Política

Vivimos presos da amnesia

Solo el hombre social es consciente de la entraña humana de la naturaleza (Das menslichen Wessen der Natur ist erst da für den gessellschaftlichen Menschen) pues solo entonces se le presenta ésta como aquello que lo vincula a los otros seres humanos… solo entonces se convierte la naturaleza en la base (als Grundlage) de su propia existencia humana

Marx, K.; citado en Máiz, R. (2011): O arte do imposible.

Hay placer en los bosques sin hollar
hay éxtasis en las costas solitarias
hay sociedad, donde nadie se inmiscuye,
junto al hondo mar, y música en su rugido;
no amo menos al hombre, sino más a la naturaleza

Lord Byron

El siglo XXI será el del medio ambiente o no será

Ángel Valencia Sáiz

Vivimos presos da amnesia; esquecemento do noso ser constitutivo.

Muros de formigón sepárannos. Quilos de coltan guíannos. Números, pantallas, likes e dislikes. O can triste, e a planta pisada; a flor marchita. E o aire? O aire negro. Tose, mascarillas; e o tubo sen filtro.

O último informe do IPCC anuncia consecuencias devastadoras se a temperatura media global sube máis de 1,5 graos respecto aos niveis pre-revolución industrial (National Geografic, Outubro de 2018, Os efectos do cambio climático serán peores do previsto, segundo un novo informe do IPCC). O tempo: consumimos 1,6 veces os recursos necesarios para que o planeta siga sendo sostible (WWF, Planeta vivo, 2016).

Dicían os sofistas que “o ser humano é a medida última de todas as cousas” (Chicot Alvarez, 2016) e pode que tiveran razón; e é que a realidade está aí, é innegable que se mantemos o noso nivel de vida actual a terra vai deixar de ser un lugar habitable, polo menos para a maioría dos seres vivos; os de sempre terán recursos e solucións. A realidade está aí, si, pero a día de hoxe tan só 16 países cumpren os acordos asinados en París. As principais potencias máis contaminantes están lideradas por persoas que dubidan ou ás que non lles interesa o cambio climático. Dá igual o sólidos e científicos que sexan os nosos argumentos; que o son.

Que percibamos o cambio climático como un problema, que tratemos de cambiar a súa tendencia, que definamos o como cambialo; a nosa relación coa natureza, cos animais, con todo aquel ser que sente e padece, é política.

É política porque é negociación e deliberación, porque existen procesos, acordos e protocolos que pretenden facer fronte a esta crise; é política porque hai emocións e sentimentos atopados entre o que se preocupa polo seu planeta e o que lle dá igual; o que non sabe que facer; o que dialoga e busca unha solución; é política porque hai antagonismo, entre os países que respectan os acordos e os que se seguen crendo os donos do mundo. Acordos, información veraz e contrastada, do científico honesto ao que lle preocupa o seu planeta; paixóns sosegadas, do que confía no facer espontáneo da técnica e a razón; alteradas, do que lle enfada a actitude pasiva do veciño. Ruptura, desacordo, opinións non fundadas, intereses e fake news, en definitiva: política.

Estamos ante unha crise político-ecolóxica froito dun xeito de producir, convivir, subxectivarse e entender (se) (con) a natureza. Unha crise en primeira instancia ecolóxica, técnica, asimétrica; dominante, de relación entre a biosfera e a tecnoesfera (Máiz, 2011). Unha crise, en segunda instancia, política, un momento de reformulación e apertura conceptual, unha conxuntura crítica, populista, na que a que as tensións entre o formulado e o aberto, ou por formular, agudízanse. A nosa tarefa como ecoloxistas, fronte aqueles que dubidan do cambio climático ou o consideran un significante baleiro, demasiado baleiro, é a de formulalo, reformulalo e encher a noción de cambio climático dunha idea forte (que non ríxida) e democrática, de oportunidade para desenvolver un novo xeito de vivir e convivir entre nós e coa natureza e o resto de seres sentistes; un xeito que fomente a igualdade e a convivencia sostible, no seo dunha nova cidadanía, a cidadanía ecolóxica [(Valencia Sáiz) en (Máiz (coord.),2009)];(Máiz, 2011).

Unha cidadanía capaz de estender o seu ámbito de conciencia e sensibilidade cara outros cidadáns sen voz nin voto na discusión pública actual pero que serán presa das súas consecuencias: 1) As xeracións vindeiras e as súas necesidades vitais; 2) o resto de seres sentintes; e 3) a natureza como ámbito de desenrolo e convivencia, como lugar cun propio valor intrínseco.

Neste marco bipolar, sombrío, pero con amplas –mais urxentes- posibilidades para o cambio, un día, venres, pouco máis dun ano para aquí, unha cativa sueca, Greta Thunberg, decidiu, ante a inanición xeneralizada na clase política do seu pais, sentarse, sen perspectiva dun futurible final, diante do parlamento do seu país cun cartel que rezaba: Skolstrejk för Klimatet (folga do colexio polo clima). Dende entón o estalido non tivo parangón, milleiros e milleiros de rapazas e rapaces, adultos, avoas, pais, nais netxs, bisnetxs, animais… saíron ás rúas de todo o mundo, cada venres, a pedir xustiza climática imitando a aquela nena que para moitos deles, entre o que se inclúe o pingador destas liñas, converténdose nun exemplo de loita e conciencia honesta e sincera fronte un dos principais retos da súa xeración: a crise climática.

Fridays for Future, Xuventude polo Clima, é xa unha realidade. O que aquí escribe, tivo a sorte de seguilo e participar no mesmo, dende preto dos seus inicios na localidade coruñesa e na súa reunión internacional en Suíza. Estamos perante un movemento cunha estrutura que vai dende o local ao internacional, pasando polo estatal; un movemento con demandas universais e particulares, adaptadas a conxuntura político-ecolóxica de cada territorio, que ten na Declaración de Laussane, firmada o vindeiro agosto, a súa folla de ruta, valores e esixencias, que con todo, non se esgotan nela, e que seguen e se seguiran a construír en cada unha das asembleas, debates e accións cos participantes deste movemento están a facer.

É un movemento plural, democrático e asembleario, no que diferentes voces e sensibilidades teñen cabida, mais cun discurso coherente e profundo que non ten tapuxos á hora de sinalar as fontes da crise; a propia declaración reza que un cambio de sistema é necesario, o cal: o cara onde, é algo que só se pode saber no seo dunha conversación democrática e plural a nivel internacional, que abranga e represente a tódolos colectivos imbricados nesta crise.

Dende logo, os movementos e organizacións ecoloxistas teñen anos e anos de accións e loita; levan dende preto da metade do século pasado sinalando cousas que agora empezamos a ver moi preto; o sorprendente desta ola de mobilizacións que non se esgotan en Fridays for Future é que, é por primeira vez, a xuventude quen está a coller o testigo do liderado desta loita1: esixen nada máis e nada menos que unha terra onde poidan vivir, eles, os seus fillos e todas as xeracións dunha maneira máis xusta e fraterna ¿Ímoslles negar algo así? ¿Pode un pai querer o seu fillo e deixar un legado inhóspito e inhabitable?

O escenario fica complexo; aquí, no reino de España, asistimos á imposibilidade e inmadurez dos nosos líderes políticos, incapaces de formar goberno e aprobar uns presupostos. Non estaría mal pedirlles, parafraseando aquela frase da película Teléfono Vermello: Caballeros no pueden pelear aquí… Es el departamento de guerra (climática).

BIBLIOGRAFÍA

Chicot, M. (2016). El asesinato de Sócrates. Editorial Planeta.

Maiz, R. (2011). A arte do imposible. Vigo: Galaxia.

Máiz, R. (2009). Teorías políticas contemporáneas. Valencia: Tirant lo Blanch.

National Geographic. (2019). Los efectos del cambio climático serán peores de lo previsto, según un nuevo informe del IPCC. [online] Available at: https://www.nationalgeographic.es/medio-ambiente/2018/10/informe-ipcc-efectos-cambio-climatico-mas-graves [Accessed 29 Sep. 2019].

Wwf.panda.org. (2019). [online] Available at: http://wwf.panda.org/planetavivo2016/ [Accessed 29 Sep. 2019].

1 Débolle esta reflexión a Guillermo Guillermo Fernández-Obanza García, unha belísima persoa con toda unha vida dedicada a loita por un mundo mellor

SOBRE O AUTOR

Arturo Cabrero é estudiante de políticas e filosofía. Os seus intereses abranguen todo o ámbito do pensamento centrándose principalmente na teoría política. Actualmente é activista do movemento Fridays For Future en A Coruña.

0 comments on “Vivimos presos da amnesia

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: