Sociedade

Ao rescate da universidade pública

Vou paseando pola rúa, cos cascos postos, de camiño a clase. Entro no campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, onde se atopa a Facultade de Educación na que estudo o mestrado. Paso por diante da Biblioteca Concepción Arenal (máis coñecida como “A Conchi”) e, ao lado, vexo un posto publicitario de Amazon. O primeiro que penso é que non debería estar permitido que as empresas privadas capten consumidores no espazo estudantil. Unha das rapazas párame, pregúntame se me gustaría ter Amazon Prime de balde durante tres meses por ser universitaria. Merda, xa volvín a vender a miña alma ao diaño.

Cando non é Amazon, é Cocacola regalando o seu último produto aos inocentes universitarios, ou calquera outra multinacional. O peor é que xa non nos resulta estraño: a intrusión das empresas no Campus é o noso día a día. Se nin sequera denunciamos un feito tan manifesto, non nos sorprenderá que tampouco se cuestionen outras formas, algunhas incriblemente sutís, que ten o sistema neoliberal de colarse na nosa educación e, por conseguinte, nas nosas consciencias. Vexamos, a continuación, uns poucos exemplos circunscritos á universidade.

O primeiro dos exemplos que quero mencionar é o modo en que os bancos pasaron a formar parte da lóxica organizativa das universidades públicas. Como quen non quere a cousa, un día reparas en que para obter a tarxeta estudantil da Universidade de Santiago “precisas ter unha conta no Santander”. Á outra semana, chega un e-mail da Universidade de A Coruña coa boa nova de que recibiches un premio -vaia, a letra pequena di que tamén precisas a conta do Santander para o ingreso da contía-. Non pasa nada, pensas, se total xa a tes dende hai séculos por aquela outra xestión académica.

Outro caso é a progresiva privatización da educación universitaria. Un momento clave do proceso foi a instauración do plan Boloña que, coa redución dos graos a catro anos, o único que conseguiu foi que o quinto ano das licenciaturas agora se chame mestrado e sexa de pago (alcanzando, moitas veces, cifras estratosféricas). Na práctica, a súa “obrigatoriedade” sigue intacta.  

Con todo, a universidade pública galega semellaba gozar dunha preeminencia dificilmente cuestionable. Ata que, nun triste día, les na prensa que Abanca vai crear a primeira universidade privada galega co beneplácito da Xunta de Galicia. Aquí si que che entra o cabreo: non chega con ter tres universidades públicas en Galicia, algunha que outra en números vermellos e caendo a anacos (e se non que lles pregunten aos que estudan Farmacia na USC), que a prioridade agora é ter unha cuarta e, por riba, privada? O peor é ler nos medios que servirá para “enriquecer e mellorar o sistema universitario galego”. Enriquecer e melloralo para quen? Para as que xa nos custa pagar as elevadas matrículas e taxas da universidade pública, seguro que non.

En relación a isto, recordo unha anécdota que me aconteceu en Santa Fe (Arxentina), onde estudei un curso do grao a través dun programa de convenio bilateral. Estaba a comentarlles ás miñas compañeiras de Socioloxía as diferencias que percibía entre os sistemas universitarios español e arxentino, de forma que, cando eloxiei a universidade do seu país por ser completamente gratuíta, elas me responderon: “o raro, máis ben, é que vós teñades que pagar pola universidade pública”. Nese momento, quedei pensativa pero non lle din demasiada importancia. Máis tarde repararía no transfondo das súas palabras. Pero, da mesma forma que normalizamos a presenza dos bancos na universidade, non cuestionamos o feito de pagar pola nosa educación e, con isto, gañou o neoliberalismo e perdemos nós. Como dicía Gramsci: “cando a clase dominada asume a ideoloxía da clase dominante, non se precisan exércitos de ocupación, porque a ocupación xa conquistou as nosas almas”.

E esta cita lévame á forma máis sutil e efectiva que ten o sistema capitalista de colonizar as nosas consciencias: a transmisión de valores neoliberais a través da educación, que comeza nos primeiros anos da educación obrigatoria e continúa ao longo de todo o itinerario educativo. Progresivamente, vaise incorporando un sistema de avaliación extremadamente competitivo e meritocrático. As cualificacións convértense na única medida da túa valía e, se fracasas, é sempre a “túa responsabilidade”, a “túa culpa”. Pouco a pouco, vas interiorizando que precisas ser máis autoesixente e produtiva para ser valorada e querida, para non ser menos que ninguén. O sistema de castigo-recompensa é tan efectivo que, nun determinado momento, convértese no único que che importa, relegándose a un segundo lugar a curiosidade e o amor pola aprendizaxe.

Na universidade a cousa segue igual. Algúns profesores quéixanse da incapacidade do alumnado de traballar en equipo. Pero, pregúntaste, como imos saber cooperar se o único que nos ensinaron foi a competir? Por outra banda, acumúlanse os traballos e exames, e a presión é tan elevada (e se non que lle pregunten ao estudantado de Mediciña da USC), que pensas varias veces ao ano en tirar a toalla. Algúns de nós non podemos quitarnos de enriba o pensamento de que, de non aprobar, haberá que devolver a bolsa, e a familia non ten como pagala. E despois hai quen se sorprende de que a saúde mental dos estudantes universitarios brille pola súa ausencia…Lamentablemente, o problema non só está presente entre o alumnado, senón que tamén se estende aos mestres e mestras universitarios. Basta con ver a faciana dalgúns profesores e becarios, despois de horas e horas de docencia e investigación. Cóntanche que, inda por riba de cobrar unha miseria, viven nunha constante presión por publicar o máximo posible en revistas de alto impacto; así como nunha persistente incerteza sobre o seu futuro, moitas veces vendo denegada a financiación necesaria para levar adiante os seus proxectos. Porque, como xa sabemos de sobra, a investigación científica non é unha prioridade neste país. Pero, aínda que cada día sexa máis complicado, elas e eles seguen aí, ao pé do canón, loitando por xerar coñecemento que nos faga progresar como sociedade.

Ademais destes exemplos, poderiamos atopar outros moitos referidos tanto a educación obrigatoria como pos-obrigatoria. Se ben o sistema non desestima -nin desestimará- en esforzos para conquistar o sistema educativo cos valores neoliberais, debemos e podemos, coa implicación da sociedade e das institucións, facer da educación a nosa trincheira de equidade, tolerancia, pensamento crítico e xustiza social. Mais, para conseguilo, é preciso deter o desenfreado proceso de privatización, en todos os niveis educativos, e defender o único que é verdadeiramente noso: a educación pública. A prioridade debe ser dotar de recursos suficientes ás nosas escolas, universidades e outros espazos educativos, mellorar a situación laboral dos mestres e mestras e impulsar mediante financiación pública a investigación. Isto si que axudaría a “enriquecer e mellorar” o sistema educativo, e non a creación dunha universidade de Abanca, á que exclusivamente poden acceder uns poucos privilexiados.

En oposición á privada, o obxecto da universidade pública debe ser garantir as mesmas  oportunidades de acceso á educación superior para todas e todos. Nesta dirección, gustaríame rematar facendo fincapé na importancia do sistema de bolsas universitarias. Nos últimos anos, fíxose un agresivo recorte nas bolsas do Ministerio agochado tras un aumento dos requisitos académicos. Este feito ocasionou que moitas persoas quedaran sen a capacidade de poder pagar os seus estudos e abandonasen a universidade. Para evitar máis perdas, precisamos máis bolsas, menos requisitos, e atención prioritaria á cuestión da renda.

Non está de máis recordar, hoxe, no día da educación, que a educación é un dereito fundamental, non un privilexio. Non o digo eu, dino a Organización das Nacións Unidas e a nosa Constitución.

Porque a educación é o pilar fundamental para construír a sociedade que queremos, loitemos por ela. Pola educación pública.

SOBRE A AUTORA

Raquel Vidal Blanco, socióloga e estudante do mestrado de Investigación en Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Defensora da educación pública. Integrante da área de Mocidade de Podemos Galicia.

0 comments on “Ao rescate da universidade pública

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: