Radiografía da privatización sanitaria en España

Tras a Segunda Guerra Mundial, tivo lugar en Europa un pacto para recompoñer os vínculos da sociedade, o Estado de benestar, un código de garantías vixiado polo Estado para dar cobertura ás necesidades do conxunto da cidadanía.

Coa chegada do neoliberalismo na década dos setenta, repuntou a lóxica individual en torno á cal entender a sociedade. Especialmente e da man das figuras políticas máis exponenciais desta corrente, Margaret Thatcher e Ronal Reagan, o Estado converteuse no principal obxecto de ataque. Entón, o Estado de benestar viu como os seus principais soportes, sindicatos e partidos de esquerdas, foron minguando, e como aumentou o mercado privado como vía para a provisión de bens e servizos, que entende como tal todo obxecto da súa actividade, tamén dereitos como o da sanidade.

España, a onde a chegada do Estado de benestar foi tardía, asentou un sistema sanitario público e universal coa Lei Xeral de Sanidade de 1986, que pouco tardaría en sufrir modificacións e a consecuente entrada da empresa privada na xestión dos servizos de saúde, amparada nos principais partidos de corte neoliberal, seguindo diferentes modelos:

  1. (Partenariado Público-Privado): Todos os servizos son prestados pola concesionaria, tamén os centros de saúde que dependen do hospital.
  2. (Iniciativa de Financiación Privada): A empresa xestora encárgase de todo menos da parte sanitaria (construción, servicios non asistenciais…). Deste xeito os médicos na súa condición de funcionarios, dependen da Consellería e non da concesionaria.
  3. : como pode ser a extracción de sangue, as resonancias, o transporte sanitario, etc.
  4. : como pode ser a limpeza, o transporte interno, celadores, seguridade, aparcamento, etc (Sánchez, M. 2014).

Máis alá destes modelos concretos, a traxectoria da privatización sanitaria pon de manifesto a súa gran capacidade de adaptación e reformulación para a súa aplicación en cada caso: concertos singulares, consorcios, creación de sociedades anónimas…Unha traxectoria que continuou ata os nosos días, marcados por unha forte crise, que sempre é unha boa ferramenta para avaliar o funcionamento dun Estado, pois agudizan as diferenzas entre os sectores sociais, contrapoñendo os dous modelos de xestión, neste caso, sanitaria: a sanidade entendida como un dereito universal e de calidade garantido a través do estado, ou a sanidade coma o cálculo do prezo da xestión da saúde de cada persoa e a procura da maximización de beneficios.

Dende que entramos na crise do coronavirus, as partes máis implicadas na aposta polo modelo neoliberal deixasen de apostar pola posición que, en anos anteriores, tan abertamente e en nome da “eficiencia”, tiñan defendido. En situacións de excepcionalidade o neoliberalismo torna en keynesianismo. Por isto mesmo é de xustiza facer memoria e recordar quen foron os responsables do proceso privatizador dos últimos anos e do consecuente desmantelamento da sanidade pública.

Autoría: Javier Barbancho

En definitiva, o obxectivo do artigo é poñer enriba da mesa os nomes dos actores inmiscidos no proceso de privatización, as fórmulas das que fixeron uso e as súas implicacións na calidade do sistema público de saúde, así como nos valores éticos da nosa democracia.

O proceso de privatización sanitario en España

Aínda que o proceso privatizador deu os seus primeiros pasos nos anos oitenta en Cataluña (que tamén sería unha das Comunidades con maior taxa de recortes na sanidade pública con Convergència I Unió [Junts per Catalunya] á cabeza), foi en Valencia a mediados dos noventa cando verdadeiramente comezou a  fraguarse, concretamente no 1996, ano no que -con José María Aznar recentemente investido presidente do Goberno- se aprobou a lei que permitía botar a andar a entrada do capital privado na sanidade pública. Así pois, con Eduardo Zaplana a fronte do executivo en Valencia, prendeuse a mecha da man do Hospital de Alzira, o primeiro hospital público xestionado de forma privada, a través do modelo PPP, de xeito que o centro sería construído e xestionado por unha empresa privada na súa totalidade a cambio dun canon pagado pola Generalitat Valenciana. A única empresa que se presentou ao concurso foi Ribera Salud, financiada polas caixas de aforros.

Seis anos máis tarde, o déficit de servizos e as perdas que viña sufrindo Ribera Salud levou á Generalitat a rescindir o contrato e sacar de novo a concurso público o Hospital, que paradoxicamente acabou sendo concedido de novo a Ribera Salud[i]. Non só a mesma empresa volveu facerse coa xestión do centro, senón que ademais pasou a controlar tamén os centros dependentes do complexo hospitalario, unha operación que consolidaría un novo modelo de privatización, que levaría o nome do caso, o Modelo Alzira. A pesares do fracaso no que concorreu o mesmo, nos seguintes anos ata catro novos hospitais foron construídos e xestionados mediante este modelo; en todos eles Ribera Salud posuía parte da xestión.

Así mesmo, a Generalitat valenciana tamén lle concedeu a empresas privadas a xestión das probas de resonancia magnética -levadas a cabo ata o momento polo servizo  público de saúde- baixo unhas condicións que maximizaban os beneficios para as compañías privadas a costa de incrementar o gasto do sector público.

A ola de privatización que tivo comezo en Valencia continuou en Madrid. Primeiro, con Esperanza Aguirre como presidenta da Comunidade (2003/2012), púxose en marcha a construción de once novos hospitais, sete co modelo PFI e catro co modelo PPP, así como a inclusión da empresa privada Capio na xestión das mamografías, a través dun polémico acordo entre a mesma e a Asociación Española Contra o Cancro.

A dimisión de Esperanza Aguirre e o relevo tomado por Ignacio González, deu paso a unha segunda etapa, caracterizada pola continuación do proceso de privatización. O Partido Popular madrileño desenvolveu un plan no que seis dos sete hospitais de xestión semiprivada creados durante as anteriores lexislaturas pasarían a ser de xestión enteiramente privada, unha operación sumamente sospeitosa, pois as tres empresas que concorreron a xestión dos mesmos chegaron a compartir directivos durante o propio concurso, que deparou os resultados que máis favorecían a cada unha. Unha idea un tanto peculiar sobre a libre competencia, con tan pouca base como os postulados defensores da maior eficiencia do sector privado:

Que los servicios públicos tengan que ser gestionados por funcionarios es un dogma de la izquierda […] que no le queda a usted la menor duda que la empresa privada es mucho más eficaz que la pública[ii]”. Unhas declaracións de Esperanza Aguirre en 2013 que xa non posuían respaldo empírico, pois no ano 2010 a Comunidade de Madrid tivo que efectuar un cambio nas condicións do contrato con seis das empresas encargadas de dirixir os hospitais de fórmula mixta (Rubio, M. 2014).

En definitiva, a posta en práctica de modelos de privatización da cobertura sanitaria -parcial ou completamente- non tardou en amosar o que se agochaba detrás: a mercantilización dun dereito tan básico como o da saúde a través de acordos que respondían ao seu interese particular entre a cúpula política e a empresarial. Un camiño emprendido en Valencia que o Goberno central decidiu continuar a nivel estatal tras a vitoria do Partido Popular nas eleccións de 2011, que levaron a Mariano Rajoy á presidencia do Goberno.

A partires deste momento, tiveron lugar toda unha serie de manobras para liberar de trabas institucionais e legais o camiño da privatización sanitaria. A crise económica que sufría España dende 2008 avalaba o seu discurso: A necesidade de recortar o público para afrontar os pagos xerados pola mesma. En palabras de Manuel Martín García, presidente de SOS Sanidade Pública. “La crisis del 2008 sirvió como coartada para generar una estrategia de cambio en el Sistema Sanitario, que sufrió un recorte del 18%. Por un lado se recortan recursos públicos, pero por otra se potencia la sanidad privada […] Además no estamos hablando de centros privados pequeños, de tradición familiar, sino de las principales multinacionales que prestan asistencia sanitaria en todo el mundo[iii]”.

Neoliberalismo salvaxe fronte ao que a sociedade civil, a través de diferentes sindicatos médicos ou a Asociación de Facultativos Médicos Especialistas, se organizou para frear o desmantelamento do público e esixir responsabilidade aos que se estaban a lucrar coa súa privatización. Xurdiron así das Mareas Brancas, colectivos en defensa da sanidade pública. O modelo privatizador que xa tivera ensaios nas comunidades autónomas, pese á confrontación das mareas brancas coas políticas dos gobernos do Partido Popular en materia de sanidade,  botou raíces.

O Ministerio de Sanidade, presidido por Ana Mato, tras a aprobación do RD Lei 16/2012, traballou nun dobre sentido, igual que viña acontecendo nas Comunidades Autónomas: recortar o público e permitir o engorde da empresa privada. Posibilitou que o acceso á sanidade pasase a depender da cotización á  SS (figura do asegurado), impulsou á exclusión de inmigrantes sen papeis, á imposición de copagos, o recorte da carteira de servizos, a exclusión de medicamentos do financiamento público (gasto público trasladado ao gasto privado familiar), a recortes orzamentarios (o que leva ao peche de camas hospitalarias, redución de persoal, aumento de demoras…) (Vaamonde, P. 2014). 

En consecuencia, a correlación entre o incremento do gasto sanitario dedicado ao sector privado e o seu descenso no ámbito público foi directa: o primeiro representaba o 27,8% do gasto total en saúde de España en 2012, en 2017 supuxo o 29,33%, mentres o gasto público pasou de ser o 72,2% ao 70,67% do total. O maior crecemento rexistrado foi na aportación privada, que pasou de 26.611 millóns de euros en 2012 a 30.779 millóns en 2017 (4,168 millóns máis) (AHOSGAL, 2019).

O triángulo do lucro

O triángulo do lucro foi a estrutura en base á que se organizaron os actores implicados nos procesos que estamos a relatar. Formado pola empresa privada, a administración pública e o executivo, con algúns nomes propios moi coñecidos; cargos políticos como Rodrigo Rato, Luís de Guindos, Cristóbal Montoro, Dolores de Cospedal ou Andrea Fabra…entidades privadas como os bancos, construtoras, e por suposto, multinacionais de servizo sanitario, como por exemplo: 

Doughty Hanson, fondo de inversión británico que creou a maior empresa de saúde privada en España, fusionando as empresas USP, Quiron e Teknon.  

Sanitas, propiedade do grupo British United Provident Association, que mercou os dereitos de xestión que lle foran concedidos a Ribera Salud. 

Unilabs, multinacional Suíza que se fixo cos dereitos da empresa Balagué Center, á que lle foran concedidas a xestión dos análises clínicos de seis hospitais, ós centros de atención primaria dos mesmos e tres laboratorios públicos, privatizados na Comunidade de Madrid. Posteriormente tamén se beneficiou da privatización dos bancos de cordón umbilical, os tratamentos de fertilidade e a proba do talón.

– No caso da externalización de servizos médicos, poderíamos destacar a Grifols, empresa dedicada á produción de fármacos do plasma extraído das doazóns de sangue (medicamentos hemoderivados), que pese a ter as súas raíces en chan español, forma parte de varios grupos de capital estranxeiro, o que lle posibilitou o uso de manobras alegais na súa actividade: A maioría da sangue coa que traballou era importada de USA, onde ao contrario que en España a lei permite pagar polo plasma. 

– Doutra banda, lobbies do servizo sanitario como os bufetes Jones Day e DLA Piper ou o grupos de presión Club Gertech tamén formaron parte dos que se repartiron a tarta.

En suma, lucro no seo do espazo público, conxunción de intereses privados do poder económico e o político a costa do desmantelamento do común, cuxa expresión máis visible probablemente sexan as portas xiratorias. Son múltiples os casos de cargos públicos que tras finalizar a súa traxectoria política acabaron formando parte de empresas privadas que obtiveran algún tipo de beneficio durante a mesma: 

  • Manuel Martín Ferrer, que de supervisar dende a Administración á empresa Ribera Salud, pasou a ocupar o cargo de maior responsabilidade da mesma.
  • Antonio Burgueño, o principal ideólogo do Plan sanitario de Madrid, que foi director xeneral de hospitais de Madrid pero pasou máis de vinte anos como executivo en empresas sanitarias privadas (director asistencial de Adeslas, asesor en Capio…).
  • Manuel Lamela, quen como Conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid concedeu a construción baixo titularidade privada do Hospital do Tajo, cuxa xestión foi ao grupo Essentium, do que Manuel Lamela pasou formar parte como membro do consello de administración. Tamén estivo implicado nunha porta xiratoria que conectou a privatización sanitaria coa educación: a fundación sen ánimo de lucro, Lafer, da que formaba parte, presidiu un mestrado en Comunicación da Saúde patrocinado por empresas como Capio.
  • Juan José Güemes, sucesor de Manuel Lamela na Consellería de Sanidade de Madrid, privatizou os servizos de seis hospitais madrileños, adxudicados á empresa UTE BR Salud (composta por Balagué Center e Ribera Salud). Logo, Unilabs mercaría os dereitos concedidos a UTE BR Salud, obtendo a xestión dos centros sen necesidade de concorrer a concurso público. Juan José Güemes formaba  parte do plantel administrativo de Unilabs dende tres meses antes da concesión.
  • Josep María Padrosa, director da entidade pública CatSalut ao mesmo tempo que exercía labores en seis empresas privadas que desenvolveron importantes negocios coa mesma. Probablemente o caso máis flagrante é o da empresa Fisiogestión: Padrosa exerceu conxuntamente como licitador e adxudicatario entre a administración e dita empresa, da que formaba parte. Unha operación que a Oficina Antifraude de Cataluña acabaría arquivando, limitándose a advertirlle á Generalitat sobre a necesidade dun maior control de cargos públicos procedentes do sector privado (Vaamonde, P. 2014); (Rubio, M. 2014).
  • Regina Revilla, quen foi directora xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios entre 1991 e 1996 no Ministerio de Sanidade e Consumo pasou a encargarse das relacións institucionais da multinacional Merck Sharp & Dohme, e chegou a ser presidenta de Asebio (Asociación Española de Bioempresas).
  • Ana Palacio, ministra de Exteriores no segundo Executivo de José María Aznar (2002-2004), Eduardo Serra, exministro de Defensa (1996-2000), e Carlos Solchaga, exministro de Economía e Facenda (1982-1993), son hoxe conselleiros de Pharma Mar, sociedade formada por empresas químico-farmacéuticas e de biotecnoloxía[iv].
  • Jon Darpón, Conselleiro de Saúde de Euskadi co PNV entre 2012 e 2019, dous meses despois de dimitir por un escándalo referido ás oposicións médicas fichou polo grupo Keralty (Sanitas Internacional), presidida por un multimillonario vinculado ao PNV[v].

A privatización de Núñez Feijóo

Valencia, Madrid e Cataluña son as Comunidades máis destacadas en canto a privatización sanitaria, non obstante, o caso galego non está exento. Xa en 1993 a Xunta puxo en marcha un modelo de xestión privada tras a construción do Hospital de Verín, que finalmente acabaría tendo que rescatar tras a súa quebra. Esta medida tomouse cando Núñez Feijóo xa formaba parte do goberno do PPdG, como máximo responsable do Servizo Galego de Saúde[vi].

Precisamente, sería Núñez Feijóo o nome propio más destacado da historia da privatización sanitaria galega. Tras a vitoria electoral do seu partido en 2009, reformouse a Lei de Saúde, abrindo o camiño cara a entrada do capital privado e o recorte dos orzamentos públicos cara esta materia.

De entre todos os sectores sanitarios que viron minguada a súa capacidade, o principal ataque dirixiuse cara a atención primaria (AP), que sufriu un recorte medio do 22% cada ano dende a entrada de Núñez Feijóo no goberno. A nula convocatoria de oposicións para persoal sanitario foi tamén unha manobra para minar os recursos da sanidade pública, someténdoos á precariedade, pois en ocasións os empregados sanitarios chegan a exercer mediante contratos por horas ou renovados cada día. Segundo datos do Consello de Contas, en 2012 o cadro de persoal do Sergas pasou de contar con 33.880 traballadores a 34.039 no 2017 á vez que a porcentaxe de funcionarios se reducía nun 29% (AHOSGAL, 2019, p. 89).

A maiores, o servizo de contratación do SERGAS pasou a ser labor da empresa privada Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, propiedade de Microsoft, Telefónica e Indra. 60 consultas ao día ou listas de agarda de 10 días son algúns dos datos que poñen de manifesto as consecuencias das políticas do PP galego en relación á atención primaria[vii].

Con todo, o caso de privatización por excelencia durante a era Feijóo foi o do Álvaro Cunqueiro: 

El Álvaro Cunqueiro fue el desembarco de la sanidad privada en la sanidad pública gallega. Se adjudicó a una concesionaria en la que estaban bancos, constructoras y entidades de prestación de servicios sanitarios. De 250 millones de euros el Hospital pasó a suponer un gasto de 1.800 millones..

Así relataba Manuel Martín García as implicacións da privatización do Álvaro Cunqueiro (modelo PFI), comezado en 2015 baixo a tutela de Núñez Feijóo como Presidente da Xunta e Rocío Mosquera como Conselleira de Sanidade. Un proxecto que xerou un efecto dominó co peche doutros centros hospitalarios da área viguesa (Hospital Xeral, Cíes e Rebullón, así como os de especialidade de Coles e Doblada).  Mantívose, iso si, o hospital policlínico POVISA (privado concertado), pese a que xa por aqueles intres duplicaba a media das listas de espera de Galicia, e que acabaría en mans de Ribera Salud, cuxo Conselleiro delegado era Alberto de Rosa Torner, ex-candidato do PP nun municipio de Valencia e implicado nun escándalo de corrupción por cobrar comisións na implantación de próteses e marcapasos. 

Todo a cambio dun pago de 72 millóns de euros por parte da Xunta á empresa adxudicataria ata o ano 2035, o que xa en 2016 supuxo que a metade dos 4,4 puntos nos que se incrementou o gasto na partida de sanidade fosen destinados a dito pago.

Os nomes propios de quen se repartiu o pastel do Álvaro Cunqueiro son, por unha banda: As entidades bancarias Bankia, BBVA, Sabadell, Ibercaja, Caixabank e Kutxabank (dereitos mercados logo polo fondo de inversión luxemburgués River Rock); as construtoras Acciona, Grupo Puentes e Obras, Caminos, Asfaltos, e as entidades Concessia Cartera e Veolia Servicios Norte.

Por outro lado, os cargos públicos encargados de licitar a privatización do servizo sanitario do centro vigués: Sen ir máis lonxe, Amanda Bustamante Mosquera, filla da Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, ocupaba un cargo na consultora estadounidense Price Waterhouse Coopers (que viu como máis da metade dos seus altos cargos foron xulgados por presunto fraude fiscal, entre os que finalmente serían condenados 4[viii]), encargada de elaborar o informe sobre a privatización do Álvaro Cunqueiro[ix]. A propia exconselleira Rocío Mosquera acabaría por ostentar un posto en Galaria, empresa encargada de subministrar a maquinaria sanitaria aos hospitais galegos.

Ante estes feitos, os primeiros en alzar a voz foron os profesionais médicos, que dende o comezo advertiron dos defectos de construción do Hospital: desprendemento de augas fecais, presenza de roedores, falta de material que obrigou a aprazar a operación dun home con cancro ao pouco de inaugurarse o Hospital, aparición dun fungo que causou a morte dunha muller e obrigou ao peche de varias salas quirúrxicas… 

A medida que transcorreu o tempo comezaron a acumularse as deficiencias do novo modelo de xestión do centro: tanto a hospitalización, como a menciña especializada e a atención primaria sufrían un gran deterioro, pois con cada vez menos medios materiais e humanos eran incapaces de dar resposta ás necesidades sanitarias[x]. Baixo estas circunstancias, a Plataforma a Defensa da Sanidade Pública e SOS-Sanidade Pública denunciaban, cos datos na man, as consecuencias do novo modelo: Servizo de urxencias colapsado, listas de agarda un 30% por riba da media galega, parking privatizado (tamén para máis do 75% do persoal sanitario do centro), insuficiencia de camas (845 camas fronte ás 1.465 prometidas pola Consellería de Sanidade), redución do número de quirófanos, defectos de obra nas zonas de nova construción…[xi]

O caso vigués é quizais o máis mediático, mais o deterioro da sanidade pública e a privatización dos seus servizos transcendeu á cidade olívica.

“También se han privatizado recursos estratégicos de hospitales, como la central de llamadas, las lavanderías o el historial clínico; se inventó la figura del socio tecnológico: es decir, las empresas que fabrican las máquinas sanitarias son también las que las compran. El laboratorio general de Galicia se ha privatizado y ahora lo gestiona Unilabs. La estrategia se ha completado con el cierre de hospitales comarcales, desviando sus pacientes a los centros privatizados”

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense viviu unha intensa polémica logo de que diversas habitacións dedicadas á oncoloxía e ós paliativos fosen convertidas en salas de urxencia improvisadas, unha medida que a propia Consellería de Sanidade admitiu, alegando que viña producida pola epidemia da gripe. SOS-Sanidade Pública replicou as declaracións dos populares, tachándoas de propaganda, pois a saturación dos hospitais públicos galegos responde a un recorte orzamentario do 18%, e a redución de 477 camas[xii].

Esta mesma plataforma volveu arremeter contra a labor da Xunta logo de que Eloína Núñez, prima do presidente da Xunta, fose nomeada xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. A protesta de SOS-Sanidade Pública non viña dada só polo posible caso de nepotismo, senón tamén porque Eloína Núñez era encargada do CHUO cando comezou o déficit de servizos no mesmo, prometendo un incremento de recursos materiais e humanos que nunca chegaría[xiii].

Baixo a súa dirección, o racionamento de camas, a falta de habitacións que obriga á atención nos corredores, o deterioro sen reposición de aparatos médicos, o uso de material de mala calidade ou a ausencia de persoal sanitario son tónica habitual no centro santiagués[xiv]. Evidénciase un deterioro dos servizos públicos de sanidade que continuou a súa escalad. De feito, un exemplo moi recente e que tivo especial relevancia nas reivindicacións do 8 de marzo en Galicia foi a decisión do PP de pechar o paridoiro de Verín. Foron numerosas as mobilizacións en contra do peche do paridoiro do municipio ourensán, decisión que o conselleiro de sanidade xustificaba de maneira pouco afortunada: “un parto no es un infarto”[xv].” As críticas tamén fixeron especial fincapé no abandono do rural. Non é algo exclusivo do PP de Galicia, tamén Cospedal en 2013 xustificaba o peche das urxencias nocturnas en 21 municipios de Castilla La Mancha, Comunidade que por aquel entón presidía, dicindo que a súa poboación era “muy pequeña”[xvi].

Outros casos acontecidos nas últimas datas, son, por exemplo, a morte dun home en Lalín logo de que a ausencia de ambulancias na comarca obrigase ó desprazamento dunha dende Chantada. Para o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a xestión foi adecuada[xvii].

A día de hoxe, non son poucas as críticas que está a recibir o PP de Feijóo por parte tanto da oposición, como da sociedade civil. Sen ir máis lonxe, a última gran mobilización contra os últimos 11 anos de deterioro e desmantelamento da sanidade pública en Galicia foi convocada por SOS-Sanidade Pública e tivo lugar o 9 de febreiro en Santiago de Compostela. Unha mobilización multitudinaria que contou coa participación de cerca de 10.000 persoas[xviii].

No actual escenario, marcado polo Covid19, as críticas da xestión da crise apuntan á política sanitaria do PP de Feijóo dos últimos 11 anos. A  redución de camas hospitalarias (hoxe, 900 menos) ou os recortes no orzamento sanitario para atención primaria (nun 21%) son algúns dos aspectos máis criticados á hora de enfrontar mellor a situación. Ao tempo, o 26,5% da sanidade pertence ao sector privado, recursos que o goberno de Feijóo non está a utilizar tal e como procedería nun contexto de estado de alarma para facer fronte ao actual problema de sanidade pública, pois como recoñeceu a patronal do sector, a Alianza da Sanidade Privada Española, a Xunta mantén paradas máis de 2.000 camas de hospitais privados, o 85%, mentres constrúe hospitais de campaña no Multiusos Fontes do Sar e en ExpoCoruña[xix].

Unha lectura ideolóxica da xestión da crise

Unha vez feito o repaso do proceso de privatización e sinalados os actores implicados, consideramos relevante facer unha relación coa actualidade no que ten que ver coa lectura ideolóxica e o discurso que se está a adoptar, como xeito de localizar as diferentes posturas ideolóxicas no marco tanto da acción gobernamental como da reacción da oposición.

Nos últimos días póñense en contraposición a nivel global as concepcións ideolóxicas da sanidade a través das decisións que van tomando os diferentes países afectados:

Donald Trump precisou a cifra de 160.000 contaxiados para cambiar de prioridade e poñer por diante “salvar a vida”, Bolsonaro, quen insistiu o martes pasado en que a pandemia non era tan importante coma o traballo e se dedica a boicotear a corentena[xx], e Borish Johnson, que decidiu nun primeiro momento non facer nada, declarándose “impotente” ante o coronavirus para “salvar a economía”, son os exemplos máis soados que fronte á crise deron unha resposta na liña neoliba eral; fronte a países como Francia, Italia ou España -con medidas como a moratoria de hipotecas, a prohibición dos despidos ou as axudas a autónomos-, que responden á posición, digamos, universalista, e que poderíamos resumir nas declaracións que a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, deu na rolda de prensa do 29 de marzo: “el interés general por encima del interés particular”. 

Tendo en conta isto, que USA, o caso máis exemplar na aposta privada pola cobertura sanitaria, sexa o país do que proceden boa parte das empresas que se inmisciron na privatización da sanidade pública en España non debe resultar estraño. Nos últimos días estamos a presenciar os resultados máis inhumanos do modelo estadounidense: o prezo do tratamento para o coronavirus en EEUU é de máis de 30.000 dólares á vez que cerca de 28 millóns de persoas non pode permitirse un seguro médico. Pero xa saben, business is business

A Cámara de Representates (Cámara Baixa), fronte á situación, aprobou un histórico paquete de estímulo. É na tramitación das axudas onde vemos como xorden discrepancias entre republicanos e demócratas, algo asociado a outro debate estreitamente vinculado á concepción da sanidade: Que é o prioritario? Neste caso, evidéncianse as diferenzas: os primeiros antepoñen as rebaixas fiscais e as axudas directas á industria, mentres que os segundos prefiren as axudas aos traballadores, aos sectores da poboación máis vulnerables, así como aos servicios sanitarios e as escolas[xxi]

Con todo, as diferenzas non só se evidencian na comparación entre diferentes países, e a discordia en torno á xestión da crise tamén fai da area política española o seu campo de batalla. En relación coa oposición, os esforzos para derrubar e poñer o foco da culpa no Goberno son constantes, só hai que ver a liña discursiva de Vox, que fala de “Goberno criminal”. As redes son o campo de batalla política máis duro (nas formas e nos medios) e pódese ver como afloran o odio e o rexeitamento. Mais é comprensible, en momentos de sensibilidade colectiva, a causalidade que responde ao inmediato -e máis cando se atopa alimentada polas forzas reaccionarias da oposición-, é a opción máis doada á que acollerse: hoxe gobernan estes, e a culpa de que os recursos sexan insuficientes, será de quen toma agora as decisións. 

Pouco importa que esa ausencia de recursos sexa o resultado dunha política sanitaria privatizadora que nos últimos anos derivou no peche de miles de camas hospitalarias e no simultáneo desmantelamento da sanidade pública. Estamos afectadas pola crise e pola alarma, sentimos incerteza e, en moitos casos, estamos a sufrir as consecuencias de maneira directa. E hai quen aproveita para capitalizar ese malestar, convertendo a emoción en arma, a través dun discurso de rexeitamento, co gallo de obter rédito político. E nun contexto así pouco importa que a liña argumental seguida por estes sexa irracional e contraditoria.

Nos últimos días, Vox foi o exemplo máis caricaturesco: criticaron ao Goberno pola celebración da manifestación do 8M mentres eles mesmos (e no mesmo día) organizaban un mitin multitudinario, votaron en contra da derrogación do artigo 52d do Estatuto de Traballadores -ese que permitía que despedisen a  un traballador por estar de baixa médica- á vez que criticaron que o Goberno impedise aos españois acudir aos seus traballos, pediron a supresión das subvencións a partidos políticos e acabaron metidos nunha trama de dubidoso carácter; “asociacións de vítimas do coronavirus”, ás que pretendían facer a doazón, e todo isto mentres xustificaban que non ían doar as súas dietas porque “el alquiler se sigue pagando…” 

Tamén polas numerosas mentiras que estiveron fabricando: acusaron ao Goberno de “ocultar” unhas imaxes que foron reproducidas en telexornais de todo o mundo (ademais de na TVE); tamén de espionaxe, algo que tivo que desmentir o director adxunto operativo da Policía Nacional; e difundiron un vídeo falso polo que xa teñen unha denuncia ante a Fiscalía, ademais de diversas noticias falsas sobre a xestión do Covid-19 por parte do Goberno, creadas por un exército de bots. Estes son soamente algúns dos exemplos máis soados.

Denúncianse as actuacións do goberno, pero nin construtivamente nin moito menos sinalando o concreto. Son discursos sen alternativa, viscerais, que simplemente sinalan que “no se está haciendo todo lo que se podría hacer”. 

Nunha liña non moi distinta sitúase o PP, que pese a ser o principal artífice do desmantelamento do sistema público de saúde, defende agora a necesidade de que o Estado garanta solucións médicas. Pretender facer da defensa do público unha bandeira en función das circunstancias precipita declaracións contraditorias, pero tamén a necesidade de dicir mentiras vestidas de verdade. Recentemente, Cayetana Álvarez de Toledo, falou da admirable xestión da sanidade madrileña, facendo referencia en concreto ao presumible aumento do gasto sanitario dos últimos anos cando en realidade non é certo que o gasto en sanidade aumentase durante os gobernos do PP na Comunidade de Madrid (ver gráfico):

https://lh5.googleusercontent.com/-q7K8kGnk77YtVItROzA4QhqEj5uKGULAM4_7Sv2q99cU7QmB58liGfx9OzGSKCsVubCSadpVSPlgPqziKhvf4iOMdv2ugxIi7OCFsSbUVa0mwC6oGKyYEbZkfQYw29ufuuPmgJv
Elaboración propia a partir dos datos do Ministerio de Sanidade

Aínda así, un maior gasto non asegura unha maior cobertura ou polo menos non en termos poboacionais, e como proba, Estados Unidos, que é o país con maior gasto sanitario do mundo, e que, como vimos, dista de ser garante no acceso. De aí a importancia de coñecer en que se inverte o gasto. 

Nesta mesma entrevista, a portavoz do PP criticaba que se tomasen decisións ideolóxicas por parte do goberno, coma se a operación privatizadora dos últimos anos da man do PP non respondese a un compoñente, basicamente, ideolóxico.

Por se non chegasen as contradicións, fronte á que parece a posición actual do PP (presumindo de gasto), a hemeroteca evidencia como a exaltación do aforro na adopción do modelo privatizador foi o que xustificou a aposta por este mesmo. Para completar a serie de mentiras, a Cámara de Contas desmontouno: “a Sanidade Privada non supón aforro nin mellora das prestacións”[xxii].

Para concluír, estamos a vivir un escenario tan particular que os neoliberais tornan en keynesianos. Prima un consenso xeneralizado sobre o público: garante dunha vida digna, piar dos valores democráticos e constitucionais dunha sociedade que se di igualitaria, e única fórmula para combater modelos coma o neoliberal que ameaza a concepción da vida mesma. 

Esperemos que ninguén remate a corentena xordo de tanto aplaudir, e que non se desoian as demandas dun sector que leva moito tempo xa denunciando a política sanitaria da privatización e precarización do público, do común; e que a España dos balcóns, significada cos valores comunitarios, de coidado mutuo e solidariedade, transcenda ás rúas.


[i] ElDiario.es 30-3-2018. Sobrecostos, puertas giratorias y deterioro de lo público: desmanes de las privatizaciones sanitarias en España.

Ver https://www.eldiario.es/sociedad/Ejemplos-desmanes-privatizacion-sanitaria_0_755574507.html

[ii] El objetivo. [La Sexta]. (2013, novembro, 10). Entrevista  Esperanza Aguirre. [Archivo de vídeo]. Recuperado de  https://www.lasexta.com/programas/el-objetivo/noticias/esperanza-aguirre-%E2%80%9Cla-empresa-privada-mucho-mas-eficaz-que publica%E2%80%9D_20131110572712a84beb28d44602af8d.html

[iii] Attac Galicia. [Attac Galicia]. (2018, setembro, 27). Entrevista a Manuel Martín Garcia. Presidente FADSP. [Archivo de vídeo]. Recuperado de http://fadsp.org/~ab47510/index.php/component/content/article/1772

[iv] El Confidencia. 23-11-2019. Ministros, consejeros… El lobby y las puertas giratorias merman los recursos para Sanidad.

Ver https://www.elconfidencial.com/espana/2019-11-23/sanidad-publica-lobby-puertas-giratorias_2348311/

[v] ElDiario.es. 6-10-2019. El exconsejero de salud que dimitió por el fraude de las oposiciones médicas ficha por una aseguradora privada internacional.

Ver https://www.eldiario.es/norte/euskadi/exconsejero-Salud-oposiciones-aseguradora-internacional_0_949105258.html

[vi] ElDiario.es. 20-1-2015. Así quebró el primer experimento sanitario de Feijóo.

Ver https://www.eldiario.es/galicia/quebro-primer-experimento-sanitario-Feijoo_0_347865546.html

[vii] El Salto Diario. 28-2-2019. Colapso (intencionado) de la Sanidad Pública gallega.

Ver https://www.elsaltodiario.com/sanidad-publica/colapso-intencionado-sanidad-publica-gallega

[viii] El Confidencial. 12-4-2016. Fraude discal: Fiscalía pacta la condena de sólo 4 de los 45 socios de PwC a los que se acusó de delito fiscal.

Ver https://www.elconfidencial.com/espana/2016-04-12/45-exsocios-de-pwc-evitan-condenas-por-delito-fiscal-gracias-a-un-acuerdo-con-fiscalia_1182580/

[ix] PrazaPública.es. 1-9-2015. Negocios privados á conta do público, un clásico do neoliberalismo.

Verhttps://praza.gal/opinion/negocios-privados-a-conta-do-publico-un-clasico-do-neoliberalismo

[x] ElDiario.es. 13-5-2016. El conflicto sanitario de Vigo se le enquista a Feijóo en la calle.

Verhttps://www.eldiario.es/galicia/conflicto-sanitario-Vigo-enquista-Feijoo_0_515498514.html

[xi] ElDiario.es Nuevo hospital de Vigo: menos camas, servicio de parking a 12 euros y resonancias en un camión.

Ver https://www.eldiario.es/galicia/Nuevo-hospital-Vigo-parking-resonancias_0_424157881.html

[xii] GaliciaPress. 15-1-2017. SOS Sanidade Pública ante los colapsos: “no es la gripe, son los recortes”.

Ver https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/563826/sos-sanidade-publica-ante-colapsos-no-gripe-recortes

[xiii] Público. 23-2-2017. Feijóo vuelve a primar a su prima con un ascenso en la sanidad gallega. Ver https://www.publico.es/espana/xunta-galicia-feijoo-vuelve-premiar.html.

[xiv] Público. 12-32018. Pacientes en los pasillos, camillas prestadas y ambulancias paradas en el hospital que dirige la prima de Feijóo.

Ver https://www.publico.es/sociedad/galicia-pacientes-pasillos-camillas-prestadas-ambulancias-paradas-hospital-dirige-prima-feijoo.html.

[xv] 20minutos. 3-12-2019. La Xunta mantiene le cierre del paritoria de Verín: “Un parto dura 3 o 4 horas, hay tiempo para el desplazamiento”.

Ver https://www.20minutos.es/noticia/4075662/0/xunta-mantiene-cierre-paritorio-verin-parto-dura-3-4-horas-tiempo-desplazamiento/

[xvi] 20 minutos. 15-1-2013. Cospedal justifica el cierre de urgencias nocturnas en 21 pubelos. “Estarñan a 15 minutos”.

Ver https://www.20minutos.es/noticia/1701288/0/cospedal/cierre-urgencias/pueblos-afectados/

[xvii] Galicia Confidencial. 4-3-2020. Sanidade di que a atención ao paciente que morreu en Lalín

foi “adecuada”.

Ver http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/118977-sanidade-di-atencion-paciente-morreu-lalin-adecuada

[xviii] Europapress. 20-2-2010. Miles de personas toman las calles de Santiago contra las políticas sanitarias del gobierno de Feijóo.

Ver https://www.europapress.es/galicia/noticia-miles-personas-toman-calles-santiago-contra-politicas-sanitarias-gobierno-feijoo-20200209160330.html

[xix] ElDiario.es. 2-4-2020. La sanidad privada asegura que la Xunta está infrautilizando sus instalaciones mientras ultima hospitales de campaña.

Ver https://www.eldiario.es/galicia/politica/sanidad-Xunta-infrautilizando-instalaciones-hospitales_0_1012449517.html

[xx] Ctxt. 27-3-2020. En plena pandemia, Brasil está en manos d eun psicópata.

Ver https://ctxt.es/es/20191120/Firmas/31523/brasil-jair-bolsonaro-coronavirus-bruno-bimbi.htm

[xxi] El País. 13-3-2020. El Gobierno de Trump propone un envío masivo de cheques a los ciudadanos en las próximas dos semanas.

Ver https://elpais.com/economia/2020-03-17/trump-promueve-un-paquete-de-estimulo-de-850000-millones-de-dolares-para-frenar-el-descalabro-economico-por-la-pandemia.html

[xxii] LaSexta. 6-8-2018. La Cámara de Cuentas desmonta a Aguirre y González: la Sanidad privada no supone ahorro ni mejora en las prestaciones.

Ver https://www.lasexta.com/noticias/economia/un-informe-de-la-camara-de-cuentas-cuestiona-la-decision-de-privatizar-la-sanidad-se-desconocen-el-ahorro-y-la-mejora-de-las-prestaciones_201808065b6854630cf2a1cbed05d7ea.html

BIBLIOGRAFÍA

AHOSGAL. (2019). Diagnóstico de la Sanidad en Galicia. Recuperado de http://ahosgal.es/wp-content/uploads/2019/12/Diagn%C3%B3stico-de-la-Sanidad-en-Galicia-2019.pdf

Rubio, M. (2014). Tu salud, nuestro negocio. FOCA Investigación. Madrid

Sánchez, M. (2014). La privatización de la asistencia sanitaria en España. Recuperado de https://www.fundacionalternativas.org/laboratorio/documentos/documentos-de-trabajo/la-privatizacion-de-la-asistencia-sanitaria-en-espana

Vaamonde, P. (2014). La salud como negocio. Lovaiovento. Santiago de Compostela.

SOBRE AS AUTORAS

Andrea Obenza Pérez. Estudante de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Activista ecofeminista en diferentes colectivos ecoloxistas galegos.

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutotando en Historia Contemporánea.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s