Unha aproximación a auga dende as Ciencias Sociais

Cando pensamos na auga, a miúdo tendemos a considerala como unha materia desocializada, consecuencia do dominio tradicional das Ciencias Naturais no estudo do H2O, que constrúe a imaxe dunha substancia pasiva. Este enfoque oculta a capacidade da auga de relacionar a dimensión ecolóxica coa dimensión social. Precisando máis nesta afirmación, Casciarri e Van Aken (2017) sinalan que pensar a auga dende a perspectiva que conceden as Ciencias Sociais, concretamente, da xestión deste elemento dende o social, permite facer visibles os vínculos entre os individuos e o entorno, os modos de organización territorial, ás relacións de produción e as relacións de poder, entre outras dimensións da estrutura social. Facendo referencia a esta configuración do estudo da auga en torno ao social, as autoras refírense a este elemento como o primeiro “mass medium” da historia, xa que

a través dela, unha actividade sociocultural complexa puido ligar grupos sociais heteroxéneos grazas a fortes redes de interacción e sistemas de cooperación. […] A auga descifra o político nas cuestións de construción identitaria, de relacións xerárquicas, da dialéctica entre autonomía e dependencia, que aparece tan a miúdo cando un se interesa polos modos cambiantes da súa apropiación e dos seus usos (Casciarri e Van Aken, 2017: 130-132).

Estas mesmas autoras sinalan que, debido a súa importancia na industria do desenvolvemento, o aumento da competencia polo recursos hídricos e a necesidade da auga para a sustentación dos ecosistemas e a produción de alimentos, esta sitúase no centro das contradicións da Modernidade. A importancia da auga e tal, que conflitos políticos como o latente dende a creación do Estado de Israel en 1948, en torno á cunca do río Jordan, que configura ás fronteiras entre Israel, Jordania e Palestina, está fortemente determinado pola necesidade de garantir o acceso a auga doce. Para facernos unha idea da importancia que a auga doce ten neste contexto, hai que sinalar que o 40% da auga subterránea e aproximadamente o 33% do rendemento anual sostible da auga de Israel ten a súa orixe nos territorios ocupados (Gleick, 1992). O dominio sobre os usos da auga funciona como mecanismo de control sobre as poboacións, como sinala Gillmartin (1994) ao referirse ao encontro colonial como un encontro hidráulico. A través da auga puido controlarse tanto ás poboacións como o seu territorio, relacionando a centralización e planificación do seu acceso con procesos de emancipación e modernización, pero tamén permitiu constituír a imaxe do “Outro” colonizado, aquel que precisa ser civilizado, a partir das formas de acceso e usos da auga. Aquí estanse a sinalar ás relacións de poder que poden darse a partir do control, isto é, da privatización do acceso a un ben común como pode ser a auga.

Esta reconfiguración dos recursos naturais en mercancía responde ao que Enrique Leff (2004) identifica como a fase ecolóxica do capital. Esta caracterízase pola lexitimación da apropiación dos recursos naturais a través de prácticas discursivas, unha “operación simbólica” (Leff, 2004: 108) a través da cal designase a biodiversidade e as comunidades humanas como patrimonio común da humanidade.

Desta forma, prepara as condicións ideolóxicas para a capitalización da natureza e a redución do ambiente á razón económica […] A tecnoloxía será o medio instrumental para reverter os efectos da degradación entrópica nos procesos de produción, distribución e consumo de mercancías (Leff, 2004: 109).

Esta operación trata de negar a dependencia humana dos ecosistemas, algo que ,por outro lado, está máis que acadado nas sociedades industrializadas, fortemente terciarizadas, a causa dos procesos de deslocalización industrial. Esta idea vese reflectida na teoría da desmaterialización das economías, elaborada por Grossman e Kruger (1995). A súa hipótese central sostén que cando se supera un limiar de riqueza determinado, o crecemento económico comezará, progresivamente, a ser menos contaminante e dependente do capital natural. Como xa se sinalou, é a tecnoloxía o recurso, o “medio instrumental” a través do cal as consecuencias nocivas dos modos de produción capitalista serán substituídos por formas menos agresivas co medio ambiente.

¿A que nos referimos cando falamos do capital natural? O concepto presenta os seus antecedentes dende o século XVIII (o factor terra da economía clásica), o propio Marx prestou atención á natureza como base material da produción da riqueza de valores de uso a través do traballo (Fernández, 2016), e atopamos tamén exemplos ao longo do século XX, como pode ser a obra de Vogt (1948), que emprega o termo para facer referencia á débeda que estaba a xerar o humanidade co medio ambiente a medida que explotaba os recursos naturais. Sen embargo, non sería ate a década de 1990 cando, finalmente, se formaliza unha definición concreta. Esta, formulada por Constanza e Daly (1992), é recollida por Gómez-Baggethun e de Groot (2007) como “todo stock que xera un fluxo de bens e servizos útiles ou renda natural ao longo do tempo” (Gómez-Baggethun e de Groot, 2007: 6). Sen embargo, eles inclúen unha perspectiva ecolóxica á definición, que só ten en conta a estrutura do ecosistema, polo que é preciso incluír “todos aqueles procesos e interaccións entre os mesmos (funcionamento do sistema) que determinan a súa integridade e resiliencia ecolóxica” (Gómez-Baggethun e de Groot, 2007: 6).

Este capital natural ofrece recursos e servizos, que para o caso da auga, relaciónanse fundamentalmente con dúas dimensións: a regulación hídrica e a dispoñibilidade hídrica. Ambas enténdense formando parte de un todo de interaccións ambientais, polo que os problemas derivados dalgún destes aspectos afectan a totalidade do sistema.

En efecto, o contexto actual está marcado polos procesos de privatización do dereito de acceso á auga, conducindo a este ben á categoría de mercancía. Da man deste proceso, xorden os proxectos de construción de sistemas expertos e os proxectos de modernización, que suprimen os saberes locais de coñecemento e os modelos cooperativos da xestión da auga, nos cales esta pode calificarse de ben común. Como sinalan Barbara Casciarri e Mauro Van Aken (2017), as redes modernas da auga constrúense en torno a un saber abstracto e burocrático. A operación semella ter un obxectivo claro: arrancar do imaxinario os modos de consumir e relacionarse con este ben común, que, ademais, inclúe non só a auga como materia, senón que atinxe a todas as interaccións que teñen lugar ao redor dela, como os sistemas de cooperación, os sistemas produtivos tradicionais e os modos culturais de uso da auga. A súa vez, permite controlar o territorio e lexitimar un consenso político coas ideas de progreso e modernización como fondo.

O caso paradigmático é sen dúbida o dos procesos de privatización da auga en Chile. Este constituíuse a raíz, principalmente, do Código de Aguas de 1981, promulgado pola ditadura militar de Augusto Pinochet, que a definiu ao mesmo tempo como un “ben nacional de uso público” e un “recurso económico”, creando así un precedente para que lle sexan aplicables ás lóxicas do mercado. Ademais, autorizouse a súa privatización vía concesión de dereitos de uso, con carácter, en moitos casos, continuo (Larrain, 2006).

Hoxe en día os usos principais da auga repártense entre a agricultura, que esixe cara o 60% do consumo, seguido polo uso industrial, cun 22%, e o uso doméstico, cun 18%. Segundo Nacións Unidas, os problemas relacionados co acceso a auga afectaran a tres cuartas partes da poboación mundial cara o ano 2050, especialmente no que se refire á produción de alimentos, que terá que verse incrementada un 60% para producir o suficiente para toda a poboación de cara a 2030. Actualmente, unha de cada cinco persoas non ten acceso a auga limpa e unha de cada dúas non carece dos medios necesarios para eliminar as aguas residuais (Restrepo, 2004).

Reivindicar os usos sociais que acompañan a auga, entendela e representala como un vector fundamental da socialización humana, supón defender ao mesmo tempo as formas de vivir e relacionarnos co entorno que actúan como resistencia fronte ao monstro neoliberal. Entender a auga dende esta perspectiva implica conformar unha visión holística dos problemas globais, xa que nos permite relacionar entre si aspectos que, a primeira vista, non amosen semellanzas, apelando a un recurso material fundamental para a vida.

Referencias

Casciarri, B. E Van Aken, M. (2017). Antropología y agua(s). Cuestiones globales, aguas locales y flujo cultural. WATERLAT-GOBACIT NETWORK Working Papers, 4(2), 119-143.

Fernández, C. (2016). Desarrollo capitalista y degradación ambiental: un enfoque marxista. Revista de Economía Crítica, 22, pp. 3-13.

Gillmartin, D. (1994). “Scientific Empire and Imperial Science: Colonialism and Irrigation Technology in the Indus Basin”, The Journal of Asian Studies, 53(4): pp. 1127-1149.

Gleick, P. (1992). Amarga agua dulce: Los conflictos por recursos hídricos. Ocassional Papers, 1, pp. 85-106.

Gómez-Baggethun, E. E de Groot, R. (2007). Capital cultural y funciones de los ecosistemas: explorando las bases ecológicas de los ecosistemas. Ecosistemas, 16 (3), pp. 4-14.

Grossman, G.M. y Kruger, A.B. 1995. Economic growth and environment. Quarterly Journal of Economics, 110, pp. 353–377.

Larrain, S. (2006). El agua en Chile: entre los derechos humanos y las reglas del mercado. Polis, 14.

Leff, E. (2004). Racionalidad Ambiental. La reapropiación social de la naturaleza. Buenos Aires: Siglo XXI.

***

Raúl García Amoedo. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Actualmente cursa o grao  de Antropoloxía Social e Cultural na Universidade de Granada (UGR).

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s