Sociedade

A muller máis odiada polo Dáesh

O Kurdistán, etimoloxicamente o lugar no que habitan os kurdos, non é un invento ficticio. Esta denominación responde a millóns de persoas localizadas nun espazo xeográfico, as cales comparten un pasado histórico común, cuestións idiomáticas e culturais, e un mesmo obxectivo político e social. A pesar de non dispor dunha estrutura política recoñecida polos seus estados veciños, podemos identificar institucións e entidades populares que taponan estes furacos ao cumprir con unha gran parte das funcións ás que todo estado debe enfrontar. Sen dúbida, as carencias no relativo ao desenvolvemento social e económico deste territorio foron provocadas polo status colonial ao cal o Kurdistán sempre foi adscrito.

Con fronteiras variábeis debido aos permanentes e sistemáticos conflitos bélicos que asolan este territorio, estímase que a súa superficie correspóndese con 500.000 quilómetros cadrados distribuídos en Turquía, Irán, Iraq, Siria, e mesmo Armenia (durante un breve período de tempo este enclave estivo controlado pola URSS). A pesar do impacto dos procesos de diáspora no Kurdistán, consecuencia directa da Primeira Guerra Mundial, este pobo aínda permanece na mesma zona da cal xa temos constancia en fontes documentais da Antigüidade Clásica. Falamos, en definitiva, da Media Lúa Fértil, da área situada entre o río Tigris e o río Éufrates, na Mesopotamia Antiga, berce da civilización.

Poderiamos pensar que a cultura, polo tanto, xoga un papel fundamental neste panorama convulso e inestábel. Os imaxinarios culturais son o último abeiradoiro, o último refuxio, o único que permanece mesmo cando o anhelo de controlar e xestionar o seu futuro desaparece. A cultura é unha ferramenta política, un instrumento moi efectivo á hora de xerar identidade, unindo a diferentes comunidades humanas alén das barreiras físicas ou sociais. Tal e como comprobaremos despois, a relevancia do feito cultural é tan grande que países como Turquía golpearán incesantemente nela para desbaratar as estratexias de resistencia simbólica e de dignificación comunitaria. Neste sentido, é facilmente perceptíbel o temor externo ao que a cultura kurda poda xerar. Esta cuestión faise visíbel na cancelación de eventos musicais kurdos, nas presións a países occidentais que acollen estas performances, ou na prohibición a súa difusión nos medios de comunicación (radio e televisión).

Nun contexto tan conflitivo coma este, no que sobrevivir e organizarse é algo sumamente complicado, é imposíbel pasar por alto á figura de Helly Luv: cantante e activista. Helly Luv, ou Helan Abdulla, é o vivo exemplo da relevancia e do papel que xoga a sociedade kurda que forma parte da diáspora. A pesar do estabelecemento da súa familia en Finlandia por razóns humanitarias, non é allea ao conflito que sacude o seu país. A súa nai e o seu avó foron guerrilleiros peshmerga; ela mesma pasou nove meses nun campo de refuxiados en Turquía. O seu perfil como axente cultural é de corte máis pacifista que militar –caso, por exemplo, da desaparecida Viyan Peyman– empregando a música como medio para a denuncia social e a procura dunha repercusión internacional.

A produción e o lanzamento ás redes dixitais do seu sinxelo Risk it All (2013), himno antibélico filmado antes do aparecemento destacado do DÁESH no entorno kurdo, tróuxolle ameazas de morte por parte de grupos radicais islamistas e de membros da súa propia familia. Probabelmente, as cotas de sensualidade e erotismo deste videoclip excederan o socialmente aceptábel. Porén, o seu gran éxito musical e social chegaría con Revolution (2015), performance certamente elaborada na que aparece cantando, bailando, armada e escoltada por mulleres peshmerga. Entramos, polo tanto, nunha segunda fase baseada na militarización após unha primeira etapa antibélica.

Nesta altura, as once millóns de visualizacións do seu segundo sinxelo en espazos web como YouTube tamén fan necesario reflexionar sobre o papel que xogan os medios e as plataformas dixitais neste conflito (igual que en moitos outros). Parte do videoclip de Revolution gravouse a menos de tres quilómetros da fronte de batalla, dispondo mesmo de tropas reais. Foi o exercicio de personificación e representación artístico-musical da loita co seu inimigo, na cal o exército yihadista aparece parodiado, o que provocou unha escalada espectacular de odio e de hostilidade dirixida a Helly Luv. Resulta evidente que eles mesmos outorgan unha relevancia máxima ao factor cultural, entendido como elemento subversivo, a partir do estabelecemento de medidas tan desproporcionadas como pagar pola morte dunha artista.

O obxectivo principal de Helly Luv, pese a non poder sortear as críticas dos sectores sociais máis fundamentalistas, é converter en viral a situación pola que atravesa o pobo kurdo dende a Primeira Guerra Mundial. A partir do seu éxito persoal e artístico, quere xerar unha repercusión social e global sobre o padecemento histórico e prolongado de toda unha comunidade. Salvando as diferenzas xeográficas e temporais có papel semellante que puideron xogar outros artistas como Víctor Jara, ela pode ser considerada como unha embaixadora cultural kurda de facto. A súa voz é a arma máis relevante, grazas a cal pode transmitir un discurso específico e concreto a millóns de persoas a través das redes sociais e das plataformas dixitais de libre acceso.

Helly Luv procura o apoio da comunidade internacional á causa kurda, empregando o produto musical como voceiro. O seu propósito é obter subministros armamentísticos para a defensa do territorio e da soberanía popular kurda, mais sobre todo o abastecemento de bens básicos e de axuda humanitaria para mellorar as condicións de vida dos millóns de refuxiados que acollen. Elas e eles, inmersos nunha profunda e poliédrica rede de loitas e de reivindicacións sociopolíticas, precisan de apoio externo, mesmo no relativo á construción dunha estrutura administrativa e política de carácter estatal, sólida e autónoma.

SOBRE O AUTOR

Aarón Pérez Borrajo. Graduado en Historia y Ciencias de la Música pola Universidad de Salamanca. Mestrado em Estudos Artísticos pola Universidade de Coimbra e Máster en Música Hispana (USAL). Actualmente, desenvolve os seus estudos de doutoramento en Musicoloxía na Universidade de Salamanca, cun especial interese na música popular de tradición oral durante o Franquismo.

0 comments on “A muller máis odiada polo Dáesh

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: