Europa será solidaria ou non será

Están a ser días tensos en Bruxelas. A Unión Europea debe decidir que rumbo tomar ante a crise económica que está a provocar a emerxencia sanitaria do coronavirus. As opcións son dúas: articular os mecanismos necesarios para camiñar cara unha Unión real, intención inicial de quen fundou a institución europea, ou volver a deixar todo na man do individualismo nacional como xa se fixo, erroneamente, en 2008. Neste artigo tratarei de explicar de xeito comprensible cales son os motivos que se atopan detrás deste conflito de intereses que marcará o futuro da Unión Europea.

Por que os países precisan endebedarse?

Os países contan con toda unha serie de gastos que deben ser financiados. O primeiro mecanismo de financiación co que contan son os ingresos públicos, a maioría impostos. Os cidadáns pagamos impostos para que o Estado poida levar a cabo os gastos públicos necesarios para que o país funcione: defensa, sanidade, educación, etc.

O problema aparece cando os ingresos públicos non alcanzan para financiar todos os gastos. Cando isto ocorre os países precisan pedir diñeiro prestado, é dicir, endebedarse. Para isto os países emiten débeda pública nos mercados financeiros, é dicir, piden diñeiro prestado aos axentes financeiros a cambio de devolverllo nun futuro cos correspondentes intereses, que serán maiores canto máis arriscado consideren os mercados financeiros a inversión. Se un país é sospeitoso de non cumprir cos seus compromisos os axentes financeiros demandaranlle intereses moito máis altos para prestarlle diñeiro que a un país que ten a reputación de ser fiable. O indicador que mide o grado de fiabilidade da débeda dun país é a prima de risco. Canto máis alta sexa esta, máis caro lle sairá ao país en cuestión endebedarse porque máis altos serán os intereses que se lle demanden para prestarlle diñeiro.

Que un país se endebede non é malo de por si sempre e cando ese país manteña unha posición de solvencia e poida ir pagando as súas débedas (Estados Unidos, por exemplo, leva anos sendo o país máis endebedado do mundo). Ademais, en momentos de recesión o gasto público é moi necesario para incentivar a economía, polo tanto o endebedamento serve para recuperar a economía e saír da crise.

Que aconteceu na Unión Europea en 2008?

Un alto grao de endebedamento mundial tanto privado e público xerou toda unha serie de burbullas tanto financeiras como inmobiliarias, que estouparon cando gran parte dese endebedamento se transformou en insolvencia. Esta grave situación rapidamente se trasladou a economía real levando ao mundo a unha grave recesión.

España entrou en crise, os gastos públicos disparáronse (as prestacións por desemprego medraron de xeito exponencial) mentres que os ingresos públicos caeron en picado xa que a contía que o Estado recadaba por impostos caeu como consecuencia do peche de miles de empresas e dos millóns de despidos producidos. Isto levou ao noso Estado a unha posición deficitaria, xa que os ingresos estaban moi lonxe de cubrir os gastos. Nunha situación semellante á nosa atopábanse a maioría de países do sur de Europa: Grecia, Italia, Portugal… A necesidade de endebedarnos avanzou sen freo pero as nosas finanzas públicas deterioradas fixeron desconfiar aos mercados financeiros da solvencia da nosa débeda e a nosa prima de risco disparouse, co consecuente encarecemento para endebedarnos. Un circulo virtuoso que empeoraba a nosa situación levándonos cara a bancarrota: canto peor estabamos máis necesitabamos endebedarnos, canto máis necesitabamos endebedarnos máis subía a nosa prima de risco, e canto máis subía a prima de rico máis caro e imposible se nos facía acudir aos mercados para financiarnos.

A situación chegou a ser límite e a Unión Europea ollaba impasiva como os países do sur caíamos cara un precipicio sen fondo. A solidariedade europea baixo a que se fundou supostamente a UE brillou pola súa ausencia. Estendeuse polos países do centro e do norte un sentimento de superioridade racial sobre os do sur, querendo culparnos inxustificadamente da crise. Boa mostra disto foi o termo que se popularizou para referirse a nós entre estes países: PIGS (Portugal, Italy, Greece, Spain), que traducido ao galego é “porcos”.

Non sería ata o 26 de xullo de 2012 cando Mario Draghi, presidente por aquelas do Banco Central Europeo, tranquilizou aos mercados financeiros coa súa famosa frase: “Dacordo co noso mandato, o BCE está disposto a facer todo o que sexa necesario para salvar o euro. E créanme, será suficiente”. Isto fixo que as primas de risco dos países do sur comezasen a estabilizarse e a baixar, pero xa era demasiado tarde. O outro mecanismo que se articulou para tratar de saír da crise foi o Mecanismo de Estabilización máis coñecido polas súas siglas: MEDE. Este serve para rescatar aos países que caen en bancarrota facilitándolle financiamento, pero ollo, non confundamos isto con solidariedade, xa que non o é, o rescate non sae gratis. Os países recatados pasan a quedar baixo o dominio da famosa Troika, que lle impón aos mesmos as política a levar a cabo. Ben coñecidas son para a cidadanía do Estado español as políticas da Troika que se poden resumir nunha palabra: austeridade. As sociedades dos países rescatados tocoulles pasar por anos durísimos de recortes de todos os servizos públicos e de dereitos que ata entón eran considerados fundamentais.

Todos estes anos de sufrimento poderían haberse suavizado moito se a Unión Europea houbese actuado como unha Unión real. Foron moitos os sectores das sociedades europeas que reclamaron solidariedade aos seus líderes. Xa está máis que demostrado que se se houbese articulado un mecanismo de débeda común de toda a UE (os coñecidos como eurobonos) os países do sur non terían pasado polas graves dificultades de financiamento que levaron a un empeoramento gravísimo das crises que xa estaban a soportar

Que está a acontecer na actualidade?

A Unión Europea volve a enfrontarse a unha dura crise (desta vez provocada por unha emerxencia sanitaria) e tócalle decidir de novo como afrontala: optar por un cambio de rumbo e pola solidariedade ou volver a repetir as receitas fracasadas que tanto sufrimento provocaron trala crise de 2008.

O mércores da semana pasada 9 países (España, Francia, Italia, Bélxica, Portugal, Irlanda, Grecia, Eslovenia e Luxemburgo) firmaron unha carta a través da cal se lle reclamaba ao presidente do Consello Europeo, o belga Charles Michel, que fixese forza para que a Unión Europea opte desta vez pola solidariedade e que pedise a organización duns mecanismos de débeda común: os coronabonos. O obxectivo é que non se repita a historia de 2008 e que se socialicen os custos dos tipos de interese da débeda que se vai a xerar a nivel europeo, evitando así que os países teñan que afrontar as súas necesidades de financiamento de xeito individual.

Este mecanismo de débeda común foi rexeitado por Alemaña , Holanda e os seus países seguidores na reunión que os líderes europeos mantiveron o pasado xoves. Tamén foi rexeitada a posibilidade de activación do MEDE sen condicionalidade, é dicir, a posibilidade de utilizar este mecanismo sen rescate e sen quedar baixo a obriga de acometer aínda máis recortes sobre as políticas sociais dos países afecstados. Isto non só foi unha mostra de insolidariedade senón que incluso chegou a haber mostras de menosprezo por parte do Ministro de Finanzas holandés, Wopke Hoekstra, que pediu que se revisasen as contas públicas de España e Italia, nun claro ataque cara estes países como se a crise actual fose culpa deles.

Esta postura foi cualificada literalmente polo primeiro ministro portugués, Antonio Costa, de repugnante. Non lle falta razón, xa que resulta difícil de entender como os países que levaron a España e a Italia a acometer fortes recortes en sanidade poden querer culpabilizalos da situación actual. Precisamente eses recortes son os que están a provocar que os sistemas sanitarios español e italiano se vexan sobrepasados e sen recursos para afrontar esta situación de emerxencia.

pixabay.com

O nivel de indignación que provoca a postura insolidaria e con clara moral de superioridade de Alemaña e Holanda é tal que levou a Pedro Sánchez e ao primeiro ministro italiano Giuseppe Conte a ameazar con levantarse da reunión exemplificando así unha ruptura sen precedentes no seo da UE. Finalmente todo rematou no aprazamento a unha nova reunión dentro de dúas semanas na que se tratará de solucionar as claras discrepancias existentes e o establecemento dunha resposta unánime.

Europa será solidaria ou non será

Os intereses de Alemaña e Holanda de repetir o acontecido en 2008 para manter a súa posición dominante sobre os países do sur son claros pero agora os países sureños, gobernados a maioría deles por partidos de esquerdas e baixo a clara consciencia de que a situación actual non é culpa de ninguén en concreto, non parecen dispostos a volver a pasar polo aro nin a ceder ante os defensores dos grades capitais privados e do sector financeiro europeo. Tanto é así que Pedro Sánchez, acompañado dos líderes do resto de países asinantes da carta do pasado mércores, seguen a loitar pola implantación dos coronabonos ou, como mínimo, dun MEDE sen condicionalidade.

Á Unión Europea tócalle escoller o camiño que quere seguir: o da solidariedade, que conduce cara unha Unión real forte e próspera, ou o do egoísmo, que só levará cara unha Europa fragmentada na que Abascal, Salvini e Le Pen terán moito que dicir. O camiño é longo pero merece a pena. O establecemento dun mecanismo de débeda común tan só é o comezo, un primeiro paso que deberá ser seguido da culminación da unión bancaria, dunha concordancia fiscal en todo o espazo europeo para evitar a evasión de impostos -un estudio do economista Gabriel Zucman mostra que a España e a Italia se lle escapan cara Holanda o 4 e o 3% dos seus impostos a grandes empresas (isto esquecéuselle mencionalo ao Ministro de Finanzas holandés)- e do establecemento dun orzamento común europeo que permita levar a cabo políticas fiscais para lograr o desenvolvemento equilibrado de todo o territorio

SOBRE O AUTOR

David Vázquez Villanueva. Estudante de Economía na Universidade de Santiago de Compostela. Integrante da área de Mocidade de Podemos Galicia.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s