COVID-19: XAQUE MATE AO NEOLIBERALISMO?

Nestes días en que o mundo está a ser atemorizado por unha crise sanitaria e humanitaria, atopámonos nunha situación de consenso social que reivindica a necesidade e a valía da res publica. Ao eido desta realidade, a modo de introdución e fío condutor, gustaríame comezar recordando a última intervención de Íñigo Errejón no Congreso dos Deputados: “asistimos a un fenómeno curioso, por el que el neoliberalismo, antaño una ideología triunfante, hoy se retira y simplemente no comparece. Hoy nadie oye hablar de que haya que recortar más en sanidad o en residencias, nadie nos dice eso de que lo privado es más eficaz. Nadie oye hablar de que hay que liberalizar más mercados, ¿verdad? De la mano invisible del mercado ni está ni se la espera, ni sus más firmes defensores dicen hoy nada de ella”. Tomando como punto de partida esta intervención e ao mesmo tempo motivado pola “España dos aplausos”, dispóñome a reflexionar en público arredor da pregunta que ten como título este artigo dende unha perspectiva patriótica, tanto nacional como europea.

Como consecuencia da crise do coronavirus, atopámonos diante dunha estrutura de oportunidade política propicia para cuestionalo todo, dende o sistema económico ao individualismo salvaxe que impera na sociedade. En definitiva, temos diante nosa a posibilidade de rematar coa hexemonía do sistema do cal Margaret Thatcher e Ronald Reagan sentaron as bases nos anos 80, o neoliberalismo. ¿Por que afirmo isto?

En maior ou menor medida, o virus COVID-19 estanos igualando en canto á condición de debilidade que temos como seres humanos, dá igual a nacionalidade, a clase social a que pertenzas ou se es home ou muller. Nestes momentos podemos xeneralizar e dicir que o sentimento de inquedanza é algo que afecta a todos os sectores da poboación, dende un neno que non sabe cando vai volver ao colexio, pasando por unha traballadora que non sabe se se vai reincorporar ou ser despedida do seu posto de traballo ou un avó que ten medo de perder a súa pensión para a que traballou toda unha vida. Como sabemos que esta é a realidade, tamén somos conscientes de que as consecuencias económicas que vai deixar esta crise non van afectar a todos por igual, senón que como é sabido a quen máis golpea é as clases populares (traballadores, pequenos autónomos, empregadas do fogar, etc.), polo que as medidas para saír da crise que está por vir non poden ser as mesmas que se puxeron en práctica no 2008, senón que se teñen que fundamentar na protección social, en non deixar a ninguén atrás, nun sistema tributario progresivo e nun imposto especial á banca para que devolvan os 60.000.000 millóns de euros que se lle prestaron para saír da anterior recesión económica e ás grandes fortunas. Será quen o goberno de poñer en marcha este tipo de medidas? A día de hoxe con maior ou menor dificultade e nivel de titubeo semella que están traballando na boa dirección, andaremos e veremos.

A outra realidade que me gustaría salientar é o papel que está xogando a oposición no noso país, mentres no resto de países a oposición está xogando un papel de colaboración e apoio ao goberno, en España o Partido Popular e Vox poñen en funcionamento toda a súa maquinaria mediática para tentar desgastar e derrubar ao goberno. Á vista están as declaracións do comisario da Policía Nacional, José García Molina, anunciando a detección de máis de 1.500.000 de contas falsas nas redes sociais creadas para a propagación de bulos. Se isto fose pouco, contan coa connivencia de xornais en formato papel como La Razón, ABC ou El Mundo. Como loitamos contra isto?

Considerando que “a política é unha disputa pola hexemonía” (Laclau, 2015) e partindo da concepción gramsciana de que a hexemonía é a “dirección política, moral e intelectual” dun pobo, dende o goberno progresista, cando a situación sanitaria o permita e recuperemos a normalidade cotiá, do mesmo xeito que o neoliberalismo tivo como unha das súas políticas minar as bases materiais da sociedade civil, dende o goberno progresista débese de alentar á organización da mesma en todos os sectores da sociedade (movemento estudantil, sindicatos, think thank, etc.) co obxectivo de disputar a batalla cultural existente e deste xeito, mediante a acción colectiva e coa articulación dun discurso que teña como eixo vertebrador o patriotismo democrático, a defensa da res publica e a realidade plurinacional existente, levar cabo unha transformación social que supoña que o goberno progresista non ocupe simplemente o poder institucional, senón que se transforme en clase dirixente e así enterrar o neoliberalismo e abrir un tempo novo co republicanismo político por bandeira.

Fonte: unsplash.com

Tras esta breve reflexión sobre as consideracións en torno á realidade política e social que deixa o COVID-19 no noso país, paso a tentar das resposta ao título deste artigo, pero tendo como referencia a relación e o papel que debe ter España no proxecto común da Unión Europea.

O pasado 27 de marzo, lévase a cabo unha reunión entre os presidentes do Eurogrupo, a cal tiña como obxectivo acordar un plan económico común para paliar os efectos da recensión económica (coronabonos) que vai causar a crise sanitaria do COVID-19, pero a realidade foi moi distinta, xa que á saída da xuntanza, o Primeiro Ministro portugués, Antonio Costa, fixo unhas declaracións sen precedentes, que puxeron de manifesto a realidade da Unión Europea: “se non comprendemos que para un desafío común temos que dar unha resposta común, entón non entendemos a función da Unión Europea”, as cales evidenciaban a falta de acordo entre as partes e a existencia de dous proxectos enfrontados.

A primeira das posturas é a que podemos denominar como a postura dos países do norte de Europa: Finlandia, Alemania, Austria ou Países Baixos, que avogan por unha saída totalmente nacionalista e individualista que podemos resumir no “sálvese quien pueda”.

Doutra banda atopámonos os coñecidos como países do sur de Europa: Portugal, España, Italia e incluso Francia. Estes países avogan por unha saída común, baixo os preceptos da solidariedade e igualdade que se supoñen principios básicos do proxecto europeo.

A consecuencia desta realidade que temos diante nosa, véñenme dúas ideas á cabeza: ou os países do norte non entenden en que consiste o proxecto da Unión Europea ou a Unión Europea é un proxecto creado para espoliar aos países do sur de Europa. Dá para pensar a verdade. Que podemos facer?

Como dixen con anterioridade, temos diante unha estrutura de oportunidade política que non debemos deixar pasar, e do mesmo xeito que podemos aproveitala para tentar provocar un cambio en España, podemos tamén poñer en cuestión o modelo neoliberal europeo e intentar reformulalo establecéndose unha alianza entre os estados do sur, co obxectivo de plantarse e deixar claro que non somos unha colonia, e do mesmo xeito poñer encima da mesa que a solución pasa por facer unha reforma do proxecto común nun sentido republicano, ou de imporse as mesmas teses austericidas empregadas para saír da crise de 2008, a Unión Europea tal como a coñecíamos ata hoxe en día estaría morta. En definitiva Europa sae como proxecto común da crise do COVID-19 ou Europa sae sen proxecto común. Pode chegar a poñerse encima da mesa un “Surexit”?

A modo de conclusión simplemente dicir que debemos de aproveitar o momento político ao que nos abocou o coronavirus e non encerrarnos en xestionar esta crise como malamente se poida, senón que debemos de ter altura de miras e construír un horizonte para facerlle un xaque mate definitivo ao neoliberalismo, xa que con esta crise sanitaria que estamos a vivir quedou demostrado a súa ineficacia e a necesidade de fortalecer a res publica.

BIBLIOGRAFÍA

  • Laclau, E.. e Mouffe. C. (2015). Hegemonía y estrategia socialista. Madrid. Siglo XXI.
  • Sacristán M. (2013). Antología de Gramsci. Madrid. Akal.

Carlos Abelenda. Politólogo. Escribe sobre diversas temáticas, pero especialmente mostra interese polo ámbito da teoría política e os movementos sociais.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s