Política

A voltas con ETA: tics e pantasmas no bloque reaccionario

“Se hai algo que agora sabemos é que o que aparece desde o exterior como satisfacción sen freo é defensa, e posta en exercicio dunha lei en tanto que frea, suspende, detén ao suxeito no seu camiño ao goce. A vontade de goce no perverso é, como en calquera outro unha vontade que fracasa, que atopa o seu propio límite no exercicio mesmo do desexo.”

(Jacques Lacan, El Seminario. Libro 10: “La angustia”, Paidós, Bs As, 2006, p. 164).

O debate sobre os Presupostos abriu unha disputa política máis entre o bloque de investidura do actual goberno de coalición e o bloque reaccionario. Trátase dunha disputa que vai máis alá do arco parlamentario e que se fundamenta nunha pregunta: ¿Ten cabida o acordo con formacións políticas que no pasado estiveron próximas a ETA? (Franzé, 2020).

A proposición do bloque reaccionario foi algo así como o establecemento dun cordón sanitario para Euskal Herria Bildu, en tanto que formación política favorable á violencia terrorista exercida por Euskadi Ta Askatasuna. Pouco importa o alicerce de tal acusación[i], nin que en EH Bildu non se reivindique a traxectoria da organización armada, nin tampouco que ETA cesase a súa actividade terrorista en 2011.

A operación discursiva do Partido Popular, VOX e Ciudadanos foi amplamente difundida polo intelectual orgánico da Transición, e como non -en tanto que conformaron a súa dirección antes da crise de réxime-, tamén se sumaron a ela os sectores devecidos reaccionarios do PSOE (os “baróns socialistas”) nostálxicos do bloque hexemónico articulado nos anos 80. Esta composición non é casual. Que o elenco de actores que suscitaron a polémica estea composto polas elites que dirixiron o bloque hexemónico da transición (PP, PSOE) máis os seus síntomas (Vox, C´s) indica unha relación coa debilidade da revolución pasiva en España, a cal se expresa nos enfoques de lexitimidade sobre os actores que non formaron parte do núcleo dirixente do Estado até o último ciclo político-institucional (EH-Bildu, UP, ERC…).

Non estamos en condicións de valorar se o artellamento desta operación con outras formas discursivas producirá os efectos desexados por estes actores, mais de momento, se un dos seus propósitos era provocar a fragmentación do bloque da investidura, isto non está a suceder. Todo o contrario, asistimos á consolidación dun bloque político contrarioá dereita (Fernández, 2020), cun executivo que se move entre a súa autopercepción como o goberno máis progresista da historia da democracia española e a aprobación de reformas que distan moito de afondar nunha transformación radical.

Pero entón, ¿Por que reacciona así o bloque reaccionario? Pensamos que se segue insistindo nunha operación discursiva que non produce os efectos desexados quizais sexa debido ao convencemento de que no futuro funcionará. No futuro. O cal fai que pensemos que este asunto ten algo que ver co inconsciente deste suxeito (coa súa forma de goce e desexo).

Un TIC no bloque reaccionario

“O síntoma é definible pola maneira en que cada un goza do seu inconsciente en tanto que o determina.”

(Lacan; citado en Bauab, 2013)

A invocación espectral de ETA mediante formas compulsivas e involuntarias caracterizan un debate ensimesmado, no cal a discusión aparece inmersa en idénticas repeticións e movementos. O asunto transcende o tempo e o espazo do último ciclo político: poderíamos rastrear e mencionar un milleiro de discusións sobre o mesmo tema nos últimos 10 anos. A ninguén lle sorprende xa que se utilicen durante unha discusión parlamentaria os efectos traumáticos que causou a violencia armada. O asunto xa non é algo simplemente anecdótico, constitúe un problema. Pero: ¿Por que volta unha e outra vez o debate sobre ETA? Por que se sucede cronicamente a alarma do terrorismo en España cando xa cesou? Cal é a causa de que o espectro siga arrodeando a política española?

As voltas con ETA por parte do bloque reaccionario son algo semellante aos tics nas persoas:

Constitúen movementos que forman parte da súa personalidade e que non interfiren no seu día a día. É asumido con total naturalidade sen causar molestia no suxeito que o reproduce. Esta forma de expresión artellase en significados e causas inconscientes que aparecen ocultadas, veladas.No caso das identificacións persoais soen responder a unha relación viciada ou sobreidentificación cun obxecto que implica un vínculo importante; o tic acaba exteriorizándose como resultado dun proceso psíquico no que non se satisfai a relación requirida -ou desexada-. Trátase dun comportamento rexeitado que require satisfacción.

O tic é definido dende a escola psicanalítica como un efecto (e non como un fenómeno) psicosomático. No seu seminario sobre a transferencia, Lacan (2003, p. 314) define ao tic como a presentación dun signo que abriga o síntoma, como a “moca da vida sufrinte”. No tic atópase a marca do significante, e polo tanto o lugar dun “rexeitamento extremo polo suxeito” ou versasung (Bauab, 2013). Na “serie de representacións sofocadas ou inhibidas, penosas e contrastantes” (Freud; citado en Bauab, 2013) ás que nos referimos indícase unha operatoria non efectuada [ii] que non pode máis que expresarse como a interferencia de movementos, sacudidas e contraccións no corpo deste suxeito político.

Que este Tic se manteña de forma crónica nos últimos anos -desaparecida ETA e integrada democraticamente a esquerda abertzale-, é dicir, que o goce[iii] “mudo” do tic faga que este sexa tan lexible, fai que pensemos nalgunhas ideas que agardemos axuden a analizar esta práctica discursiva. Unha práctica discursiva que, sexa dito, non é sen causa, de balde ou fortuíta, senón que procede do circuíto pulsional dos seus actores. Non é casualidade que nos actores mencionados estes tics (inmixións) se activen en etapas de retroceso electoral ou de destrución da súa hexemonía, xa que é precisamente sobre esa perda na que o simbólico procede constituíndo a conversión sintomática destes actores nun bloque reaccionario. De momento imos a persistir nesta analoxía tratando de esbozar algunhas ideas sobre cal é o obxecto de desexo insistido neste movemento discursivo, o seu proceder e a consistencia desta sobreidentificación.

Pantasmas no bloque reaccionario

” O poeta fai o mesmo que o neno que xoga: crea un mundo fantástico e tómao moi en serio; isto é, síntese intimamente ligado a el, aínda sen deixar de diferencialo resoltamente da realidade. Moito do que, sendo real, non podería procurar pracer ningún pode procuralo como xogo de fantasía.”

(Freud; citado en Fuentes, 2009)

“Cada fantasía é unha satisfacción de desexos, unha rectificación da realidade insatisfactoria.”

(Freud; citado en Fuentes, 2009)

No inconsciente do bloque reaccionario habitan pantasmas determinantes na súa acción. Moitos destes pantasmas son difíciles de detectar, pero debido a súa constante referencia discursiva o pantasma de ETA amósase cunha transparencia sorprendente. Este pantasma sostén o desexo e determina a forma de gozar desta pluralidade de actores políticos, conformando unha superposición entre os mesmos. O sinalamento dos vínculos de EH-Bildu con ETA é unha operación que desencadea un lugar común entre os distintos actores que conforman este bloque. A operación sinala un vínculo orixinario que impregnaría todo o actual tecido da gobernabilidade do Estado, e que dende logo funciona como un elemento exterior ao proceso democrático de lexitimación e agregación das preferencias: EH-Bildu é o afora, o exterior, a ameaza e o inimigo de España. A integración deste inimigo na gobernabilidade supón o cuestionamento dos portadores de lexitimidade (a monarquía, a nación, a constitución) conformados durante a Transición.

Segundo Lacan[iv], a lóxica pantasmática defínese como unha defensa ou negatividade: “é o modo no que o suxeito se defende da castración do Outro” (Daneri, 2015). Este pantasma obtura o real e tece o imaxinario eo simbólico, cumprindo unha función de primeiro orde ao tapar o buraco daquilo que resulta traumático e que non pode ser dito ou mencionado polo suxeito.

O Real neste bloque é a perda da dirección intelectual, moral e política do país. O relato traumático desta perda de vigor, de dominio e de monopolio da sociedade política é: 1) tanto aquilo que permanece oculto no inconsciente destes; 2) como aquilo que empurra ao pantasma. Unha vez máis, pouco importa que a castración ou a perda traumática sexa certa[v] -no sentido de ser un feito empírico-. O trauma non ten por que sucederse tras unha perda obxectiva do dominio no campo do Estado, senón que se fai carne a través da transmisión e o vínculo cos relatos e estilos de intervención cultural que herdan eses actores. Quen invoca ao pantasma non ten porque ter vivido unha derrota, nin sequera chegar a estar afectado obxectivamente. Por suposto, tampouco ten por que coñecer o conflito armado no País Vasco. Por iso esta operación discursiva é unha operación fantasmagórica: o obxecto pantasma constitúe o reverso positivo do Real (a perda do monopolio do Estado); e a súa representación a través destes materiais significantes (ETA, terrorismo…) arraigase non nos episodios traumáticos de quen o enuncia, senón nos episodios traumáticos que conforman o imaxinario nacional da sociedade.

Segundo Freud, a razón de ser das fantasías reside na rectificación dunha realidade insatisfactoria cos nosos desexos. Oculta tras o pantasma de ETA permanece a perda de hexemonía. Esta é a realidade insatisfactoria do suxeito en cuestión. O pantasma protexe a esta carencia, e actívase cada vez que a mesma busca ser nomeada. De aí a súa constante repetición durante as etapas nas que estes actores están na oposición gobernamental ou nunha posición de declive dos seus apoios sociais. Como se se tratase do xesto de quen chama insistentemente á porta obviando que non hai ninguén na casa.

A recuperación do obxecto e o desexo: un asunto da hexemonía

“Algo toma valor de obxecto privilexiado e detén ese deslindamento infinito do significante. Un obxecto a toma en relación ao suxeito este valor esencial que constitúe o pantasma fundamental onde o suxeito se recoñece a el mesmo como detido, fixado en relación ao obxecto.”

(Lacan; citado en Fuentes, 2009)

O bloque reaccionario, na súa plural composición partidista e na heteroxeneidade social do seu apoio, fica ligado ao terrorismo de ETA, como se este fose un pantasma que anuda o imaxinario e o simbólico co real. O monopolio do Estado, ese obxecto perdido[vi], inténtase recuperar a través da invocación pantasmática de ETA: a perda do obxecto causa de desexo inténtase recuperar a través do obxecto imaxinario. Aquí prodúcese un paradoxo: ao mesmo tempo que o pantasma resulta eficaz ocultando a perda, este produce a tentación de recuperala. Trátase da fixación cun obxecto perdido no pasado debido a unha carencia na adhesión popular, co cal, o sentido da súa recuperación só pode producirse a través dos materiais que xeraban ese consentimento previo -aquel que permitíalles pensar que monopolizaban o Estado-.

O material empregado nesta operación discursiva encadea unha serie de significantes[vii] e portadores de lexitimidade que atravesaron unha crise no último ciclo político, o que nos fai pensar que:

1) no caso de que a articulación con outras operacións discursivas sexa efectiva, esta funcionará alentando unha reconciliación pasiva dos sectores sociais máis distantes coas institucións e actores políticos que sufriron unha crise de lexitimidade nos últimos anos. Polo tanto a base social da que se extraerá ese apoio amosarase significativamente distinta, tanto nas formas ideolóxicas como no volume da súa adherencia; e 2) no caso de que a articulación sexa falida, isto significará que eses sectores sociais seguen distanciados coas elites do momento da perda. Nesta segunda posibilidade, a base social á que nos referimos non se vería afectada por este tipo de operacións discursivas, o que implicaría un terremoto político para os espazos políticos que a enunciaron -máis a consecuente necesidade estratéxica de mudar os seus contornos-.

Estes dous escenarios representan o éxito ou o fracaso da revolución pasiva: ese estilo do poder que opera mediante a tensa combinación da subalternización de amplos sectores da sociedade  -que garante a continuidade das elites tradicionais- e a renovación da lexitimidade das clases dirixentes nun novo ciclo político -o que implica a integración de parte das demandas dos sectores agraviados-.

As constantes operacións vitimistas exercidas dende estes sectores efectúanse como os obxectos imaxinarios que tapan a carencia deixada polo obxecto real -que non podemos recuperar-. No caso das articulacións políticas, os suxeitos están nunha constante disputa hexemónica que fai necesario que quen estea en condicións de producir consentimento activo nunha sociedade precise abandonar a fantasía de recuperar o obxecto perdido, coa consecuente aposta pora introducir novidades na formación de novas narrativas. As palabras, os lemas, as metáforas e os símbolos non poden ser “os mesmos” por máis que exista unha liña de continuidade mediante a tradición dese mesmo espazo. Un pode perder apoio electoral, diminuír a súa presencia entre a sociedade civil ou deixar de gobernar, e aínda así  fantasiar coa volta ao momento previo da castración ouderrube -moitos espazos políticos teñen esta sensación incluso cando nunca gañaron[vii]-.

Pero o que non se percibe en tal desexo é que a recuperación das adhesións ou do goberno só pode sucederse nunha situación distinta. O cumprimento do desexo é un imposible. En política non se recupera o obxecto perdido senón que se reformula, e será nesa reformulación na que os actores poderán postularse de novo como unha forza hexemónica que supera o horror vacui do momento traumático. Os espazos políticos están nunha constante construción, e é nesta condición de continxencia na que a nostalxia só pode ser efectiva producindo exclusión. Un espazo depresivo só pode derivar nun proxecto excluínte.

Pero debemos indicalo, a invocación pantasmática de ETA protexe da angustia a estes actores políticos por partida dobre: por un lado evita o peche lingüístico en si mesmos, na súa condición de suxeitos barrados. Isto significa que evita que os actores asuman a súa nova posición falida como natural; e por outro, evita o encastelamento no obxecto a (o real), producindo a posibilidade dunha serie de mediacións que o desprace.

Como vemos, o obxecto a garda un doble valor: 1) como obxecto perdido que equivale ao real e que é limitado (“cuberto”) perante unha serie de significantes e prácticas imaxinarias que poden ser infinitas; e 2) como un obxecto pantasma, que non ten por que estar fundamentado nun feito verídico (ter sucedido), e que opera como unha ficción. Este segundo valor do obxecto a elude o asunto da castración: aquilo que se perde (o poder) deixa de ser visto grazas á estruturación fantasmagórica, e ao mesmo tempo, dita estrutura permite evitar a conciencia de tal perda. Neste caso reproduciríase a sensación de que me sigue pertencendo, pero a relación negada co obxecto exprésase como unha permisión do goce mortífero da castración.

Esta forma de goce, no caso de fallar, abre a posibilidade de aparición do síntoma. Ese síntoma foi e é VOX. Hoxe, coa estabilización desta forza no sistema de partidos, o repertorio discursivo do que falamos integra a múltiples posicións que comparten pantasmas similares. O de ETA é só un deles, acompáñanlle o de Venezuela ou o do Socialcomunismo, por mencionar algúns. Pero ollo, o tipo de goce experimentado nesta operación é pertinente á hora de explicar a xeración de sentido. Como goce fantasmagórico que é non convida ao movemento ou á vitalidade. A súa finalidade é xerar adhesión pasiva, desmobilizar, provocar receo institucional e desafección. Cultiva un clima cínico caracterizado polas emocións tristes.

Ao mesmo tempo, convida a quen o enuncia a quedarse onde está. Xera consentimento sen ampliar as bases do mesmo. Diferencia, dispersa e incomunica. É neste sentido que a operación vitimista, o pantasma, permite a masturbación -a retroalimentación- entre os actores que conforman o bloque reaccionario. Este é un déficit constitutivo das elites dirixentes en España: a súa potencia sexual e capacidade reprodutiva no poder funciona como perversión, como subalternización, como fragmentación, como lóxica diferencial.

Pero, ¿e que sucede co adversario? ¿Cal e a acción desexada co mesmo? Dende logo que o seu dano. A diferencia do desexo de desexo, que precisa da apertura dos paradoxos dun obxecto que se despraza e que inevitablemente sempre é o desexo doutra cousa, no goce pantasmático prodúcese a fixación. Cando se fixa permanentemente un obxecto, o dano xorde como o goce do suxeito sádico. Hai algo máis sádico que un bloque aspirante a ser hexemónico instrumentalizando a dor das vítimas do terrorismo? O bloque reaccionario goza co efecto producido no dano ao outro. A súa fixación do goce, a súa perversión[ix], é o desencadéante perfecto do clima de desamparo que precisan para dirixir o estado. E quizais sexa neste punto no que poidamos detectar unha sorte de intelixencia estratéxica na súa acción política.

Cando o suxeito reaccionario ande de novo a voltas con ETA debemos recordarlle que é moi parecido ao suxeito neurótico que basea a súa acción perversa nun anhelo baleiro. Aínda que ao intelectual orgánico da Transición non lle guste, xa non somos o que eramos, e neste caso esta condición só debe ser valorada positivamente.

[i] Como veremos durante o artigo, o decisivo do asunto non está no contraste do discurso (a cultura, o relato) cos feitos (os datos, feitos verídicos), senón na detección do pantasma que permite a construción discursiva da realidade. O pantasma entendido como aquilo que permite a estruturación simbólica -significante- da realidade, e non como un simple produto imaxinario.

O noso obxectivo será amosar como o pantasma de ETA é a forma na que o “Outro mantense presente na estrutura neurótica -e ao mesmo tempo intermediado-, sexa como relación coa causa de desexo, sexa como forma de ofrecer ao goce do Outro”(Fuentes, 2009). Os actores que empregan sistematicamente este discurso ofrécense como obxecto ao goce do Outro por razóns moito máis complexas do que aparentan. Nesta operación discursiva atopamos a necesaria protección con respecto a un goce máis absoluto e mortífero, que implicaría o recoñecemento dun corpo “con buracos”, “destruído” (Fuentes, 2009).

[ii] Bauab (2013) describe esta operación falida no suxeito como a “presentación dun soma que nonderivou nun corpo eróxeno”. O soma -entendido frecuentemente en oposición á psique- é o goce traumático do Outro (ou goce do “corpo do Outro”), aquilo que dirixe unha perda (obxecto a) aos buracos do noso corpo -a nosa falla constitutiva-.

Neste aterraxe da psicanálise a un fenómeno político, no discurso contractivo ao que nos referimos atopamos unha tristeza nos actores que ocupan o lugar de enunciación. Entendemos que estes nútrense dun duelo -a perda de hexemonía- que non lles deixa facerse cargo dos seus desexos (non hai proposta, só descarga negativa). Pero como mencionaremos durante o texto, aínda que semelle o contrario esta operación ten a súa razón de ser estratéxica, e está vinculada a un estilo do poder das elites en España que denominamos “revolución pasiva”.

[iii] Consideramos pertinente unha breve precisión sobre a relación entre o inconsciente e o goce. Para o texto escrito a continuación baseámonos nas consideracións de Mónica Marciano (2004).

A estrutura psíquica básica segundo a psicanálise ten a seguinte consistencia: por un lado prodúcese un deslinde entre o suxeito e a demanda, e en tanto que a realización (e satisfacción) da mesma é imposible queda a “insistencia dun percorrido” ou “trama de linguaxe” que “repite e historiza” esa insatisfacción. Nesta primeira relación atopamos os mandatos -unha capacidade de fala- do Iso; por outro lado, e como efecto da condición anterior, ábrese un “saldo mudo”,  o goce. Esta aparecería como unha sede distinta ao Iso (sede da pulsión).

Nesta estrutura psíquica mínima do inconsciente, a metáfora e a metonimia aparecen como recursos cos que se relaciona o goce. A través da palabra o goce pode ser “parcialmente rexeitado”, “traducido para volver a alcanzalo” ou “transmutado”. Isto só pode significar que como efecto da lectura á letra producirase unha mudanza dos sentidos pre-establecidos, implicando un trámite nos significantes traumáticos. Mediante unha elección imposible de acoutar a priori da acción discursiva, quen fala o fará en relación co aportado polo seu inconsciente. Nesta posibilidade de desprazamento do goce -derivado da frustración, baleiro ou carencia de anhelos e desexos- xorden as condicións de continxencia do mesmo como “gusano da causa”. E é nesta relación dialéctica entre a necesidade e a continxencia na que o goce pódese descifrar como o efecto da “lei” e a “castración”. 

[iv] Explica Mabel Fuentes (2009) que Lacan designa a seguinte fórmula para referirse á relación do suxeito do inconsciente (suxeito barrado) co obxecto causa de desexo (obxecto a): $ <> a (Sujeto barrado losange objeto a). O <> (rombo o losange) indica unha relación de reciprocidade entre ambos termos ($ (Sujeto barrado) e objeto a). Esta esquematización recolle unha relación estable do suxeito -necesariamente dividido- con aquilo que o causa no seu desexo.

Na interpretación lacaniana, a imposibilidade de metaforizar é a condición de posibilidade da separación entre dúas cadeas significantes: 1) a do suxeito; e 2) a do Outro. O desexo do Outro como significante é imposible de detectar, e polo tanto tamén o é a súa substitución por un significante de producción propia. Coa aparición do suxeito emerxe o inconsciente como “discurso do Outro”: o inconsciente aparece como a única forma capaz de outorgar a capacidade de falar ao Outro. Pois ben, o pantasma é aquilo capaz de manter estas 2 cadeas de significantes.

[v] Un análise político que entenda ao Estado como unha cousa que só permite o seu acceso ou exclusión e a súa posesión ou desposesión, moi probablemente estará en condicións de afirmar que esa perda é contrastable empiricamente -que é un feito verídico- no momento no que se perden unhas eleccións. Polo contrario, se partimos dunha visión que o considere un proceso que administra mediante unha serie de esferas (poderes, niveis de goberno, administración) o litixio entre as preferencias de distintos sectores sociais, estaremos en mellores condicións para entender que aínda que a perda non sexa tal -en tanto que se garda influencia mediante o sentido sedimentado nesas mesmas esferas- o suxeito pode percibilo desa forma.

A articulación dun proceso hexemónico implica un enfoque analítico distinto sobre as relacións de poder. No marco da teoría da hexemonía o poder non é unha propiedade que se adquire e a que se accede. Mais ben resulta unha disposición e unha articulación sempre continxente de distintas vontades. A hexemonía non é o mero exercicio do poder, senón que opera mediante a adhesión de amplos sectores sociais co fin de xerar o seu consentimento. A pasividade ou actividade deste consentimento responderá ao estilo e a forma de xestión do poder dos dirixentes.  

[vi] Chamado dende a tradición lacaniana como “obxecto a”, este é considerado como o “resto” ou “pedazo do propio corpo” que queda da “operación simbólica entre o suxeito e o Outro”. Este resto non pode ser especulado nin simbolizable, escapa da “captura narcisística do corpo” e preséntase como unha “extimidade; sendo exterior é a vez o máis íntimo” (Basz, 2014).

En referencia ao obxecto de desexo, Lacan emprega a noción de agalma para referirse aos seus atributos parciais, innomeables e misteriosos, ese “outro que me fai amalo”. Prodúcese unha relación de transferencia: a transformación do obxecto da pulsión no obxecto causa de desexo. De modo que aquí reside o “obxecto do pantasma, o que sostén o desexo do suxeito, o castra, e por ilo causa ao suxeito no seu desexo” (Fuentes, 2009).

[vii] Inevitable non mencionar neste pé de páxina o comentario de Freud sobre a consciencia das fantasías. Igual que o material onírico, o material discursivo remite á experiencia de satisfacción do propio suxeito, as súas fantasías empregadas conscientemente nos seus relatos: “As fantasías inconscientes, ou o que foron sempre, tendo a súa orixe no inconsciente, ou, o que é máis frecuente, foron un día fantasías conscientes, soños diúrnos, e logo foron intencionadamente esquecidas, relegadas ao inconsciente pola ‘represión’ […] a fantasía inconsciente integra unha importantísima relación coa vida sexual do individuo, pois é idéntica á que el mesmo empregou como base da satisfacción sexual, nun período de masturbación” (citado en Fuente, 2009).

[viii] Aquí estamos a referirnos a espazos políticos que basean a súa acción nunha nostalxia por tempos pasados, e concretamente, aos partidos extraparlamentarios que identifícanse con vitorias que nin sequera se acadaron dentro do seu radio de acción (o Estado, a nación, a localidade, etc…). Podemos citar como exemplo xeral aos partidos que reivindican a ditadura franquista e como exemplo concreto ás organizacións de esquerda que se reivindican como maoístas ou nacional-bolcheviques. Nestes últimos casos nin sequera se recolle unha liña de tradición política nacional ou popular.

[ix] Referímonos ao perverso como aquel suxeito que se identifica estáticamente a un obxecto, producindo unha fixación co mesmo. Como indica Basz (2014), esta acción ten efectos no campo do desexo, en tanto que na identificación con ese obxecto aparece unha vontade goce. En termos psicanalíticos o obxecto fetiche do perverso é “absolutamente fixo, inmóbil”, o que implica unha relación de ambivalencia na que a castración é recoñecida ao mesmo tempo que renegada: “o uso do fetiche permítelle recuperar o goce perdido pola castración” (Basz, 2014).

A perversión prodúcese na identificación do suxeito cun obxecto perdido (obxecto a) que “non o ten, o é”. Na prefiguración do goce do outro que se sucede  nesta operación, a angustia trasládase do suxeito a un terceiro, desprazando ao lugar deste o Outro.

BIBLIOGRAFÍA

Basz, G. (2014). “¿Qué nos enseña la perversión acerca de la angustia?”. Jornadas Jacques Lacan y la Psicopatología. Psicopatología Cátedra II – Universidad de Buenos Aires, Buenos Aires. Fonte: https://www.aacademica.org/jornadas.psicopatologia.30.aniversario/11.pdf

Bauab, A. (2013). “El goce mudo de los Tics. Escuela freudiana de Buenos Aires”. Fonte: http://www.efbaires.com.ar/files/texts/TextoOnline_1654.pdf

Daneri, C. (2015). “El fantasma en psicoanálisis”. Psicoanálisis en azul. Fonte: https://www.cristinadaneripsicoanalista.com/el-fantasma-en-psicoanalisis/#:~:text=El%20fantasma%20es%20uno%20de%20los%20conceptos%20claves%20del%20psicoan%C3%A1lisis.&text=El%20fantasma%2C%20para%20Lacan%2C%20es,Otro%3F%E2%80%9D%20que%20lo%20interpela

Fernández, B. (2020). “Modernización, fondos europeos y las viejas ilusiones progresistas”. CTXT. Contexto y Acción. Fonte: nhttps://ctxt.es/es/20201201/Firmas/34242/fondos-europeos-psoe-podemos-coronavirus-empresas-brais-fernandez.htm

Franzé, J. (2020). “El debate sobre Bildu: el 78 en su laberinto”. InfoLibre. Información liber e independiente. Fonte: https://www.infolibre.es/noticias/opinion/plaza_publica/2020/11/18/el_debate_sobre_bildu_su_laberinto_113325_2003.html?

Fuentes, M. (2009). “Fantasma”. Asociación escuela argentina de psicoterapia para graduados. Fonte: https://www.elpsicoanalisis.org.ar/old/numero4/resenafantasma4.htm#:~:text=El%20fantasma%20es%20el%20modo,ofrecerse%20al%20goce%20del%20Otro.&text=Es%20por%20eso%20que%20Lacan,frente%20al%20goce%20del%20Otro.

Marciano, M. (2004). La lógica del fantasma: tomar en serio lo que ocurre en nuestra vida de todos los días”. Jornadas Aniversario “30 años de Escuela (1974-2004)”. Escuela Freudiana de Buenos Aires.

Fonte: http://www.efba.org/efbaonline/marciano-05.htm

SOBRE O AUTOR

Nicolas Filgueiras González. Graduado en Ciencia Política e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente na teoría e a economía política.

0 comments on “A voltas con ETA: tics e pantasmas no bloque reaccionario

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: