Política

“Ahora me siento primer mundo, tengo democracia”

A pouco máis dun ano do estalido social en Chile, o país andino volve facer historia. O último domingo 25, a cidadanía, ansiosa de cambio, decidiu en plebiscito desfacerse dos restos da ditadura e redactar unha nova Constitución.

Se o outubro do 2019 estivo marcado polo descontento popular e unha represión estatal con tinturas pinochetistas, este ano o panorama presentouse ben distinto. A pesares do ambiente postapocalíptico, consecuencia da pandemia e das restricións derivadas desta, a alegría era difícil de esconder, mesmo detrás da máscara. “Ahora me siento primer mundo, tengo democracia”  declaraba B.P, estudante de Traballo Social da Universidad de Viña del Mar (UVM).

Nestas eleccións a cidadanía chilena recibiu dúas papeletas:

1) Nunha preguntábase se aprobaban ou rexeitaban a redacción dunha nova Constitución.

2) Na outra, debían definir quen redactaría esta nova Constitución en caso de gañar a opción Aprobo: ou ben unha Convención Constitucional, cuxos 155 integrantes serían elixidos nun 100% para este efecto, ou, pola contra, unha Convención Mixta, onde participarían 86 parlamentarios en exercicio, xunto a 86 cidadáns electos para esta función.

A resposta non deixa lugar a dúbidas, un maioritario 78% das persoas que votaron no plebiscito decidiron substituír a actual Constitución, herdada do réxime militar de Augusto Pinochet. Cabe resaltar que a participación foi superior ao 50%, sendo a elección con maior cantidade de votantes dende o regreso da democracia. Ademais, non debemos esquecer que: a vitoria do Aprobo é un triunfo que provén do pobo e non da clase política. Nestas cifras podemos ver que non é unha cuestión de dereitas ou de esquerdas, senón de dignidade e xustiza social.

No referente á redacción da nova Constitución, a cidadanía decantouse por unha convención constitucional, que será paritaria e terá un número de escanos reservados á representación dos pobos indíxenas. Esta fórmula, xa de por si innovadora, únese ao feito de que, por a primeira vez na historia do país, redactará a Constitución unha asemblea completamente elixida.

Chile, que avanza cara a creación dun novo marco constitucional, debe volver ás urnas o 11 de abril de 2021 para elixir directamente os membros da convención constituínte. Pero fará falta outra contenda electoral para someter o texto final á ratificación do pobo. O voto será obrigado e realizarase o segundo semestre de 2022. De ser aprobada no referendo final, a nova lei fundamental entrará en vigor de inmediato e derrogará automaticamente a do 1980.

Este 25 de outubro a cidadanía chilena rachou, non só coa Constitución de Pinochet, senón tamén co réxime que esta lle impuxo; co “milagre chileno” que o converteu no laboratorio mundial das políticas neoliberais; rachou coa privatización do ensino, a saúde e os recursos naturais, e co desmantelamento do público. O país rexeitou xunto coa vella Constitución, un sistema económico imposto, e aprobou o camiño para a creación dunha nova economía ao servizo das persoas. Un camiño cheo de incertezas, pero tamén de esperanzas.

Remata este outubro cunha situación ben distinta á do ano anterior, pero cunha mesma consigna: “El neoliberalismo nace y muere en Chile”

SOBRE A AUTORA

Uxía Vázquez Suárez, graduada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela e estudante de Traballo Social. Estadía anual en Chile, na Universidad de Santo Tomás e na Oficina Comunal da Muller da Municipalidade de Valparaíso.

0 comments on ““Ahora me siento primer mundo, tengo democracia”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: