Política

Que son os coronabonos ou cara a onde vai a Unión Europea?

Medium.com

Dicía Mariano Rajoy, nunha das súas célebres citas, que “unha cousa é ser solidario e outra é selo a cambio de nada”. Sen dúbida, unha curiosa afirmación, aínda que, quizais, compartida por máis dalgún mandatario europeo na actualidade.

Resulta doado comprender que a actual crise sanitaria que estamos vivindo terá efectos económicos inmediatos sobre o noso país. Principalmente, podemos afirmar que se producirá un descenso, canto menos momentáneo, do PIB nacional ou, o que vén sendo similar, unha caída da cantidade de bens e servizos que producimos e ofertamos. Dito deste xeito, tampouco parece nada especialmente grave se non temos en conta as dúas grandes implicacións que deste feito se derivan. A primeira delas, ten que ver con que o Estado vai deixar de ingresar miles de millóns de euros que antes recadaba mediante impostos: se ninguén merca lavadoras, nin come en restaurantes, o Estado tampouco poderá reclamar o IVE destes produtos (ao igual que tamén se verá minguada a recadación por outros impostos, como IS ou IRPF, como consecuencia da paralización da circulación da renda). A segunda das implicacións vén xusto polo lado oposto: o Estado vai ter que facer fronte a un aumento do gasto público sen precedentes, co fin de sufragar, en primeiro lugar e ante todo, o aumento do gasto sanitario, seguido polo crecemento súbito do número de prestacións por desemprego a satisfacer, ademais de todas as necesarias axudas a empresarios e autónomos que foron anunciadas, así como medidas adicionais de estímulo para reactivar a economía.

A pregunta que cabe formularse agora é ben sinxela: pode o Estado facer fronte a este gran aumento do gasto público mediante os ingresos que obterá vía impostos? A resposta semella igual de sinxela: non. Mais isto non é nada novidoso, como novidosa tampouco será a solución a levar a cabo para cadrar este desaxuste: débeda. É dicir, todos os gobernos estatais, en maior ou menor medida, necesitan regularmente “pedir prestado” diñeiro a outros axentes económicos a cambio, claro está, da devolución do mesmo nun prazo determinado máis o pago duns xuros acordados.

Non obstante, non todos os países teñen a mesma facilidade á hora de atopar quen estea disposto a prestarlle o diñeiro que precisan e, sobre todo, á hora de prestarllo con maiores ou menores xuros. Durante a pasada crise económica iniciada en 2008, houbo un episodio da mesma que todos recordaremos: a famosa crise da débeda soberana. Quizais este nome non nos diga moito, mais o termo de “prima de risco” seguro que xa nos soa máis. Durante esta etapa, a certos países da UE (España entre eles) custáballe moito atopar axentes que lle prestaran diñeiro sen ter que pagar uns xuros demasiado elevados. Isto debíase á desconfianza que os investidores internacionais tiñan sobre as contas públicas do noso país: canto menos se fían de que un país poida devolverlles o diñeiro prestado, maiores serán os xuros que demanden como consecuencia desta incerteza. Todo isto levou a un círculo vicioso que desembocou, por aquel entón e como única saída á desesperada, nos coñecidos como “rescates financeiros” que sufriron varias economías da eurozona.

Precisamente aquí é onde reside a clave da cuestión que nestes días se está debatendo no seo da UE. Está claro que os países van ter maiores necesidades de financiamento nestes próximos meses. O problema reside en que determinados Estados, entre os que se atopan España e Italia, non están dispostos a ter que asumir un aumento espectacular das súas débedas públicas como consecuencia da busca de financiamento nos mercados internacionais temerosas, ademais, de que estes reaccionen de xeito similar ao acontecido na antes mencionada crise da débeda soberana (desconfianza, aumento das primas de risco, dos tipos de xuros, deterioro das finanzas públicas e volta a comezar).

Por iso estes países propoñen que non sexan España ou Italia por si soas quen acudan aos mercados financeiros a “pedir diñeiro prestado”, senón que sexa a propia UE no seu conxunto, como un só ente, quen acuda a pedir dito financiamento (dito doutro xeito, quen “venda” os chamados coronabonos ou eurobonos). Na diferenza existente entre a primeira e a segunda das opcións reside o quid da cuestión, o punto clave que provoca duros enfrontamentos entre os denominados países do norte e do sur de Europa. Se é a UE quen pide este financiamento nos mercados internacionais, os xuros que terá que pagar cando devolva este diñeiro van ser menores que aqueles que terían que pagar España ou Italia por si soas (ademais de que se eliminarían os riscos vividos durante a crise da débeda soberana). Pola contra, aqueles países que, como Alemaña, gozan dunhas contas públicas máis saneadas e que poden pedir prestado diñeiro pagando uns xuros ínfimos, non están dispostos á utilización destes eurobonos porque supoñen ter que compartir certos custos e riscos. Por este motivo, son partidarios de que sexa cada Estado quen intente cos seus propios medios reactivar as súas respectivas economías.

Estamos diante do que en teoría de xogos se coñece como un “dilema do prisioneiro”: unha situación na que a mellor solución sería a cooperación entre todos os países, posto que o resultado global sería o óptimo, mais na que certos países teñen incentivos fortes a non cooperar dado que, de xeito individual, o resultado para estes podería ser máis beneficioso.

En síntese, os eurobonos, que tantas filias e fobias desatan entre os diferentes Estados membros, non son máis que un modo de testar o grao solidariedade existente entre os países que forman parte da unión económica e monetaria máis importante do mundo, da Unión Europea. Veremos, nas próximas semanas, cal é o concepto que os distintos líderes europeos posúen sobre a solidariedade e, se tal e como pensaba o propio Mariano Rajoy, unha cousa é ser solidario e outra é selo a cambio de nada.

SOBRE O AUTOR

Lois Pimentel Iglesias. Estudante do Grao de Economía na Universidade de Santiago de Compostela.

0 comments on “Que son os coronabonos ou cara a onde vai a Unión Europea?

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: