Política

A (de) construción de Oriente Medio

Este breve artigo ten como obxectivo dar resposta a unha serie de cuestións, coa ambición de localizar as causas dos conflitos aínda hoxe latentes na rexión. Con este fin, a lupa sitúase sobre un período histórico cuxo punto inicial no presente traballo será o ultimo cuarto do século XIX. Durante estas décadas o Imperio otomán estaba xa plenamente sumido no declive, o cal levaba experimentado xa durante os séculos anteriores, xa que as súas fronteiras sufriron un repregamento progresivo cara Istambul dende 1657. Á incapacidade de adaptarse ás demandas propias da Modernidade occidental engádeselle á progresiva fragmentación do seu territorio, cunha constitución transnacional cuxa cohesión se apoiaba na lealdade cara o sultán-califa de Istambul.

A rexión que durante séculos comprendeu o Imperio otomán recibe o nome de Oriente Medio, sobre o cal considero importante facer un par de apuntes: en torno a súa nomenclatura, así como sobre a súa importancia xeoestratéxica.

Imaxe 1. Oriente Medio

ORIENTE MEDIO
Fonte: http://www.freeworldmaps.net/es/orientemedio/

Sobre a denominación que recibe esta rexión, hai que ter en conta que estamos ante un termo subxectivo e non obxectivo, xa que Oriente Medio responde a súa posición con respecto a Europa. Este subxectivación implica, en palabras de Davutoglu (2001), que estamos ante un termo dependente, e non fundador. Con respecto a súa importancia xeoestratéxica, a súa proximidade ao Estreito de Ormaz así como ao Canal de Suez (construído en 1869), contando tamén con rutas terrestres de comercio entre Europa y Asia, fixeron da rexión o branco das potencias rexionais, tanto as occidentais como as orientais.

Como mencionamos a comezos deste texto, esta rexión mantívose baixo os dominios da Sagrada Porta durante varios séculos. Como sinala Anderson (1994), as lóxicas inherentes ás formas políticas e territoriais do Imperio foron a raíz dos problemas aos que tivo que enfrontarse, principalmente dende o século XIX. Como apunta García-Picazo, a decadencia do Imperio otomán non se debeu soamente a factores tanto internos como internacionais, de tipo militar ou estratéxico senón, incluso principalmente, a súa incapacidade de adaptarse a certas esixencias intrínsecas á Modernidade, como o pensamento científico, a renuncia aos métodos tiránicos de goberno, a progresiva implantación dunha economía capitalista, o abandono do inmanentismo de determinadas concepcións filosóficas, relixiosas e aínda vitais…(p. 51).

O despegue das economías capitalistas europeas durante o século XIX e o ascenso do Reich alemán á categoría de potencia mundial provocaron, por un lado, empurrar aos otománs cara un declive máis pronunciado se cabe, sumíndose nunha posición aínda máis dependente con respecto aos veciños europeos, nun contexto internacional no cal os equilibrios e pactos existentes perden a súa vixencia. Problemática que foi común a outros imperios e que culminaría co estalido da Primeira Guerra Mundial e a desaparición dos mesmos.

Imaxe 2. Fronteiras do Imperio otomán 1657-1918

IMPERIO OTOMANO
Fonte: https://es.wikipedia.org/wiki/Imperio_otomano#/media/File:Retroceso_Otomano.png

Como se aprecia na Imaxe 2, os dominios da Sagrada Porta chegaron a limitar durante o século XVII co Sultanato de Marrocos polo oeste, con Persia polo leste, e co Imperio Ruso e os dominios dos Habsburgo (Hungría) polo norte. Sobre as causas desta expansión territorial, De la Peña (2012) apunta que o feito de que a relixión musulmá careza de sacerdocio pode ser una das causas do alongamento imperial, xa que isto permite aos seus practicantes moverse e desprazarse durante semanas sen que implique estar separado de Deus. Isto non quere dicir que o Imperio otomán fose exclusivamente musulmá, xa que se respectaban as relixións dos pobos conquistados[i], pero si pode explicar en parte a rápida e progresiva expansión das súas fronteiras. Unicamente dende finais do século XVIII prodúcese un solapamento entre o sultanato e o califato, nunha estratexia similar a das potencias occidentais europeas con respecto ao cristianismo, probablemente forzada pola inestabilidade dalgunhas provincias periféricas, principalmente nos Balcáns.

O Imperio otomán era multinacional, dinástico e cunha unidade que se baseaba na fidelidade de cada un dos territorios anexionados ao sultán, o cal foi progresivamente identificándose coa burguesía turco-musulmán, nun continuo repregamento das fronteiras imperiais. Ademais, coa perda dos territorios sagrados musulmáns (especialmente a Meca) socavou a lexitimidade do sultán para cos practicantes que habitaban os seus dominios. Como se citou máis arriba, a forma imperial non permitiu que nos territorios conquistados se constituíse unha nación otomán.

É aquí onde apuntamos una das causas principais da fin do Imperio, mencionada xa con anterioridade. O século XVIII significa para o Imperio otomán un período de crise, a cal, como indica De la Peña (2012) é similar a acontecida en Francia no mesmo período, cunha diferenza fundamental: o conflito de clase presenta un marcado carácter étnico, entre a burguesía comerciante turco-musulmá e a burguesía terratenente greco-cristiá. Froito deste conflito xurdirán algunhas das confrontacións máis importantes dentro do Imperio. De feito, foron as revoltas que presentaron un elemento de reivindicación nacional aquelas que tiveron capacidade de socavar a autoridade otomán. Este carácter nacional está presente nas guerras de Independencia grega, que tiveron lugar entre 1821 e 1832, onde os gregos cristiáns se viron apoiados polas potencias occidentais, principalmente Francia e Gran Bretaña, interesadas en socavar ao Imperio otomán e controlar ao mesmo tempo a influencia rusa na rexión, crecente dende a chegada ao trono de Catalina A Grande en 1762. Ao mesmo tempo, o sultán Mahmud II tratou de impulsar unha serie de reformas encamiñadas en dúas direccións: a centralización da administración otomán e a instauración dunha democracia estatal semellante ás veciñas europeas. Ditas reformas fracasaron, fundamentalmente, porque para as clases propietarias non turco-musulmáns (grego-cristiáns, principalmente) significaba a perda de dereitos políticos, e tampouco tiveron un gran apoio por parte do groso da poboación.

A década de 1850 abre cunha crise entre as potencias europeas, presentada como unha loita pola ocupación dos santos lugares da cristiandade. Os intereses xeopolíticos subxacentes xiraban en torno ás intencións de Francia e Gran Bretaña de expandir o seu control na rexión. Os franceses trataban de recuperar e consolidar a súa hexemonía no Oriente Medio, namentres que os británicos estaban interesados nas posibilidades do comercio polo Mar Negro e o Mediterráneo.

A guerra de Crimea (1854) supuxo a culminación da cuestión oriental (De la Peña, 2012). Durante o conflito, que enfrontou a Rusia co Imperio otomán, as potencias occidentais ofreceron o seu apoio aos otománs, coa intención de frear o expansionismo ruso, seguindo o principio de integridade dos dominios da Sagrada Porta, pero para isto, tivo que ter en conta un novo principio: o nacionalismo. Ao tratarse dun Imperio multinacional, este factor puido ser empregado por británicos e franceses non soamente para frear aos rusos, senón tamén para debilitar a Istambul, cada vez máis identificada co sultanato e coa clase propietaria turco-musulmá. Ao mesmo tempo que brindaban o seu apoio aos otománs, conscientes da súa función como tapón fronte os rusos en Europa Oriental, alentaban aos movementos nacionalistas dos territorios ocupados pola Sagrada Porta nos Balcáns, que reclamaban unha maior autonomía e dereitos fronte a progresiva centralización imperial.

Con respecto a este último punto, cómpre engadir unha serie de puntualizacións en torno ás tendencias nacionalistas presentes nos territorios otománs. En primeiro lugar, un dos resultados dos pactos ratificados en 1878 na Conferencia de Berlín foi a atomización dos Balcáns, dando lugar á múltiples pequenos estados, caracterizados por un agresivo nacionalismo, construcións a escala das potencias imperialistas occidentais.

En 1908 ten lugar a revolución das Xuventudes Turcas, un grupo conformado por intelectuais influenciados polas correntes modernizadoras europeas, e que reclamaban a renovación da estrutura política e económica de Turquía. Por outro lado, en 1911, Italia, unha potencia menor en termos económicos e militares, invadiu Libia sen excesivas dificultades, deixando entrever unha debilidade aínda máis evidente do Imperio.

O estalido da Primeira Guerra Mundial en 1914, entendida esta como un conflito entre potencias imperiais globais (Gerwarth, 2014), significou a caída dos Imperios Centrais (Austrohungría, Alemaña e o otomán) e a expansión dos Imperios Aliados, coa excepción de Rusia, na cal estalou a Revolución de Outubro en 1917 e unha posterior guerra civil entre 1920 e 1923. Dende a perspectiva da Primeira Guerra Mundial como conflito imperial global, Gerwarth (2014) delimita temporalmente a contenda entre os anos 1911, coa invasión italiana a Libia, ata 1923, coa firma do Tratado de Lausanne onde se delimitaron as fronteiras da República de Turquía. A razón atópase nos conflitos armados que tiveron lugar máis alá de 1918, como a Guerra Civil Rusa, que remata en 1923, ou a firma do xa mencionado Tratado de Lausanne, que acabou coas aspiracións expansionistas dos gregos en Asia Menor. Unha das consecuencias deste conflito é o reparto entre as potencias vencedoras dos novos territorios arrebatados ao Imperio otomán.

Francia e Gran Bretaña repartíronse os territorios conquistados aos turcos en Oriente Medio, reparto que se definiu co Tratado Sykes-Picot (1916), así como diferentes pactos como a Declaración Balfour (1917), selado cos sionistas, e que prometía un fogar nacional en Palestina para o pobo xudeu, así como a promesa dun reino árabe independente (correspondencia entre McMahon e o Xerife Hussein entre 1915 e 1916), co fin de axitar á Rebelión Árabe, debilitando aínda máis ao Imperio otomán. Esta serie de pactos representaban unha contradición en si mesma, xa que unha vez que remata o conflito resulta imposible unha conciliación dos mesmos, sendo o gran perdedor do reparto un nacionalismo árabe que, como indica Martínez Carreras (2002) respondía máis ás aspiracións imperialistas británicas (acceso aos pozos petrolíferos en Iraq e ruta libre cara as colonias asiáticas) e ás intencións de actores individuais como o Xerife Hussein, que a un impulso popular pola liberación nacional dos territorios controlados polo Imperio otomán, nos cales a poboación parecía presentar un compoñente anti-turco máis marcado que unha posible reivindicación con ambicións definidas pola ambición da conformación de estados nación independentes.

Imaxe 3. O tratado Sykes-Picot (1916)

300px-Sykes-picot
Fonte: https://es.wikipedia.org/wiki/Acuerdo_Sykes-Picot#/media/File:Sykes-Picot.png

O reparto foi normalizado nos Tratados de San Remo (1920) e Sévres (1920), máis a ratificación definitiva chegaría en 1922 cos Mandatos concedidos pola Sociedade de Nacións a Gran Bretaña e Francia, recoñecendo así internacionalmente a inxerencia das potencias occidentais na rexión. Os tratados mencionados serviron para axustar as liñas de Sykes-Picot, unindo Palestina con Iraq a través de Transxordania, permitindo así crear un corredor que asegurase o paso de liñas aéreas cara a India, e por outro lado, a construción dun oleoduto que transporte o petróleo de Iraq cara o Mediterráneo.

Asemade, as fronteiras da nova República de Turquía delimitaríanse coa firma do Tratado de Lausanne (1923). Derrienic (1980) sostén que os problemas de Oriente Medio son en gran parte herdanza da Primeira Guerra Mundial. Aos xa mencionados Mandatos da Sociedade de Nacións e á delimitación das fronteiras dos territorios repartidos, engádenselle a internacionalización do conflito árabe-israelí e o descubrimento do primeiro pozo petrolífero en 1908. Durante o período que comprende entre 1911 e 1923 actúan sobre Oriente Medio catro forzas históricas (Martínez, 2002): dúas forzas externas, Gran Bretaña e Francia, cuxos intereses son tanto políticos como económicos, xa que a ocupación ten como obxectivo acadar o control das rexións anteriormente controladas polos turcos, aliados de Alemaña durante a guerra, e manter a raia o posible avance dos soviéticos, así como asegurarse a explotación dos pozos petrolíferos da rexión. As outras dúas forzas, os nacionalismo árabe e o sionismo, son as propias da rexión ou internas. Son dúas formas de nacionalismo que se desenvolven de forma paralela no tempo, durante o século XIX.

Rodinson (1981) define a este nacionalismo árabe en desenvolvemento en base a tres características fundamentais: as linguas árabes como linguas naturais, a reivindicación dunha historia e trazos culturais propios (que pivotan en torno á relixión islámica) e a formación dunha identidade árabe, cunha conciencia propia. Presenta, por outro lado, un forte compoñente de rexeitamento a Turquía, o cal aumentará tras a vitoria das Xuventudes Turcas e as súas medidas centralizadoras inspiradas en elementos turcos.

O caso do sionismo é diferente, xa que se trata dun nacionalismo que se desenvolve e opera nun contexto de dispersión territorial do pobo xudeu. Presenta dúas correntes principais que se entrelazan entre si (Alem, 1982): unha corrente místico-relixiosa, que se afunde na historia do pobo xudeu ao longo dos séculos, e unha vertente político nacionalista que se desenvolve en Europa a finais do século XIX. Boyer (1988) sinala tamén unha combinación no seo do sionismo entre a aspiración da normalización dun estado moderno, e a busca da afirmación de identidade e de renacemento cultural.

Cara a segunda década do século XX, o sionismo era xa un movemento nacionalista organizado, e que contaba cunha estrutura tanto política como económica, e que durante os anos posteriores á Gran Guerra demarcou dous obxectivos fundamentais: a colonización de territorios de Palestina, co desprazamento de colonos, principalmente dende Europa Central, que adquirían progresivamente terras na rexión, e a formalización do dereito do sionismo a un estado nacional propio a través da xa citada declaración Balfour de 1917.

De todo o exposto pódense esbozar unha serie de conclusións, algunhas relacionadas coas consecuencias que se extraen da forma política do Imperio otomán e a súa posterior desintegración, e outras, as cales lle podemos atribuír unha maior incidencia sobre a propia estabilidade rexional, e que son produto da configuración territorial posterior á Primeira Guerra Mundial, levada a cabo polos Imperios vencedores no conflito. Nos territorios dominados polos otománs no Oriente Medio, non se deron como tal procesos de constitución de Estados nación entre finais do século XIX e comezos do XX, e no seu lugar desenvolveuse un nacionalismo árabe que, apelando a trazos comúns, trataba de conformar unha comunidade árabe que comprendía os territorios do Oriente Medio.

A promesa da nación árabe, alimentada polos británicos, respondía en parte aos intereses imperialistas na rexión e o posterior reparto cos franceses en 1916 debuxou un mapa no cal as liñas foron trazadas polas forzas externas xa mencionadas, acabando así coas aspiracións de Hussein I. Por outro lado, a construción do Estado xudeu de Israel significou milleiros de desprazados (musulmáns, na súa maioría) dende os territorios asignados ao sionismo cara o resto do Oriente Medio. Desta serie de acontecementos, os grandes perdedores son o nacionalismo árabe e as poboacións que se viron afectadas dalgunha ou doutra forma pola inxerencia estranxeira.

Parece indicado sinalar que, ben pola acción dunha forza externa (Gran Bretaña e Francia), ben pola acción dunha forza interna en detrimento da outra (o sionismo fronte ao nacionalismo árabe) os procesos de construción nacionais, ou ben non se deron, ou ben, cando estes si tiveron lugar, a través de revoluciones laicas, como a liderada por Kemal Atatürk en Turquía (Hobsbawm, 2012), estes non puideron estabilizarse no tempo, o cal impediu unha modernización satisfactoria dos estados xurdidos do reparto territorial  mencionado máis arriba.

Referencias

Alem, J-P. (1982). La declaration Balfour aux sources de L´Etat d´Israel. Bruselas: Complexe.

Anderson, P. (1994): El Estado absolutista. Madrid: Siglo XXI.

Boyer, A. (1988). Les origines du Sionisme. París: Presses universitaires de France.

Davutoglu, A. (2001). Stratejik Derinlik, Turkiyenin Uluslararasi Konumu. Istambul: Kure.

De la Peña, L. A. (2012). Una aproximación a la cuestión oriental. Revista Goliardos XVI, 16, 60-75.

Derrienic, J-P. (1980). Le Moyen-Orient au XX siécle. París: Colin.

García-Picazo, P. (2015). La configuración de Oriente Próximo tras la Primera Guerra Mundial. UNISCI Discussion Papers, 37, 49-72.

Gerwarth, R. (2014). La Primera Guerra Mundial como conflicto imperial global. Revista de Occidente, 998-999, 28-39.

Hobsbawm, E. (2012). Historia del Siglo XX. Barcelona: Planeta.

Martínez, J.U. (2002). Los orígenes del problema de Palestina. Madrid: Arco Libros

Rodinson, M. (1981). Los árabes. Madrid: Siglo XXI.

[i] A través da figura do millet, forma xurídica creada para protexer a relixión e cultura dos súbditos non musulmáns, instaurado por Mehmet II en 1453 tras a conquista de Constantinopla.

SOBRE O AUTOR

Raúl García Amoedo é graduado en Ciencia Política e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Actualmente cursa o grao  de Antropoloxía Social e Cultural na Universidade de Granada (UGR).

0 comments on “A (de) construción de Oriente Medio

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: