Política

O interregno español

O artigo recolle varias consideracións persoais sobre a situación política que deixan as eleccións do 28 de Abril, que tratan de explicar que o sistema político está nunha situación transitoria entre o peche do ciclo posterior ao 15-M e a apertura de tres escenarios con distintas potencialidades constituíntes.

O sistema político español atópase nunha transición entre o ciclo político posterior ao 15-M[i] e unha multiplicidade de escenarios con dous bloques políticos protagonistas, un progresista e outro reaccionario[ii], que se atopan perante a posibilidade de redefinir as regras do xogo entre democracia e capitalismo, a partir de dúas opcións: a) avanzar cara a inseguridade total xurídica, política, económica dun Estado ao servizo das elites que sitúa a España como unha “Periferia da periferia” mundial ou b) unha recuperación do control sobre os elementos esenciais e centrais da vida social que conforman o Estado de benestar (educación, sanidade, seguridade social…)[iii]. Sobre esta nova situación política, sempre aberta, continxente e baixo constante escrutinio normativo, é de interese esgrimir algunhas consideracións descritivas e explicativas que aclaren as súas posibilidades constituíntes.

Peche do ciclo político posterior ao 15-M

O 15-M, caracterizado pola impugnación por parte de amplos sectores da cidadanía do Réxime do 78,  expresou unha crise de representación do sistema político, á cal lle sucedeu un ciclo político no que a irrupción de Podemos supuxo o comezo do final do sistema de partidos que o caracterizara: o bipartidismo. O contexto desta crise dábase no medio de grandes transformacións nos dous piares da Constitución Española: Por un lado a constitución económica, onde tras a reforma do artigo 135 da Carta Magna, España pasou de ser un Estado social a un Estado Neoliberal, e por outro lado a constitución territorial, onde tras a sentencia do Tribunal Constitucional anuladora do Estatuto de Autonomía en Cataluña e a intervención na autonomía catalana coa aplicación do artigo 155 baleirouse de contido o modelo territorial plasmado no 78. Estas transformacións implicaron a quebra do consenso social e político do 78 e a deriva neoliberal e autoritaria do sistema político.

Dende o final do 15-M e a irrupción de Podemos na primavera de 2014, abriuse un ciclo político caracterizado pola disputa entre 3-4 formacións políticas dun elemento determinante desa correlación de forzas no ámbito político, económico e social: o Estado. Este elemento, que en España adquiriu historicamente a forma patrimonial[iv], mais o sistema de actores e institucións que o conformaban, caracterizados polo esgotamento da socialdemocracia[v] e a falta de confianza nas institucións, entrou nunha crise orgánica, é dicir, nunha non-funcionalidade ou incapacidade de xerar pactos entre os actores mediante o consenso social. Podemos, e a posterior coalición electoral Unidos Podemos aspiraron a construír unha nova vontade xeral que canalizase no institucional toda a crispación social de anos anteriores.

Dende, primeiro o Referendo de autodeterminación en Cataluña, e segundo as eleccións xerais en 2016, que posibilitaron a recomposición do Partido Popular no goberno, producíronse unha serie síntomas de esgotamento e peche deste ciclo político: a despolitización como causa e consecuencia, produto e produtor do desprestixio da política, a desafección, a falta de confianza nos partidos e líderes políticos ou a fragmentación do espazo do cambio impulsado por Podemos.

Sobre a cuestión do desprestixio da política reflexiona Alba Rico en electoralismo, populismo y adulación, interpretando que dende o final do Bipartidismo (irrupción de Podemos) se produciu unha xeneralización do populismo dos medios, e unha coincidencia entre a autoridade pública e a autoridade popular. Esta situación derívase do impacto que tivo nos últimos anos unha lóxica latente durante o 15-M (segundo Alba Rico, existente dende o modelo dos “descoñecidos” da Antiga Grecia) que impugnaba tanto a “unha clase política demasiado coñecida” como ás “vías de acceso á autoridade pública”. Posteriormente, co final do bipartidismo, no cal transcorrían separadamente o electoralismo e o populismo (entendido o primeiro como un populismo de estado por parte dos políticos profesionais do Réxime, entendido o segundo como un electoralismo de mercado por parte da prensa mediática)  prolóngase un desprestixio da política (dos “partidos”) e  aparece a “necesidade do fichaxe” (contratación de “estrelas”, no caso da política procedentes de sectores como a tauromaquia, deporte ou música), cuxas implicacións son claras: “externalización, despolitización e pragmatismo” que anulan o modelo dos políticos profesionais do bipartidismo, e o modelo dos descoñecidos do 15-M.

Esta situación de descomposición e desgaste da estrutura institucional e de actores do Réxime do 78, incapaces de xerar un novo consenso social, rematou por xerar unha oligarquización do sistema político[vi]. Por “oligarquización” referímonos ao proceso de confrontación de intereses no que as elites rompen as solidariedades co pobo como reacción perante as vontades democratizadoras e redistributivas. Estes procesos sustentase no deterioro das condicións éticas do exercicio do poder político (relacións clientelares, respecto ao adversario, corrupción) e promoven a configuración dun goberno oligárquico que implique unha acelerada concentración do poder en mans de familias politicamente privilexiadas. Esta fase caracterizouse por garantir a posición de poder das elites mediante a viraxe autoritaria do estado, proba disto foi a maquinaria para-estatal (policía política, corrupción estatal e poder mediático), posta en marcha coa complicidade dos partidos restantes; PP, C´s, PSOE contra dúas das políticas hexemónicas dadas durante o ciclo político post-15M: o movemento pola autodeterminación en Cataluña e Podemos no conxunto do Estado.

Sobre Podemos escribía Jonathan Martínez o 29 de Marzo de 2019 “Villarejo y el dueño de la imprenta, un artigo onde apunta varias consideracións sobre a reacción dalgúns medios de comunicación ao duro discurso de Pablo Iglesias con varios medios de comunicación, cómplices da activación dunha maquinaria en contra da formación morada. Cabe destacar a mención que fai de dous grupos mediáticos, Mediaset e Atresmedia, dos cales explica a súa formación e posición de poder actual, así como dos detalles da conformación dun “enramado político, mediático e policial”  en contra de Pablo Iglesias e Podemos unha vez que estes supuxeron unha alternativa real de goberno (primeira forza en varias enquisas a final de 2014). Esta inercia ou tendencia atopou unha descontinuidade, que non unha mudanza ou xiro radical dos acontecementos, xa que pese a formación do goberno do PSOE a maquinaria segue en marcha, xa sexa dende a xudicialización do desafío en Cataluña ou dende a manipulación mediática.

A pesares da falta de claridade constituínte amosada pola moción de censura, esta visualizou unha xeografía política partida entre “Dúas Españas”: Unha España plural e pactista, e unha España uniforme e autoritaria. Dunha maneira inversa á Transición, mito fundador da democracia, a uniformidade e o autoritarismo propostos polas tres dereitas son incapaces de xerar un consenso social, cousa que fai que os resultados das últimas eleccións do 28 de Abril configuren unha realidade institucional distinta á da Transición no relativo ás capacidades de dirección por parte das dereitas.

No relativo ao PSOE, que este sexa o principal actor do momento constituínte actual, indica que o ciclo político posterior ao 15-M,  en parte caracterizado pola crise deste partido, péchase co “Gran partido” da democracia española, postulándose de novo como representante da modernización do Estado, o garante do progreso e o dique da extrema dereita. Dende a moción de censura até o 28 de Abril afianzouse novamente a xeografía política baseada nos eixos esquerda-dereita característica do sistema de partidos español. Durante a campaña debatida entre a conservación da gobernabilidade de esquerdas ou o cambio cara á dereita, a xeografía e a posición do PSOE como actor principal no eixo da esquerda recupera o sentido compartido instaurado dende o 78.

Eleccións ás Cortes Xerais do 28 de Abril: Transición do sistema político español

A nova composición do Congreso dos deputados ten varios datos fundamentais.

En primeiro lugar, deixa un parlamento con cinco forzas políticas que representan cada unha delas un dez por cento ou máis do voto emitido. Isto implica un novo multipartidismo no que o Partido Socialista Obrero Español precisará de pactos pos-electorais, ben para formar goberno ou ben para acadar apoios nunha investidura en solitario.

En segundo lugar, existe unha caída do porcentaxe de voto emitido ao Partido Popular por debaixo do vinte por cento (16,7%), perdendo a posición de “gran partido” dentro do sistema de partidos, consolidado dende a súa formación, e configurándose un novo mapa electoral de fragmentación das dereitas co aumento da representación de C´s (de 32 a 57 deputados) e a irrupción de VOX (24 deputados e 10,4% do voto). Por último, o PSOE aparece como forza política máis votada (28,7%), sendo o principal actor á hora de buscar acordos parlamentarios e renovando a composición do Senado, no cal substitúe ao PP como partido dominante (PSOE pasa de 43 a 121 senadores electos nas xerais, o PP de 130 a 56), abríndose a posibilidade dunha nova forma de gobernabilidade mediante o goberno de coalición, pero tamén a dun goberno en solitario.

Sería a primeira vez en democracia cun goberno de coalición, unha realidade que opera dende fai tempo nalgúns países europeos e que en España está en marcha nalgunhas das Comunidades Autónomas. Cabe destacar coma exemplos de gobernos de coalición segundo bloque á vía andaluza (bloque reaccionario: Ciudadanos e Partido Popular co apoio de Vox) ou a vía valenciana (bloque progresista: Partido Socialista Obrero Español e Compromís, co apoio de Podemos). Directamente vinculado á vitoria do PSOE aparece o descenso de Unidas Podemos coma cuarta forza política máis votada, un síntoma do peche e esgotamento do ciclo político posterior ao 15-M no que irrompeu como forza aspirante ao goberno.

Desgastada a situación de equilibrio entre os novos actores do mapa español, a discusión durante a campaña caracterizouse por unha simplificación dos termos do debate e unha radicalización do mensaxe nas cuestións referidas ao modelo territorial e á nación. Temos como exemplo o uso de termos como “batasunos”, “golpistas”, “sublevados”, pero tamén as propostas de “ilegalización dos partidos independentistas e marxistas”, ou á “eliminación das autonomías”. As estratexias discursivas das dereitas foron contestadas en País Vasco e Cataluña, onde triunfaron respectivamente as candidaturas do PNV e EH Bildu, ERC e JpCat. A exterioridade das dereitas con amplos sectores da sociedade civil, mesmo a exclusión apriorística de moitas vontades parece que fará que as mesmas (polo menos C´s e PP) reconsideren os seus proxectos. O bloque reaccionario, incapaz de articular unha proposta de país na que entre toda a cidadanía, promove unha clara e nítida demarcación do inimigo interno da nación. Por outra banda, o discurso vitimista[vii], clave na forma de exercer o poder por parte do conservadorismo en España, foi activado en campaña principalmente por parte do PP e Vox.

Este relato catastrófico, incapaz de xerar confianza e tranquilidade na cidadanía viu acompañado pola incerteza, tanto no referido á cantidade de indecisos anterior ao 28A e á posibilidade dunha situación de ingobernabilidade como á volatilidade dos anuncios de pactos post-electorais (un pacto na sombra PSOE+C´s eludido polo primeiro e excluído polo segundo). No referido aos resultados electorais, apareceu a importancia da mobilización política e a participación activa do electorado, a súa vez dependente do clima como variable explicativa. En “¿Cuantos tipos de voto hay?“, Alba Rico, contrario a unha visión hiperracionalista do voto cristalizada no “votante democrático” reflexionaba  sobre os tres tipos de electores nunhas votacións democráticas: o ideolóxico, o rebelde e o calculador. O primeiro votante é consuetudinario, clásico durante o bipartidismo, o segundo trátase dun voto rebelde (herdeiro do 15M) desprazado cara a dereita, e o terceiro trátase do voto que finalmente outorgou ser ao PSOE a forza política máis votada: un “voto exterior” asociado a unha situación de excepción. O PSOE foi o partido máis capacitado á hora de producir preferencias en campaña, aínda que fose en negativo como “dique de contención da dereita” e apelando ao “voto útil”.  Semella que este foi un factor clave á hora de constituír o dominio dun bloque sobre outro.

Agora, de forma distinta que no previo á campaña electoral, onde non estaba pechada a posibilidade de conformar un goberno dende o bloque reaccionario, existen tres posibilidades: 1) Un goberno en solitario do PSOE, 2) un goberno de coalición progresista (PSOE e UP, con variacións referidas aos pactos) ou 3) un Goberno de coalición Progresista neoliberal (C´s+PSOE), no cal a pesar de que Sánchez conseguiría unha gobernabilidade rápida, non semella que este teña disposición de sacrificar ás preferencias dos seus votantes.

A posición do PSOE permite que este intente, primeiro, un goberno en solitario, e que no caso de que non acade os apoios parlamentarios suficientes para a investidura, aposte por un goberno en coalición xunto con Unidas Podemos. Segundo o anunciado por parte de seus dirixentes durante a campaña e nos últimos días, trataríase da conformación dun goberno composto en boa medida por independentes (profesionais) que requiriría dun pacto de investidura. Un primeiro exemplo témolo no primeiro goberno de Sánchez, un equilibrio  entre o pragmatismo á hora de escoller os seus ministros e a figura do secretario xeral como renovador do Partido, capaz de xerar un consentimento social alá onde houbo rexeitamento e odio. Na miña opinión, esta opción ten moitos limites á hora de abordar a constitución social e territorial do estado, principais desafíos para redefinir a “esencia da constitución”.

Para que se forme un goberno de coalición progresista tería que sucederse unha negociación co restante arco parlamentario da investidura. As resistencias que poidan xerar ERC, JpCat, EH-Bildu ou o PNV serían determinantes á hora de abordar unha solución para a constitución territorial do estado, polo que semella que o bloque reaccionario entenderá esta situación de negociación como a) unha oportunidade para fixar ao PSOE como inimigo (aliado dos “golpistas”) ou b) unha oportunidade para evitar o ancheamento da esfera pública, bloqueando a posibilidade de avance no desafío (isto implicaría unha relaxación co PSOE, outorgando a este a gobernabilidade mediante un pacto de investidura).

A terceira opción dun goberno neoliberal-progresista é a menos probable. En El Mundo e en El Español temos exemplos de enquisas sobre as preferencias de pactos pos-electorais dos votantes de cada partido que expresan a preferencia sobre outras posibilidades do electorado socialista  dun goberno de coalición con Unidas Podemos. Cabe recordar os berros en Ferraz de “Con Rivera,no!” ou de “Sí se puede” como momentos simbólicos das preferencias sobre estes pactos, pero tamén o duro discurso de Albert Rivera contra o PSOE negando a posibilidade dun pacto de goberno e enmarcando a Sánchez como o “presidente que indulta a golpistas”.

Esta opción cancela o carácter constituínte do 28-A, xa que bloquearía a dirección do país, dándose un interregno entre a 1) inseguridade xurídica, social e política e 2) a recuperación do control sobre os elemento do estado de benestar. Trataríase dunha situación de freo: de cara a algunha das propostas dos dous bloques, produciríanse acordos puntuais nalgunhas materias, pero semellaría moi complicado acadar unha axenda gobernamental que afronte a constitución social e territorial do país. Por outra banda, esta opción esta demandándose por parte das elites, lóxico en tanto representa o bloqueo dos avances democráticos e redistributivos.

Posibilidades constituíntes: tempo novo ou interregno?

Antes da celebración das eleccións do 28 de Abril, Hector Illueca escribía que aínda que estas foran formalmente unhas eleccións ás Cortes Xerais para renovar as institucións representativas, tiñan materialmente un carácter constituínte. Consideraba que o 28 de Abril configuraría un escenario composto por opcións e visións contrapostas, que por necesidade precisarían dun proceso de negociación e pacto que dirimiría a “esencia da constitución”[viii]. Illueca refírese ao referendo por parte da cidadanía das decisións transcendentes, que afectan ao núcleo do contrato social e á base do sistema constitucional. Para o autor, o sistema democrático español vertébrase mediante a constitución social e a territorial, ou o que é o mesmo, o estado social e das autonomías. No artigo sobre o carácter materialmente constituínte das eleccións do 28 de Abril, explica como os partidos tradicionais desvertebraron o sistema democrático mediante a transformación de España nun estado neoliberal baleiro de contido no referido ao modelo territorial.

Juan Carlos Monedero explicaba que a composición parlamentaria resultante determinaría se España regresaba “cen anos no tempo”, “equiparándose coa extrema dereita emerxente en Europa” ou se España recuperaría “o tempo perdido en corenta anos de Ditadura e corenta anos de Transición”, caracterizados polo freo dos avances democráticos, primeiro co Golpe de Estado no 1936, segundo co Golpe de Estado do 23-F, e terceiro co posible peche do ciclo político post-15M. Quizais non esteamos nunha disxuntiva literal, pero no argumento hai unha idea subxacente de interese: Existen dous sentidos de época, dous “tempos” en disputa ou dous sentidos antagónicos producidos tras a “ruptura dos consensos constitucionais” establecidos dende Cánovas del Castillo en 1876. Refírese aos cimentos da Restauración (bipartidismo, monarquía como garante do modelo territorial e capitalismo rendista como modelo económico), os cales supuxeron unha volta á monarquía borbónica e ao dominio oligárquico tras  a experiencia do Reinado de Isabel II (1833-1868) e o Sexenio Democrático (1868-1874). Tratouse do sistema máis estable e duradeiro da historia contemporánea española, directamente ligado á implantación do sistema canovista baseado no turnismo político e o bipartidismo.

O termo Interregno é un cultismo procedente do latín interregnum referido ao tempo transcorrido entre dous reinados. Os interreges (varios –interrex-maxistrados) encargábanse do goberno durante o tránsito entre a desaparición e o nombramento do novo soberano encargado de dirixir o reinado. Os resultados prolongan o final do bipartidismo, e como consecuencia deste, unha descomposición das identidades parlamentarias que posibilitan un modo constituínte. Pero ao mesmo tempo que os resultados electorais anulan a opción dun “regreso no tempo”, non queda igual de claro se producirán un “tempo novo” ou que velocidade terá este.

O ciclo político posterior ao 15-M que xerou ese tempo novo, deixou atrás moitos personaxes e paisaxes, pero hoxe, ese mesmo ciclo outorga a condición de protagonista a aqueles que  noutros tempos promoveron a destrución do lazo social[ix]. Aqueles que romperon os horizontes de sentido compartido que alicerzaban á comunidade, deixando a cidade en ruínas, teñen de novo a posibilidade de cimentar o modus vivendi. A condición de rei ou interrex dependerá de como se relacionen cos materiais aportados polo tempo novo. Dirigere ou transitare…

[i] Ciclo político aberto até hoxe dende a primaveira de 2014, coa irrupción de Podemos nas eleccións europeas.

[ii] Denominamos como bloque progresista a Unidas Podemos e o PSOE, e como bloque reaccionario a PP, C´s e Vox. A adxectivación de cada bloque como “progresista” ou “reaccionaria” refírese á relación de cada bloque coa vontade de avanzar na democratización e a redistribución. O primeiro bloque é favorable a esta vontade, mentres que o segundo caracterízase polo enfrontamento constante á mesma. Para unha reflexión sobre o concepto de “bloque”, e concretamente, un esbozo conceptual sobre o “bloque reaccionario”: https://elpais.com/elpais/2019/01/08/opinion/1546970472_275199.html

[iii] Idea extraída a través da última intervención de Rubén Juste en Fort Apache- España en Juego

[iv]Utilizamos a denominación empregada moitas veces por Rubén Juste para referirse á forma de configurarse e de exercerse o poder en España: Un avance das elites económicas especulativas, parasitarias e atadas ao patrimonio familiar, propias do capitalismo rendista e insuficientes na inversión e desenvolvemento industrial, cara o control absoluto do aparello estatal.  Unha aproximación exhaustiva atopámola na súa tese doctoral e no seu ensaio “IBEX 35. Una historia herética del poder en España” (Capitán Swing, 2017).

[v]Entendemos que houbo un período de descomposición do PSOE entre a derrota nas eleccións xerais de 2011, onde o PP consigue a maioría absoluta con 186 escanos no Congreso dos deputados, e a posibilidade de “sorpasso” por parte de Podemos en 2014-2015. Semella que o principal partido da democracia española evitou a “Pasokización”, volvendo a ser a forza máis votada e liderando o bloque progresista.

[vi]Un primeiro uso do termo empregueino en “Decadencia moral e política no Reino Español”, onde interpretei que había unha deriva autoritaria por parte das elites e onde esbocei os marxes de actuación das mesmas ao respecto das dúas políticas hexemónicas dese momento: O movemento pola autodeterminación en Cataluña e o movemento feminista no conxunto do estado.

[vii]En “cambiar o noso tempo é abrir un novo” sinalaba a tendencia histórica do conservadorismo español de realizar unha política vitimista (por exemplo, co conflito con ETA), daquela en plena actualidade co debate sobre a Prisión permanente revisable e os casos de Diana Quer e Laura Luelmo. A cousa segue cada vez que xorde algún episodio, e por suposto, durante a campaña asistimos a varios. Cabe destacar a explotación da condición de viítima dos pais de Mari Luz e Marta del Castillo por parte do PP e Vox, respectivamente. Unha lectura que apunta ao regocixo da prensa en España con estes casos, totalmente nocivo e destrutor da necesaria deliberación para a procura de solucións, fíxoa Xurxo Antelo no seu rastreo do sensacionalismo en “Prensa sensacionalista: ulindo o sangue mediático”.

[viii]  Concepto empregado por Carl Schmitt na súa polémica con Kelsen en “Teoría de la Constitución”, a través do cal entende que antes do establecemento dunha lei ou norma existe unha decisión política fundamental por parte do titular do poder constituínte.

[ix]Deixo por aquí 100 motivos para no votar al PSOE, onde se deixan motivos de peso para desconfiar da posibilidade constituínte do PSOE. Remitireime a recoller algúns dos motivos (tendo en conta o carácter irónico e de comedia dalgúns): Modificación do artigo 135 da Constitución Española, reforma laboral de 2011, acordo de aplicación do artigo 155 en Cataluña…

 

Nicolas Filgueiras González. Estudante de Ciencia Política e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. Escribe sobre diversos temas, pero interésase especialmente na teoría e a economía política.

0 comments on “O interregno español

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: