemos e as súas forzas aliadas, os cales non foron capaces de manter máis dun 22% do seu electorado.

Fonte: elaboración propia a partires de Enquisas Postelectorais do CIS

O autodenominado espazo do cambio desapareceu do mapa galego tras un período marcado polos enfrontamentos organizativos constantes e unha campaña electoral absolutamente nefasta, desde como se levou a cabo -por sectores, evidenciando as debilidades orgánicas- ata a imposición dun candidato descoñecido. O resultado foi igual de nefasto, aínda máis grazas á antidemocrática barreira electoral aprobada en tempos de Fraga que deixa sen representación a todo aquel que no acade o 5% na circunscrición. O BNG soubo aproveitalo co discurso, pero ademais, de xeito paradoxal, a inflexibilidade e falta de pluralismo interno convertéronse nunha garantía de seriedade e compromiso, en contraposición coa desfeita organizativa dos comúns ‑obviarei o nome completo da candidatura para que este artigo non sexa excesivamente longo-. Os galegos buscaban certezas e seguridade nun contexto de crise -o estado de alarma provocado pola Covid 19 prolongouse ata o 20 de xuño e as eleccións foron o 12 de xullo- no que os principais sentimentos do electorado eran a incerteza e o medo ante o futuro.

A de Monedero foi a reflexión máis soada, pero non a única na esquerda. De entre as voces que tentaron explicar o éxito do BNG fixeron fortuna dúas teses: 1) que unha parte do electorado moveuse cara posicións anticentralistas e 2) que se produciu unha translación de forza desde o campo organizativo cara o electoral.

Con respecto á primeira, non existe ningún dato recollido nos postelectorais que apunte nesa dirección e xa se expuxo a combinación que permitiu ao Bloque ocupar un novo espazo ‑desaparición do proxecto de En Marea e volta ao discurso social encarnado por un liderado forte-, pero este tipo de razoamentos permítennos reflexionar acerca da relación entre a cuestión nacional e a contenda electoral.

Resulta evidente que o BNG ten unha tendencia conxénita a entender Galicia en termos de colonia interna e a cultura galega como antagónica á española, isto xera un distanciamento co pobo galego e o seu propio electorado, que maioritariamente pensa Galicia e a política en termos duais. Polo tanto, a cuestión nacional preséntase de forma contraditoria para o Bloque, pois parece evidente que a súa capacidade para aglutinar forza electoral vese reducida cando se volven autorreferenciais, pero medra cando abandonan a lóxica galeguismo/españolismo e se enfocan en converterse en vangarda da defensa dos intereses de Galicia formulando o nacionalismo en termos de xustiza social.


Fonte: elaboración propia a partires de Enquisas Postelectorais do CIS

Ana Pontón é plenamente consciente desta situación, polo menos en campaña, e por iso, a pesar de ser unha militante da UPG, presenta de maneira difusa as cuestións relativas á independencia -a diferenza dos seus socios Bildu e ERC-. Así na entrevista que lle fixo o xornal máis lido e influente de Galicia en plena campaña aseverou que “a independencia non é unha proposta que conste no noso programa[xvi].

Con respecto á segunda tese, basta unha pregunta para desmontar a teoría da translación. Por que unhas veces si e outras non? En 2015 e 2016 o BNG quedou sen representación no Congreso e estivo a piques de quedar sen ela no Parlamento co mesmo nivel de acumulación de forzas sociais e militantes que cando obtivo os seus mellores resultados. A militancia, os sindicatos de clase, a organización veciñal… non explican o fundamental se nos centramos no puramente electoral. Por suposto, son unha parte importantísima que permite unha maior mobilización e, no caso do BNG, sobrevivir aos momentos de crise.

Non é demasiado arriscado afirmar que sen o descubrimento de Pontón por parte do electorado no ano 2016 o BNG -coa mesma forza organizativa- tería tido moitas dificultades para acadar representación nas catro provincias. As últimas enquisas publicadas[xvii] antes do debate electoral coincidían en asignarlle ao BNG só dous deputados, un na provincia de A Coruña e outro na de Pontevedra.  Tras a irrupción de Pontón na campaña, especialmente tras o seu bo facer no debate confrontando a Feijóo, a organización do BNG si posibilita unha rápida mobilización. Nunha enquisa feita por Sondaxe[xviii] confirmábase a tendencia, pois o BNG era o partido que máis novos apoios tería logrado tras o debate. Pontón funcionou como axitadora dunha parte do electorado, pero tamén dunha organización que estaba aletargada -unha militancia ilusionada e cargada de razóns funciona moito mellor que unha deprimida e lacónica-.

E é que o recente éxito do BNG non se explica sen a figura da propia Ana Pontón. Os nacionalistas contan cun liderado capaz de interpelar e mobilizar a sectores máis diversos. Nunca unha candidata nacionalista, nin nos tempos de Beiras, influíra tanto nos votos acadados.

Fonte: elaboración propia a partires de Enquisas Postelectorais do CIS

Se ben o liderado de Pontón é importante no sistema político galego desde o ano 2016, foi nesta última campaña electoral onde adquiriu a súa dimensión actual. A construción da súa figura como candidata centrouse especialmente en tres elementos: o feminismo, un discurso presidencialista e a súa condición de persoa accesible e humilde.

Xa na clausura da asemblea onde foi escollida portavoz, Pontón enuncia que o seu será un mandato en feminino. Isto tivo o seu reflexo non só na súa figura pública, senón tamén na forma en que se foi construíndo organización, pois o BNG, que tradicionalmente ten pecado de estar demasiado masculinizado, levou a cabo un proceso de feminización da man dos novos liderados que foron xurdindo: Olalla Rodil, Noa Presas ou Alexandra Fernández. A fichaxe desta última procedente de Anova-En Marea quizais sexa a mellor escenificación do espazo que pretende ocupar o partido: a nova imaxe ten cara de muller.

Pontón é feminista e a única muller candidata dos partidos que acadaron representación, isto permítelle ser a persoa que máis fielmente encarna os valores do único movemento hexemónico de esquerda no noso país. A presenza do feminismo é notable nas súas prácticas discursivas, desde a rearticulación do mesmo co nacionalismo galego a través de figuras históricas como a de Rosalía de Castro, a apelación ao conxunto de mulleres que se manifesta o 8M a construír unha Galiza nova, ata un dos lemas da última campaña: unha muller presidenta.

Porque ese é o principal obxectivo, construír o liderado dunha muller que acabe sendo presidenta, por iso o perfil de Pontón é moi institucional e centrado en ofrecer unha alternativa de goberno a Feijóo. O mellor exemplo foi o debate electoral da última campaña. Por primeira vez participaba Vox, partido do cal é membro o recoñecido falanxista Ortega Smith, quen uns días antes afirmara que Castelao era un xenófobo e un racista, unha mentira groseira que só tiña por obxectivo captar a atención dos medios e provocar a indignación e ataques dos partidos galeguistas para poder confrontar con eles. Aínda así, a posibilidade de defender a un mito do galeguismo como Castelao ante a extrema dereita é unha oportunidade que ningún nacionalista deixaría escapar. Pois ben, de maneira moi intelixente, no BNG primou o sentido táctico e Pontón evitou contestar ao candidato de Vox para centrarse nas críticas ao modelo de xestión do PPdeG e lanzar as súas propostas. Só lle faltou repetir aquela famosa frase de águila no caza mosca.

En definitiva, o BNG presenta a Pontón como unha muller galega que quere ser presidenta, pero unha aspiración tan elevada non a transforma, ela segue a ser unha muller sinxela que non esquece as súas raíces. Se Fraga dicía galego coma ti, Pontón di da aldea coma ti.

Mover os marcos

Pode que a situación en termos electorais sexa asimilable á de fai máis dunha década, o que non pode selo son as prácticas e discursos que se apliquen para poñer fin á longa noite de pedra neoliberal. A pregunta pertinente é como pensar unha contrahexemonía galega que posibilite ser alternativa e chegar en mellores condicións ao seguinte asalto electoral.

Nas condicións actuais parece que o BNG está destinado a xogar un papel relevante. Os seus resultados electorais, a mobilización que conseguiron dos máis novos, a súa experiencia en concellos e no parlamento, a súa candidata… fixeron dos nacionalistas o núcleo do polo da transformación social no noso país. Agora ben, é suficiente o BNG? Basta unha candidata ben valorada e un discurso social para gañarlle a Feijóo? O Bloque conseguiu o seu maior número de deputados e aínda así obtivo vinte e tres menos que o PPdeG e, por seguir cos exemplos, quedouse moi lonxe dos vinte e oito de González Laxe en 1989 ou os vinte e cinco de Touriño en 2005 e 2008. Os últimos resultados foron produto dun xogo de suma cero no que o Bloque obtivo trece dos catorce deputados de En Marea, pero non puido acceder ás demais bolsas de votantes, como se os espazos políticos fosen compartimentos estancos. O teito dos nacionalistas foi insuficiente para producir un cambio no goberno da Xunta. Desde esa premisa, como sumar?

Calquera forza galeguista e pola transformación radical da sociedade, xa sexa o propio BNG, actores que agora pasan por un mal momento ou calquera outra forza que xurda nos próximos tempos -se algo demostra o caso galego e que as cousas poden cambiar moito en catro anos-, deberá atallar de raíz a problemática que supón a diferenza entre a esquerda e os galegos. Se a identidade maioritaria dos galegos é galega e española, unha división antagónica entre Galicia e España conduce a unha perspectiva monista -de escasa calidade democrática- pola cal as nacións deben ser entes homoxéneos. O recoñecemento de Galicia como suxeito político autónomo non debería levar consigo a exclusión dunha parte da poboación do proxecto político do galeguismo. Discursos como o de Alexandra Fernández o Día da Patria[xix] marcan unha incipiente liña a continuar: Galicia como unha comunidade que se articula en torno á pluralidade, un mundo donde quepan muchos mundos. Os marcos antagónicos débense establecer cos que se benefician dun sistema que é unha trituradora de vidas humanas, non cos pobos irmáns.

Aspirar a integrar a cada vez máis sectores nun proxecto alternativo en ocasións asóciase con virar cara o conservadorismo e a moderación ideolóxica. A realidade é que unha tentativa seria por ampliar o campo político da esquerda galeguista pasaría por comprender máis e mellor os sentidos comúns que sustentan as subxectividades dos galegos; unha forza verdadeiramente radical entende culturalmente ao seu pobo e sabe ler en que cuestións se está máis avanzado e en cales insistir supón outorgarlle unha vantaxe competitiva ao adversario. Trátase de atopar os puntos chave que permitan unha división da sociedade que sexa favorable en termos de disputa política, unha praxe con este enfoque será imposible senón se entende aquilo do adversario que é tolerado e aceptado. A alternativa ao goberno da Xunta non pode ser a caricatura dun profesor de lingua galega obsesionado co mal uso dos pronomes que fai Feijóo.

Galicia non está aletargada nin é un páramo político no que o PPdeG fai e desfai ao seu gusto. Galicia móvese e así o demostran as enfermeiras eventuais en loita, os venres negros na CRTVG, martes negros na USC, as protestas contra o peche do paritorio de Verín, salvemos Catasós, a plataforma en defensa da sanidade pública, as loitas dos traballadores de Alcoa ou Siemens Gamesa… A pesar dos intentos por articular estas loitas, a día de hoxe non existe unha plataforma que sirva para a súa adhesión baixo referentes socias específicos ou unha proposta alternativa de goberno. Un dos principais problemas para que isto non suceda é a incapacidade para trazar fronteiras no social que non pasen por Feijóo e o PPdeG. En Galicia a lealdade partidista ou ideolóxica non está en cuestión, polo que se o teu marco antagónico é principalmente cun candidato ben considerado ao que cada vez que os galegos teñen ocasión lle outorgan maioría absoluta, é evidente que a túa capacidade para construír unha identidade política ampla verase reducida. Quizais sexa un bo momento para valorar criticamente os intentos pasados por xerar unha inexistente burguesía galega e comezar a reflexionar sobre posibles novos antagonismos.

Moitas destas loitas activas no territorio están vinculadas ao medio ambiente, sen embargo na esquerda galega o debate sobre o ecoloxismo non se ten producido ata o de agora. A crise ecosocial sitúanos ante un escenario inédito que precisa dun corpus teórico renovado e novas solucións. Cabe preguntarse por que nun país onde o sector primario é tan importante e existe un problema case de carácter sistémico cos lumes, estámonos quedando atrás cun cambio de paradigma que permitiría superar as propostas programáticas medioambientais illadas e avanzar cara unha solución integral ecoloxicamente sostible e socialmente xusta. Comezar a falar dun Green New Deal Galego levaríanos a pensar distinto estratexicamente, desde a aspiración a un maior autogoberno e unha nova institucionalidade que permitan modificacións relevantes nos asuntos industriais e fiscais.

Toca esquecerse da moral e comezar coa política. Sigamos avanzando coa vontade de gañar, pero construíndo país a cada paso.

[i] Zavaleta, René (2009). La autodeterminación de las masas. Bogotá: Siglo del Hombre Editores y Clacso. Pp. 214.

[ii] “Rubén Cela: «Galícia és una colònia, des del punt de vista psicològic però també econòmic» en Catarsi Magazín. Dispoñible en: https://catarsimagazin.cat/ruben-cela-galicia-es-una-colonia-des-del-punt-de-vista-psicologic-pero-tambe-economic/

[iii] Rúas Araujo, José (2003). El discurso político de Manuel Fraga. Tesis doutoral. Madrid: Universidad Complutense de Madrid. Pp. 208.

[iv] “Don Manuel se fue a Libia” en YouTube. Dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=5cif20iwNL0

[v] Máiz, Ramón (2001): “El nacionalismo gallego en el siglo XX” en Morales Moya (coord.) Ideologías y movimientos políticos. Pp. 285-314.

[vi] “Feijóo enxalza o “galleguismo de concordia” da Xeración Nós” en El Correo Gallego. Dispoñible en: https://www.elcorreogallego.es/tendencias/feijoo-enxalza-o-galeguismo-de-concordia-da-xeracion-nos-AN4816057

[vii] “Fernando González Laxe, nuevo presidente de la Xunta al prosperar la moción de censura de los socialistas” en El País. Dispoñible en: https://elpais.com/diario/1987/09/24/espana/559432808_850215.html

[viii] Rúas Araujo, José (2003). El discurso político de Manuel Fraga. Tesis doutoral. Madrid: Universidad Complutense de Madrid. Pp. 212, 217 e 218.

[ix] “Fraga “a los nacionalistas habría que colgarlos de algún sitio” en Faro de Vigo. Dispoñible en: https://www.farodevigo.es/espana/2008/12/11/fraga-nacionalistas-habria-colgarlos-sitio-17982024.html

[x] “Feijóo: ”Nunca fue tan intenso el vínculo entre los campus y la sociedad” en La Opinión Coruña. Dispoñible en: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2017/09/09/feijoo-intenso-vinculo-campus-sociedad-24206900.html

[xi] Apontamentos de etnografia eleitoral” en O Salto Galiza. Dispoñible en: https://www.elsaltodiario.com/partido-popular/apontamentos-etnografia-eleitoral

[xii] “La UPG pondrá rostro al Bloque” en El País. Dispoñible en: https://elpais.com/ccaa/2012/01/29/galicia/1327871751_793754.html

[xiii] “Yolanda Díaz presenta Alternativa Galega como la “gran revolución” de la próxima campaña electoral” en El Ideal Gallego. Dispoñible en: https://www.elidealgallego.com/articulo/galicia/yolanda-diaz-presenta-alternativa-galega-como-la-gran-revolucion-de-la-proxima-campana-electoral/20120911021854072257.html

[xiv] “A asamblea do BNG escollerá entre o pleistoceno e o paleolítico” en Tempos Galegos, Dispoñible en: https://temposgalegos.com/2016/02/04/a-asemblea-do-bng-escollera-entre-o-pleistoceno-e-o-paleolitico/

[xv] Máiz, Ramón & Ares, Cristina (2018). The Shifting Framing Strategies and Policy Positions of the Bloque Nacionalista Galego en Nationalism and Ethnic Politics, 24:2, Pp. 181-200.

[xvi] “Ana Pontón, no encontro cos subscritores: “a independencia non é unha proposta que conste no noso programa” en La Voz de Galicia. Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2020/07/01/ana-ponton-encontro-cos-subscritores-independencia-non-e-unha-proposta-conste-noso-programa/00031593630699644355326.htm

[xvii] “Feijóo conservaría la mayoría absoluta pese a perder tres escaños” en La Voz de Galicia. Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/elecciones2016/2016/09/11/feijoo-conservaria-mayoria-absoluta-pese-perder-tres-escanosencuesta-diaria-sondaxe-proximo-lunes/0003_201609G11P6991.htm

[xviii] “Un 7% de los gallegos que vieron el debate han cambiado su voto” en La Voz de Galicia. Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/elecciones2016/2016/09/14/7-gallegos-vieron-debate-cambiado-voto/0003_201609G14P2999.htm

[xix] “Día da Patria Galega” en Facebook. Dispoñible en: https://www.facebook.com/watch/live/?v=684655152090575&ref=watch_permalink

SOBRE O AUTOR

Roi Pérez (@roiperez_).Doutorando en Ciencia Política na USC.

0 comments on “Galicia: entre a política e a moral. Galeguismo e posibilidades contrahexemónicas no reino de Feijóo

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: