Sociedade

Contra o bioloxicismo

No último lustro, o feminismo converteuse no principal movemento social en España. A cadea de equivalencias que abarca (violencia machista, dereitos reprodutivos, igualdade salarial…), a súa capacidade de mobilización (véxase os últimos Días Internacionais da Muller no 8 de marzo a nivel mundial) e a forma en que incidiu na opinión pública (lembremos o intenso debate público sobre a violación en grupo de Pamplona[1]) conferiulle unha especial posición dentro do contexto español. No Día Internacional da Muller en 2017, a través dunha crecente concienciación sobre o estado de desigualdade xeneralizado das mulleres (con especial concentración nas mulleres máis novas) producíase, nun momento de relativo declive dos movementos de protesta no estado, unha das mobilizacións máis importantes en anos. O 8 de marzo de 2018 estimouse cerca de cinco millóns de participantes nunha folga feminista que incidiu significativamente nos centros de traballo, de consumo e nos fogares (García, Alabao y Pérez; 2018). O tecido asociativo e a cantidade de movementos feministas implicados nas organizacións das folgas fixeron que ningún grupo político puidese adxudicarse o “liderazgo” ou “representación” da folga[2].

 Os feminismos teñen aberto durante estes anos unha batalla cultural sobre como transformar o vínculo social en comunidades erosionadas polo proxecto neoliberal, que ao mesmo tempo son herdeiras de formacións tradicionais e institucións patriarcais. A fixación dunha axenda de prioridades feminista, pero tamén a explicación do devir da diferencia e a desigualdade de xénero, ou a proposición de novas formas de relacionarnos son algún dos elementos chave na conformación desta batalla performativa: expresar e producir unha nova realidade sobre qué agardamos e preferimos.

 Como toda batalla, as posicións ocupadas no imaxinario popular interpelan aos distintos actores da sociedade civil, facendo necesaria a colocación dos mesmos respecto das novas narrativas e gramáticas impulsadas polos distintos feminismos en movemento. Deste modo, sobre a utilización de novas palabras e formas de denominar á realidade, xéstase unha reacción que revitaliza os anteriores paradigmas dominantes, ou que acode a contidos que están en vías de ser reprimidos como consecuencia da eruptiva forza punitiva[3] e superioridade moral do movemento. Como con outras demandas que están a ser articuladas, as elites sempre xogan en base a un reparto asimétrico das mesmas:  1) cara unha determinada integración das mesmas nun maior ou menor compromiso e vocación sobre os seus efectos, co obxectivo de disputar a fixación da axenda; e 2) cara a negación da súa totalidade co fin de xerar una reacción contraria, que canto menos, desprace cara posicións reaccionarias á centralidade do taboleiro[4].

 Un dos paradigmas que parecía destinado ao vertedoiro da historia pero que hoxe retorna co propósito de dar a batalla cultural é o bioloxicista, tamén denominado como a estratexia biolóxica. En resumidas contas, este paradigma postula que o comportamento humano atende, fundamentalmente, a estratexias biolóxicas innatas. A algunhas das principais ideas que o conforman atopámolas principalmente: 1) nas achegas da psicoloxía evolucionista, da man de autores como David M. Buss; 2) taménsubxace á meirande parte dos argumentos realizados por dous dos referentes da ofensiva contra “a teoría de xénero”, como é o caso de Jordan Peterson a nivel internacional ou Un Tío Blanco y Hetero en España; e 3) no relativo aos partidos políticos, tense manifestado en numerosos think-thanks e dirixentes políticos da alt-right (Bannon,Vox, Bolsonaro, Trump).

 Segundo este marco explicativo, existe un feito biolóxico innato que opera como unha variable independente, influíndo unilateralmente nos comportamentos humanos, por exemplo, nas relación sexuais e de parella. Esta influencia sería máis que significativa: condiciona a nosa racionalidade e ordena o enteiro abanico do comportamento humano.

 As implicacións deste paradigma no dominio moral e ético, isto é, no ámbito normativo, son desastrosas, posto que deduce toda unha serie de prácticas opresivas entre os xéneros, conformando un sistema de dominación salvaxe. A transparencia coa que podemos observar estas implicacións fai que a primeira reacción do feminismo ante estes asuntos sexa a dunha indignación moral, confundindo o dominio explicativo do argumento co dominio normativo da réplica. De forma espontánea, ábrese unha discusión sobre o que queremos ser como comunidade: como debemos relacionarnos e que condicións definen a unha situación xusta.  Aquí ábrese unha consideración que seguro que moitas consideran fundamental para gañar a batalla cultural: se ninguén replica o paradigma explicativo mediante o que se desenrola o argumento, este devén como algo irrebatible, como única formulación válida do que somos. E pese a que o ser e o deber ser artella un diálogo constante no que, debemos dicilo, o xusto e o belo soen saír derrotados, non debemos agasallar ao adversario ideolóxico a verdade. Lonxe de vivir nunha sorte de relativismo posmoderno no que a noción da obxectividade retorna imposible, a tarefa da teoría crítica non debe quedarse exclusivamente en denunciar as arbitrariedades cometidas sobre a nova economía moral (máis xusta e preferible), senón que debe percutir sobre as explicacións que naturalizan tales arbitrariedades. Se non acometemos contra as mesmas, adentarémonos na perigosa posibilidade de que tales posicións lexitimen prácticas, e viceversa.

 Trazando esta primeira separación entre os dominios explicativo e o normativo, avanzamos que trataremos de discutir a teoría explicativa que propón este paradigma. Debemos advertir que as nosas posicións ao respecto da conformación dos vínculos sociais (afectivos e sexuais) parten dun construtivismo realista que entende: 1) que a vinculación entre as persoas trátase dun proceso que conxuga unha serie de factores interdependentes (biolóxicos, psíquicos, sociais, culturais e políticos) proxectados nuns espazos e contextos (estruturas sociais)  por unha serie de actores que se disputan o significado destas relacións (subxectividades); e 2) que non concorda na disociación radical entre o cultural e o biolóxico, entendendo a sexualidade como un proceso onde interacionan ambos factores.

Teoría errónea explicativamente

 A continuación sintetizamos este paradigma bioloxicista, que consideramos errado non só no ámbito normativo, é dicir, no ámbito onde se deciden as ideas de ben e de beleza, senón que no ámbito interpretativo, isto é, alí onde se dirime a verdade. Non só nos parece un paradigma inxusto que traza un mapa de opresión e dominación concreto, senón que nos parece unha vulgar interpretación do feito biolóxico. Trataremos de apuntar as contradicións e tensións internas do paradigma. Primeiro vexamos a paradóxica forma que ten de dar a batalla cultural o esencialismo biolóxico:

1) Existe unha estratexia biolóxica para escoller parella innata nos seres humanos, distinta entre homes e mulleres. Os xenes das mulleres son decisivos na selección das parellas. O sexo feminino mantén por natureza unha vantaxe selectiva fronte o sexo masculino.

2) A bioloxía do macho humano está deseñada para a fecundación da maior cantidade posible de femias, mentres que a natureza da femia humana é a de ser o máis selectiva posible co macho que escolle para a reprodución. Este criterio difire debido a un feito fundamental: a xestación. Unha femia non só acarea nove meses de embarazo, senón o dunha descendencia que coidar, máis o risco de morte durante o embarazo ou o parto.

3) Os avances en medicina, os adiantos tecnolóxicos e a culturización sexual non modifican a estrutura xenética das mulleres. A meirande maioría das mulleres heterosexuais sempre serán moito máis selectivas coas parellas sexuais ca o común dos homes. E os homes heterosexuais sempre quererán ter sexo con tantas mulleres sexa posible, elixindo as máis belas ou de mellores xenes físicos.

4) As mulleres son as que deciden aceptar ou non aceptar aos seus pretendentes. A única excepción á norma viría da presencia do macho alfa hipergamo, cun amplo status quo e unha gran visibilidade entre as mulleres.

5) A ideoloxización e a instalación de prexuízos pode desviar estas conductas necesarias. As culturas ou o modelo tradicional da familia nuclear occidental limita os efectos necesarios desta natureza. As mulleres, independentemente das preferencias e ideas de ben ás que se acollan, están deseñadas xenéticamente para a utilización do macho alfa co fin de ter fillos, e para escoller a un macho beta dócil e manipulable que críe ós fillos do macho alfa.

 Como vemos, este paradigma explicativo fundamenta á perfección as estruturas patriarcais máis pechadas e opresivas, naturalizando as necesarias prácticas de dominación dende un orde de esencias biolóxicas. Segundo este inmutable feito biolóxico fundaméntase un único tipo de sexualidade (que aprecia a homosexualidade como errónea e desviada), distribúe asimetricamente as tarefas produtivas e reprodutivas entre os sexos, liga de forma necesaria a sexualidade coa reprodución, distribúe os roles e os atributos nunha economía moral que non tolera a fluidez dos mesmos, etc…  A nosa contrargumentación no plano explicativo sostén as seguintes ideas:

 1) Existe unha certa selección estratéxica da parella por parte das mulleres[5], pero isto non converte en veraz o argumento postulado por este determinismo bioloxicista. En tanto que as motivacións desta selección non só atenden ás distintas cantidades de hormonas e á diferencia dos xenes depositados nos cromosomas sexuais.

 Por outra banda, nos últimos 50 anos teñen proliferado novas identidades que outorgan unha menor densidade á configuración de cada xénero, sucedéndose unha maior complexidade á hora de definir estas estratexias selectivas. Non hai un orde de esencias que defina a racionalidade do home para definir as súas preferencias sexuais, como tampouco o hai na muller. E no caso dos comportamentos machistas onde se podería detectar a influencia das diferencias biolóxicas, debemos insistir en que dende o punto de vista evolutivo: o “natural” non é necesariamente bo nin constitúe un feito inmutable. Pensar que o estado de natureza é positivo incorre na falacia naturalista; e pensar que a natureza é unha propiedade estática pasa por alto que os comportamentos instintivos evolucionan co tempo, e que ademais poden ensinarse a controlar.

 2) O “feito” biolóxico non é un feito inmutable. Este muda co paso do tempo, ao igual que o feito cultural. É un erro pensar que o proceso evolutivo non afecta á nosa especie, en consecuencia, o xenoma actual dos individuos da nosa especie non é igual ao que presentaban os primeiros Homo sapiens. Disto pode deducirse que non existe un estancamento evolutivo no relativo aos sexos.

 Para comprender isto, é pertinente recorrer á definición de xénero proposta pola antropóloga Marilyn Strathern, que se refire ás súas construcións como “moldes baleiros nos cales pode ser vertido calquera tipo de nocións e valores. O que o molde nos da, é unicamente a estrutura de contraste e de relación” (Strathern, 1979: 138).

Dende a antropoloxía simbólica, autores como Clifford Geertz, teñen estudado os factores diferenciais de ambos, demostrando como constitúen feitos dinámicos e cambiantes no tempo. O ser humano é un ser que crea comunidades de cultura, e mediante as relacións implícitas nesta, constitúe novos modos de interacción esóxena e endoxenamente. A proposta de Almudena Hernando trata, precisamente, de definir que nocións e valores definiron a constitución dos xéneros. No seu libro La Fantasía de la Individualidad. Sobre la construcción sociohistórica del sujeto moderno, refírese ao xénero como as diferencias na socialización de homes e mulleres, caracterizadas por “un aumento gradual dos trazos de individualización nos homes, mentres que ata chegar á modernidade as mulleres mantiveron a mesma identidade relacional que ao comezo tiñan todos os membros do grupo” (Hernando, 2018: 53) ¿De onde xorden estas diferencias? Dun cambio xenético que tivo lugar hai 2,5 millóns de anos, denominado “neotenia B”, que prolonga as fases de desenvolvemento das crías. A clave reside en que as crías do xénero Homo pasan unha parte da súa xestación extrauterinamente. Esta dependencia resolveuse cunha reestruturación das relacións sociais, e é neste punto no que comezan as desigualdades na construción das identidades de xénero. Segundo Hernando, estas se deben, en primeiro lugar, á maior mobilidade dos varóns, que lles concedía a posibilidade de construír un mundo simbólico amplo a través do cal crear discursos de lexitimación6[6] , como o mito, e ocupar espazos de poder; por outro lado, e fronte ao control material dos varóns, os vínculos grupais actuaban como espazo de control das mulleres. Sen embargo, esta dimensión perde peso a medida que aumenta o control tecnolóxico, o cal conclúe coa aparición do termo “individuo[7]” no século XVII.

 Se afirmamos que a diferencia biolóxica existente entre homes e mulleres explica os comportamentos humanos, deberíamos advertir con toda claridade cales teñen a súa razón de ser no factor biolóxico e cales na significación cultural, o cal é dunha enorme complexidade. Aínda no suposto de que poidamos discernir que comportamentos se relacionan maior ou menormente con cada factor, os comportamentos machistas non se producen exclusivamente en base a “un” destes factores, senón que se producen mediante a articulación de ambos[8].

3) Este paradigma non considera o factor do pracer. Durante gran parte da historia da humanidade, e con moita maior frecuencia na actualidade, non se manteñen relacións sexuais cun fin exclusivamente reprodutivo. O pracer ten un peso enorme nas relación sexuais da nosa especie, xa que temos unha dispoñibilidade sexual constante (ao contrario da maioría dos mamíferos), e por suposto, as mulleres embarazadas tamén atenden ao mesmo. En definitiva, as relacións sexuais van moito máis alá da reprodución, polo que tentar explicalas só atendendo a fins reprodutivos é totalmente errado.

4) Analizando os argumentos do paradigma bioloxicista, existe unha tensión no referido á selección estratéxica do home: se os homes queren ter tanto sexo con mulleres como poidan, ¿por que van elixir ás máis belas? Esta predisposición innata cara unha hiperpotencia sexual choca co feito de que a beleza segue criterios de exclusión/inclusión de caracteres.

5) Á falsa suposición que mantén o argumento de que as mulleres teñen predisposición para ter fillos co macho alfa, se lle suma a de que este alfa é necesariamente un suxeito competitivo, viril, polígamo e dominante que delega os coidados dos seus fillos nos machos beta. Se asumimos o suposto de que o alfa  tamén pode implicarse nos coidados dos seus fillos, xa non sería operativa a distinción entre macho alfa e macho beta. Existe un sesgo de percepción nesta observación.

 Debemos mencionar as recentes investigacións dende o campo da primatoloxía. Historicamente, tense estudado as formas de conducta e comportamentos dos seres vivos máis próximos ao ser humano na escala evolutiva. O paradigma bioloxicista incorpora ao chimpancé como modelo de conduta exemplar; o que supón integrar a observación dun primate moi agresivo, cuxas prácticas cotiás son bastantes similares ás descritas dende este bioloxicismo. Os novos modelos toman como exemplo ás bandas de bonobos. Nesta especie, ao contrario que nos grupos de chimpancés, é difícil documentar agresións intercomunitarias, o asasinato das crías ou cópulas forzadas. Non só iso, senón que para estes primates a sexualidade é un aspecto fundamental á hora de manter a comunicación entre os membros do grupo, amosando unha serie de prácticas (heterosexuais e homosexuais) que se consideraban só propias dos seres humanos, como cópulas frontais ou sexo oral (Domínguez, 2004). De feito, as femias de bonobo son receptivas sexualmente durante todo o ano. No que respecta ao coidado das crías, as femias adoitan confiar nos machos para cargar coas crías. Este aspecto, e que non se rexistren asasinatos de crías, converte aos bonobos nunha especie única de entre todos os primates. Á hora de formar novos grupos, son as femias as que abandonan as bandas de orixe, e crean vínculos coas femias do novo grupo. Polo tanto, non existe a figura do macho alfa característica doutras especies de primates como os gorilas ou chimpancés.

6) Un argumento contra a idea de que o éxito reprodutivo se debe simplemente a factores biolóxicos apréciase na historia da nosa especie. Ao longo dos séculos apareceron grandes liñaxes masculinos que se sucederon no tempo, estando os xenes característicos destes liñaxes asociados ao cromosoma Y (os cromosomas sexuais dos homes son XY e os das mulleres XX). Pode deducirse que as características biolóxicas destes homes foron as responsables do seu éxito reprodutivo? O máis probable é que non. O motivo do seu éxito explícase a partir da súa posición social, é dicir, non eran máis fortes, nin altos, senón que estaban nunha posición socialmente superior.

 A modo de exemplo ilustrativo, en Y-chromosome descent clusters and male differential reproductive success: young lineage expansions dominate Asian pastoral nomadic populations observamos como se retroalimentan varios factores no éxito reprodutivo de estratos socialmente superiores: 1) un maior desenvolvemento tecnolóxico produce 2) unha maior estratificación social, o que 3) condiciona positivamente o éxito reprodutivo dos estratos sociais superiores. Neste estudo explícase detalladamente o maior éxito reprodutivo de certos grupos humanos con respecto a outros en Asia. A transición dende poboacións cazadoras-recolectoras a pastoriles xerou unha nova estratificación social e un cambio na organización política (estruturas e xerarquías ríxidas e homoxéneas)  na que os homes posicionados máis arriba tiveron unha maior reprodución. Os factores explicativos deste éxito tiveron que ver, por así dicilo, con factores endóxenos e non cunha suposta natureza biolóxica: a escasa mobilidade social nestas sociedades permite unha herdanza pechada do prestixio social, sucedéndose de forma endogámica unha perpetuación do liñaxe entre as distintas xeracións. Tamén se descubre como nas tribos nas que se domesticaron animais (como os cabalos) era mais doado establecer un liñaxe masculino dominante sobre outras tribos agricultoras.

 Outro exemplo, as estirpes de Genghis Khan teñen a maior distribución xenética do mundo, pero de ningún modo se conclúe que este era o máis forte. Khan era un líder carismático, e a súa posición dentro do grupo era determinante para xerar máis atracción sexual.[9] É curioso como as causas sociais interveñen no éxito reprodutivo: A diferencia das sociedades de cazadores-recolectores, onde a reprodución estaba limitada pola abundancia e estacionalidade dos recursos, nas novas civilizacións máis complexas, a dominación masculina tiña como condición de posibilidade a acumulación de excedentes masivos mediante a conquista territorial, tendo como efectos vantaxes reprodutivas moi significativas.

7) Somos unha especie (non asocial) que vive formando grupos sociais, o que supón que a nosa supervivencia depende da integración individual en tales sociabilidades. Se asumimos esta máxima, nas sociedades máis restrinxidas e tribais terán maior posibilidade de reproducirse os individuos que amosen uns comportamentos e atributos  que faciliten a supervivencia do grupo. Nas nosas sociedades complexas esta premisa non é operativa, ou canto menos, non o é nun sentido absoluto: hoxe permítense formas de vida heteroxéneas dentro duna mesma sociabilidade, o que permite un desenvolvemento dispar e plural dos atributos a valorar.

 Teoría indefendible normativamente

 Dende o ámbito normativo, as derivacións sociais deste paradigma poden ser nefastas para as subalternas, xa que promove a configuración dun réxime institucional[10] totalmente indiferente perante as estruturas de dominación e de violencia. Poñamos por exemplo a cuestión da neutralidade xurídica e institucional respecto das diferencias de xénero, que sen dúbida constitúe unha das principais demandas dos movementos políticos de signo reaccionario: se non existe un recoñecemento xurídico das diferencias de xénero que articulan a sociedade, non existirá posibilidade algunha de asistir a unha orde xusta, por exemplo, nos procesos xudiciais (Ramas, 2018)[11]. Poderíamos ir máis alá na reflexión sobre os efectos que tería este paradigma, que deixa aberta a posibilidade de recoñecer tales diferencias nun sentido reaccionario, o que suporía desmontar as insuficientes nocións de “imparcialidade” e “neutralidade” no dereito. Basicamente, suporía a destrución do dereito moderno e a volta das arbitrariedades e da inseguridade xurídica.

 Os distintos paradigmas defendidos polas forzas reaccionarias, que teñen sido contrarrestadas polo feminismo en España, teñen pretendido desfigurar as demandas feministas como políticas de parte: entendida unha opresión histórica, as mulleres organizadas quererían facer políticas que lles dan vantaxe sobre os homes, conseguindo o que antes era propiedade dos mesmos. Este relato ten como obxectivo desprazar as demandas do movemento feminista, que máis que ubicar ás mulleres na exacerbación da súa identidade subalterna, pretende unha concienciación das violencias, discriminacións e expulsións destas de tódolos espazos de toma de decisión e de participación social. Este agravio, lonxe de facer unicamente dano ao conxunto das mulleres, afecta negativamente a toda a organización social[12].

 Concretamente, o paradigma bioloxicista prolonga á perfección algún dos efectos máis prexudiciais das sociedades patriarcais, elementos chave para explicar o malestar na contemporaneidade neoliberal: a naturalización da agresividade masculina como unha das principais causas dos feminicidios e violencias contra as mulleres; a desvinculación dos homes co traballo de coidados, así como o desprestixio desta labor central para a reprodución social; o reparto de roles e expectativas totalmente asimétrico, que tense amosado central na explicación dos estados de depresión e tristeza; o enxalzamento do traballo asalariado e das actividades produtivas, que produce o síndrome do traballador queimado; a intolerancia, acoso e persecución de identificacións de xénero non convencionais, que non poucas veces xeran trastornos enormes nestas persoas; a desvinculación cos asuntos familiares e o establecemento dun estado de soidade. Temos un enorme listado dos efectos prexudiciais que tería a extensión deste paradigma nas nosas sociedades.

 Entendemos que o xénero, e non o sexo, é unha categoría fundamental á hora de abordar o debate sobre que tipo de organización social queremos ou que tipo de políticas públicas debemos desenvolver. As nosas sociedades seguen dividindo roles, estatutos, tarefas, traballos e poderes en función de mandatos de xénero, o cal remata por xerar unha desigualdade entre homes e mulleres, que lonxe de finalizar mediante o recoñecemento xurídico-político da condición de cidadanía, segue manifestándose no noso día a día. A estruturación destes mandatos realízase mediante unha estrutura social de incentivos e castigos, que acaba producindo un determinado tipo de subxectividades favorecedoras ou penalizadoras de determinados tipos de masculinidades e feminidades. Polo tanto, a diferenciación social e o conxunto de arbitrariedades entre homes e mulleres non se poden explicar pola diferencia biolóxica, ou canto menos, esta non é unha variable explicativa suficiente que desate un destino independentemente doutros factores: “Non son suficientes para explicar por que as mulleres coidan e os homes coidan moitísimo menos, por que os homes son enxeñeiros e as mulleres están a traballar nas escolas infantís, e un montón de diferencias máis que nos atopamos na realidade. […] O que estamos dicindo neste caso é que a segregación que atopamos nunha sociedade machista é polo machismo, e non polo sexo ou polo xénero”. (Serra, 2020).

 Nunha estrutura social de dominación masculina proxéctanse unha serie de identificacións masculinas e femininas, que nun maior ou menor grado de apertura establece unha matriz de incentivos e castigos para tales identidades. Neste senso, historicamente apareceron homes con intereses e preferencias “femininas” e mulleres con identificacións e preferencias “masculinas” (nenos que xogan con bonecas e mulleres que xogan con coches,  homes que practican patinaxe e mulleres que practican fútbol, mulleres que queren un traballo asalariado e homes que queren participar nos coidados, etc.) que foron penalizados por distintos sistemas de castigo e disciplinamento social.

 Debido a que o feminismo recoñece estas asimetrías na sociedade e artella un determinado aparello conceptual para explicalas, acaba xerando a súa propia prognose: a emancipación de xénero. O deber ser, o horizonte moral, ético e estético da sociedade reside na abolición destas estruturas de dominación; e no referido aos nosos sistemas político-xurídicos: no recoñecemento da diferencia como paso necesario para encher de contido os dereitos políticos de toda a cidadanía, independentemente das arbitrariedades materiais vencelladas aos mandatos de xénero.

 Lembremos, mandatos de xénero, non destinos biolóxicos. Se se pensa en termos de predestinación biolóxica, nin sequera poderíamos postular a existencia dunha economía moral na sociedade: non hai ideas de ben, senón formas de facer naturais, necesarias e correspondentes a cada un dos sexos. No caso de que falemos de destinación biolóxica (factor endóxeno), habería que matizar que esta entrelázase con múltiples factores esóxenos  mediante os que desenvolvemos a nosa autopercepción social. As variacións fenotípicas  referidas á sexualidade dunha poboación  prodúcense como resultado da interacción entre o xenotipo e o medio (cultural, social e político), o cal amósanos a ampla adaptabilidade do ser humano, capaz de producir distintas formas de selección sexual. Dende esta última asunción, se unha serie de comportamentos machistas teñen a súa razón de ser relativa no biolóxico, as nosas sociedades poden discutir sobre se estes representan unha situación de inxustiza, sobre se debemos rexernos en base a fins xustos, e sobre que medios establecemos para acadalos. No momento en que podemos rexistrar, percibir, comprender e sentirnos agraviados pola nosa experiencia, eliminamos calquera forma “necesaria” de relacionarnos e abrimos múltiples posibilidades para transformala.  

 Un sistema de dominación pode ser efectivo (capaz de transmitirse interxeracionalmente) independentemente de que non o consideremos ético, pero a súa reprodución non dependerá dunha condición biolóxica necesaria, senón de se é capaz de disciplinar adecuadamente aos seus membros mediante unha estrutura de incentivos e castigos na que se premia o cumprimento e se castiga a desviación dunha serie de mandatos de xénero. A razón biolóxica non resposta adecuadamente á cuestión de como organizamos un sistema xusto, así que se o pensamento reaccionario emprega estes paradigmas para defender unha forma social ou política concreta, con toda seguridade están a incorrer nunha falacia naturalista. A bioloxía non é un dominio que unifique o real: o feito biolóxico é algo que necesariamente existe, pero a observación dunha determinada conducta entre homes e mulleres non é equiparable aos significados da mesma.

Non “es la biología, amigo”

 Como conclusión, gustaríanos realizar unha pequena reflexión sobre a interrelación entre o feito biolóxico e o cultural. O ser humano, en tanto que é un ser constituído sobre unha base biolóxica, ten unha serie de características que proveñen da súa evolución; simultaneamente a este feito, o ser humano é un ser lingüístico capaz de reflexionar sobre as súas prácticas, o cal amosa a súa elevación respecto da determinación biolóxica e intuitiva. Deste modo, o factor biolóxico constitúe unha predisposición potencialmente desenvolvible nun determinado sentido, que dependerá do entrecruzamento con todo o campo discursivo aberto pola socialización. Polo tanto, a concreción ou materialización desta potencia nunha serie de actos dependerá desta relación, o que producirá nos distintos contextos sociais manifestacións de moi distinto signo (tanto no cualitativo como no cuantitativo).

 Nun segundo orde discursivo, entendemos que a contrargumentación a este paradigma bioloxicista debe ir más alá dun etnocentrismo que entenda unilateralmente os “comportamentos humanos naturais”. As organizacións políticas das sociedades teñen exercido unha influencia notoria nas costumes sociais (matrimonio, sociedades monógamas e polígamas), producindo moi distintas formas de convivencia, mesmo dentro dun mesmo contexto histórico. A observación de especies animais próximas non debe confundir o xuízo sobre as formacións sociais nas que convive o ser humano.

 Por último gustaríanos mencionar o sesgo científico introducido pola existencia de sociedades patriarcais e androcéntricas, nas cales as mulleres teñen sido un sector subalterno, tamén á hora de constituírse como obxecto de estudo (por exemplo na avaliación dos efectos secundarios da medicación). Os avances  científicos foron (s. XIX-XX), e aínda seguen sendo o sustento de teses racistas, clasistas e machistas. Debemos entender a limitación dos efectos no comportamento por parte do compoñente biolóxico, tanto no seu eido relacional con outros factores endóxenos, como na súa evolución esóxena. Isto significa que o combate a este paradigma esencialista non pode prescindir de todo o enclave conceptual feminista, capacitada para rebater a suposta unilateralidade do biolóxico na explicación do comportamento humano, e concretamente: na explicación do orixe das desigualdades entre os xéneros.

 Pensamos que este artigo de opinión constitúe unha posición de combate, práctica para pelexar e dar a batalla mediante ideas que consideramos operativas no día a día. E é que o paradigma bioloxicista, esencialismo biolóxico ou determinismo biolóxico tense amosado como fundamento de moitos dos discursos e imaxes producidas polos reaccionarios para a súa ofensiva contra a loita feminista. Nós somos conscientes de que esta visión do biolóxico é dobremente polémica na actualidade: por un lado, dende o xiro lingüístico producido dende finais do século XX e a proliferación dun construtivismo radical contrario aos esencialismos (de clase, raza, nación, sexo) pódese interpretar que o recoñecemento da influencia do factor biolóxico supón unha “lexitimación” dos argumentos deterministas e unilaterais deste factor. Neste sentido, pensamos que a integración das diversas achegas procedentes de ámbitos como a primatoloxía, a xenética humana, a neurociencia ou a antropoloxía simbólica permítenos encadrar o feito biolóxico nun sentido non determinista, ao mesmo tempo que se lle recoñece un ángulo oculto;  por outro lado, a contrargumentación contraria ao bioloxicismo dende un construtivismo realista que recoñece o elemento biolóxico, fai que as posicións deterministas sexan receosas coa “limitación” dos supostos efectos do “biolóxico”. Sobre este aspecto pensamos que o “feito biolóxico” non é algo inmutable e que o estado de natureza non é unha orde “necesaria” nin “boa”, posto que a nosa capacidade lingüística permítenos configurar unha racionalidade que de ningún modo é meramente intuitiva.

 As ideas e imaxes propostas por este paradigma son difíciles de rastrear, en tanto que representa un sentido sedimentado durante moitos séculos e está instaurado en moitas das concepcións mentais do mundo. As prácticas instauradas dende a dominación masculina teñen xeralizado unha forma de desexo e impulso que observamos no día a día, e que lonxe de atopalas nunha explicación exclusivamente evolutiva, temos que buscalas nunha amalgama de referentes políticos, sociais e culturais que están a dar a batalla contra o feminismo.

 Baixo o noso xuízo, cando nas discusións con estes referentes se confunden o dominio normativo co explicativo, prodúcese unha forma errónea de replicar. Non basta coa reacción dende o ámbito da eticidade (do bo/malo e do belo/feo), que en tanto necesaria configuradora das nosas disposicións, é por si mesma insuficiente para forxar as conviccións do feminismo. A reacción dende a beleza das nosas ideas é necesaria, pero o noso abandono a este terreo produce unha derradeira esterilidade tanto no terreo político como no intelectual. É moito máis atractivo baixarse ao lodo: contrarrestar a súa errada teoría explicativa, que pretendidamente “científica” en tanto que recorre ás Ciencias Naturais, non deixa de incorrer nunha serie de sesgos interpretativos. O paradigma bioloxicista é erróneo nas súas interpretacións e inferior normativamente, así que mentres teñamos a certeza de que podemos respirar, baixémonos ao lodo. 


[1]  Un dos acontecementos machistas que crispou á totalidade do movemento foi o caso da violación grupal en Plamplona, onde o proceso xudicial foi entendido como inxusto. Unha parte da militancia feminista recoñecese moi distanciada da xustiza española, aumentando a desconfianza perante a xustiza e chegando a orixinarse diversas formas de punitivismo  sobre os casos de violencia machista. Irene Otal (2018) condensa este fenómeno no seguinte parágrafo:

 “En efecto, estamos asistiendo a un repunte social de posturas centradas en ensalzar ese discurso punitivista que interpreta como triunfos y entiende como motivo de celebración la obtención de la máxima condena posible medida en años de privación de libertad para quien o quienes hubieran cometido cualquier delito –en este caso, frente a las agresiones machistas–. A lo largo de los últimos días hemos visto peticiones explícitas de penas de prisión casi perpetúas hacia estos sujetos, llamamientos a linchamientos colectivos, circulación de información concerniente a su esfera más íntima y personal, tentativas de entrevistas a pie de calle por parte de periodistas de programas de televisión de la “prensa rosa” acerca de detalles jurídicos del caso, etc. De esta forma, la crítica que desde algunos sectores feministas venimos realizando sistemáticamente al poder judicial en su conjunto está siendo consciente y deliberadamente desplazada por otras centradas en la responsabilidad penal y condena social hacia el agresor concreto”.

[2]  No conxunto da opinión pública tense debatido acerca da importancia simbólica que posúe o feito de ter a mulleres na primeira liña da política (alcaldesas, ministras, presidentas…). Tamén se debateu sobre a utilización do xénero feminino destas persoas para vender unha imaxe necesariamente disociada das políticas públicas que realizan (García, Alabao y Pérez; 2018), de modo que se asistiría a un exercicio de corrección política (“política-espectáculo) polo cal se limitan as incipientes demandas populares.

[3]  Sobre as posibles derivacións punitivistas desta forza existe un abundante material. A nós pareceunos esclarecedor o artigo de Cristina Vega Reflexiones sobre impunidad, punitivismo y justicia en los movimientos feministas (2019) no cal discirne os principais marcos de abordaxe do fenómeno: 1) o marco clásico referido ao punitivismo patriarcal e conservador, que aproveita os movementos de protesta feminista para aumentar e endurecer as penas (reforzando o castigo e desconsiderando a prevención e reinserción) e deslexitima ao conxunto do movemento; 2) o marco asociado a un comportamento desconfiado por parte do espazo progresista cara os testimonios de violencia machista (considerados unha lóxica “forza punitiva”); e o 3) referido ao ataque contra a “ideoloxía de xénero” por parte de forzas ultraconservadoras e fundamentalistas, que negan o enteiro anclaxe conceptual do feminismo.

[4]  O movemento feminista sitúase entre as correntes racionais e transformadoras da sociedade civil, asume un contido xusto e desexable, e ademais é competente na dirección do cambio político na sociedade española. Traslademos a cuestión ao caso español: ¿Qué relación gardan os partidos conservadores (PP e VOX) e Ciudadanos? Este último apostou polo emprego do concepto de “feminismo liberal”. Quizais VOX sexa o que máis se desmarca desta ecuación, pero digamos que tanto o PP (en menor medida) como C´s gardan unha relación ambigua co actual movemento feminista. Sobre todo no último caso, da a sensación de que entende a posibilidade de que existan feminismos máis alá dos contidos no movemento dos últimos anos. Mediante esa lectura diferencian algúns feminismos como ameazantes, e outros tantos como defendibles, obtendo entón a posibilidade de disputar a hexemonía no movemento e de ofrecer unha axenda propia, por exemplo, co discurso da “liberdade de elección” e a defensa da maternidade subrogada (06:12-07:48).

[5]  Iglesias Julios di que:

 “Desde el punto de vista reproductivo, sabemos que hay dos sexos: uno genera gametos grandes, inmóviles (relativamente costosos), y el otro produce gametos pequeños, rápidos (más «baratos» para el metabolismo). En muchas especies, el sexo de los gametos «caros» se ocupa de otros aspectos «costosos», como cruzar el océano para enterrar huevos, transportar a la descendencia en la espalda para que acabe devorándolo, o dar de mamar a la cría a las tres de la mañana.

Gracias a Robert Trivers sabemos que el sexo que tiene más gastos es más selectivo al elegir pareja, y esto suele generar una competencia más intensa en el otro sexo.

 […] Somos una especie típica desde las neuronas, los embriones y el corazón hasta las cuestiones relacionadas con los mecanismos que llevan a cada individuo a ser un reproductor eficaz. Los mecanismos subyacentes que guían las decisiones al buscar pareja están sometidos a una fuerte presión de selección. […] es lógico que la diferencia en el coste reproductivo (mayor para la mujer) haya conducido a que esos mecanismos sean distintos en los sexos, afectando qué es preferible elegir y cómo conseguir ser elegido. Gracias al trabajo de investigadores —como David Buss y Anne Campbell— sabemos que aún son parte importante de nosotros las estrategias reproductivas llevadas a cabo por nuestros predecesores […].

[6]  Este proceso ven acompañado dun progresivo cambio no estatus relacionado á división do traballo.

[7]  Neste caso, o termo “individuo” refírese á aparición do suxeito como novo marco de referencia a partires do Renacemento, e que culmina coa Ilustración.

[8]  En Jot Down, no artigo biología e igualdad de género ,Iglesias Juliosreflexiona sobre a necesidade dunha lexislación que atenda ás diferencias entre ambos factores. Se non se discirne as causas dos comportamentos machistas farase moi complicado evitar as frecuentes violencias: “Ignorar las diferencias dificulta la comprensión sobre su origen y los métodos para minimizarlas”.

[9]  Sintetizamos algunas das ideas aportadas por Richter-Boix a través da lectura de The genetic legacy of the Mongols: 1) O guerreiro mongol tivo na superioridade militar e as conquistas bélicas un claro factor determinante nas súas posibilidades sexuais: “no sólo consiguió unificar a las tribus nómadas mongolas sino que edificó el imperio contiguo más extenso de la historia. Durante su vida tuvo 36 esposas, hoy se le considera uno de los 10 hombres más fértiles de la historia” que dende o seu legado xenético se constata que “existen 16 millones de hombres en el mundo” coa “misma línea de cromosoma Y” (0,5 % del total mundial e 8% nos antigos territorios do Imperio Mongol); 2) o éxito reproductivo deste linaxe débese a un éxito reprodutivo interxeracional: “una propagación tan rápida fue fruto de la selección. Una variante de la selección natural, que denominaron “selección social”; 3) No Imperio Mongol, ao igual que moitas Monarquías mediavais, a pertenza á familia era “condición necesaria” para o acceso ao exercicio de poder. Como “símbolo de prestixio”, os diferentes gobernantes territoriais eran descendentes de Kan.

[10]  O diálogo entre Iglesias e Palop sobre o dereito parécenos moi oportuno. Na entrevista Palop aborda o uso alternativo do dereito ou dereito alternativo ,comentando qué saídas pode ter o dereito en relación coa xustiza social.

[11]  Clara Ramas (2018) parte, dende unha fundamentación Kantiana, desta aparente contradición entre a realidade social e a xustiza en ¿Es el feminismo la “destrucción del derecho”? Sobre normas y universales. A hipótese defendida pola autora é que o feminismo non implica a destrución do dereito en tanto que as nocións de “imparcialidade” e “neutralidade” que lle son propias, deben partir dende “o recoñecemento xurídico das diferencias de xénero que articulan a sociedade” como condición de posibilidade dunha orde xusta.

 Un posible nexo de unión entre a forza punitiva/impugnadora do feminismo e o punitivismo social aparece na “defensa” dos movementos reaccionarios da “imparcialidade” e “neutralidade” do Dereito. Este nexo aparece, no caso do primeiro, como unha formación patriarcal indiferente perante as diferencias de xénero, e no caso do segundo, como unha formación na que as garantías do proceso xudicial son a condición de imposibilidade dun ditame xusto. Se a realidade social caracterizase pola desigualdade de xénero, e a xustiza debe ser imparcial e neutral .

[12]  O modelo de sociedade feminista é preferible tanto para mulleres como para homes. O modelo patriarcal, “ademais de victimizar e xerar mortes, asasinatos, violencia, violacións e agresións contra as mulleres, tamén xera unha serie de carencias a nivel social: o desprestixio do traballo de coidados, a exacerbación do proceso produtivo só centrado no traballo asalariado, as relación entre xéneros totalmente tóxicas e insáns, unha falta de implicación dos homes na súa vida familiar” (07:48-10:16).

Bibliografía

Balaresque, P., Poulet, N., Cussat-Blanc, S., Gerard, P., Quintana-Murci, L., Heyer, E. & Mark, A (2015), “Y-chromosome descent clusters and male differential reproductive success: young lineage expansions dominate Asian pastoral nomadic populations”, European Journal of Human Genetics, nº23, 1413–1422.

Buss, D.M. (2014), “Evolutionary Psychology: The New Science of the Mind”, Psychology Press.

  • (2015), “The Handbook of Evolutionary Psychology, 2 Volume Set”, Wiley editorial.

Domínguez, M. (2004). El origen de la atracción sexual humana. Madrid: Akal.

García, B., Alabao, N., y Pérez, M. (2018), “Huelga feminista en España”, New Left Review, nº 110, pp. 39-43.

Geertz, C. (2004), “La interpretación de las culturas”, Gedisa Editorial.

Iglesias, M. (2017), “Biología e igualdad de género”, Jot Down, 22 de outubro. Dispoñible en: https://www.jotdown.es/2017/10/biologia-e-igualdad-de-genero/ [consulta: 23 de febreiro de 2020].

Ramas, C. (2018), “¿Es el feminismo la `destrucción del derecho´? Sobre normas y universales”, CTXT, 16 de decembro. Disponible en: https://ctxt.es/es/20181212/Firmas/23452/Clara-Ramas-tribuna-derecho-mujeres-vox-desigualdad-reconocimiento.htm [consulta: 23 de febreiro de 2020].

Strathern, M. (1979). Una perspectiva antropológica. En O. Harris y K. Young (comp.) Antropología y Feminismo (133-152). Barcelona: Anagrama.

Vega, C. (2018), “Reflexiones sobre impunidad, punitivismo y justicia en los feminismos en movimiento”, Sin Permiso, 12 de xaneiro. Disponible en: http://www.sinpermiso.info/textos/reflexiones-sobre-impunidad-punitivismo-y-justicia-en-los-feminismos-en-movimiento#_ftn1 [consulta: 23 de febreiro de 2020].

VV.AA (2003), “The genetic legacy of the Mongols”, American Journal of Human Genetics, nº 72, 21-717.

Material audiovisual

A Xanela Audiovisual (2018): A Xanela: entrevista a Clara Ramas [vídeo online], dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=4upVrMzxtQE&list=PLugsZmFUE-J52GumYft20f-J3MVMDAf7_&index=2&t=787s [consulta: 23 de febreiro de 2020].

– (2019): A Xanela: Entrevista Amelia Tiganus, [vídeo online], dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=XUHEBZuk2_s&list=PLugsZmFUE-J52GumYft20f-J3MVMDAf7_&index=6&t=5s [consulta: 23 de febreiro de 2020].

La Tuerka (2017): Otra Vuelta de Tuerka – Pablo Iglesias con María Eugenia Rodríguez Palop (programa completo), [vídeo online], Disponible en: https://www.youtube.com/watch?v=dowY88H2vvY&list=PLugsZmFUE-J6t6wuA-tBtKtmDbI0i5pRt&index=28&t=0s [consulta: 23 de febreiro de 2020].

Malas Feministas (2020): DEBATES ENCENDIDOS #1 CLARA SERRA vs UTBH,dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=06K24qHVqjQ [consulta: 23 de febreiro de 2020].

Sobre os autores

Nicolás Filgueiras González. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola  Universidade de Santiago de Compostela (USC). Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente polo campo da teoría política.

Raúl García Amoedo. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Actualmente cursa o grao  de Antropoloxía Social e Cultural na Universidade de Granada (UGR).

Rubén Méndez Alonso. Estudante de Bioloxía pola Universidade de Vigo (UVigo).

0 comments on “Contra o bioloxicismo

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: