Sociedade

Barça-Madrid, unha rivalidade máis alá dos goles

O deporte é unha actividade con grandes dotes para a representación de expresións políticas e sociais, trasladando a un terreo empírico identidades colectivas. Os deportistas encarnan unha comunidade e represéntana mediante o enfrontamento cun adversario, dotados de simboloxía, de himnos, dunha historia.

Dentro do mundo do deporte, o fútbol é, con diferencia, o máis seguido e practicado en case a totalidade do continente europeo, en América Latina, en África e en boa parte de Asia. A facilidade coa que se pode practicar e o longo percorrido do que goza convérteno nun deporte interclasista e de masas, e polo tanto, nun gran instrumento de representación de identidades e valores políticos. Neste senso Ramón Llopis (2006) apunta que o fútbol se enmarca na categoría de fenómeno ritual, en tanto que se atopa dotaba dunha dimensión colectiva, pois ao redor do mesmo agrúpanse unha serie de individuos con vínculos comúns, unha espazo-territorial, e tamén unha visión metafórica e simbólica, reproducindo unha loita identitaria ao actuar os equipos como axentes que representan cidades, rexións ou nacións, acentuando vellas pugnas e creando novos conflitos en relación ao contexto.

Seguindo estes postulados, a potencialidade para a creación e defensa de identidades e valores de dous dos equipos máis laureados da historia, o FC Barcelona e o Real Madrid, resulta evidente. Dende a súa orixe a rivalidade destes dous equipos estivo marcada pola representación de intereses e ideais diferentes e enfrontadas, unha inimizade detrás da que se agocha parte da historia da España contemporánea: unha pugna centro-periferia, unha disputa pola hexemonía do deporte rei entre as dúas cidades por excelencia do Estado, e incluso unha pelexa en defensa duns principios políticos.

Barcelona-Madrid, Madrid-Barcelona, unha das rivalidades máis destacadas no mundo do fútbol, pero tamén fora do terreo de xogo, unha historia de adversarios eternos alén dos goles, que para entender resulta preciso remontarse as aparicións de ambos clubs.

O fútbol e as identidades locais e rexionais

O fútbol é un deporte de orixe británico, que ó longo do século XIX se foi estendendo por Europa e Latinoamérica, coa expansión dos valores económicos e culturais anglosaxóns, en detrimento da ximnasia prusiana. A España chegou no último cuarto de século dende diversas frontes: a colonia inglesa das minas de Río Tinto, Huelva, polo sur, Madrid, no centro, Barcelona polo leste, o País Vasco, polo norte, e Galicia polo oeste, aínda que será na segunda década do século XX cando se popularice e os campos de fútbol se convertan nun concorrido espazo de ocio (Domínguez, 2009).

Nos seus comezos, a práctica deste deporte organizábase en competicións rexionais, nas que se enfrontaban agrupacións de próximas localidades urbanas, debendo agardar ata finais 1928 para a creación da primeira Liga nacional, cando ó ser recoñecido como profesional o oficio de futbolista os mozos de clases populares poden continuar a súa práctica alén do ocio. Ademais, en consonancia con estes feitos, non só os medios tradicionais dan cobertura ó fútbol, senón que tamén aparece unha prensa de carácter propiamente deportivo, o que contribúe a que o fútbol se estenda a case todas as esferas da sociedade civil (Sanz, 2012).

Pois ben, ao encadrarse inicialmente o fútbol nos ámbitos locais e rexionais, os equipos convértense en símbolos representantes destes espazos. Un dos casos máis importantes é o Football Club Barcelona, club fundado polo suízo Hans Gamper no 1899 -e formado inicialmente sobre todo por estranxeiros- que se alzou dende moi cedo coma un símbolo da urbe barcelonesa, como así o reflexaba o seu primeiro escudo, o mesmo que o da propia cidade condal. Tamén se alzará como unha entidade vinculada ó catalanismo, apoiando a campaña proautonomía que promulgou a Lliga Regionalista de 1919, adoptando o catalán como idioma oficial e facendo ondear a señera no seu estadio, Les Corts, inaugurado en 1922(Alcaide, 2009).

Mentres, no centro da meseta nacía en 1902 o Madrid Foot ball Club da man de círculos de pequenos empresarios, funcionarios civís e militares, club que semella estar vinculado dende as súas orixes cun sentimento patriótico español, lucindo no seu uniforme un cinto coas cores da bandeira española. En 1920 o equipo pasará a denominarse Real Madrid ao obter o título da realeza por orde de Alfonso XIII, nomeado presidente de honra do club, feito que xunto coa súa proxección deportiva no estranxeiro, onde o equipo realizara xa moitas visitas, provoca o achegamento de círculos empresariais e parte da elite da capital, así como a proximidade da institución aos valores patrióticos da España da época.

En consecuencia, serán estes quen financien o seu primeiro estadio, Chamartín, durante a Ditadura de Primo de Rivera (González, 2014), período no que o Réxime prohibe todo tipo de expresións de índole rexionalista, entre as que se incluía un crecente catalanismo, moi representado no FC Barcelona. Precisamente estas medidas provocarían unha reacción que poñía de manifesto o significado que englobaba a entidade azulgrana, que se converte nunha vía de protesta contra as medidas homoxeneizadoras e centralizadoras do Estado: as bandeiras do equipo culé son usadas como sucedáneas das prohibidas senyeras, e os seus eventos escenifican protestas como os apupos ao himno español durante un partido en Les Corts en 1925 (Alcaide, 2009).

Así as cousas, o Campionato de España de 1916 foi a proba do comezo dunha rivalidade futbolística pero tamén política, nun contexto de crecente roce entre os nacionalismos periféricos e o estatal. Ambos conxuntos se viron as caras nunha semifinal que acabou en empate (non existía aínda o dobre valor dos goles en campo contrario), debendo resolverse a eliminatoria con dous novos enfrontamentos, que acabaría cunha intensa polémica tras o definitivo 4-2 dos merengues, moi protestado polo FC Barcelona, que coa convicción de que estaban a ser intencionadamente prexudicados polo árbitro decidiron retirarse. Entón, o Real Madrid acadou o pase a unha final celebrada en Barcelona, no que a hostilidade cara os brancos sería o elemento central do partido. En definitiva, ese ano plantouse a semente dunha rivalidade centenaria no campo e fora del (González, E. 2014, p. 281).

Coa chegada da II República, o FC Barcelona apoiará o Estatut de Nuria, manténdose ligado ó catalanismo, o que lle valerá medidas represivas xa co estalido da Guerra Civil, como o asasinato a mans das tropas franquistas do seu presidente, o deputado en Cortes por Esquerra Republicana de Catalunya Josep Sunyol y Arriaga (Fernández, 1990). Ó tempo, o Real Madrid -como o resto de clubs- perderá o título de Real durante o período republicano, mais continuará vinculado a elite económica madrileña, sobre todo da man do seu presidente, Rafael Sánchez-Guerra, secretario xeneral da Presidencia da República. Xa co estalido da Guerra Civil o equipo infiltrou algún dos seus membros no Comité de Incautación para tratar de preservar na medida do posible o seu patrimonio (González, 2014).

O franquismo, unha etapa de control autoritario do fútbol

Tras a vitoria na Guerra Civil, instaurouse en España o franquismo, un réxime autoritario que controlou estritamente todos os ámbitos sociais, políticos e culturais, incluídos os espazos de ocio, entre os que o fútbol era xa un fenómeno de masas. Deste xeito, os organismos deportivos foron supeditados a Delegación Nacional de Deportes, creada en febreiro de 1941, dependente da Secretaría General del Movimiento, de modo que tanto o Consello Nacional de Deportes como a Real Federación Española de Fútbol correron a cargo de militares, o xeneral José Moscardó e o tenente coronel Julián Troncoso, respectivamente.

Así mesmo, na tentativa de rexer o fútbol en base aos principios do Réxime, as directivas dos clubs deberían contar con mínimo dous cargos do partido único, FET Española y de las JONS, o nomeamento dos presidentes sería tarefa das autoridades franquistas, o Colexio Nacional de Árbitros sufriu unha ampla depuración, a terminoloxía futbolística castelanizouse, trocando os nomes das entidades: Fútbol Club Barcelona (Football Club Barcelona), Atlético Club de Bilbao (Athlétic Club de Bilbao), Deportivo Gijón (Sporting de Gijón),  Real Sociedad (Donostia FC), etc;  o idioma oficial de todos os clubs pasou a ser o castelán, a Copa de España trocou a súa denominación por Copa del Xeneralísimo, e o protocolo inicial de todos os partidos incluía a obrigatoriedade por parte dos futbolistas de cantar o Cara al Sol co brazo en alto (Fernández, 1990); (Shaw, 1987).

Baixo estas circunstancias, o franquismo non só someterá a práctica do fútbol profesional aos seus ditames, senón que tamén o instrumentalizará como vehículo de integración nacional e ferramenta propagandística, avivando os valores do seu nacionalismo católico decimonónico a través da selección nacional, pero tamén mediante determinados clubs. Con este fin serán de especial relevancia os medios de comunicación, canle a través da que o deporte rei se estendera entre a sociedade; en consecuencia, a Subsecretaría de Prensa y Propaganda, baixo a tutela da Delegación Nacional de Prensa y Propaganda de FET y de las JONS, orientará e censurará a información futbolística, sobre todo a través do Diario Marca, nacido en pleno 1938 e vinculado a Falanxe, e os informativos NODO (Santacana, 2011).

Así as cousas, inicialmente sería o Atlético Aviación, club creado da man Exército do Aire, quen gañaría as primeiras competicións nacionais do período franquista, axudado polas facilidades do Estado, converténdose nun equipo con claros vínculos co Réxime.  Este club, entre outras cousas, serviríalle ao franquismo para fraternizar lazos coa Italia de Benito Mussolini mediante a disputa dun partido contra o seu club irmán italiano, o Aviación Italiana, no ano 1942, nun encontro marcado pola presenza de altos mandos de ambos países. Sen embargo, no 1947 o club torna o nome -Club Atlético de Madrid- e desvincúlase formalmente do Exército do Aire, escenario no que un novo equipo pasará a ser o instrumento futbolístico do Réxime, o Real Madrid Club de Fútbol.

Real Madrid, embaixador da España franquista

O equipo branco, que vivira unha pobre década dos anos corenta, con poucos medios económicos en comparación con Atlético Aviación, FC Barcelona ou Atlético de Bilbao, trocou a súa historia coa chegada de Santiago Bernabéu a súa presidencia no ano 1943. Ex- xogador do club, parte voluntaria do bando sublevado durante a Guerra Civil, e íntimo amigo de Agustín Muñoz Grandes, xefe da División azul na fronte rusa en 1941, entre outros, unha figura próxima ás esferas de poder do Estado, que recibiu constantes gabanzas dos mesmo, ás que recompensou, entre outras cousas, co nomeamento do gobernador militar da cidade como presidente honorario do club. En efecto, Santiago Bernabéu foi unha ponte entre o equipo e a elite política franquista.

Así as cousas, na década dos anos cincuenta o Real Madrid consolidouse economicamente coa construción do seu novo estadio, que adoptou o nome do seu presidente, o que continuou cos triunfos deportivos: campión da Copa de Europa, cinco veces sen interrupción, dende 1955 a 1960, e catro campionatos de liga, logrando outros oito na década seguinte.

Estes éxitos permitíronlle ó Estado amosar unha imaxe triunfal do fútbol español, vinculando as vitorias madridistas como propias, e explicando os seus continuos triunfos pola defensa dos valores do estilo de xogo nacional, a Furia española, un termo que dende os anos vinte se viña utilizando es España para aludir aos atributos da valentía, a coraxe, o afán gañador  e o patriotismo dos españois, e que en realidade tiña a súa orixe nun cualificativo co que a prensa internacional se referira a brutalidade e ó xogo duro do combinado nacional español nos Xogos Olímpicos de Amberes de 1920 (Fernández, 1990); (Quiroga , 2014).

Crónica do Real Madrid-Stade de Rennes na final Copa de Europa de 1956

Pois ben, os recoñecementos ao Real Madrid sucedéronse en varias ocasións, como a entrega da Orden Imperial del Yugo y las Flechas, e a Gran Cruz y del Mérito Civil ao seu presidente tras o triunfo merengue na Copa de Europa de 1956. Precisamente a partires dese ano o Real Madrid e o Réxime estreitan maiores relacións: altos mandos militares sucédense nas súas xuntas directivas, Franco acude ao Santiago Bernabéu como máximo representante de todos os poderes do Estado, etc.

Por outra banda, o Estado franquista tamén fixo uso de futbolistas do conxunto branco para despregar a súa doutrina. Neste senso, destaca o caso de Alfredo Di Stéfano, histórico xogador que recalou no Real Madrid logo dunha gran polémica acontecida co FC Barcelona (como veremos máis adiante), ao que se lle encomendou a Orden de Isabel La Católica, e no que se personificou cuantiosas veces a imaxe triunfal de España.

En síntese, o Real Madrid representaba así unha peza de propaganda da imaxe triunfal dun país que por aquelas mobilizaba esforzos para poñer fin a autarquía e facerse un oco no plano internacional, acadado coa firma dos tratados militares con Estados Unidos en 1953 e a entrada na ONU en 1955. Esta relación directa entre o club e o goberno ilústrao ben a frase do ministro de Asuntos Exteriores, Fernando María Castiella: El Real Madrid es uno de los mejores embajadores con los que cuenta España. O ministro secretario xeneral do Movemento, José Solís, na mesma liña afirmou. Vosotros habéis hecho mucho más que muchas embajadas desperdigadas por esos pueblos de Dios. (González, 2014, pp. 283-289); (Shaw, 1987, pp. 171-180).

Estes feitos xeraron unha visión que relacionaba ao equipo branco como unha institución non oficial do Réxime, representante dos seus valores. Uns feitos que contribuíron en gran medida a acentuar a rivalidade co FC Barcelona, xa que á magnitude de ambos clubs se lle engadía unha pugna simbólica centro-periferia, e entre os valores liberais e o conservadurismo.

FC Barcelona, inimigo do Réximem só por detrás do comunismo, o anarquismo e o separatismo

En base aos principios do nacionalcatolicismo español, o franquismo perseguiu calquera tipo de expresión das nacionalidades periféricas. Neste senso o FC Barcelona foi unha institución da que o Réxime non apartou a mirada en ningún intre, consciente da carga simbólica que acollía.  E que como afirmou o xornalista Vazquez Montalbán: Cuarto    en    la    lista     de organizaciones que purgar, después de los comunistas, los anarquistas y los separatistas, se hallaba el Fútbol Club Barcelona.

Así pois, non resulta estraño que xa o 3 de xullo de 1939, cando o franquismo daba os seus primeiros pasos, tivera lugar a celebración dun partido entre o equipo catalán e o Athlétic Club de Bilbao -o outro gran obxectivo futbolístico do Réxime, vinculado ao nacionalismo vasco e os seus persoeiros dende o seu nacemento- en Les Corts, marcado polo enxalzamento do nacionalismo franquista, incluída a colocación dun escudo nacional na zona da tribuna, a modo de renuncia dos valores que profesaba o equipo catalán (Fernández , 1990). Nesta liña resultan ilustrativas as seguintes declaracións de Enrique Piñeiro, xeneral e marqués da Mesa de Asta, e presidente do FC Barcelona dende 1940:

Nuestro propósito es asegurar que el Barcelona sea de ahora en adelante un florón más a añadir a la corona de los triunfos del deporte español, y sus colores contribuirán a demostrar hasta qué punto la gloriosa gesta de nuestro invicto Caudillo Franco ha reincorporado al corazón de España, el de tanto buenos españoles nacidos en Cataluña que sólo amor y admiración sienten por los destinos inmortales de nuestra amada Patria[i].

Así as cousas, se ben a rivalidade entre o FC Barcelona e o Real Madrid xa xerminara con anterioridade, as semifinais da Copa del Generalísimo de 1943 representaron un antes e un despois, pois acabarían cunha importante crise de relacións entre ambas institucións, e a consecuente destitución dos seus presidentes (feitos que levarían a Santiago Bernabéu a presidencia do club madrileño). O partido de ida, celebrado en Les Corts, xa deixou patente o significado da eliminatoria, con un hostil recibimento ao club visitante, nun partido que acabaría con vitoria do FC Barcelona por 3-0. Mais a verdadeira polémica reservaríase para o encontro de volta, no que o club branco non só culminaría a remontada, senón que tamén o faría coa maior goleada da historia da competición: 11-1.

Os feitos que rodearon o partido representaron para os culés unha historia de agravio e confirmación da colaboración do Real Madrid coas autoridades franquistas, pois ao hostil recibimento que sufriron os xogadores visitantes uníuselle a visita das autoridades do Consello Nacional de Deportes ao seu vestiario, onde segundo testemuña dos futbolistas tiveron lugar advertencias sobre a imposibilidade de garantirlles a súa seguridade no canto dun resultado favorable, chegando a afirmar: no olvidéis que algunos de vosotros estáis jugando gracias   únicamente   a    la    generosidad    del    régimen,    que    ha    olvidado vuestra falta de patriotismo, en alusión a tres xogadores do FC Barcelona que regresaran do exilio (Fernández , 1990, pp. 154-159).

Para engadir máis tensión a rivalidade entre culés e merengues, a crónica de denuncia sobre os feitos de Juan Antonio Samaranch acabaría por costarlle a retirada do seu carné de xornalista, o que reflectía non só a falta de liberdades da España da época, senón tamén a controversia xerada en torno a este partido (Fernández, 1990). (Quiroga, 2014). Unha historia de rivalidade que volvería a un dos seus puntos álxidos en 1953, a raíz do polémico caso da fichaxe de Alfredo Di Stéfano:

Alfredo Di Stéfano era un xogador arxentino descoñecido para a gran maioría de directivos e adestradores españois na década dos cincuenta. Foi na disputa das Bodas de Ouro do Real Madrid en 1952 cando tanto FC Barcelona como o propio equipo branco se fixaron no futbolista, xogador de CD Millonarios de Colombia, quen posuía a metade dos seus dereitos, correspondendo en teoría o resto ó equipo de orixe de Di Stéfano, Club Atlético River Plate. Isto acontecía porque a FIFA inicialmente non recoñecería a legalidade do torneo colombiano, situación que se solventou mediante o Pacto de Lima, no que se acordou que os xogadores de clubs desta liga pertencerían ós mesmos ata 1954, ano no que os seus clubs de procedencia adquirirían todos os seus dereitos.

Entón, o FC Barcelona avanzaría negociacións con River Plate en maio 1953, o último ano que Di Stéfano podería xogar no país cafeteiro, chegando a firmarse o seu traspaso. En xullo dese ano o Real Madrid desenvolvía a súa propia estratexia, efectuando a compra do ano de contrato que o futbolista aínda tiña con Millonarios. O lío estaba montado, e entre ambolos clubs latinoamericanos sucedéronse diversos telegramas informando das respectivas vendas do xogador, que dende maio se atopaba na cidade condal[ii].

Ante esta tesitura, a FIFA aplicou unha decisión salomónica: Di Stéfano debía xogar as dúas primeiras tempadas no club merengue as seguintes no equipo catalá. O FC Barcelona, considerando que se alterara irregularmente a fichaxe e dicindo sentirse presionado na resolución da FIFA decidiu vender os dereitos federativos que posuía sobre o arxentino ao Real Madrid, a modo de protesta. A partir de entón as versións sobre o acontecido téñense sucedido ato o día de hoxe, con acusacións da prensa catalá da época sobre unha suposta intervención do Estado franquista para frustrar a fichaxe, baseadas nas boas relacións entre a súa elite política e os brancos, unha versión que aínda manteñen os blaugranas a día de hoxe, e que dende a capital española negan rotundamente[iii].

Unha conflito sen resolver que supuxo un sentimento de agravio para o equipo catalá, que viu como a estrela arxentina impulsou o definitivo despegue do Real Madrid, en Europa nos anos cincuenta e no torneo ligueiro na década dos sesenta. Durante eses anos os acontecementos acaecidos entre ambos equipos comezan a alimentar a teoría dun complot arbitral que favorece ao Real Madrid, quedando para o recordo o enfrontamento en cuartos de final da Copa del Generalísimo de 1970, a única vía para que os brancos evitasen a súa ausencia na Copa de Europa do ano seguinte tras un mal ano en Liga.

O ambiente saíu xa moi caldeado do partido de ida, no que o FC Barcelona protestou un gol ilegal dos locais, tensión que estourou na volta tras un penalti indicado a favor dos madrileños fora da área, coñecido como o escándalo de Guruceta (colexiado do encontro), que provocaría a ira da parroquia culé, que montada en cólera arroxou obxectos ó campo ata provocar a súa suspensión. As peticións do barceloneses por reanudar o partido sen o penalti acabarían chegando ó Consello de Ministros, que ratificou o pase do Real Madrid [iv].

Resultados do Campeonato nacional de Liga durante o franquismo

Fontefile:///C:/Users/Usuario/Downloads/alex-azabache-1cPWeb3Ud30-unsplash.jpg

A democratización do fútbol e un novo escenario de rivalidade

O proceso de democratización que tivo lugar en España tras a morte de Franco tamén se fixo sentir no fútbol. A ampliación das liberdades tivo a súa expresión tanto nos medios de comunicación privados como nos propios organismos deportivos (as esixencias dos clubs e da Federación Española canalizáronse coa creación da Asociación de Futbolistas Españoles no 1978), así como nas propias institucións futbolísticas. Baixo estas circunstancias a reorganización do modelo territorial tamén tivo pegada no deporte rei.

O FC Barcelona volveu erixirse como unha institución defensora do nacionalismo catalán, promovendo manifestacións lingüísticas e culturais, promulgando o catalán como lingua oficial do club, etc. Entre os actos máis destacados atópase a entrega dun carné de socio a Josep Tarradellas, presidente da Generalitat no exilio, o uso dunha faixa nun encontro en outubro de 1977, que rezaba: Bienvenido a casa presidente, a declaración a favor ao Estatuto de Autonomía, as continuas exhibicións de senyeras no estadio barcelonés ou o do himno, Els Segadors. Nas antípodas de boa parte do imaxinario colectivo situábase o Real Madrid, símbolo deportivo do centralismo e vinculado ós valores do réxime franquista, como expoñía o xornal Avui, xurdido nestes anos e no que se explotaban con fervor a idea do Real Madrid como institución non oficial do franquismo (Quiroga, 1990).

En palabras de Vázquez Montalbán (2005, p.142) O Clásico representa una válvula de escape de la irreconciliable apatía consensuada entre Madrid e Barcelona. Los madridistas han sido tildados (con razón o sin ella) de ser serviles a los propósitos del régimen franquista, aliados del Estado español centralista y promotores de la resistencia secesionista; mientras que los blaugranas buscan retomar su condición de ejercito simbólico desarmado del nacionalismo catalán.

Así as cousas, as grandes transformacións nas que se viu inmiscido o fútbol, sobre todo dende a década dos anos noventa, coa conversión dos clubs en Sociedades Anónimas, a internacionalización das competicións e liberalización do mercado comunitario europeo, o escenario da práctica e seguimento deste deporte é ben distinto, mais a historia da rivalidade entre Madrid e Barcelona continuou pivotando sobre a pugna pola hexemonía do fútbol nacional e mundial, pero tamén nunha simbólica confrontación de valores entre o centralismo e o nacionalismo catalán,  e unha eterna pelexa entre as dúas cidades máis importantes do Estado, unha eminentemente financeira como Madrid, e unha industrial como Barcelona[v].

Por outra banda, a chegada do fenómeno ultra a España, contribuíu a acrecentar os estereotipos sobre os equipos de fútbol, pois unha importante parte da afección profesa e defende abertamente uns valores políticos nacionais e identitarios, a miúdo facendo uso da violencia. Boixos Nois, ultras de extrema dereita catalá, e Ultra Sur, neofascistas, téñense enfrontado en ocasións (González, 2003); (Llopis, 2006).

Nos últimos anos, a firme aposta polo catalanismo, coa defensa do dereito de autodeterminación, sobre todo dende a chegada de Joan Laporta á presidencia equipo blaugrana, as sonoras pitadas ao himno español nas finais de Copas do Rei disputadas entre o Barça e o Athletic de Bilbao, o apoio dalgunhas das súas figuras máis emblemáticas ao procés, como o caso de Pep Guardiola, nun contexto de crecente problemática territorial axudaron a incrementar a polémica sobre os valores defendidos polos FC Barcelona como institución e a súa confrontación co Real Madrid, no cal unha parte da súa masa social –plural e diversa ideoloxicamente, como cabe agardar dun club con tanto seguimento- ten rexeitado estas expresións en maior ou menor medida (como en outros campos de fútbol da xeografía española). 

No medio destas contendas, futbolistas que teñan cambiado un equipo polo outro, como Luís Figo, ou adestradores como José Mourinho teñen colaborado no aumento da rivalidade e a acumular unha intensa tensión entre ambas entidades[vi]. A prensa deportiva, coas súas lecturas particulares do conflito deportivo e político tamén teñen axudado a crear unha maior tensión e confrontación entre Barcelona e Madrid (Coterón e Bello, 2012). Sen ir máis lonxe, o Clasico aprazado ao 18 de decembro non tivo lugar dous meses atrás polos posibles incidentes con definido carácter político e identitario que se prevían en Barcelona .

BIBLIOGRAFÍA

Coterón, J e Bello, M.F. (2012). Barca-Madrid: una rivalidad global. Análisis del derbi a través de la prensa escrita española. Estudios sobre el Mensaje Periodístico Vol 18, N 2 (pp. 459-474).

Domínguez, A. (2009). Historia social do deporte en Galicia: cultura deportiva e modernidade (1850-1920). Vigo. Galaxia.

Fernández, C. (1990). El fútbol durante la Guerra Civil y el franquismo. Madrid. Editorial San Martín.

González, E. (2014). “El Real Madrid, ¿”equipo de España”? Fútbol e identidades durante el franquismo”. Política y Sociedad. Vol 51, N. 2 (pp. 275-296)

Lopis, R. (2006). Fútbol como ritual festivo. Revista Andaluza de Ciencias Sociales. Num. 6. (pp. 115-132).

Quiroga, A. (2014). Goles y banderas: fútbol e identidades nacionales en España. Madrid. Marcial Pons.

Santanca, C. (2011). Espejo de un régimen. Transformación de las estructuras deportivas y su uso político y propagandístico. Pujadas, X. (eds). Atletas y ciudadanos. Historia social del deporte en España (1870-2010). Madrid. Alianza Editorial (pp. 205-228).

Sanz, J. (2012). De la azul a “la roja”. Fútbol e identidad nacional española durante la dictadura franquista y la democracia. Saz, I e Archilés, F (eds). La nación de los españoles. Discursos y prácticas del nacionalismo español en la época contemporánea. Valencia. Universistat de Valencia. (pp. 419- 437).

Shaw, D. (1987), Fútbol y franquismo, Madrid, Alianza Editorial

Vázquez Montalbán, Manuel (2005): Fútbol: Una religión en busca de un Dios. Barcelona. Debate.

[i] Diario Marca. 30 de xuño 1940.

[ii] .  El País. 7-8-2017. Así le quitó el Madrid a Di Stéfano al Barcelona. Ver https://elpais.com/deportes/2017/08/06/actualidad/1502042406_757005.html

[iii] Páxina web do FC Barcelona. Ver https://www.fcbarcelona.es/es/noticias/643900/1950-61-kubala-y-su-tiempo

[iv] El País. 22-3-2015. El penalti de Guruceta. Ver https://elpais.com/deportes/2015/03/22/actualidad/1427040571_196343.html

[v] Europapress. 18-3-2015. La rivalidad entre Real Madrid y Barcelona, un antagonismo histórico. Ver https://www.europapress.es/ciencia/noticia-rivalidad-real-madrid-barcelona-antagonismo-historico-20150318132158.html

[vi] El Confidencial. 19-11-2015. De Franco a Mourinho y Piqué. Ver https://www.elconfidencial.com/deportes/futbol/2015-11-19/real-madrid-barcelona-mourinho-pique-clasico-franco_1100631/

SOBRE O AUTOR

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutorando en Historia Contemporánea (USC).

0 comments on “Barça-Madrid, unha rivalidade máis alá dos goles

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: