Inicio

50 libros que tes que ler deste 2020 (baixo a nosa humilde opinión)

Dende a equipa coordinadora da Xanela quixemos rematar este ano recollendo nun documento colaborativo 50 títulos publicados durante o 2020[i]. A continuación ofrecemos unha selección dos ensaios, biografías, novelas e poemarios que máis nos gustaron aos membros e colaboradores deste espazo.

Ano tras ano, chegado a finais de decembro, os principais medios de comunicación publican un artigo con recomendacións literarias. Algúns son máis rigorosos, plurais e interesantes que outros, pero o que quizais sexa o elemento máis sorprendente é que en todos eles podemos rastrear os grupos de poder cos que están vinculados os distintos medios, mesmo facer voar a nosa imaxinación e pensar en que editoriais non serán (case) nunca mencionadas ou recomendadas.

Non hai ningunha inocencia no que non se menciona: os poderosos teñen moi claro que debe ser promovido e que debe ser invisíbel, por máis que o oculten tras o velo do consenso e o pluralismo. Cando escollemos que imos ler estamos a tomar partido. Por todo aquilo que non se menciona nas recomendacións dos grandes xornais penso que elaborar este artigo é unha importante labor partisana: se a xustiza e a igualdade é un asunto que tradicionalmente nos compete aos de abaixo -e produce a indiferenza dos de arriba-, pensar sobre cal debe ser a nosa literatura, referentes intelectuais e ideas debe ser un asunto de primeira orde.

Así que, impulsado polo ánimo de escribir un documento alternativo que recolla as obras que máis nos gustaron aos membros, colaboradores e seguidores da Xanela, probablemente a listaxe que ofrecemos a continuación non sexa do gusto de todos. E máis probablemente aínda, seguro que non será do gusto dos que non anhelan unha intervención política e cultural nun sentido transformador. Pero para compracer aos indiferentes xa están as recomendacións dos espazos a remolque dos poderosos. Por suposto que nesta lista non apareceran moitas das obras que considerades imprescindíbeis, e tamén haberá algunhas que considerades que non merecen aparecer. Quen queira achegar as súas recomendacións e desacordos que saiba que ten na Xanela un espazo onde facelo.

Sexa porque algunhas obras non as limos, outras por descoñecemento e outras porque non nos deu a gana, debo desexarnos os mellores augurios intelectuais para este 2021, e principalmente, que todos gañemos máis tempo de lecer para poder ter a mellor disposición posible de cara aos nosos propósitos. No noso caso será o de seguir contribuíndo á emancipación mediante a formación de debates e o contraste de ideas, tratando de aportar todo o material posible para a construción do noso intelectual orgánico. 

Panza de burro, de Andrea Abreu  (Editorial Barrett)

Por que lelo?

Porque  a  primeira novela de Andrea Abreu (Tenerife, 1995) foi un dos descubrimentos literarios do ano. O canario ocupa unha centralidade tanto na forma como nos contidos do que está escrito: dende o uso de vocabulario e construcións sintácticas propias do arquipélago até a introdución da fonética da comunidade, Abreu retoma constantemente o clima cultural das illas. Ademais o seu estilo reivindicativo e crítico impregna aos seus personaxes e historias.

Legitimidad. Los cimientos del estado social, democrático y de derecho, de Luis Alegre e Clara Serrano (Editorial Akal)

Por que lelo?

Porque o libro representa unha valiosa intervención explicativa e normativa sobre os principios de lexitimidade aos que responden as nosas institucións. Trátase dunha advertencia sobre as derivas plutocráticas e despóticas que ten a desconsideración filosófica da política, a moral e o dereito, pero sobre todo é  unha vindicación dos fundamentos normativos dunha orde civil republicana.

En un documental de la 2 explicaron que las medusas no tienen cerebro, deAna Álvarez (Editorial El Cercano)

Por que lelo?

Porque a autora gañou con esta obra a cuarta edición do premio de poesía El Cercano, rebelándose como un dos talentos emerxentes na escena galega. A súa poesía está chea de matices experimentais, e é sinxela e de doada lectura, co cal trae consigo a apetencia por cultivar o gusto  por este xénero. Ademais, nestes tempos de precariedade, incertezas e falta de tempo, os seus lectores poderán somerxerse nun poemario de breve extensión.

NÓS XS INADAPTADXS. REPRESENTAÇÕES, DESEJOS E HISTÓRIAS LGBTIQ NA GALIZA, De Daniel Amarelo (coord) (Através Editora)

Por que lelo?

Porque versa dende diferentes ópticas e experiencias sobre a cuestión LGTBIQ+ en Galicia, poñendo enriba da mesa a necesidade de pensar a mobilización social contra o patriarcado e a sexualidade tradicional hexemónica.

El hijo del chófer, de Jordi Amat. (Editorial Tusquets)

Por que lelo?

Porque Amat é un escritor estupendo en rexistros do máis variados e porque é unha das cabezas que mellor entende a historia de Cataluña. Nesta novela ambientada no pujolismo, Amat reconstrúe ao xornalista e avogado Alfons Quintà (1943-2016), quen se verá asediado nunha historia de poder, diñeiro e tráfico de influencias. Un thriller sobre as cloacas do poder político e financeiro protagonizado por un persoaxe do mais interesante, que rematou tráxicamente a súa vida suicidándose tras asasinar a súa exparella. 

Federico García Lorca en Santiago de Compostela, de Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora)

Por que lelo?

Porque García Lorca foi un dos nosos, e ademais sentiu unha gran fascinación pola cidade, da que dixo que lle hipnotizaba. O libro recrea as persoas, lugares e conversacións de Federico en Compostela, así como as súas palabras posteriores referíndose a súa estancia. Por outro lado, trátase dunha xoia historiográfica chea de datos, testemuños, ilustracións e documentos do mais interesantes. Sen memoria non hai futuro.

La cuestión de las nacionalidades y la socialdemocracia, de Otto Bauer (Editorial Akal)

Por que lelo?

En primeiro lugar porque trátase dunha nova edición que introduce un estudo introdutorio dun dos académicos que mellor coñece estes debates (Ramón Máiz) e que non descoidou o asunto da revisión filolóxica (a primeira edición en español estaba chea de erros da tradución). En segundo lugar porque Otto Bauer é un dos intelectuais socialistas máis lúcidos e porque nesta obra atoparemos o primeiro esforzo en sistematizar un concepto de nación e de proxectar unha alternativa federalista e plurinacional dentro da tradición interpretativa marxista. Libro non apto para adanistas no asunto da cuestión nacional dentro dos espazos de emancipación, e que anticipou moitos dos debates de finais de século sobre multiculturalismo. As súas análises e propostas resoan cunha vixencia moi curiosa nos debates actuais do noso país.

O atraso económico da Galiza (cuarta edición), de Xosé Manuel Beiras (editorial Laiovento)

Por que lelo?

Porque é a cuarta edición (mellorada, con novas notas, etc…) dun dos clásicos sobre economía política e colonialismo en Galicia, e porque ademais de ser unha das obras mais lidas entre xeracións e xeracións dos movementos militantes da esquerda galega, está escrita por unha das personaxes intelectuais e políticas máis importantes do eido nacional. Neste ensaio atoparemos a inmensa actualidade de moitos asuntos que -en teoría- concirnen á estrutura social de fai decenios. Como ben se pregunta o autor: “deixou Galiza de ser unha colonia interna da formación capitalista española, ou simplesmente pasou a ser tal a respeito da Unión Europea, e o Estado Español un ‘protectorado’ dela?”.

La nación omnipresente. Procesos de nacionalización en la España Contemporánea, de Beramendi, Cabo, Fernández e Iglesias (coord.) (Editorial Comares)

Por que lelo?

Porque é un libro que recolle múltiples liñas de investigación para a comprensión da construción nacional española, atendendo con especial afinco as vontades da sociedade civil, e porque Justo Beramendi -entre outros- é unha das mellores cabezas que temos no noso país para pensar estes asuntos. No libro abórdanse asuntos tales como a influencia da nación na sociedade civil, as diferentes concepcións da mesma segundo a cultura política, a súa conexión coa violencia ou a súa utilización -tamén metafórica- en tempos de guerra.

La distancia del presente. Auge y crisis de la democracia española (2010-2020), de Daniel Bernabé (Editorial Akal)

Por que lelo?

Porque Bernabé atrévese a formular un balance político da última década en España. Dende a crise económica en 2009 o noso país atravesou unha serie de mudanzas e aspiracións frustradas, todas tratadas con sumo detalle no libro. O final do bipartidismo, a crise da monarquía, a merxencia de distintas formas de acción colectiva (15M, Mareas) ou o Deep State son algúns dos temas abordados.

Súbditos ou cidadáns?, de Henrique del Bosque(Edicións Xerais)

Por que lelo?

Porque del Bosque Zapata propón unha análise certeira sobre os fundamentos ideolóxicos dos estados modernos e as encrucilladas nas que se atopan. No libro atopamos un manexo sofisticado e partisano de conceptos clave para pensar politicamente como son o de posverdade, comunidade, liberdade e cidadanía. Material para pensar horizontes de emancipación, aínda se cabe mais importante tendo en conta a escasa produción de ensaio político en Galicia e en galego.

Nada ocurrió salvo algunas cosas, de Rodrigo Brión (Bohodón Ediciones)

Por que lelo?

Porque é un proxecto co que Brión Insua agarda axudar ás mulleres maltratadas doando á fundación Ana Bella todo o recadado coa venda dos exemplares.

Fuera de sí mismas. Motivos para dislocarse, de Luciana Cadahia y Ana Carrasco-Conde (eds) (Herder Editorial)

Por que lelo?

Porque  no libro recóllense once voces de filósofas de gran prestixio e reputación intelectual que se dispoñen a explorar moitos dos desacordos dentro da teoría feminista. En palabras de Carrasco Conde e Luciana Cadahia na introdución do libro “este fuera de sí mismas no apunta a una disfunción del pensar, sino a una desviación de lo habitual para pensar de otro modo”.

Un cobertizo lleno de significados sospechosos, de Yolanda Castaño (Editorial Milenio)

Por que lelo?

Porque Yolanda Castaño (Compostela, 1977) recolle neste poemario unha obra que descoloca no mellor dos sentidos, deixando unha sensación de estrañeza e irredutibilidade da súa poesía. Tamén porque é unha das mais recoñecidas poetas emerxidas a mediados dos anos noventa, gañadora do Premio Nacional da Crítica e o Premio Espiral Mayor, Premio El Ojo Crítico e o Premio Fundación Novacaixagalica.

¿Virus soberano? La asfixia capitalista, de Donatella Di Cesare (Siglo XXI editores)

Por que lelo?

Porque é un ensaio moi breve que aborda con enorme sutileza o asunto da cientificidade en tempos de COVID 19. No libro atopámonos con pasaxes que reflexionan sobre os paradoxos da verdade científica (sempre robusta, pero nunca definitiva e absoluta) e sobre a emerxencia do discurso dos “expertos” científicos con respectos a asuntos políticos. A aparencia do xuízo de valor (científico) completo, contrastado e homoxéneo é, por suposto, tentadora para calquera discurso que se postule como hexemónico. Disto mesmo nos advirte Di Cesare: “se ben é prudente recorrer á opinión do experto, é arriscado deixarlle a última palabra, como se o seu xuízo fora unha resposta definitiva, a instancia suprema da toma de decisións”.

Pornografía. El placer del poder, de Rosa Cobo (Ediciones B)

Por que lelo?

Porque a autora súmase a este intenso debate cun material moi coidado nas referencias e no xuízo analítico que, entre outras cousas, defende que a pornografía é a “pedagoxía da prostitución” ou que o “porno non é ficción” senón que “crea realidade”. Un libro mais para abordar e problematizar o fenómeno da pornografía dende a teoría feminista que seguro que non deixara indiferente a ninguén..

Romancero gitano de Federico García Lorca, ilustrado por Ricardo Cavolo (Lunwerg Editores)

Por que léelo?

Porque é un clásico dos imprescindíbeis da literatura española e porque as ilustracións de Cavolo son xeniais, o que que fai da lectura do libro algo sumamente entretido.

Illa decepción, de Berta Dávila (Editorial Galaxia)

Por que lelo?

Porque a autora gañou o XIV Premio Narrativa Breve Repsol cunha novela escrita cun estilo literario de gran beleza, tratando asuntos moi profundos da nosa vida como a familia, as relacións de amor e amizade, o sentimento comunitario ou a maternidade. 

Voces de mujeres. Periodistas españolas del siglo XX nacidas antes del final de la guerra civil, de Bernardo Diaz Nosty (editorial Renacimiento)

Por que lelo?

Porque nestas 632 páxinas recompílanse 200 voces de mulleres a cabalo entre a docencia e o xornalismo do século XX que desafiaron os sentidos establecidos no seu momento e supuxeron un rara avis. Un libro para comprender os camiños da emancipación e a igualdade así como a súa complexidade e pluralidade de posicións.

Un haz de naciones. El Estado y la plurinacionalidad en España (1830-2017), de Xavier Domènech (Ediciones Península)

Por que lelo?

Porque Domènech -unha das voces partisanas do último ciclo político- trata con gran erudición e coñecemento histórico o asunto da plurinacionalidade en España e porque o autor é unha das voces que se atreveu a romper co binomio entre a esquerda académica e a militante. Atoparemos no libro un percorrido pola estreiteza da construción nacional española e pola plural tradición popular que buscou  ampliar a toda a cidadanía os conceptos de nación e estado.

La poesía de la clase. Anticapitalismo romántico e invención del proletariado, de Patrick Eiden-Offe (Editorial Katakrak)

Por que lelo?

Porque a clase traballadora, ou máis ben o proletariado, é moito máis que un suxeito dado nunhas relacións de produción, e estivo en condicións de fundar as súas propias narrativas, mitos e símbolos, e porque a clase, para ser clase, asistiu a un proceso de conformación dunha percepción que implicou o rexeitamento da súa condición social. E porque neste ensaio atoparemos unha investigación literaria e histórica de calado sobre as palabras, discursos e poesía dun suxeito até as narices da prosa de situación.

Populismo y hegemonía. Retos para la política emancipatoria, de José Enrique Ema y Emma Ingala (eds.) (Lengua de Trapo)

Por que lelo?

Porque no libro reúnense a grandes especialistas nos temas de hexemonía, republicanismo e populismo como Jorge Alemán, Luciana Cadahia, Emma Ingala, Enrique Ema, Guillermo Fernández-Vázquez, Clara Ramas ou Luis Alegre -entre outros tantos autores-, e porque aporta materiais de reflexión explicativos e normativos moi valiosos á hora de encarar a discusión sobre como construír un movemento que só sendo maioritario será radical. Un luxo de capítulos individualizados que poñen en tela de xuízo a teoría populista laclausiana e que ademais abordan algunhas experiencias políticas recentes (protestas en Chile, Sanders ou Alain de Benoist).

Historia del New Deal. Conflicto y reforma durante la Gran Depresión, de Andreu Espasa (Catarata)

Por que lelo?

Porque o libro recolle a complexidade deste período histórico tan convulso, no que lonxe de sucederse un pacto social desde arriba manifestáronse moitas experiencias políticas contraditorias, e porque nos sitúa ante a figura par excellence do progresismo estadounidense (Franklin Delano Roosevelt) e o seu programa de reformas nun sentido progresista (New Deal).

Abrir el melón. Una década de periodismo feminista, de June Fernández  (Libros del K.O)

Por que lelo?

Porque June Fernández recompila moitos dos seus textos periodísticos publicados en Pikara Magazine polo décimo aniversario desta gran revista, e porque no libro atoparemos debates candentes: dende a cultura da violación até a menopausia, pasando pola apropiación cultural, as teorías queer ou a existencia de pornografía feminista.

Sexo y Filosofía. El significado del amor, de Carlos Fernández Liria (Akal)

Por que lelo?

Porque realiza unha gran labor de divulgación filosófica a través de experiencias comúns á totalidade humanidade como son o sexo e o amor. Experiencias que aínda que independentemente de como as experimentamos -ou de se as experimentamos, por suposto- sempre estamos a pensar sobre as mesmas. Tamén porque o estilo de escritura de Liria integra mil e unha referenciais musicais e literarias, integrando moitos dos referentes populares á hora de pensar como amamos e como follamos. E por suposto, porque Liria manexa a ironía e o sentido do humor estupendamente -tamén cando escribe-, e non se queda curto en desafiar moitas posicións filoósficas.

Árbores no deserto, de Rosalía Fernández (Editorial Galaxia)

Por que lelo?

Porque Rosalía Fernández ofrece neste poemario unha sensibilidade, diversión e ruptura moi interesantes, no que ademais integra unha valiosa reflexión estética articulada a través  da experiencia das mulleres -dende María Zambrano até Flora Tristán, pasando por Concepción Arenal e Rosalía de Castro, ou Goldmann, Woolf, Beauvoir e Millet-.

Los talleres ocultos del capital. Un mapa para la izquierda, de Nancy Fraser(Traficantes de sueños)

Por que lelo?

En primeiro lugar pola labor editorial, divulgativa e de formación de debate de Traficantes de sueños, que teñen un enorme arquivo de grandes obras en pdf (incluída esta); en segundo lugar, porque todo o que publica Fraser é lectura obrigada dos que aspiramos a pensar en formas post-capitalistas; e porque neste libro entenderemos a importancia de articular ao suxeito eclosionado na fronteira entre a reprodución social e a económica. Capital contra vida, literalmente, esa será a batalla política decisiva -a do noso tempo- das vindeiras décadas.

Política y violencia en la España contemporánea I. Del Dos de Mayo al Primero de Mayo (1808-1903), de Eduardo González Calleja (Akal)

Por que lelo?

Porque problematiza o asunto da violencia política mellor que ningún outro estudo sobre o  tema, analizando as discontinuidades das súas formas na España decimonónica e integrando os repertorios de protesta, factores de moernización e causas explicativas da violencia no noso país e na Europa Meridional. Cantas intervencións militares houbo entre finais do século XVIII e mediados do XX? E pronunciamentos militares ou golpes de Estado? E Estados de excepción? No libro aparecen reflexadas cantos e por que os houbo.

El estado del bienestar. Entre el franquismo y la transición, de Damián Alberto González y Manuel Ortiz (coord) (Silex Ediciones)

Por que lelo?

Porque desmitifica as consignas que quedaron na opinión popular sobre a creación da seguridade social franquista -que mantivo un insuficiente e precario estado de benestar-, e porque realiza unha análise do poder franquista como se fose un centauro que non só integra unha parte dura -medo, represión, armas- senón que tamén integrou unha parte branda -cobertura social, discursos hexemónicos, etc- que serviu para fidelizar un certo consentimento por parte das masas.

Teoría feminista: de los márgenes al centro, de Bell Hooks (Traficantes de Sueños)

Por que lelo?

Porque a autora é unha das grandes referencias en estudos sobre a interseccionalidade de xénero, raza e clase, e porque é unha das mellores polemizantes nos debates sobre o suxeito do feminismo (“o patriarcado non ten xénero”). No libro atoparemos valiosas reflexións sobre a presuposición entre liberdade e igualdade,  o funcionamento do racismo e o sexismo, o papel do traballo asalariado como algo que para nada dignifica -ou que é liberador, esese discursos de ricos xa vostedes saben!-, ou a irmandade do feminismo co igualitarismo radical -o cuestionamento constante dos privilexios e non a acomodación nos mesmos-.

La nueva clase dominante, de Rubén Juste (Arpa)

Por que lelo?

Porque Juste repite a mesma incisión, documentación e coidado co marco interpretativo que no seu Ibex-35, e porque atoparemos neste libro un compendio da formación das grandes elites dirixentes no mundo -dende a conquista de América até os nosos días-. Con esta obra entenderemos mellor as nosas elites no presente, así como o funcionamento e o proxecto destes bloques do poder transnacionais.

O pensamento salvaxe, de Claude Lévi-strauss (Servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela)

Por que lelo?

Por que trátase da primeira edición coidada en galego deste clásico de Lévi-Strauss. Este modelou, apoiándose na súa experiencia de campo no Brasil, a idea de que as sociedades ás que chamamos primitivas se rexen coma nós a través dunha atención especial ao concepto de coherencia, e que diferenzas de orde cultural entre a nosa sociedade e calquera desas que chamamos primitivas son similares ás que existen entre dúas calquera delas.

De la chabola al barrio social. Arquitecturas, políticas de vivienda y actitudes sociales en la Europa del Sur (1920-1980), de Daniel Llanero (ed.) (Editoral Comares)

Por que lelo?

Porque fai unha análise dos casos dos fascismos e ditaduras española, italiana e portuguesa nos anos 30 ao redor da vivenda social promulgada por estes reximes, abordando as variacións entre os distintos países das zonas urbanas deprimidas, migracións do rural ou de como servía de fidelización das clases populares. Se queremos rastrear o orixe de determinados planes urbanísticos en España, este libro detectará no período franquista moitas das respostas.

Karl Marx. Una biografía, de Sven-Eric Liedman (Akal)

Por que lelo?

Porque neste gran outono da editorial Akal publicouse a que probablemente sexa a biografía máis completa sobre o xenio de Tréveris. O especialista en historia das ideas políticas Sven-Eric Liedman publicou orixinalmente esta xoia na academia sueca. E por suposto, ademais de que tivo unha vida do máis curiosa e interesante, pode que sobre dicilo, pero Marx é un pensador todoterreno que segue a estar (desgraciadamente) de moitísima actualidade.

La claridad, de Marcelo Luján(Páginas de espuma)

Por que lelo?

Porque nos seis relatos integrados nesta obra atoparemos un tratamento excelente do distinto tipo de narradores e un clima incomprensión e inadaptabilidade do máis interesante. Dende a noción do mal até a ambientación nocturna, pasando pola ambigüidade e a reaparición en segundo plano de protagonistas doutros relatos. O libro ofrece unha diversidade de historiais que forman un fío común pero inestable. 

Interna, de Oriana Méndez (Arte de Trobar)

Por que lelo?

Porque a autora gañou con esta obra o XVIII Premio de Poesía Afundación 2020. Un poemario que coida moito os recursos orais, que desfrutamos recitando, e do que sentimos a intensidade das súas palabras cando o léemos. Ademais a súa autora mantén un compromiso político, moral e cultural inexpugnable, cunha sensibilidade moi incisiva polo malestar dos de abaixo.

Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego (terceira ediçom), de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora)

Por que lelo?

Porque esta terceira edición da obra publicada por Através Editora foi a gañadora do Prémio  de ensaio AELG 2015, e porque procede a unha intervención intelectual que explica e rastrea a construción dun imaxinario sobre o noso país que todos coñecemos: o da Galiza sentimental e femenina. Debedora das liñas de investigación pos-coloniais, Miguélez-Carballeira amosa con gran claridade explicativa a cadea de tropos, metáforas e metonimias que constitúen esta imaxinación nacional. Un gran ensaio que debemos ler para pensar a intervención política desde Galicia.

A contrapelo. Ou por que rachar o círculo de depilación, submisión e autoodio, de Bel Olid (Edicións Embora)

Por que lelo?

Porque é un manifesto que impugna con gran sutileza algúns dos mandatos patriarcais que aínda persisten nos nosos días. Argumenta sobre o asunto do pelo e a depilación femenina, rexeitando os patróns de comportamento que desprezan outras formas de relación das mulleres co seu propio corpo. Unha problematización do asunto que seguro que desperta moitas conciencias.

La civilización con memoria de pez. Pequeño tratado sobre el mercado de la atención, de Bruno Patino (Alianza Editorial)

Por que lelo?

Porque Patino expón nesta obra a formación e os mecanismos constitutivos dalgúns dos nosos malestares máis recentes, concretamente o da atención. Un libro que problematiza con gran acerto o asunto a distracción, a falta de atención e a desatención do suxeito neoliberal. Unha crítica do capitalismo de plataformas e da súa economía libidinal. Até cando poderemos seguir xestionando a nosa pulsión mediante o principio de pracer?

Socialismo en Europa 2020. Unha ambiciosa proposta socialista, feminista e ecolóxica, de Xabier Pérez Davila(Editorial Laiovento)

Por que lelo?

Porque o autor realiza unha análise extensiva de temas de estrita actualidade e pertinencia á hora de pensar unha transformación socialista, feminista e ecolóxica; porque os marxistas temos unha débeda pendente co asunto da planificación da economía e as súas posibilidades nas nosas sociedades neoliberais (si, neste libro deféndese a planificación socialista!); porque manéxanse unhas referencias bibliográficas excelentes (Mazzucato, Fraser, Piketty, Domènech, Marx, Morozov) e unhas contribucións moi importantes no análise do capitalismo dixital e de plataformas, así como da posibilidade de pensar un bloque europeo neste asunto das tecnoloxías -hexemonizado pola industria estadounidense e recentemente disputado por China-; e porque o republicanismo é un dos fíos que estruturan os xuízos de valor e as proposicións normativas durante o libro. Por engadir unha máis, porque Laiovento cumpriu 30 anos realizando unha labor editorial imprescindible: que sería de nós sen o seu coidado na publicación de ensaio sobre política e sociedade e Galicia?

Despoxos e vísceras ilustres, de María Xosé Queizán (Xerais)

Por que lelo?

Porque a autora percorre co seu signular estilo a poesía romántica inglesa, o bolchevismo e o socialismo alemán pensando as figuras de Percy B. Shelley, Lenin e Rosa Luxemburgo para irradiar múltiples reflexións sobre os mitos e a realidade, e o misterio e a truculencia de tales ilustres vísceras.

Pensamientos sociales desde la nueva realidad, de Rosa Rabazo y Azahara Romero (AnthropiQa)

Por que lelo?

Porque os distintos autores reflexionan dende a teoría crítica sobre a nova normalidade instalada coa crise do Coronavirus, analizando os distintos ámbitos e actuacións que impregnan as nosas relacións sociais -laborais, familiares, dixitais, de amizade-. Un aporte moi valioso para pensar o noso contexto actual.

Contra la igualdad de oportunidades. Un panfleto igualitarista, de César Rendueles (Seix Barral)

Por que lelo?

Porque Rendueles é un dos sociólogos críticos máis reputados deste país e, neste libro, ensaia -nun rexistro mais desenfadado e menos académico- unha crítica feroz da meritocracia e dalgúns dos principios que articularon o tan recoñecido imaxinario clasemedista. Unha lectura divertida e rigorosa que dado o seu carácter panfletario devórase enseguida, pero sobre todo, un marco interpretativo que postula moi ben como debemos entender a estratificación social e o desexo de clase, así como a relación entre a alta e a baixa cultura -os de abaixo podemos disfrutar a Wagner e ver o Sálvame! Malditos elitistas e paternalistas de esquerdas-.

M., el hijo del siglo, de Antonio Scurati  (Alfaguara)

Por que lelo?

Porque é realmente complicado publicar un biografía sobre Mussolini cun estilo de escritura tan envolvente que fai que por momentos pensemos que estamos a ler unha novela. E bueno, tamén porque con esta obra Scurati gañou o prestixioso Premio Strega 2019. Unha obra mestre segundo Roberto Saviano, e sen dúbida, para os que habitamos neste interregno cheo de monstros espantosos, unha obra de moita importancia para entender as condicións de emerxencia dos fascismo (e dos neofascismos da nosa época).

Deuda y culpa, de Elettra Stimilli (Herder Editorial)

Por que lelo?

Porque é un magnífico ensaio que aborda as dimensión morais e ideolóxicas que se atopan tras os discursos sobre a débeda que emerxeron nas últimas crises económicas mundiais. Porque manexa cun rigor e coñecemento excelentes moitos conceptos explicativos destas formas de teoloxía política que teñen posto en suspensión á democracia. E porque poucas voces están máis autorizadas que a súa para falar do capitalismo -empregando maxistralmente a Benjamin- como relixión. Ensaio obrigatorio para enfrontarnos no futuro a tentativas austericidas.

En favor del trabajo garantizado, de Pavlina R. Tcherneva (Lola Books)

Por que lelo?

Porque a autora, unha das mellores coñecedoras do sistema monetario moderno e referentes da proposta de Traballo Garantido, explica incisivamente unha das propostas programáticas que acadará máis importancia nos próximos tempos: o plan de emprego garantido. Foi a gran aposta de Lola Books durante este ano, e recolle con moito rigor moitas das investigacións encadradas na teoría monetaria moderna. Outra lectura a recomendar para os que queremos revitalizar os debates sobre a laborabilidade capitalista e os dereitos da cidadanía nunha etapa neoliberal que nos dixo que só podemos escoller entre empregos de merda ou quedarnos na casa -quedando sen garantir unha condicións materiais dignas nambas opcións-, e que seguro que non deixará indiferente aos interesados no debate sobre como pensar o benestar no século XXI -se arredor do traballo ou máis alá do mesmo-.

Adiós fantasmas, de Nadia Terranova (Libros del Asteroide)

Por que lelo?

Porque é moi complicado atopar unha prosa tan fina e de tan elevada beleza como a de Nadia Terranova. Trátase dun libro que aborda mellor que ningún ensaio o asunto das ausencias, da tristeza e a depresión, do matrimonio, da morte, das relacións maternofiliais ou das paixóns rabiosas. Un libro para atravesar o noso inconsciente.

Un señor elegante, de Suso de Toro (Xerais)

Por que lelo?

Porque é un dos mellores escritores en lingua galega e porque nótase que desfrutou como un anano a redacción do libro. E vai dito: porque usa o bisturí para analizar a Ramón Baltar e a súa familia no contexto da guerra civil e o franquismo. No libro atoparemos un traballo de documentación brutal que reflexa ese clima ligado á emerxencia da conciencia nacional coas Irmandades da Fala e o Partido Galeguista. Libro para cultivar a memoria e para facerse unha  imaxe de Galicia distinta á que nos contaron.

Política de los cuerpos. Emancipaciones desde y más allá de Jacques Rancière, de Laura Quintana (Herder Editorial)

Por que lelo?

Porque obtivo o recoñecemento da Fundación Alejandro Ángel Escobar como un dos mellores ensaios de 2019 en Colombia, e porque responde magnificamente a preguntas moi complexas como por que os subalternos optamos por visións políticas que reforzan a nosa posición de subordinación. Tamén porque atoparemos durante o texto un manexo inaudito da obra de Rancière, co cal xa nos podemos facer á idea de que tras a súa lectura imos cultivar o desexo de transformación. Gran obra para pensar as dimensións corporais e afectivas do noso presente histórico. 

Neoliberalismo como teología política. Habermas, Foucault, Dardot, Laval y la historia del capitalismo contemporáneo, de José Luis Villacañas (NED ediciones)

Por que lelo?

Porque o mestre Villacañas sintetiza co seu habitual rigor e capacidade crítica os debates contemporáneos sobre neoliberalismo en Habermas, Foucault e Dardot e Laval. Con esta obra entenderemos como opera a produción de subxectividade no neoliberalismo -a condición do desexo, os estilos e formas de xestión das pulsións, a sobreidentificación- e entenderemos á perfección iso de que o capitalismo é moito máis que un mero sistema económico ou de produción de bens e servizos.


[i]Faremos unha pequena referencia a cada unha das obras -a secuencia da súa exposición será segundo a orde alfabética dos apelidos dos autores- argumentando por que leelas. Agardamos que vos sexa de recibo

SOBRE O AUTOR

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente polo campo da teoría política.

0 comments on “50 libros que tes que ler deste 2020 (baixo a nosa humilde opinión)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: