As transicións á democracia en España e Portugal. Perspectiva comparada.

As 00:30 horas do 25 de abril de 1974 soaba na Radio Renascença portuguesa Grandola, Vila Morena. A emisión desta canción prohibida polo réxime do Estado Novo representaba a sinal para que o Movemento das Forzas Armadas (MFA) ocupase lugares estratéxicos co país, dando lugar á Revolução dos cravos, coa que caería a ditadura e se abriría paso á transición cara un novo Estado democrático. Á mañá, tería lugar o acontecemento que deu nome a revolución: a camareira Celeste Caeiro, que retornaba a súa casa cargada de flores dun banquete suspendido polos acontecementos, entregoulle unha a un dos soldados que ocupaba a Praça do Rossio (Lisboa), que a colocou no canón do seu fusil en sinal de consonancia co pobo, xesto que imitaron os seus compañeiros. Unha imaxe que quedou gravada na retina colectiva.

Fonte: Pinterest

No país veciño, sería un ano e sete meses despois cando, coa morte de Franco, botaría a andar a transición democrática. Ámbolos países vivían baixo o xugo de lonxevas ditaduras xurdidas no período de entreguerras. A crise das democracias liberais e o auxe dos totalitarismos deu paso a ríxidos gobernos, que con man de ferro se alzaron como a solución para poñer orde a unha convulsa vida política, marcada pola crecente politización e organización das masas e sectores populares, que buscaban integrar as súas demandas nas institucións liberais. Triunfou en España e Portugal a denominada contrarevolución preventiva. António Oliveira Salazar (dende 1968 asumiría o seu cargo o xurísta Marcelo Caetano) e Francisco Franco instauraron réximes de forte personalismo, se ben, alén das particularidades propias de cada un deles, ambos estiveron pilotados por unha cúpula dirixente moi heteroxénea, o que provocou que os proxectos fundacionais de partida non chegasen a ser tal (Soto, A. 2009).

Así pois, case paralelamente clausuraron ambas ditaduras, nun proceso ao que uniu Grecia, enmarcado na terceira ola democratizadora, a dos anos setenta. Por que camiños transcorreron as transicións países ibéricos? Que diferencias e semellanzas houbo no curso cara un novo Estado?

O período e as fases das transicións

En Portugal o actor catalizador do cambio foi o Movemento das Forzas Armadas, que emprendeu a Revoluçao dos cravos co militar Vasco Gonçalves asumindo o cargo de primeiro ministro. O MFA procedeu así a súa institucionalización, coa creación da Xunta de Salvación Nacional, órgano mediante o cal os militares ditarán as leis e organizarán o funcionamento dos poderes públicos, así como unha cámara formada por membros do MFA á vez que outra de carácter enteiramente democrático.

Foi esta unha primeira fase, a transición revolucionaria, que finou co intento de golpe de Estado de novembro de 1975 da man dos sectores máis esquerdistas do Exército. Previamente tiveran lugar varias tentativas, como o golpe de Estado constitucional en xullo de 1974 por parte dos sectores máis conservadores do Exército, que pretendían illar ao MFA en favor do poder executivo, controlado por António de Spínola, principal figura do levantamento, ou o tamén fracaso intento comandado por Spínola en marzo de 1975.

Así as cousas, freado este polos xenerais moderados, deuse paso a un período de transición constitucional, que coa promulgación da Constitución de abril 1976 xa limitaba o poder do Consello da Revolución -órgano militar creado tras o falido golpe de Estado de marzo de 1975- durante os seguintes 6 anos, e establecía principios democráticos, que deron paso ás eleccións lexislativas presidencias en abril e marzo dese mesmo ano, respectivamente. Coa desmilitarización das institucións políticas en 1982 (a desaparición do Consello de Revolución, tras a revisión da Constitución) conclúe a transición portuguesa (Reig, A e Sánchez, J. 2016).

En España, a fase inicial transcorreu entre a morte de Franco e o relevo de Adolfo Suárez a Arias Navarro en xullo de 1976, no que confronta dúas vías,  a reforma outorgada (Arias Navarro-Fraga), un ensaio do perfeccionamento do franquismo, e a ruptura dende abaixo, postura da oposición democrática, coa formación dun goberno provisional e a formación dunha Asemblea Constituínte. A imposibilidade de ambas opcións de impoñerse abre paso a unha segunda fase, na que Adolfo Suárez fai uso das vías institucionais e unha política de cúpula para avanzar no proceso democratizador, ao que se uniu a maioría da oposición (Lei para a Reforma Política de 1977, Constitución de 1978 e eleccións xerais de 1977 e 1979) (Rodríguez-Aguilera, C. 2012).  

Coa desintegración de UCD e a vitoria do PSOE en 1982, e a consecuente consolidación do sistema de partidos, o final do ruído de sabes, tras o fracaso do 23-F de 1981, e a subordinación militar ó poder civil, e a consolidación do mapa territorial -unha variable ben diferenciada do caso portugués- aglutínanse os elementos precisos para dar por concluída a transición española (Soto, A. 2009).

Os actores do proceso

Para entender cales foron e que rol adquirido polos actores partícipes das transición ibéricas resulta chave atender ao seu papel nas correspondentes ditaduras:

A variable máis determinante para entender o caso portugués sexa a política exterior, xa que lle deparou ao Exército o rol de principal actor da oposición e dirixente do proceso de democratización: na década dos anos cincuenta comezaron procesos de descolonización de África, do que o país luso tratou de fuxir realizando cambios constitucionais para trocar o termo colonia por Ultramar. Isto non evitaría que no 1960 a ONU decretase que os territorios portugueses eran colonias e debían gozar por tanto de dereito de autodeterminación, e en marzo de 1961 comezou a rebelión en Angola, seguindo a súa estela Guinea e Mozambique.

Deste xeito, foi o estalido das Guerras coloniais (1961-1974) e a incapacidade dos dirixentes políticos portugueses para manobrar o proceso o que provocou grandes descontentos no seo das Forzas Armadas, que se erixiron como a principal oposición do Estado Novo, e unificando intereses políticos e corporativos precipitaron a súa caída e o consecuente abandono das colonias. Así pois, os propios militares alzáronse como figuras políticas, negociando cos partidos políticos e creando unha dualidade institucional (Reig, A e Sánchez, J. 2016).

Cartel da Guerra de Independencia de Mozambique.
Fonte: Pinterest.com

En España, a oposición ao franquismo estivo representada na sociedade civil e os partidos políticos, cunha mellora na súa capacidade organizativa dende o aperturismo dos anos sesenta. No caso hispánico non tivo lugar un proceso semirevolucionario, xa que a transición se guiou polas directrices formais dos franquismo, sendo as Cortes franquistas as que constitucionalmente ratificaron o proceso, garantindo unha reforma amparada na legalidade. Ben distinto foi o papel do Exército español, distanciado da acción civil. Con todo, a variable colonial non foi só un elemento determinante para o dispar comportamento dos exércitos, tamén influíu e determinou o sistema de partidos.

Unha das claves de bóveda da transición española foi a legalización do Partido Comunista de España, o PCE. Esta acción viuse facilitada pola posición ideolóxica adoptada polo mesmo, o eurocomunismo, xa que permitía unha maior proximidade e posible cooperación co Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), se ben o seu maior achegamento tamén implicaba unha disputa sindical entre UXT e CCOO, que impediría un dominio dos comunistas españois na medida na que o fixo o Partido Comunista Portugués, PCP. O PCP atopábase máis vinculado ás loitas dos países periféricos e a Moscú. A súa simpatía coas guerrillas de Angola e Mozambique, situadas baixo o paraugas do bloque soviético, e do seu líder, Álvaro Cunhal, co estalinismo, provocaba grandes reticencias por parte do Bloque Occidental e a OTAN, que no caso español tiveron unha gran influencia no PCE, que acabou por matizar (moderar) as súas teses no seu Congreso de 1978. En definitiva, a ideoloxía do PCP, unido a súa implicación do golpe de Estado de 1975 provocou o  distanciamento do Partido Socialista

Así pois, e pese a competencia doutro partido próximo ao comunismo, o Movemento Democrático Portugués, o PCP, obtivo maiores apoios caos seus homónimos españois, cun 12,1% dos votos nas eleccións á Asemblea Constituínte de 1975 (celebradas para a elección dun goberno que tutelase a elaboración dunha Carta Magna) e o 14,6% en 1976, dominando algunhas zonas do país, como a zona industrial de Setúbal, o sur de Lisboa ou provincias agrícolas empobrecidas na metade do país, mentres o PCE se fixo co 9,33% e o 10,77% en 1977 e 1979, e sen controlar con claridade rexións ou provincias.

No referido ao resto do arco parlamentario, ambos países posuíron sistemas multipartidistas, tendo o caso español unha tendencia máis centrífuga cunha presenza maior de partidos afastados do centro, pois non existiu en Portugal un partido que reclamase unha continuidade do Réxime anterior desde as propias institucións democráticas, como Alianza Popular (que pese aos esforzos por competir co centro-dereita foi percibido como boa parte da poboación como un partido fóra do sistema).

Doutra banda, primou unha lóxica bipartidista. Fronte ao centro dereita, representado na Alianza Democrática en Portugal, e a UCD en España, situábanse os partidos socialistas, que se foron dereitizando, afastándose de posicións radicais, arrastrados polo Partido Socialdemócrata de Alemaña, facilitando os acordos institucionais. Unha particularidade  do caso español foi o peso de partidos rexionais, que sumaron 23 (5,6%) e 27 (7,7%) deputados en 1977 e 1979 respectivamente.

No caso luso o Partido Socialista, comandando por Mario Soares foi o que ocupou o goberno durante a primeira fase da transición, tras a obtención dun gran resultado nas eleccións para a Asemblea Constituínte de 1975, accedendo ao poder en minoría tras as eleccións lexislativas de 1976, ata que Alianza Democracia venceu nos comicios xerais de 1979 e 1980, asentando unha estabilidade no sistema de partidos que se truncou coa morte do seu líder, Francisco Sá Carneiro, e que non tornaría ata 1987 coa celebración dunhas novas eleccións. En España, como vimos, foi a UCD quen se fixo coa maioría do executivo ata que o PSOE de Felipe González acadou unha importante maioría en 1982 (Linz, J.J. 1990b).  

Noutra orde de cousas, a xefatura do Estado encamiñouse de xeito dispar. En España, o Rei Juan Carlos I continuou no seu cargo durante todo o proceso, pasando de ser un monarca autoritario –herdando os poderes outorgados por Franco- a constitucional e logo parlamentario (Soto, A. 2009).

A dicotomía ruptura-revolución

Unha das labores máis complicadas ao estudar as transicións a democracia, e en especial cando se fai dende un marco comparativo, é a súa tipoloxización. Neste senso, Alfred Stepan distingue dez categorías, dentro das cales diferencia dous subapartados en base á inxerencia externa ou ao control e dirección dos actores do propio estado. Dentro desta última o autor enmarca a Portugal e España. No caso da primeira, a categoría corresponde a unha transición iniciada polos militares dende o goberno, e no da segunda, a unha transformación dirixida dende dentro. Nesta mesma liña, Robert Fishman diferencia entre transicións dirixidas polo réxime coa pasividade (caso español) ou hostilidade de parte das institucións do estado (Forzas Armadas no portugués) (Linz, J.J. 1990).  

En calquera caso, o eixo sobre o que adoitan pivotar as análises dás transición é o de ruptura-reforma. Unha tipoloxía ideal que en contadas ocasións se aplica na práctica. O caso de Portugal é dos poucos que representa unha ruptura clara co réxime anterior, pois o que adoita predominar é a ruptura-pacto entre posicións polarizadas dos actores, como en España, no que sucedeu unha negociación entre forzas políticas con intereses contrapostos, sendo os continuístas, procedentes da administración franquista, os máis beneficiados, pois dende as institucións controlaron a autrotransformación do novo Estado.

Este proceso de continuidade-ruptura tivo un dos seus expoñentes na política de memoria histórica. En España, o triunfo da UCD permitiulle pilotar a reparación do pasado, que co apoio dos polos principais opositores (PSOE e PCE) se plasmou na Lei de Amnistía de 1977, que se ben permitía a liberación de presos políticos e a volta dos exiliados, tamén aplicaba unha política de non depuración nin de xustiza cara as autoridades e funcionarios franquistas mediante unha lei de punto final, permitindo a reorganización de cargos políticos e sindicais nos seus postos, e a continuidade nas forzas armadas e de seguridade. Neste senso, o inmobilismo do Exército, incluso dos sectores máis moderados, foi un gran atranco para o avance nunha política de reparación.

En Portugal, na etapa da transición revolucionaria promulgáronse unha serie de leis de purga, que apartaron do poder a vinte mil membros do partido único, a Lexión Portuguesa. Nos seguintes anos, funcionarios públicos de distinto sector e rango foron exonerados, incluídos membros da Garda Nacional Republicana, e cargos académicos foron depurados a través das asembleas de estudantes. Doutra banda, dende 1976 facilitouse o regreso de exiliados e a reinserción na vida laboral de moitos funcionarios xulgados no Estado Novo, o que se completou cunha traballada política de reparación (memoria) (Soto, A. 2009).

BIBLIOGRAFÍA

Linz, J.J. (1990). Transiciones a la democracia. Revista Española de Investigaciones Sociológicas. Universidade de Yale. Num 51. pp. 7-33.

Linz, J.J. (1990b). La frontera sur de Europa. Tendencias Evolutivas. Revista Española de Investigaciones Sociológicas. Universidade de Yale. Num 9. pp. 7-52.

Reig, A e Sánchez, J (coords). (2016). Transiciones en el mundo contemporáneo. Estudis sobre Conflictes Socials. Univesitat Rovira y Virgili. Num 3.

Rodríguez-Aguilera, C. (2012). ¿En que sentido fue modélica la transición política?. En Reniu, J.M. Sistema Político Español (pp. 5-68). Huygens Editorial. Barcelona

Soto, A. (2009). La transición a la democracia en el sur de Europa. La historia como instrumento para su comparación. Estudios Internacionales. Universidad de Chile. Num 162. pp. 7-30.

SOBRE O AUTOR

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutorando en Historia Contemporánea (USC).

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s