Non deixar morrer a ninguén

Unha dimensión existencial percorre toda a crise desatada coa elevación pandémica do Coronavirus (SARS-Cov-2). As mortes que acompañan a extensión da enfermidade evidencian a nosa finitude, e neste punto, estamos perante unha decisión: morrer ou deixar(se) morrer. A dirección que imprimamos a esta situación de excepcionalidade global determinará as condicións materiais da nosa existencia, e por suposto, a orde política que rexera as nosas vidas. Qué formas de entender e afrontar a vida social marcarán a nosa existencia despois disto?

Aínda epidemia: unha situación crítica para o sistema sanitario

O xoves 12 de marzo escoitaba atentamente a testemuña crítica dun enfermeiro do Hospital General de Madrid. Este comentaba o crecente colapso sanitario vencellado ás medidas de illamento necesarias para tratar a pacientes co Coronavirus, e advertíanos da situación: “agora mesmo, 1388 casos confirmados de Coronavirus en Madrid, e a sanidade pública madrileña no ano 2008 tiña 2100 camas máis que agora. Eu creo que con isto dígoo todo”. A situación crítica manifestaba as carencias do sistema público de saúde (“falta persoal, material e equipos de protección…”), e as primeiras medidas tomadas dende as institucións non semellaban efectivas: “non se está a contratar suficiente persoal non sanitario […] que son exactamente igual de fundamentais. Sen celadores, persoal administrativo, limpeza, un hospital non funciona”. Guillén del Barrio remataba a súa intervención cunha demanda para abordar os inicios da crise: “Unha solución que é evidente e que está diante nosa é deixar de atender pacientes nos ximnasios do Hospital de la Paz, e por ao servizo da sanidade pública a sanidade privada madrileña que ten agora unha capacidade que non se está a utilizar”.

Sen dúbida tratábase dunha visión que nos recolocaba perante o público nunha situación crítica, pero aínda non excepcional1. Joan Benach esribía en CTXT sobre como o Coronavirus, que naquel momento (10 de marzo) aínda representaba unha epidemia, constituía unha gran oportunidade de cara a próxima recesión capitalista.

¿Cal era o cadro previo á declaración do Estado de alarma polo executivo?

A propagación do COVID-19 estaba a piques de ser imparable e representaba unha alarma sanitaria debido a tres factores: 1) a taxa de letalidade nos grupos de idade máis avanzados (15% en maiores de 80) e en persoas con patoloxías previas, así como a súa morbilidade e afectación xeral na saúde; 2) o seu elevado contaxio, que acrecenta o número total de mortes; e 3) o impacto no sistema sanitario, xa que:

“o período de incubación no que as persoas son contaxiosas é de cinco días; o número de casos é exponencial; unha porcentaxe elevada requirirá hospitalización […] pola súa situación clínica, vixilancia ou illamento; os pacientes deberán illarse até que deixen de ser contaxiosos, o que require de afinados sistemas de cribado, un elevado volume de procesamento de mostras nos centros de referencia, e unha gobernanza integrada de decisións clínicas e saúde pública para identificar aos pacientes cribados, postos en corentena e se esta debe facerse no domicilio ou nun centro hospitalario”.

A estes 4 factores, Benach sumáballe a “dobre sobrecarga”, que implica o risco de exposición e a portabilidade vírica do persoal sanitario, as probabilidades significativas de que o Coronavirus sexa unha enfermidade recorrente ano tras ano e a posibilidade de aparición de epidemias de orixe similar e incluso máis graves no futuro. Esta última proxección sobre o posible ten unha explicación:

“a causa do actual brote epidémico -e doutros previos como o SARS-CoV en 2002, a gripe aviar (H5N1) en 2003, a gripe porcina (H1N1) en 2009, o MERS-CoV en 2012, o Ébola en 2013 ou o Zyka (ZIKV) en 2015)– radica, en gran medida, na complexa transmisión a través de animais relacionada co desenvolvemento dunha agricultura e avicultura intensivas e dun crecente mercado e consumo de animais salvaxes e exóticos. A isto sumáselle a capacidade actual de extensión das epidemias debido á falta de hixiene e recursos adecuados invertidos na saúde pública, a densidade urbana, e a globalización turística, entre outros factores”.

Como podemos observar nesta diagnose do asunto, o núcleo da cuestión localízase nas relacións sociais e económicas instauradas pola globalización capitalista, que a súa vez proxéctanse nunha serie de relacións xeopolíticas dentro do sistema-mundo. Os desastres, sexan ecolóxicos, biolóxicos, ou económicos son reproducidos en cadea, retroalimentándose positivamente dende o interior dos países empobrecidos até o centro dos países ricos. A globalización transforma “a relación entre humanos e virus, onde o local é global e o global e local”, sendo sumamente importante a dotación dun sistema público de saúde que sexa capaz de conter tales desafíos.

Como pon de manifesto a situación, este último elemento será decisivo para limitar os efectos do Coronavirus e definirá a capacidade efectiva dos Estados: por unha banda, aqueles cun alto grado de institucionalización aplicaban “medidas drásticas, como China, onde a cidade de Wuhan, con 11 millóns de habitantes, na rexión de Hubei (58 millons), leva dende finais de xaneiro nunha corentena draconiana, o Xapón, que pechou colexios durante semanas, ou Italia e España, que progresivamente ampliaron o territorio de control e contención do Coronavirus”; por outra, países cun mínimo grado de institucionalización e “con determinantes sociais da saúde moi deficientes (pobreza, sobrecollemento urbano, sistemas de auga residuais defectuosos ou inexistentes, neglixencia da industria farmacéutica, sistemas de saúde pública débiles, dietas alimentarias deficientes, etc). É o caso de moitos países africanos, onde o risco de que a epidemia cause danos moi notables ou incluso extremos e elevados”.

Fonte: https://www.elplural.com/politica/colapso-urgencias-del-hospital-la-paz-sanidad-madrid_212852102

Á emerxencia sanitaria acompáñaa unha emerxencia social, o que nos informa da índole sistémica e política do problema: o COVID-19 interconecta un problema social, ecolóxico e económico. Escribía Benach que dende: 1) o aspecto económico “a epidemia contribuíu a frear […] xerando un menor crecemento e un descenso na produción, comercio, consumo, turismo e transporte, ou incluso a caída das bolsas”. Non lle faltaba razón, nin a súa descrición do comportamento dos centros de produción, distribución e consumo nin a súa estimación dunha recesión2; 2) o aspecto ecolóxico reduciuse, o “consumo de combustibles fósiles, a emisión de CO2 e a contaminación do aire”, o que produce un impacto aparentemente paradóxico, xa que os efectos negativos (a curto prazo) descritos conviven con efectos beneficiosos para a “crise climática e ecolóxica, e […] para a saúde” a medio prazo. Que unha crise pandémica xere unha reacción política favorecedora para a saúde pública, pon ao descuberto que o capitalismo réxese por unha lóxica de crecemento exponencial que, isto si, normaliza unha serie de efectos negativos na “hemostase do planeta e o desenvolvemento social”; e 3) o social trátase dunha “pandemia de pánico” que non é “altamente letal” pero si nova e de orixe incerto, de impredicible evolución, para a cal non existe “un tratamento nin vacina efectivos”, e que se estende con enorme rapidez nos países ricos e entre tódalas clases sociais. Isto, xunto co efecto de alarma promovido dende os medios e redes sociais, xera un ambiente de incerteza e medo na poboación. Ademais, como posteriormente veremos na descrición dalgúns dos sucesos semanais, “a epidemia é unha oportunidade para degradar e illar a China, ao tempo que localmente xéranse respostas racistas e xenófobas”.

A crise do coronavirus pasaría a suxerir de forma inmediata outras dúas epidemias: a “epidemia do autoritarismo” vencellada á aplicación de medidas restritivas (vixilancia e control) baixo un contexto excepcional onde se dilúe a transparencia; e a “epidemia mediática”, que invisibiliza toda unha amalgama de temas relevantes3 (por exemplo os escándalos dentro da Casa Real). Comenta o autor como isto pode derivar nunha explosión financeira, na cal o gran capital recolla os “beneficios dos últimos anos e evitarían perdidas, invertendo nos máis seguros aínda que menos rendibles títulos de débeda pública, e esixindo aos gobernos que unha vez máis boten man dos recursos públicos para paliar as perdidas económicas”.

Este texto constitúe un curto pero conciso cadro da situación, que lembremos, era previa á declaración do estado de alarma no Reino de España e aínda non fora denominada “pandemia” pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

¿Cales son as repercusións que terá esta crise na sociedade civil? Qué elementos evidencia?

Nas últimas dúas semanas é notorio o desemprego e a situación de desamparo (situacións masivas de ERTE) en moitas familias traballadoras: dende traballadores despedidos na súa empresa até a autónomos paralizados, pasando pola suspensión do xa denotado traballo do precariado. A pandemia non atende a razóns de clase, raza ou xénero, pero a crise social que desata si: estamos perante unha crise de época sen precedentes na historia democrática, na que a cidadanía se atopa no medio dunha paréntese de protección e cohesión social.

No referido ao mundo do traballo, este momento excepcional pon de manifesto que as relacións sociais de produción no capitalismo son o máis parecido a un mundo invertido e patas arriba, onde, como diría Marx, as cousas personifícanse e as persoas cosifícanse. En Galicia, a cadea de dependencia e subordinación, isto é, as relacións de dominación no mundo laboral, visualízanse de forma moi cristalina na situación dos repartidores que soen traballar para algunhas multinacionais4 da comida ou no conflito que se instalou na planta de Citröen en Vigo5.

A estupidez non entende de patrias

Fonte: https://www.eldiario.es/rastreador/Embajada-China-Ortega-Smith-expresion_6_1005859414.html

Se algo quedou claro durante os últimos días é que a estupidez non entende de patrias. A torpeza e falta de entendemento para comprender a expansión vírica foi notoria no arco da representación política: dende os nacionalismos de estado, con Ortega Smith como líder espiritual do neofascismo (“Mis anticuerpos españoles luchan contra los malditos virus chinos“); até os nacionalismos contra o estado, con diferentes matices segundo a posición sobre o social das plataformas políticas. Dende o “de Madrid al cielo” de Clara Ponsatí até as declaracións de Torra e Urkullu nas que se referiron á declaración do estado de alarma como un “155 encubierto”, pasando polos comunicados partidistas das CUP, EH-Bildu ou do representante parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego.

Estúpido ven do latín “stupidus”, e este a súa vez ven do verbo stupere, que significa “quedar paralizado”/”quedar atónito”. Este verbo provén da raíz indoeuropea (s)teu (pegar, empurrar). Se a estupidez é a calidade de ser estúpido (o stupidus, que “queda inmóbil ou paralizado”), entón este adxectivo non é o suficientemente preciso coas declaracións destes representantes políticos. Máis que un “pobre atordado”, Ortega Smith é un estulto, un necio que relacionado co nescire (“non saber”/”ignorar”) non é máis que un ignorante. Pero cuxa ignorancia non se corresponde con aquel que descoñece ou que non pode moverse, senón coa insistencia nos propios erros e a obstinación equivocada de quen amosa pouca intelixencia.

Trátase da miseria e pobreza intelectual dos privilexiados: aqueles que debido á acumulación de posesións poden moverse, e pese a iso, deciden non facelo. A cousa non obedece a criterios de exclusión/inclusión, isto é, á delimitación dun afora alleo e externo ao seu dominio interior, polo que tampouco se move segundo unha conciencia identitaria. O Coronavirus aniña potencialmente os corpos, e precisamente por iso non atende á territorialidade. Iso si, as nosas fronteiras, en tanto que son fronteiras materiais que delimitan o territorio e implican unha organización dos recursos e unha distribución poboacional, son un recurso máis ou menos loable dependendo da súa capacidade efectiva para confrontar a exponencialidade.

Un sistema público con atención sanitaria gratuíta e capacidade de atención especial aos grupos de risco reduce o movemento do virus de forma máis efectiva que un sistema fragmentado. Nestes últimos, o desmantelamento institucional, a distribución desigual dos recursos e a desorganización do persoal actúan como fronteiras interiores que resultan moi custosas en situacións virais: dirixir e coordinar os recursos necesarios nunha situación excepcional require de menos esforzo nun sistema unitario.

Ao igual que o Coronavirus, a estupidez non entende de patrias. En cambio, a mirada cara o público si que comporta un patriotismo; democrático se a mirada é inclusiva (acceso ao público garantido) e reaccionario se a mirada é exclusiva (o único garantido é a exclusión do público). A importancia da patria reside na capacidade de responder a estes desafíos, non sobre a base esencialista da superioridade nacional, senón sobre a capacidade de comprender os superávits dos Estados restantes. Polo tanto, o patriotismo que importa é aquel que entende cómo atender esta situación de forma efectiva e inclusiva. O eloxio da fronteira defínese no equilibrio entre garantir unhas condicións materiais dignas para a cidadanía e limitar o máximo posible os efectos negativos da pandemia.

Ensaio sobre a cegueira na España dos Balcóns

A vicepresidenta económica do goberno, Nadia Calviño, baixo a etiqueta da “responsabilidade de Estado”, parece sumarse ás regras da austeridade nunha situación excepcional. O credo neoliberal que domina a política económica da UE e que ten no clube da austeridade (Países Baixos e Alemaña, co amparo do BCE) aos principais dirixentes promotores, segue a xustificar as súas posicións na oposición entre o xusto e o eficiente: a asignación xusta dos recursos públicos provoca unha serie de políticas ineficientes; mentres que unha asignación restritiva dos mesmos provoca unha política eficiente. A posición compracente coa ortodoxia económica de Calviño resúmese no disciplinamento fiscal e os obxectivos de déficit público na Unión, no abordaxe da crise social segundo as recomendación do Banco Europeo de Inversións (BEI)6 e a cláusula de flexibilidade do Pacto de Estabilidade e Crecemento promovida pola Comisión Europea.

A posición de Calviño non comprende que a limitación ao máximo dos efectos negativos da pandemia poida relacionarse directa e positivamente con garantir unhas condicións materiais dignas para todos os cidadáns. Trátase da hiperbólica cegueira das elites, aquela que inspirou o ensaio de Saramago: “Creo que non nos quedamos cegos, creo que estamos cegos, cegos que ven, cegos que, vendo, non ven”. O progresismo neoliberal que diría Nancy Fraser representa un patriotismo radicalmente distinto en termos de identificación nacional, pero é moi semellante as posicións do bloque reaccionario (PP-Vox-C´s) no referido á compracencia coa exclusión social.

Por outra banda, outra das manifestacións significativas nas redes sociais foron a amalgama de alabanzas ao sistema público de sanidade, mesmo por parte das dereitas que defenderon nos últimos anos o desmantelamento do mesmo para transferir rendas a sectores sociais privilexiados. En menos de 15 días, a contrarreforma neoliberal sobre os piares do Welfare State eo There is no alternative! repetido até a saciedade nos mass media, diluíronse na visión do Estado como unha ferramenta de xestión pública. De repente, a dirección dos estados nacionais cara un sentido privatizador dos bens e servizos públicos pendulou cara o lado contrario. Sí se podía, por xusto e por eficiente. As fendas abertas no sentido común dominante son notorias: dende María Claver até Toni Roldán, pasando por Rosa Díez. Acordámonos de Santa Bárbara cando trona.

Tampouco deixa de ser anecdótico o papel dos grandes medios de comunicación na mediatización democrática. A información sobre o inmediato, as continxencias e o cotiá desvirtúan unha perspectiva sobre o problema: o resto de fenómenos, mesmo a concreción das causas e dos avances médicos sobre o Coronavirus, son solapados pola inmediatez. Nun sentido político, a crise social desatada non evita descansar a difamación e a persecución contra Unidas Podemos. Exemplo disto foron as adxectivacións empregadas para referirse ás posicións de Iglesias e Yolanda Díaz no Consello de Ministros o 14 de marzo7.

Aínda que non toda a actualidade nestes días supuxo unha mirada negativa. Ao grito de “vivan os médicos” e “viva a sanidade pública”, ademais da sucesións de sinais luminosas e aplausos en cada unha das xanelas, a outra España dos balcóns manifestou o seu agradecemento aos traballadores sanitarios e deixaron unha mensaxe moi clara: o colectivo non pode abolirse. A regularidade que está a adoptar esta nova forma de acción colectiva xerará toda unha serie de recursos e mensaxes que aínda non podemos recoller; por exemplo, cada día que pasa boa parte da cidadanía integra a máis sectores sociais (traballadores non sanitarios) nos agradecementos, modulando a mensaxe inicial. O que queda claro, e que incluso coas medidas de confinamento, o sentimento de comunidade (We the People) pode emerxer con toda vitalidade nesta nación de nacións8. A ver en qué desemboca esta crise, pero dende logo que este rexistro aseméllase con toda claridade a un patriotismo democrático e está moi lonxe da “España de los Balcones” que invocaba Casado. Dicíao Machado: “En España lo mejor es el pueblo. En los trances duros, los señoritos invocan la patria y la venden; el pueblo no la nombra siquiera, pero la compra con su sangre y la salva”.

#PlanDeChoqueSocial

Os días nos que se sucedeu un aumento significativo dos contaxios e se constatou a condición epidémica, emerxeu a necesidade de pensar de forma exponencial a contención do mesmo. Respecto disto, explica Steve Keen que:

“Trátase dunha vella analoxía[…], máis ben de dúas. A primeira é a seguinte: imaxínese un lirio que crece nun estanque e que cada día faise o dobre de grande. Pois ben, se segue así, chegará o día no que ocupe un 100% da superficie do auga e remate con toda a vida que hai nela. É dicir, que en canto ocupe o 50%, saberemos que só quedará un día para que ocupe todo; en cambio, se o crecemento se atrasa, logo, nos últimos catro días, o seu tamaño multiplicaráse por dezaseis e quedaremos todos de pedra.

E a segunda é esta: Houbo un rei que tiña na súa corte a un matemático que lle axudou a gañar unha batalla. Pois ben, cando o monarca lle preguntou qué quería coma recompensa, o matemático respostou: “un grao de arroz na primeira casilla dun taboleiro de axedrez, dúas na segunda, catro na terceira, etc”. E claro, cando o rei chegou á decimoquinta crendo que tivera moita sorte de que o matemático non lle pedirá nada de valor, deuse conta de que con ese arroz quitaríalle todo o reino, así que orneou que o mataran. Pois ben, iso mesmo acontece co Coronavirus, que se duplica cada cinco ou sete días, é dicir, que cada semana hai o dobre de casos”.

A exponencialidade do virus fixo necesario medidas de contención con capacidade de frear a súa expansión. Debido á redución potencial que implica, a recomendación de evitar o contacto entre os corpos postulouse coma unha das primeiras medidas efectivas: esta aumenta o tempo necesario para duplicar os casos de contaxio dunha semana a dúas. Simultaneamente, os cálculos do tempo necesario para xerar unha vacina antes do contaxio do total da poboación facía necesario que o “tempo necesario para duplicar os casos” pasase de unha semana a un mes. Como podemos observar, a situación contía toda a gravidade, pero aínda se estaba a desenvolver unha concienciación cívica sobre o asunto.

Dadas as necesarias medidas de illamento, boa parte da cidadanía comeza a pensar sobre a necesidade de ter uns ingresos mínimos independentemente da situación do traballo. En países como China, onde se enfrontou de forma efectiva a crise (o 19 foi o primeiro día sen rexistros dalgún caso local coa enfermidade no país), o Estado garantiu unha renda a todos os cidadáns para mantelos nos seus fogares.

Era o día 14, e o goberno declaraba o Estado de Alarma. Pero, cales son as condicións materias mínimas esixidas pola sociedade civil para aguantar esta crise? ¿Que medidas efectuar para combater os efectos sociais, políticos e económicos? ¿Como abordar integramente tanto o confinamento como a protección social? ¿Podemos abordar esta crise sen cuestionar os obxectivos de déficit?

As demandas facíanse eco: dende anular as cotas de autónomo e de PEMES, eliminar o pago de hipotecas e alugueiros durante o confinamento, garantir o fondo de desemprego independentemente de se teñen dereito, impulsar medidas de freo da violencia machista nos fogares, a protección fronte ataques especulativos ou impulsar unha renda básica universal ate que se anulen os efectos da recesión. Na sociedade civil non só emerxía unha concienciación sobre a gravidade do asunto, senón que se sucedía unha amalgama de propostas que mantiñan un consenso superposto: a solidariedade social dos que máis recursos acumulan cos que non teñen nada. Noutras palabras, a demanda das políticas redistributivas que fallaron durante a última Gran Recesión.

Estas demandas redistributivas formaban o seu equivalente no #PlanDeChoqueSocial esixido por algunhas das principais plataformas da sociedade civil (PAH, Ecoloxistas en Acción, Sindicato de Inquilinos, etc.). Quedaba claro que perante o desenvolvemento simultáneo dunha emerxencia social e sanitaria, moita xente non pode aguantar quince días ou un mes sen ir a traballar ou ter ingresos, e que polo tanto sería necesario tomar. Os movementos sociais demandaban que as clases populares non sexan meros “danos colaterais”, que non paguen os pratos rotos por este mundo das cousas e que só podemos falar dunha patria xusta se ninguén se queda atrás.

Fonte: https://afectadosporlahipoteca.com/2020/03/23/comunicado-plan-de-choque-social/

O péndulo gobernamental

O día 17, o executivo español aprobou un plan de choque que non deixou indiferente a ninguén. De primeiras, a dirección de boa parte das medidas semella ir polo bo camiño, pero son moitas as cuestións que non se abordan no mesmo. Por exemplo, non formula unha folla de ruta sobre a necesaria contratación masiva de persoal sanitario, nin contempla axudas para quen accede á vivenda mediante alugueiros, como tampouco explicita impostos de urxencia sobre as grandes rendas ou como se vai a atender a cuestión dos coidados nos fogares.

Dende a Vicepresidencia de Dereitos Sociais e Axenda 2030 anunciouse o plan como un #EscudoSocialCoronavirus que protexerá aos sectores sociais máis vulnerables durante a crise, afirmando que con este ninguén quedará atrás como sucedeu como ocorreu na crise de 2008. As medidas que destacaron foron: 1) unha moratoria no pago de hipotecas ás persoas cuxos ingresos se reduzan ou que queden desempregadas; 2) a imposibilidade de suspender durante un mes os sumidoiros de enerxía, gas natural e auga aos colectivos máis vulnerables; 3) a axilización do proceso de autorización de ERTES co fin de evitar o desemprego e os peches de empresa; 4) o apoio ao teletraballo; 5) a reorganización e redución da xornada laboral para facilitar a conciliación; 6) a implantación de beneficios específicos en materia de prestación por desemprego para traballadores fixos descontinuos, a tempo parcial e cooperativistas; 7) unha prestación extraordinaria polo cese da actividade, tanto para os autónomos que suspendan seus servizos como para aqueles cuxo saldo decreza nun 75%; 8) A flexibilización da regra de gasto nos Concellos para posibilitar o uso do seu superávit en servizos sociais; 9) 300 millóns de euros para reforzar os servizos sociais e ampliar a cobertura a aqueles que están en situación de exclusión ou persoas dependentes; 10) o impago de cotas para a Seguridade Social dende as empresas; 11) a implantación de crédito extraordinarios para o que o Ministerio de Ciencia e Innovación impulse a investigación sobre o Coronavirus; 12) a prórroga automática das prestacións por desemprego; e 13) a interrupción dos prazos de devolución durante o Estado de Alarma dos produtos mercados.

O anuncio gobernamental deste escudo social fronte a crise instalada co Coronavirus fíxase como obxectivo evitar unha maior precariedade dá xente: 600 millóns de € financiaran recursos con especial atención no ámbito sanitario e nos sectores máis vulnerables, ademais pretende garantir servizos públicos esenciais como a luz ou o auga. Pero sen dúbida, ademais da linguaxe interclasista (a interpelación a tódolos sectores sociais), unha das cousas que máis destaca do plan é a súa incisiva atención en garantir o “fluxo de pagos e créditos” nas empresas.

Nas análises sosegadas que saíron estes días sobre a proposta, anunciada como “o plan de intervención pública máis ambicioso na historia da democracia” cunha “inversión de 200.000 millóns de euros”, xa se indica a influencia do equipo de tecos que rodea a de Nadia Calviño (imaxe 1).

A tecnoestrutura instalada por Calviño tivo unha influencia notoria no resultado final, a pesares de ter posicións encontradas non xa respecto das evidentes diferencias con Unidas Podemos, senón con os restantes membros do gabinete ministerial, caso de Escrivá, que foi favorable a unha política fiscal expansiva, tal como sinalou Fernando Garea nas súas crónicas. Por outra banda, os ministros de UP xogan nunha tensión evidente: entre a necesidade dunha autonomía como grupo parlamentaria, que agora limitada debido á necesaria unidade de acción e corresponsabilidade gobernamental dificulta representar as demandas dos sectores en risco de exclusión social; e a necesidade de agregar e impulsar políticas redistributivas dende un goberno liderado polo PSOE no cal é o socio minoritario.

Esta tensión resúmese da seguinte forma: neste escenario, formando parte do goberno, teño máis capacidade de impulsar políticas redistibutivas que inclúan aos sectores subalternos na folla de ruta gobernamental; ao mesmo tempo, o feito de formar parte da coalición implica que renuncie as miñas posicións de parte, as cales constitúen unha parte fundamental na definición da diferencia respecto da axenda do PSOE. De momento, o equilibrio pendula cara o lado da responsabilidade e a cadea de mando no executivo, como por exemplo foi evidente nas declaracións posteriores ao Concello de Ministros do 14 de marzo por parte de Pablo Iglesias9.

Imaxen 1. Fonte: https://www.lamarea.com/2020/03/16/grafico-los-tecos-de-nadia-calvino/

Transición xeopolítica: Que pasará coa UE?

As crises mundiais son escenarios cunha enorme mobilidade, onde os actores que o conforman poden imprimir novas direccións ás aliñacións da orde establecida. É inminente a contenda xeopolítica nestes momentos.

O 13 de marzo chegábanos a noticia de que a República Popular de China enviaba avións cargados con toneladas de material médico e con equipos de profesionais a bordo para combater á crise en Italia e España. A posición comprometida coa axuda humanitaria do Estado chino, simultánea as fuxidas cara diante dos Estados Unidos de América e de Reino Unido, conforma unha fotografía herética para o taboleiro xeopolítico conformado dende o final da Guerra Fría. A este acercamento chino aos países aliñados no atlantismo súmase o papel da Federación de Rusia nos avances médicos, o cal deixa claro os realiñamentos deste mundo multipolar nunha dirección: a perdida de influencia xeopolítica da visión atlantista e do eixo EUA-Commonwealth, e a emerxencia dos BRICS co liderazgo de Rusia e China na conformación das novas relacións internacionais.

Á expectativa de qué dirección toman as deliberacións dos distintos organismos da UE, veremos se a acción desta amosa un salto cara adiante dende a súa condición de anano político. Nos EUA, Donald Trump aprobou o gasto de 700.000 millóns de dólares na compra de activos e baixou os tipos de interese (de referencia) a cero. Segundo Torres, a baixada dos tipos de referencia, que afectará á mediación entre a Reserva Federal e a Banca de Inversión, non asegura que esta outorgue maior liquidez á actividade produtiva. Máis ben, esta última usará tales medidas para mellorar o seu saldo. No medio dunha crise social e sanitaria como a actual, baixar os tipos de referencia para dar liquidez ao tecido produtivo é como tratar de empurrar cunha corda: “Pór a cero os tipos de referencia no medio dunha emerxencia sanitaria e cando non se ten seguridade de que os bancos trasladen a maior liquidez á economía produtiva, senón a mellorar o seu balance, é como tratar de empurrar cunha corda ou tratar de saír un mesmo dun buraco tirándose dos pelos. É imposible”. Por outra banda, a medida dos 700.000 millóns de dólares diríxese a salvar aos superricos desta crise. Dicía Harvey que a forma de saír dunha crise é determinante na formulación do novo ciclo de acumulación capitalista. Lembremos o post-2008:

“Nos últimos anos, as grandes empresas obtiveron beneficios extraordinarios que dedicaron en boa parte a comprar as súas propias accións ou activos financeiros de todo tipo, e os bancos centrais foron comprando títulos sen parar. Os algoritmos que dominan case o 70% das operacións de compra e venta e que están programados só para acadar ganancias especulativas fixeron o resto. E a consecuencia de todo iso foi que as cotizacións se dispararan. Cando as cousas comezan a mudar e as burbullas se desinflaban, o pánico fixo das súas e os inversores reclamaron que a Reserva Federal interveña para evitar o derrube”.

Polo tanto, a saída desta situación implicará riscos e ameazas latentes para a seguinte crise: a bolsa recupérase e teremos unha tendencia á alza, pero se se dan novos signos de inestabilidade, os efectos sobre os desposuídos serán devastadores. A principal potencia político-militar do mundo, coa administración Trump, toma medidas de contención para as rendas do capital e non aborda axudas públicas directas para as familias traballadoras e o tecido empresarial. Como facilitará os fluxos do capital a banca privada? Que efectos terá na economía mundial na seguinte Gran Recesión?

Veremos se se trata dunha nova era no sistema-mundo coñecido até o momento, e sobre todo, que papel adoptará a Unión Europea en todo isto. De momento, no día 20 de marzo a Comisión Europea realizou unhas declaracións históricas, como se dun día para outro se concienciase de que para protexerse do impacto social e económico desta crise necesítase organizar tódolos recursos publicamente: os obxectivos reitores da política económica europea (débeda e déficit público) son anulados mediante a cláusula de escape do Pacto de Estabilidade e Crecemento.

O papel da Unión Europea, así coma os posibles realiñamentos xeopolíticos, comparten unha incógnita xeral: qué sucederá coa tensión entre soberanía e globalización?

Coa crise en proceso de agravarse, dende partidos abertamente reaccionarios (Vox) até determinadas posicións no seo da esquerda política10 (nunha sorte de “soberanismo”) teñen contemplado a importancia das “fronteiras”, da “unidade nacional” e da “importancia de pertencer a unha comunidade”. Podemos observar como unha serie de significantes son captados por estas forzas, configurando formulacións de distinto signo sobre a “patria”, o “estado” ou a “nación”. A “volta ao estado nacional” é unha das formulacións compartidas por estas posicións. Cales son os presupostos destas posicións?

Semella que a dicotomía entre globallización-globalismo e soberanismo formúlase en termos incorrectos: 1) a globalización (na súa forma neoliberal) non supón a negación dos Estados. Ao igual que o neoliberalismo non implica unha perda do rol activo dos estados, senón a dirección contrarreformista do mesmo nun sentido de privatización e outorgamento de poder ás elites financeiras globais; 2) a globalización non é a disolución das fronteiras políticas nacionais, senón unha forma peculiar de integración das mesmas nunha loita asimétrica dentro do sistema mundial. Non existe algo así como unha sustancia nacional que faga da recuperación de decisión política dentro das fronteiras estatais un modelo necesariamente superior. Mesmo nesa situación, a soberanía nacional tería que comprometerse en distintos graos con respecto a terceiros (Estados, alianzas e institucións).

Até o de agora evidenciouse qué intervencións estatais foron superiores. As formas de gobernanza máis efectivas, nas súas respectivas condicións sociais e económicas, foron aquelas cunha orientación estatal forte e afastada das receitas recomendadas pola ortodoxia neoliberal: a mencionada República Popular de China, primeira potencia económica do mundo, amosou un enorme poder financeiro na xestión da crise; Corea do Sur, tamén abordou de forma efectiva a crise, amosando unha autonomía perante as medidas recomendadas polas principais institucións financeiras internacionais (FMI, BM e OMC); en Dinamarca, un deses países da UE que están fora da eurozona, tense amosado efectividade na contención do virus ao mesmo tempo que unha cobertura social digna. Aquí, o Estado e o tecido empresarial chegaron a un acordo para pagar a totalidade dos salarios dos traballadores (que teñen un 80% de afiliación sindical) e manter os seus postos de traballo durante o tempo de corentena. A cambio, os traballadores ceden cinco días das súas vacacións; Xapón, atendeu a propostas de gobernanza segundo as liñas mestras da Teoría Monetaria Moderna.

O mundo occidental está nun impasse político, económico e moral. Podemos apreciar como os seus artefactos políticos e a súa configuración transnacional teñen maior proclividade a entrar nunha Gran Recesión.

Aínda que se están a suceder distintos movementos que poden realiñar estas fisuras, como a histórica medida anunciada pola Comisión Europea ou a demanda de múltiples economistas alemáns ortodoxos de emitir eurobonos, en países como España costa dar a batalla para implantar un novo sentido común ao respecto. A tozudez dos gurús económicos que aparecen nos principais medios maniféstase a diario, e iso que o colapso sanitario amosa as consecuencias da aplicación de políticas de austeridade no pasado: en comunidades autónomas como a de Madrid só temos 3 camas en UCI por cada 1000 habitantes, dúas veces menos que antes da última recesión, o cal é un factor clave para conter a exponencialidade do virus. Poderíamos enunciar toda unha lista das políticas que precisábamos para enfrontarnos mellor a crise (maior inversión en educación, I+D, aumento rendas do traballo, políticas redistributivas), pero non remataríamos11.

Sen dúbida que a tensión globalización-soberanía pendulará en novas direccións e propostas. En menos dunha semana, o proxecto europeo e a eurozona tomou unhas posicións caóticas, amosando dende o inicio a súa debilidade política e constatando a súa exclusiva condición de acordo de libre comercio. Isto foi o caso das medidas acordadas polo eurogrupo o día 16, todas na liña da flexibilización das normas fiscais e de competencia, e sen contemplar mecanismos para mancomunar gastos de estabilidade financeira no mercado de bonos soberanos: dende o investimento de 37.000 millóns de euros nunha iniciativa para conter o Coronavirus até 28.000 millóns de € en fondos estruturais, pasando polos 10.000 millóns de euros mobilizados dende o BEI ou os 8.000 millóns de garantías de crédito ao tecido empresarial.

Días despois, comunicados como o realizado pola CE o 20 de marzo poden constituír un sopro de vitalidade para a UE-Euro, pero todavía non estamos en condicións de avalialo. O que si queda claro é o enorme poder de influencia de Alemaña nas aliñacións do proxecto (que xa no día 15 aprobaba un plan nacional de investimento de 550.000 millóns de euros), o que abre todo tipo de incógnitas sobre cómo se articularán as fronteiras internas e externas do réxime neocolonial europeo, e cómo evolucionará institucionalmente o seu estatismo autoritario (que diría Poulantzas).

La emergencia sanitaria por el coronavirus hace que la exigencia de una Renta Básica esté más que nunca sobre la mesa

Katrina sanitario e antropoloxía neoliberal

Como podemos intuír, son múltiples dimensións e contidos postos de manifesto por esta crise pandémica.

Un deles é a insostibilidade biolóxica da globalización capitalista en ausencia dunha infraestructura sanitaria pública e universal. Mike Davis escribía sobre a distribución xeográfica, biolóxica e social do Coronavirus en perspectiva comparada cos efectos da gripe española de 1918, facendo especial inciso no perigo desta pandemia nos países pobres: “O perigo para os pobres do mundo foi ignorado por completo polos periodistas e polos gobernos occidentais. O único artigo que vin publicado afirma que como a poboación urbana de África Occidental é a máis xove do mundo, a pandemia debería ter alí só un impacto leve. […] Ninguén sabe o que pasará nas próximas semanas en Lagos, Nairobi, Karachi ou Calcuta”.

Davis tamén advirte da dispar actuación entre Estados Unidos e China para a contención da pandemia, explicando como dende o ano 200 lévanse producindo fendas significativas no sistema sanitario dos EE.UU. Os déficit sanitarios descritos (a escaseza de camas na gripe de 2018, o peche de hospitais privados e de beneficencia, escaseza de persoal ou o colapso das urxencias) terán coma consecuencia o que Davis denomina “Katrina sanitario”, o cal acentuará nitidamente a estratificación clasista:

“O brote pon de manifesto de forma instantánea esa marcada división de clases que existe na asistencia sanitaria: aqueles con bos plans de saúde que tamén poden traballar ou ensinar dende casa están comodamente aislados sempre que cumpran con precaucións prudente. Os empregados públicos e outros grupos de traballadores sindicados que contan cunha cobertura sanitaria decente terán que tomar decisións difíciles entre cobrar e protexerse. Mentres tanto, millóns de traballadores con baixos salarios no sector servizos, traballadores agrícolas, empregados serán arroxados aos leóns. Aínda que o goberno consiga finalmente resolver o desastre dos kits de proba e poida subministrar un número adecuado deles, os que carezan do seguro terán que pagar a médicos ou hospitais para realizar o test. Os gastos médicos das familias en xeral treparán polas nubes ao mesmo tempo que millóns de traballadores perden os seus empregos e seguros médicos de empresa. Pode haber un argumento máis sólido e urxente a favor do Medicare para todos?”

Ademais de localizar a problemática na cobertura universal dos sistemas sanitarios, Davis sinala as lóxicas instauradas polo monopolio farmacéutico e a mercantilización da medicina:

“Das 18 empresas farmaceúticas máis grandes, 15 abandonaron esta actividade por completo. As medicinas para o corazón, uns tranquilizantes aditivos e os tratamentos para a impotencia masculina son os máis rendibles, e non as defensas contra a infección dos hospitais, as enfermidades emerxentes e as tradicionais enfermidades letais tropicais. Unha vacina universal contra a gripe, é dicir, unha vacina cuxo obxectivo sexan as partes inmutables das proteínas superficiais do virus, é unha posibilidade dende fai décadas, pero nunca foi unha prioridade rendible”.

Non sabemos con qué probabilidade, pero xunto coa demanda dun sistema público que garanta a universalidade da cobertura sanitaria (que no caso español, a pesar das restrición da última década, mantemos), a inversión pública en I+D e a limitación dos privilexios monopolísticos das industrias farmacéuticas deberán constituír un eixo transversal a tódalas organizacións políticas. A posición defensiva dos sistemas públicos de saúde (e dos piares do Welfare State), ese reduto de socialismo en sociedades capitalistas, debe vencellarse cunha posición ofensiva para o control efectivo da medicina, capaz de abordar a supervivencia de todos os cidadáns independentemente da súa condición social.

Comentábamos máis arriba que os momentos de crise son momentos nos que se debaten novas aliñacións sistémicas, producíndose desaxustes e movementos de diversa índole. A crise aberta por esta pandemia saca á luz toda a construción dunha antropoloxía neoliberal nas últimas décadas, como podemos observar na histeria colectiva e nalgunha das reaccións de pánico excesivo como o acaparamento de produtos alimenticios ou a compra masiva de papel hixiénico.

A pesares das advertencias científicas da expansión de futuras epidemias con certa frecuencia no mundo occidental (xa non falamos do SARS ou do évola), a sociedade política e civil non asumiu unha racionalidade sobre o concreto do real. Comenta Zizek que “o único lugar” onde o tomamos seriamente foi “en películas apocalípticas como Contaxio. O desbordamento producido por esta crise non só manifesta as racionalidades irracionais do sistema capitalista que diría Harvey (axustes, entrada en recesión, quebras, etc.), senón a febleza antropolóxica das nosas sociedades modernas. Un síntoma desta son as formas individualizadas de reacción á ameaza, das que Zizek saca a lección de que “o pánico non é a forma adecuada de afrontar unha ameaza real. Cando reaccionamos entrando en pánico non nos tomamos a ameaza o suficientemente en serio. Máis ben ao contrario, a trivializamos. Pensemos simplemente no ridícula que é a compra de papel hixiénico; como se importase ter suficiente papel hixiénico no medio dunha epidemia letal”.

A cuestión é, ¿a qué concepción política debemos acollernos para combater esta antropoloxía neoliberal? A crise do Coronavirus manifestou a esta última como unha forma de individualismo vinculada maxistralmente coa liberdade do capital, dende a cal non se contemplan nin formas de acción colectiva ou de cooperación comunitaria para sortear a crise, nin unha intervención pública forte que poña o tecido empresarial ao pleno servizo do interese xeral. A irracionalidade non só caracteriza ao “excesivo pánico” do cidadán-consumidor que merca papel hixiénico no supermercado, senón que abarca a todas aquelas empresas que aproveitan a conxuntura para manter e ampliar a súa taxa de ganancia, como é o caso da especulación coas mascarillas que levou a un aumento brutal do seu prezo de venta. Falamos da sanidade pública como un reduto de socialismo, porque, precisamente, esta constitúe tanto unha fortaleza cívica (produto da actuación conxunta como comunidade) como un sistema racional e efectivo, que a pesares dos recortes e estado de precariedade no que se atopa, garante unha cobertura sanitaria a toda persoa independentemente da súa renda.

Liberdade e igualdade nos extremos pendulares

Estas proposicións antropolóxicas e económicas constitúen o extremo do péndulo: dun lado, unha sociedade rexida polo ben común da polis, onde os individuos cooperan e usan medios para acadar os fines que eles mesmos colexislan; polo outro, unha sociedade atomizada composta por cidadáns consumidores que buscan a maximización dos seus beneficios de forma privada, e que restrinxen a cousa pública ao interese do gran capital12.

Lonxe de atoparnos nun momento consensualista onde as distintas forzas “eliminan as súas diferencias” e traballan naquilo “que lles une”, estamos perante unha situación de rearticulación na que se discirne unha guerra de posicións. Veremos como evoluciona as posicións dos columnistas neoliberais e das organizacións patronais, que a pesares de manter unha posición colaboracionista cos sindicatos de clase xa comezaron a súa campaña para evitar transferir rendas sociais significativas aos sectores sociais mais afectados. Ao igual que noutras crises, nos escenarios caóticos ábrense unha amalgama de oportunidades para impulsar o secesionismo dos ricos; dito noutras palabras, a río revolto ganancia de pescadores.

A batalla política entre os extremos pendulares abre todo un paréntese para reflexionar sobre como artellala. Por enriba das medidas concretas, isto é, do programa político demandado -se Renda Básica Universal, se Green New Deal, se Traballo Garantido-, e tamén das fixacións a priori de cada ensoñación emancipadora -se queremos avances predistributivos, distributivos ou redistributivos-, a conxuntura actual precisa dunha perspectiva republicana. Escribía Fernández Liria que:

“os problemas da economía fai moito tempo que teñen pouco que ver cos problemas dos seres humanos. Excepto pola sinxela razón de que dependemos do metabolismo económico como xamais os servos ou os escravos dependeron dos seus señores e amos. O problema político de fondo segue a ser o mesmo: nin a democracia nin o imperio da lei poden funcionar en condiciones de vasalaxe. A cidadanía precisa de tres piares, como os taburetes. E sen independencia civil, todo se converte en farsa”.

Na reflexión de Liria resúmense algunhas das principais premisas do pensamento republicano, como por exemplo a reflexión Kantiana de que a república constitúe a “meta política máis irrenunciable” de calquera proxecto político, xa que resulta un sistema no que os que obedecen as leis son ao mesmo tempo colexisladores, e polo tanto obedécense a sí mesmos. Este artefacto político, no que “ser libre” implica a “obediencia das leis” e onde obedecer as leis implica liberdade,é o que se confronta entre os extremos pendulares: nun lado atopámonos o secesionismo dos ricos promotor dunha liberdade e igualdade formais, na cal a condición cívica aparece desprovista dunhas condicións materiais de vida necesarias. Neste lado do péndulo temos unha cadeira de dúas patas, que inestable e pobre, deixa a maioría da cidadanía nunha situación de vulnerabilidade, e polo tanto, de dependencia. A procura dunha terceira pata equivale á saída individual, a ser empresario dun mesmo, e á constitución de precondicións moi proclives de cara a negar dependencia entre “ser libres” e “obedecer as leis”. Na lei da selva, a inseguridade material convértese en inseguridade xurídica, e a suficiencia material nun signo de independencia civil. A supervivencia non atende ás leis, e se o fai, será nunhas condicións de servidume; Polo outro lado temos un tecido popular no que xorde a tropo da fraternidade, ese terceiro vector que configura unha cidadanía forte. Para deixar de ser dependentes (servos, “menores de idade”, escravos e señoras de), é necesario garantir unhas condicións de existencia material dignas, o cal precisa dunha repartición da propiedade. A fraternidade coloca á seguridade e suficiencia material como condicións de acceso á cidadanía, vencellando a “independencia civil” coa liberdade e igualdade perante a lei. É a única forma de facer efectivo o equilibrio que emerxe nesa cadeira de dúas patas, augurando un equilibrio virtuoso entre a seguridade material, a xurídica e a liberdade.

Neokeynesianos: a esencia da consitución precisa de orientación e tempo

Dicía Guy Standing que:

“en todo o mundo hai moitos máis millóns de persoas en situación de precariedade que fai unha década, con ingresos incertos e flutuantes e vivindo cunha débeda case insostible, moitos serán moi vulnerables a calquera parón económico. Dado que millóns de traballadores, dentro e fora do precariado, carecen de apoio para facer fronte aos avatares da vida e de seguros que lles permitan acceder ás prestacións estatais, a crise terá efectos multiplicadores que desembocarán en máis xente sen fogar, máis bancarrota e máis morbalidade e mortalidade, aparte das cifras relacionadas coa pandemia”.

A crise do Coronavirus manifestarase como unha aceleración brutal das arbitrariedades e os despotismos económicos, deixando un escenario no que o primeiro goberno progresista de coalición dende a restauración borbónica xógase redefinir as regras do xogo entre democracia e capitalismo nunha encrucillada entre: 1) o avance cara a inseguridade xurídica, política e económica dun Estado “periferia da periferia” mundial; ou 2) o control sobre os elementos esenciais e centrais da vida social que conforman o Estado de benestar (educación, sanidade, seguridade social…). O núcleo do contrato social e a base do sistema constitucional, isto é, a esencia da constitución, dependerá efectivamente de cómo se vertebre o estado social durante esta crise. Esta será a decisión política fundamental do executivo español. Qué dirección seguirá? De qué extremo pendular está máis cerca?

Fonte: https://www.eldiario.es/politica/intrahistoria-pacto-polvoron_0_979902310.html

Hoxe o capital entra en crise e o goberno de coalición español ten perante así un sistema en descomposición, onde o valor comeza a desaparecer. Perante a crise deste proceso en constante movemento, o bloque progresista debe configurar un horizonte de sentido. Os primeiros movementos que se están a suceder apuntan dende as políticas benestaristas do século XX (un novo Plan Marshall, políticas de pleno emprego, propostas expansión do gasto público) até propostas de novo cuño (renda básica universal), quedando aínda por definir a súa orientación (que contías mobilizar e cara qué sectores focalizarse) e temporalidade (durante a crise sanitaria ou máis alá?).

A crise da socialdemocracia durante o novo milenio relacionase directamente cun dos eixos do neoliberalismo: o descenso das manufacturas e a redución no tamaño do sector público. Isto amosa como, efectivamente, a alianza entre Thatcher e Reagan non era meramente ideolóxica, senón partidista, xa que buscaba minar a base material do inimigo (non hai mellor forma de aniñar o alma). Hoxe o espazo político de converxencia entre os partidos socialdemócratas e a nova esquerda ten a oportunidade de dirimir unha batalla por implantar políticas públicas orientadas cara ós sectores sociais subalternos, que ademais perduren á temporalidade da crise sanitaria.

¿Qué piares debemos replicar para ter tal orientación extensiva no tempo?

Segundo Juan Laborda, os catro piares máis significativos á hora de configurar a política económica no sistema de gobernanza neoliberal foron: 1) o abandono do pleno emprego como obxectivo político desexable e a súa substitución por obxectivos de inflación; 2) un aumento na globalización dos fluxos de persoas, capital e comercio; 3) un enfoque empresarial favorecedor da maximización do valor para os accionistas no canto da reinversión e o crecemento económico; 4) e a procura de mercados laborais flexibles mediante a eliminación da densidade sindical. Dende esta visión compartida pola ortodoxia económica, o enfrontamento ao estancamento secular viría determinado por dúas explicacións, as cales son o reverso negativo a unha da outra: 1) polo lado da demanda, o estancamento ten como causa unha situación na que o tipo de interese real ten que ser negativo para xerar unha volta ao crecemento económico; 2) polo lado da oferta, a situación ven determinada polas forzas produtivas.

Como podemos observar estes días, moitos dos xiros realizados pola ortodoxia económica e os seus axentes político-sociais non son máis que a adopción do reverso negativo, neste caso dende o lado da demanda: perante a preferencia durante a normalidade de usar medidas de oferta para reactivar a demanda e de priorizar a loita contra a inflación coa política monetaria, preténdese adoptar nesta excepción temporal (“causada” por unha crise sanitaria) medidas de demanda para activar a oferta e unha relaxación nos obxectivos de déficit (que veremos até onde chega). Ese keynesianismo como recurso nunha economía de guerra, que semella unha preocupación polo estado social e de benestar debido á cantidade de inversión pública a mobilizar, non debe confundirnos nin na súa orientación nin na súa temporalidade13. Rescataran bancos a costa dos contribuíntes e non dos acredores? Auditarán como é debido a débeda? Porán límites á financeirización? Cómo estruturarán a relación entre o tamaño dos bancos e a súa quebra? Implementarán un axuste fiscal no medio da recesión? Devaluarán os salarios? Seguiremos atendendo ao mesmo planteamento sobre a inflación?

Bloque progresista: ampliar o tecido popular no medio do deserto do real

A crise na que nos somerxemos implicará darlle unha volta á noria. O goberno progresista terá, canto menos, que fixarse unha intervención estatal de mínimos para estar á altura. Controlar os efectos negativos do ciclo que se aveciña, así como limitar os danos aos sectores sociais máis vulnerables debería figurar na axencia gobernamental.

Dende logo, a progresiva concienciación ecolóxica e a hexemonía desenvolvida polo feminismo serán dous factores fundamentais para a construción dun programa ambicioso, tanto nos contidos como na temporalidade. Neste sentido, a esquerda política debe pensar como artellar un bloque político progresista. Reflexionaba Germán Cano sobre esta articulación entre o táctico e o estratéxico, entendendo como condición necesaria abandonar as posición nostálxicas contidas no fetiche esquerda: “¿non debería a esquerda deixar de enrocarse melancolicamente nos debates acerca da súa suposta identidade perdida —o fetiche Esquerda— ou da súa erosión polo ecoloxismo ou os feminismos e construír desbloqueando o desexo de futuro dende un mínimo común denominador?”

A excepcionalidade, o único que nos indica por sí mesma, é que é unha escaleira na que baixar e subir é máis doado. O momento de aparente neutralidade e conciliación entre e no interior da sociedade civil e a política oculta todo un caótico conxunto de resortes que tanto poden impulsar como fundir aos subalternos. Máis que nunca, a asunción da derrota histórica das esquerdas (tanto da socialdemócrata como da comunista) será condición de posibilidade para pensarnos como un bloque político efectivo, capaz de artellar as correntes transformadoras e racionais da sociedade civil. Apunta con perspectiva sobre o caso español Cano que:

“Aínda que o Goberno español pareza ir a contracorrente dunha tendencia global, non nos enganemos: a sociedade civil asiste á crise ideolóxica da esquerda e os seus debates cada vez máis distantes e, como moito, interpelada para escoller entre males menores ou á defensiva contra posibles involucións. É por iso decisivo que no seu programa, fronte a este impulso reactivo, nútrase das experiencias transformadoras máis efectivas das últimas décadas, as feministas e ecoloxistas, cuxas demandas, no caso contrario, poden traducirse e incorporarse nunha axenda conservadora ou incluso reaccionaria, como estamos comezando a ver en Europa”.

Non queda dúbida de que se queremos saír reforzados desta crise social e sanitaria, teremos que artellar un bloque político de progreso. E precisamente tódalas grandes propostas que poden ser principios reitores dun programa común nútrense das valiosas achegas do feminismo e do ecoloxismo: o Green New Deal é inseparable da sustentabilidade ecolóxica ou do gasto público naqueles servizos do estado de benestar que redistribúen os coidados; tamén a Renda Básica Universal pode ser unha medida capaz de garantir a independencia civil de tódalas mulleres. E é que o noso horizonte pasa por “desbloquear este desexo de futuro”, e polo tanto por “traballar política e culturalmente nunha difícil tensión: entre o impulso histórico dun proceso de unidade e a obstinada, pero necesaria, realidade da pluralidade”.

Xunto coa inestabilidade, a tarefa tamén emerxe en tempos de crise: unificar unha sociedade civil descosida. Recuperar e ampliar o tecido popular no medio do deserto do real que acompañou ao neoliberalismo, esa será a nosa decisión existencial, e polo tanto política. Non deixar morrer a ninguén.

1A esas alturas, o Coronavirus infectara de forma recoñecida a máis de 120.000 persoas en máis dunha centena de países, coa morte de máis de 4500 persoas. Este constituía un problema de saúde máis que serio pero todavía non percibiamos a extrema urxencia co que abordalo, dado que a súa taxa de letalidade do 3,4% era moi inferior ao doutras enfermidades. En España, segundo o informe diario do Ministerio de Sanidade había 5753 casos, 1519 casos máis que no día anterior, 119 ingresos novos (e 293 totais) na UCI.

2 “As fábricas e negocios pechan; millóns de persoas non realizan as súas viaxes habituais; promóvese o teletraballo, a videoconferencia ou a posibilidade dunha maior produción local para protexer as cadeas de subministro; amén dunha forte subida nos prezos de produtos coma os xeles desinfectantes ou as mascarillas. Nunha economía tan interdependente, caótica e fráxil como o capitalismo, onde a incertidume, a especulación e a constante búsqueda do beneficio son esenciais, as complexas consecuencias sistémicas futuras son unha incógnita, pero todo apunta á posibilidade dunha cércana e grave recesión económica”.

3 Alba Rico comenta sobre isto que: “Dende que existe o Covid-19 xa non ocorre nada. Xa non hai infartos nin dengue nin cáncer nin outras gripes nin bombardeos nin refuxiados nin terrorismo nin nada. Xa non hai, dende logo, cambio climático”.

4Estas empresas, como centros de consumo cinguense á realización do capital, e polo tanto, a súa taxa de ganancia correlaciónase cos servizos de entrega a domicilio. Estiran até a última letra da formalidade para, en moitas ocasións, nin tan sequera pagar o salario mínimo interprofesional (SMI). En Galicia sucedéronse varios conflitos laborais, xa que as empresas obrigaron a traballar porque se trata dun servizo de “primeira necesidade”, pero ao mesmo tempo non garantiron as condicións mínimas de seguridade perante a situación excepcional.

Perante a situación, seguindo as recomendacións do Ministerio de Traballo, nalgúns centros de traballo decidiuse o peche, provocando na xerencia destas empresas ameazas de despido aos traballadores por “faltas ao traballo”. Como podemos intuír observando a autoorganización espontánea dos traballadores, neste tipo de traballos precarios onde predomina unha escasa regulación, a densidade sindical é nula e os principais sindicatos do país non teñen representación.

5Costou varios días a rectificación dos propietarios de Citröen. Non só constituía unha demanda dos propios traballadores da empresa, senón de boa parte da cidadanía desta localidade. Nesta cidade, a planta de PSA Citroën constitúe un foco de propagación do Coronavirus, polo que a continuación da actividade laboral era dun risco extremo de cara ao contaxio na comunidade.

6 Segundo a noticia, o equipo que rodea a Calviño segue estas recomendacións con catro obxectivos básicos: “canalizar unha maior inversión en sanidade, acadar medidas paliativas cos danos xurdidos no mercado laboral, osixenar ás empresas con moratorias no pago de impostos e inxectar liquidez nos sectores máis afectados.

7 Temos un exemplo evidente nesta columna de opinión de García Morán na Voz de Galicia, o principal xornal en Galicia. Na miña opinión, este artigo é lamentable, xa que non aproba a mínima veracidade nin segue unha deontoloxía periodística. Podemos resumilo ironicamente da seguinte forma: Pedro Sánchez tardou en comparecer na rolda de prensa porque Pablo Iglesias foi un rudo satélite do secesionismo, quere abolir a propiedade e socializar os medios de produción. Ademais Iglesias presentouse sen mascarilla, quebrando a súa corentena. En “defensa” do xornal, debemos aclarar que é habitual publicar este tipo de columna-calumnias. A diferencia do Coronavirus, non é´algo excepcional.

8 Debemos mencionar que o día 18 de marzo, no medio dunha crise interna da monarquía, o rey Felipe VI realizou unhas declaracións na televisión. Simultaneamente, dende os balcóns organizouse toda unha cacerolada contra os escándalos do rei emérito, desta volta relacionados coa herdanza dunha fortuna ilexítima. Cada día máis a monarquía española tense a sí mesma como peor inimiga, co cal, ademais de contribuír ás conviccións republicanas, axuda fortemente a constituír un equivalente plurinacional no pobo español.

9 O día que Iglesias acudíu ao Consello de Ministros foi moi criticado polos nacionalismos mencionados. Unha das críticas máis recorrentes por parte do progresismo foi que Iglesias non cuestionase a centralización dos recursos. Na miña opinión, no actual momento de excepcionalidade, non é hora de abordar a crise nin dende posicións moral-comunitaristas, nin dende posicións que, pretendidamente “federalistas” (quizais, mais adecuado sería chamalas “multicomunitaristas”) defenden unha posición endeble e consensualista do estado. O federalismo plurinacional non se riñe coa responsabilidade de estado. Isto téñeno amosado as federacións con fortes bases presidencialistas, que por certo, foron obxecto de discusión entre Publius e Hamilton nos Federalist paoers.

10 Estas posicións esencialistas no seo das esquerdas, que illan a interdependencia global e interpretan as posicións soberanistas coma posicións independentes, soen caer na crítica á fragmentación identitaria da esquerda, considerando a demandas de distinto signo (feminismo, ecoloxismo, etc.) como unha trampa da diversidade que impide a unificación política dos sectores subalternos. Para planear as súas posicións, case sempre parten da oposición entre demandas/problemas “culturais” ou “imaxinarios” (de segunda orde) e demandas/problemas “reais” ou “materiais” (importantes), discriminando tales demandas nunha cadea de equivalencias restritiva (curiosamente, case tan identitaria como o identitarismo denunciado). Como se dunha divindade se tratase e autoconsiderados vangarda, esta discriminación das demandas supón a elevación por enriba do “pobo”, “clase” ou “sociedade” que pretenden unificar. En realidade, a voz do pobo é a voz de deus (vox populi vox Dei) e esta discriminación non atende ao necesario entrecruzamento entre o real, o imaxinario e o simbólico.

11A gravidade do asunto desborda a crise sanitaria, e co paso das semanas observaremos toda a dimensión da crise social. De momento, a pesares dos ataques de pánico colectivo nos supermercados, o sistema de distribución alimentario está a altura das circunstancias. Veremos como proseguen os centros de produción e de consumo, sobre todo ese pequeno e mediano tecido empresarial. O interrelacionamento das distintas esferas do capital (produtiva e circulatoria) será decisivo durante o confinamento.

12Este péndulo aparece expresado doutra forma na cita de Will Huton recollida por Zizek no artigo mencionado: “En este momento está morrendo unha forma de globalización non regulada baseada no libre mercado, coa súa propensión ás crises e as pandemias. Pero está nacendo unha nova forma que recoñece a interdependencia e a primacía da acción colectiva baseada na evidencia”.

13Varios dos principais divulgadores da Teoría Monetaria Moderna (Esteban Cruz, Stuart Medina, Eduardo Garzón, Juan Laborda) sinalaron algunhas das principais diferencias con respecto ao keynesianismo emerxente. Por mencionar as principais: o fenómeno do desemprego vinculase coa capacidade efectiva da demanda, non cos problemas de rixidez; a política máis efectiva de cara a afrontar os ciclos económicos é a fiscal (ex: control de capitais), non a monetaria; a única utilidade da política monetaria é xestionar os tipos de interese, e a suba destes últimos é unha intervención inflacionista, non deflacionista; é a suba destes o que xera déficit público, e ademais, o déficit público non contribúe en maior medida á inflación que o gasto de calquera outro sector; o diñeiro é unha variable endóxena, e o Estado é o único actor capaz de implantar un dominio con certa independencia do mesmo. Por outra banda, se un Estado pode emitir débeda coa súa propia moeda, este non pode quebrar; o mercado laboral non se rexe segundo lóxicas unívocas, non hai correlacións necesarias entre nivel salarial-emprego; O aforro non xera inversión, senón viceversa. O mesmo coa recaudación-gasto públicos; e quizais un dos principais factores diferenciais, o entendemento dos balances sectoriais entre o sector público e o privado, isto é, que se hai un déficit por conta corrente cada ambos sectores non poden aforrar simultaneamente.

***

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Escribe sobre diversos temas, pero interesase especialmente polo campo da teoría política.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s