Sociedade

Pensando o presente a través da lectura da Altísima Pobreza, de Giorgo Agamben

Neste artigo, Arturo Cabrero Lozano, nos presenta unha reflexión acerca de cuestións como a relación coas leis, a propiedade ou a forma de habitar o mundo, que nos permitirá pensar algúns dos problemas políticos do noso tempo. Para elo, e como fonte de inspiración, mergullaranos na lectura critica da obra de Giorgo Agamben, Altísima Pobreza.

“Necesito pocas cosas y las pocas que necesito, las necesito poco”

San Francisco de Asís

1. Introdución

Corren tempos en que as regras viñeron á nosa vida para quedar; non é que antes vivísemos baixa a lei da selva; o que hoxe se fai patente é que  calquera paso no noso discorrer diario superpónselle un precepto, unha lousa que pesa: saio de casa e esquézome a máscara, volvo a ela, e as mans pícanme, hei de lavalas, vexo ao meu amigo e algo impídeme abrazalo.

Vivimos atravesados pola lei, a crise do Covid-19 non ten parangón en nada que afetaranos en anos antes: vida e norma parecen hoxe confundirse.

Máis aló desa continxencia  vírica que sacudiu as nosas vidas, tras a caída do Muro de Berlín, e polo tanto dos horizontes de cambio e os grandes metarrelatos, abriuse un espazo en Occidente de reflexión para pensar o común, a comunidade, máis aló das antigas dicotomías individual/comunitario: que é o común? como debemos habitar o mundo? queda algunha posibilidade de facelo xuntos sen subtraer as diferenzas e sen pecharse nelas? é necesario apropiarse do mesmo, dos outros? Pensadores como Jean-Luc  Nancy e  Giorgo  Agamben instalásense nestas constelacións de dúbidas e reflexións, e propóñennos algunhas articulacións teóricas niso que algúns definen como post-comunitarismos: o pensar a comunidade na  posmodernidade  postsoviética.    

Hoxe tocaranos pensar o dereito e a súa relación coa vida, a propiedade, o comunitario; por todo iso, e rexistrados nestes debates, libros como a Altísima pobreza: reglas monásticas y formas de vida (Agamben, 2013), non poden ser máis idóneos e de máis de actualidade.

Que ten de interese para nós esta obra? Mergullando nos confíns do cristianismo e nas súas normas, hábitos e formas de vida, nos usos do poder e nas súas resistencias, na liturxia tradicional e a heterodoxa, o filósofo italiano Giorgo  Agamben proponnos toda unha reflexión en torno á relación entre as nosas biografías e as súas regras; os ámbitos do dereito e os seus espazos de resistencia; o potencial dunha vida vivida máis aló de toda indicación; un modus  vivendi que se resiste a ser cooptado pola súa forma e pretende transcendela; un habitar do mundo mediado polo uso e non a apropiación do mesmo…

Neste traballo faremos fronte a todas esas cuestións a través dos diferentes conceptos que emanan da lectura hermenéutico-critica de Altísima Pobreza: regra/vida; forma-de-vida, uso fronte a propiedade…Expoñendo todo o pensamento que poderemos extraer dos mesmos, pero tamén tratando de repensalo, relacionalos con cuestións que emanen en paralelo, e atrevéndonos mesmo a enunciar certas obxeccións a un pensador deste calibre.

A estrutura do traballo será continua, primeiro contextualizaremos o libro dentro da obra do pensador italiano, para posteriormente expoñer e pensar as cuestións craves que percorren a obra, así como os conceptos e respostas que tratan de continualas, esbozando tamén as nosas e relacionándoas co noso presente, quedando, supoñemos, sempre parcialmente abertas a próximas e diferentes lecturas.

2. Contextualización da obra

Brevemente, a obra de Agamben que aquí tratamos circunscríbese dentro do seu proxecto máis ambicioso, Homo  Sacer, no tomo IV, na que autor italiano tratará de pensar a  ontoloxía, política e ética do seu tempo e incidir nela a través de acudir ás súas orixes: a teoloxía cristiá, as súas liturxias, as súas formas de poder eclesiástico… e como esta cristalizou e secularizouse na modernidade (Ezequiel  Litvinoz, 2013).

Se no Reino e a gloria e Opus  Dei  Agamben analiza as formas de dominación e poder dentro da Igrexa, que posteriormente influirán na forma de goberno moderna, na Altísima Pobreza o autor italiano trata de expoñer como estas formas de goberno, en concreto, as formas que rexían a vida dos conventos foron resistidas polo movemento franciscano monacal e as súas novas prácticas e formas de vida , a través das nocións de forma-de-vida e altísima pobreza que analizaremos a continuación; amosándonos, como diciamos na introdución, que ensinos podemos extraer delas para pensar o noso presente (Ibis.)

3. Que cuestións proponnos a obra de  Giorgio  Agamben?

A modo de resumo inicial, podemos dicir que o libro proponse atopar: 1) unha maneira de vivir que non se confunda coa regra, que vaia máis alá do dereito e que non se confunda có mesmo; e 2) unha forma de habitar o mundo que non se apropie deste, senón que faga uso del. En palabras do propio Agamben preguntámonos: “Como pensar unha forma-de-vida, é dicir, unha vida humana que se subtraia por completo a ser capturada polo dereito, e un uso dos corpos e do mundo non se substancie xamais en apropiación? Como pensar a vida como aquilo do cal nunca se dá propiedade, senón soamente uso común?” (Agamben, 2013:10).

Para iso, o pensador italiano proponnos todo un percorrido histórico polos debates teóricos sobre as prácticas monásticas, explicando como se vivía e se regulaban os hábitos nos mosteiros da primeira Idade Media, destacando un exemplo que deixaría para a posteridade, e que Agamben rescata brillantemente no movemento franciscano e os seus diferentes participantes. Vexamos estas cuestións por separado.

3.1 Vivindo máis aló da regra: a relación entre vida/ regula; a forma-de-vida

As primeiras partes do libro configúranse como un labor hermenéutico-histórico, na que a través dos debates que se dan no seo da Igrexa, e en particular no se do movemento franciscano, imos extraendo cales son as concepcións que se dan entre a regra e a vida, entre dereito e forma de habitar o mundo.

Neste caso, ao falar do dereito e a regra no ámbito eclesiástico,  o autor italiano estase a referir no seu análise, ás regras monacais, que rexen entre outras cousas: a vestimenta, as horas, as celebracións litúrxicas, os ritos comúns, a oración… dos habitantes dun mosteiro. Pode parecer algo alleo ao noso tempo, pero de fondo Agamben nos invita a extrapolar esta reflexión para o conxunto de calquera vida, reflexionando neste caso concreto, como fixeron os franciscanos, acerca de se son estas regras as que configura a vida  monacal, ou pola contra  é o modo de vida cristián (non os seus preceptos, mandamentos ou normas, senón o seu exemplo, os seus faceres, o seu contido non necesariamente relacionado coa súa forma) o que configura as pautas dunha vida verdadeira, neste caso,  a vida evanxélica?

Pois ben, o franciscanismo afirmara o segundo: É na forma que tiñan os franciscanos de entender a tensión entre regra e vida onde atopamos esa vida que escapa do dereito, e se confunde coa súa forma; resistíndose á liturxia e canonización do acto de vivir e ao sometemento ao poder e ás prácticas da Igrexa nese momento. Este era, un modus  vivendi onde regra e vida son un; onde non hai unha lei que se impoña en forma de prerrogativa á vida; a vida  monástica e as súas regras non se configuran como un conxunto de obrigacións que veñen e se impoñen dende fóra, senón como un acto constante no que toda a potencialidade da vida se mostra e se configura sobre si mesma: os franciscanos non trataron de extraer unhas regras do evanxeo e aplicalas a través de preceptos e castigos, senón vivir o evanxeo: vivir a vida de Cristo. O exemplo e o modelo opóñense aquí á sanción: eles vivían a vida como a viviu cristo, facendo da súa pobreza e dos seus faceres todo un acto de vivir que rompe co hilomorfismo tradicional, que separa forma e contido: a vida, a forma-de-vida cristiá é unha, non hai unha formas abstractas e exteriores que se moldeen a unha materialidade pasiva, senón que ambas, materia, o acto de vivir, e a forma, o como vivir, son unha e se interrelacionan; todo se confunde e se mestura forma e materia, regra e vida, liturxia e vida.

Podemos exemplificar esta forma característica de pensamento franciscano a través dalgunhas afirmacións extraídas do libro: 1) “Aquel que se promete non se obriga como ocorre no dereito, ao cumprimento de actos singulares previstos na regra, senón que cuestiona o seu modo de vivir, que non se identifica cunha serie de accións nin se esgota en eles”; 2) “Non se trata de aplicar unha forma (ou unha norma) á vida, senón de vivir segundo esa forma, ósea, dunha vida que, na secuela, faise forma ela mesma, coincide ela” ( Agamben, 2013: 15).

Esta forma de relacionar a vida e a súa forma (a regra neste caso), queda explicitada nese sintagma, forma-de-vida, que expuxemos antes, que nos remite á escritura heideggeriana, na que os guións nos amosan unha pista de que estamos ante unidades que se dan, aínda que en tensión, sempre conxuntas: inseparables. Como viñamos dicindo, a forma de vivir derívase do propio acto de vivir, e a vida, o acto de vivir, o seu contido, confúndese coa súa forma, pois é o exemplo e o actuar constante o que conforma a delimitación da vida, dun modus  vivendi determinado: a vida de Cristo, a vida que reza o evanxeo.

3.2 Habitar o mundo sen apropiación del

Esperando que esta cuestión acerca da forma-de-vida quedara amosada, continuamos navegando polo libro e polo pensamento dialogado entre Agamben e os franciscanos. O último apartado do libro preocúpase por cuestións en torno a como habitar o mundo, a propiedade, o uso, ó habitar en común, sempre baixo o paraugas dos debates que vimos ata o de agora -no seo do cristianismo e da profesión  monacal franciscana-; sendo de vital importancia para a empresa intelectual que nos propón Agamben, o ser capaz, de pensar o mundo, a súa forma de habitalo, de maneira que se faga un uso e non unha apropiación do mesmo: un vivir en e con el, e non un vivir sobre e do mesmo.

É neste sentido como Agamben satisfai parcialmente a segunda cuestión que expoñiamos antes: esa procura dunha vida en común, sen apropiación do mundo, que se materializa nesa maneira que tiñan os franciscanos de renunciar ao dereito, en concreto ao dereito de propiedade, propoñendo a noción de uso e altísima pobreza.

A Altísima Pobreza, nome que dá título ao tomo, non sería máis que esa renuncia ao “dereito” para apropiarse da cousa, do corpo, do outro, do mundo. É con todo, como vimos dicindo, unha defensa de vivir en e co mundo, e facer un uso común do mesmo, da mesma maneira que farían os animais, pois hai en todo o pensamento franciscano, en especial, o de Francisco de  Asís, unha equiparación dos franciscanos cos animais, o que nos convida a pensar na posibilidade de estar ante un post-humanismo, do tipo de  Deleuze.

Volvendo ao noso, algúns fragmentos recolleitos no libro ben nos poden ilustrar estas formas de pensar: “a vida que se mantén non só en relación coas cousas, senón tamén consigo mesmo no modo de non apropiación e rexeitamento da idea mesma de vontade propia”; “así como o cabalo ten o uso de feito, mais non a propiedade da avea que come, de igual modo do relixioso que abdicou de toda propiedade ten o simple uso de feito do pan, do viño, e os vestidos”

De novo, pode parecer algo alleo os nosos dias, pois os franciscanos utilizaban estas reflexións para pensar a vida monacal, mais Agamben, na súa labor hermenéutica, extráenos unha forma de pensar que nos permite reflexionar sobre os nosos dias: coa deriva neoliberal, nun mundo no, que por poñer un exemplo, a auga doce comezou a cotizar en bolsa, non é tan axeo pensar se debemos seguir apropiándonos das cousas que nun tempo foron de todos, comerciando con elas, converténdoas en meras mercancías, ou se polo contrario, é o seu, vivir con elas, facendo so o uso necesario e compartido das mesmas: pois os recursos son finitos, e se todos queremos vivir neste mundo, demandamos de ferramentas teóricas e practicas que nos permitan volver a pensar o común.

4. Debates que nos xorden desta lectura: a que dereito debemos escapar?

Desagregando de forma breve as cuestións que consideramos principais deste libro, pasamos agora a expoñer algunhas nocios, debates, pensamentos que nos xurdiron por mor desta interesante lectura.

En primeiro lugar, vénsenos á cabeza, se, o que  Agamben quérenos insinuar, no seu tratamento e comentario do pensamento franciscano, é, que habería que escapar de todo dereito? Hai, por tanto, en Agamben unha concepción unívoca e negativa do dereito ou só unha forma de pensar contornas de resistencia cando o dereito vólvese  opresivo? Porque estamos ante un armazón teórico que nos recorda moito a formas como as do anarquismo moderno, a aquela clásica afirmación de Bakunin de que a propiedade é sempre un roubo. E que, no caso do dereito de apropiación, este que escribe as liñas atópase seducido por esta forma de pensar do franciscanismo, na que a procura dunha forma de habitar o mundo que non se apropie del, lévanos a darnos de bruzos cunha forma de habitar o mesmo en común, que o respecte, que se situei nas ópticas post-suxeito, diluíndo a distinción cartesiana entre suxeito,  rex-cognita,  apropiador e dador do mundo, e obxecto, rex-extensa, masa pasiva e a mercé do suxeito, que nos permite pensar no noso presente, formas diferentes de relacionarnos cos elementos máis vulnerables: a natureza, os animais, as persoas máis discriminadas; e que en todo momento resoa a esa  ontoloxía do ser-en-común que nos propón Nancy, autor que comentamos na introdución. Neste sentido, creo que é interesante facer mención  aquela distinción que propoñía  Heidegger na súa Ser e Tempo  [(1927),2012)], coa que podemos realizar un certo paralelismo. Lembramos que por unha banda tiñamos, a-cousa-a-a-man, os elementos vistos desde o seu uso, da súa finalidade para algo, e por outro, a cousa-a-a-vista, vista dende o seu ser, que en  Heidegger sempre é unha apertura ante a posibilidade de ser de diferentes formas que non se pecha.

Desta maneira, conectando o pensamento de Agamben -neste caso, nesa defensa do  franciscanismo- que se sabe influído do alemán, a cousa-a-man sería a cousa vista dende a súa posibilidade de apropiación, e a cousa-a-vista, sería o seu uso en común, no caso franciscano,  que  sempre respecta a posibilidade de ser aberta a posibilidade, e a súa nunca apropiación e cerrazón definitiva. Mais facendo unha pequena critica, parece que aquí nos atopamos ante un tipo de pensamento, debedor, por outra banda, como moitas outras partes das obras do autor, do pensamento de  Foucault (Ezequiel  Litvinoz, 2013:273), no que o poder se ve sempre aparentemente como negativo e sempre exercido dun suxeito sobre outro: poder sobre (Máiz,2011, cap2.), quedando fóra  esa posibilidade de pensar o poder como poder para (ibis), como poder contestado, deliberado e empoderante da sociedade civil, nos seus actos de protesta, pero tamén na súa influencia na esfera pública a través dos movementos sociais, da participación en foros  deliberativos, ou en orzamentos participativos…(Ibis.)

Unha segunda cara do poder que parece non ser contemplada por  Agamben, da mesma maneira que non parece contemplada na súa forma de concibir a lei, aquela distinción provinte da tradición republicana entre o dereito que protexe e emana do interese e o autogoberno cidadán, e o dereito que domina ao atender a un interese facional e arbitrario (Pettit, 1999).

É certo que as regras e preceptos poden ser contristes da vida, e facer dela unha gaiola na que cada paso que demos este regrado e sancionado, mais esa regra e sanción pode ser tamén empoderante e liberadora: ao fío do que comentabamos na introdución, é certo que actualmente vivimos fortemente confundidos coa regra, mais iso non ten porque facer a nosa forma de vida actual un sitio aflixíante de vivir; habitamos un mundo en pandemia, e os nosos gobernos están a procura de solucións dadas polos parlamentarios escollidos por todos, que nos permitan relacionarnos con este contexto de maneira que todos preservemos a nosa saúde.

E iso negativo?, o se pensamos así non estamos a caer nunha concepción do poder que mais que liberadora, situaríanos nas marxes do pensamento liberal, no neoliberalismo, na que toda regra e forma de poder publico é algo que combater, na que toda redistribución da riqueza é un roubo, o na que toda forma na que tratar de dividir equitativamente os recursos cobra o ton dunha pesádela orweliana?. Creo que é necesario, neste sentido, que revisemos as nosas posturas antes as leis e as normas, de maneira que nos permitan ter unha armazón teórica para reflexionar sobre os problemas do noso tempo: a pandemia, as desigualdades, as cuestións ecolóxicas, as cuestión das mulleres ou as cuestión dos animais.

5. Conclusión

O que podería parecer un labor de  erudición descolgada do presente, o mergullarse en debates teleolóxicos sobre as formas nas que se concibe as regras dun mosteiro, móstrasenos na obra de Agamben como todo un labor de teoría política, que nos permite pensar o noso tempo, a nosa forma de habitar nel, as nosas reflexións sobre a propiedade e a relación entre os suxeitos, as nosas formas de pensar o dereito e o poder…En definitiva, nunca o pensamento Franciscano estivo máis de actualidade, e isto é mérito de Giorgo  Agamben.

Que nos di este libro sobre o noso presente? Creo que nos ofrece, en primeiro lugar, unha forma de pensar a nosa relación coas leis, un intento de crear un modus vivendi que non se delimite ao cumprimento irreflexivo da norma, senón, que postule un vivir en base ao exemplo que se intenta transmitir no contido que habita en cada unha delas.

Un pensamento que  se o conectamos coa tradición republicana, pode ser unha maneira de ver que é necesario unha cultura cívica ou unhas virtudes cívicas, que fagan do cumprimento das leis –sempre creadas por quen se somete a elas- un modo de vida, que non termina no acatamento irreflexivo das mesmas, senón que fai do vivir cívico, do vivir cumprindo as leis xustas, un acto de vivir que complementa a forma tradicional de relacionarnos con elas, isto é, mediante o cumprimento das leis polo  temor unicamente que da unha posible sanción; pero ademais, podemos extraer, un modo de actuar que reflexione sobre como nos dotamos das leis, se son xustas, se non, se debemos contestalas mediante a protesta e os movementos pacíficos… En definitiva, esa vida activa, unha vida participativa que inclúa a todos os cidadáns, tan necesaria para o bo funcionamento dunha polis da que nos falaban os gregos, e que axuda a soster un bo ordenamento xurídico e político.

En segundo lugar, permítenos pensar un presente no que as nosas relacións, e as nosas formas de habitar o mundo sexan máis sans, menos dominantes, menos  acaparadoras, e nos permitan dar voz e escoitar a todos os seres e ás contornas nos que estes se desenvolven, ofrecendo unha ontoloxía nova cércana a óptica do ser-en-común de Nancy, así  unha forma diferente de vivir e habitar o mundo.

Bibliografía

Agamben, G., Costa, F., & D’Meza, M. (2014). Altísima pobreza. Valencia: Pre-Textos.

Ezequiel Litvinoff, D. (2013). La pobreza como resistencia al poder y forma de vida Reseña de Altísima pobreza. Anacronismo E Irrupción.

Heidegger, M., 2012. Ser Y Tiempo. Trotta, Madrid.

Nancy, J., 2001. La Comunidad Desobrada. Madrid: Arena Libros.

Máiz, R. (2011). A arte do imposible. [Santiago de Compostela]: Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Pettit, P., 1999. Republicanismo. Barcelona: Paidós.

Vendramin, B. (2019). La vida por fuera del derecho: uso y forma-de-vida en la filosofía política de Giorgio Aganbem.

SOBRE O AUTOR

Arturo Cabrero Lozano é graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Actualmente cursa o máster da mesma universidade en Filosofía Coñecemento e Cidadanía. Os seus intereses abranguen todo o ámbito do pensamento filosófico e científico político centrándose principalmente na teoría política. Actualmente é activista do movemento Fridays For Future en A Coruña.

0 comments on “Pensando o presente a través da lectura da Altísima Pobreza, de Giorgo Agamben

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: