Todo é caos baixo as estrelas, pero a situación é bastante mellorable

Despois da Revolución Cultural que o asentou no poder,  Mao  Zedong escribía no seu diario algo así como “Caos bajo los cielos; qué magnífica situación.”, facendo referencia á apertura dun horizonte de oportunidade para constitución dunha nova orde política, un novo momento fundacional no que a correlación de forzas era tremendamente favorable para el.

Aínda que unhas eleccións non adoitan outorgar ao gobernante a capacidade de refundación política como si o adoita facer un momento revolucionario, as eleccións estatais do 28A, probablemente vaian provocar unha redistribución de novas posicións no taboleiro político do Estado español, así como un marco de competición distinto. Realmente hai moito máis en xogo do que poida parecer a primeira ollada.

O avance das forzas reaccionarias están conseguindo diluír en boa medida o efecto “lúa de mel” de Pedro Sánchez, despois dunha curta etapa de goberno sustentado nun equilibrio inestable. A avaricia instrumental do PSOE para compartir cotas e ceder espazos de poder aos seus socios prioritarios por unha banda e, por outra, a incapacidade total para pensar a plurinacionalidade do Estado máis aló da hermética lectura da Constitución, está a provocar un movemento de mar de fondo no taboleiro político estatal.

O compromiso do PSOE seméllase aos fogos de artificio, como exemplifican a maioría das accións levadas a cabo durante a súa etapa de goberno, dende o nomeamento dos cargos ao máis puro estilo reality show ata os Black Fridays sociais. O PSOE de Sánchez limitouse a operar como unha sorte de goberno espectáculo, ocupándose só do interese partidario e o cálculo electoral, ben asesorado polo astuto e perspicaz Iván Redondo, na procura de recuperar boa parte do voto do eixo esquerda.

Pero as accións de goberno, a parte de propoñer medidas concretas, requiren ter a capacidade de dotar as decisións dun orzamento que permita que sexan operativas. Tanto a execución como a implantación, resultan procesos clave na materialización das políticas públicas, polo que o anuncio de medidas sen ter en conta o resto do proceso, non é máis que a posta en marcha dun plan estratéxico comunicativo, un brinde ao sol, un clickbait en clave partidaria. E é que o PSOE non fai, ao PSOE, historicamente, obrígaselle a facer en función da correlación de forzas.

Con todo, os datos en medio das enquisas e barómetros, outorgan unha maioría parlamentaria ao partido de Sánchez. Algo máis complicado o ten o seu anterior socio parlamentario. Unidas Podemos ven de atravesar un inverno propio da alta montaña ourensá, con considerables conflitos internos, coa desmobilización dos seus simpatizantes e unhas estimacións electorais que apuntan a perder case a metade dos escanos con respecto á anterior lexislatura. No caso galego, os datos apuntan a que En Común – Unidas Podemos acadará varios escanos nas provincias galegas, con especial mención ás provincias de A Coruña e Pontevedra, nas que contan cunha alta probabilidade de aseguralos. Aínda así, o números de escanos con respecto á anterior lexislatura verase mermado. Porén, esta posible redución de escanos non resulta tan traumática para a formación, xa que a fórmula do grupo confederal no Congreso permite unha relación máis ou menos harmónica co resto de formacións fraternas do Estado, polo que pode continuar sendo unha peza decisiva no arco parlamentario e na formación dun posible goberno, á vez que permite manter certa autonomía no interior deste grupo.

Non ocorre así coa Marea de Villares e o BNG. Os datos apuntan a que as dúas formacións non acadarán representación nas eleccións do 28 de abril. En Marea concorre a estas eleccións en solitario, sen o apoio das organizacións políticas que construíron o xoguete, despois da negativa deste a elaborar unha lista unitaria. No caso do BNG as circunstancias son diferentes pero os datos apuntan a un resultado similar. O nacionalismo galego vese constrinxido polas súas propias liñas discursivas e a tensión subxacente ente o soberanismo e o independentismo, que non consegue resolver. Incluso co xiro comunicativo e o liderado sólido de Ana Pontón, o BNG só aspira a recuperar o voto perdido nos últimos anos, e non parece ser capaz de persuadir co seu proxecto a novo electorado para ampliar a súa base de voto. As dúas organizacións téñeno moi complicado para acadar sequera un escano.

Con todo, a elevadísima volatilidade electoral non permite esbozar un debuxo parlamentario fidedigno. Segundo os datos do último macrobarómetro do CIS[1], o 46,2% do electorado galego non ten decidido o seu voto polo que o escenario está totalmente aberto. A volatilidade vai ser a aliada fundamental da esquerda nestas eleccións, como ven sendo costume.

Sen embargo, este mar de fondo tamén permite un achegamento das forzas reaccionarias a posicións de poder. Mentres a sociedade vive un momento de explosión dos movementos sociais en clave de progreso que debuxan un tempo novo, principalmente feministas e ecoloxistas, a dereita preséntase como a reacción organizada e institucionalizada a estes avances sociais. A introdución de debates xa superados tempo atrás na axenda pública e o xiro discursivo ate posicións referenciadas no marxe dereito da base electoral do PP, enchen de orgullo e bravura a unha parte da sociedade que non consegue comprender os novos tempos. Un discurso de extrema dereita envalentonado e sobredimensionado por uns medios de comunicación sedentos de conflitividade e boato amarelo, está a condicionar o marco discursivo de todo o eixo dereitista-nacionalista español.

Tanto Ciudadanos como Vox probablemente non teñan cabida no escenario electoral galego, algo razoable dado que a vinculación destas formacións con Galicia é nula, probablemente descoñezan incluso que é unha ría, pero o PP de Casado preséntase coma peza fundamental no taboleiro galego, aínda sabendo que Casado non é Rajoy e esta diferencia pode provocar unha pequena fenda de votos na súa base electoral. En todo caso, o PP xoga con vantaxe nesta loita entre o Trío de Colón, xa que conta cun electorado moi fiel e cunha porcentaxe de voto oculto notable, ao contrario do que ocorre con Cs e especialmente con Vox, que resulta un voto orgulloso e desvergonzado, o que permite estimar o seu teito electoral, e o cal probablemente estean rozando no momento actual.

Outra variable a ter en conta, ten relación con Feijóo, un dos líderes mellor valorados a pesares de presidir un goberno durante unha década e que nas últimas semanas está a aportar o seu apoio e capital político ao PP de Casado, incluso modificando algunhas das súas decisións en favor do PP estatal de cara a reducir este posible gap entre ambos, diluíndo así na medida do posible, a tensión histórica do PPdeG entre as “boinas e os birretes”.

En definitiva, nestas novas eleccións hai moito en xogo. A preponderante volatilidade pode ser a aliada fundamental da esquerda se consegue mobilizar ao seu electorado. E é que a esquerda precisa estar mobilizada permanentemente para acadar os seus obxectivos, mentres que a dereita comprende que os seus intereses están en xogo en cada comicio, e non hai espazo para a dúbida. A fragmentación do bloque de esquerdas e a probable desidia do seu electorado abre unha fenda a partir da cal a dereita pode lograr acumular a suficiente cota de poder como para levar a cabo o seu programa de retroceso social, como xa vimos en Andalucía. A extrema dereita tende a ter unha capacidade inusitada para aproveitar eses espazos, por pequenos que sexan, o que fundamentalmente ten dous efectos: o primeiro é que tenden a crecer exponencialmente e, o segundo, é que logran condicionar a axenda pública.

Como dicíamos ao comezo, o escenario político é un caos, pero un caos non é necesariamente un pozo, senón que pode operar máis ben coma unha escaleira que permita a configuración dun novo orde político. O horizonte que se presenta ante nós é unha moeda con dúas caras, unha de progreso máis ou menos intenso condicionado á correlación de forzas e favorable para un tempo novo que xa latexa na sociedade, ou pola contra, outra de reconfiguración da orde política en clave reaccionaria que debuxa un horizonte de resistencia nun marco en branco e negro.

Así que todas a votar.

[1] CIS (2019, 3 de abril): “MACROBARÓMETRO DE MARZO 2019. PREELECTORAL ELECCIONES GENERALES 2019”. Recuperado de: http://www.cis.es/cis/export/sites/default/-Archivos/Marginales/3240_3259/3242/es3242mar.pdf

SOBRE O AUTOR

Alex Almón. Nacido en Compostela. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Actualmente traballa como consultor independente no ámbito da investigación social. O seu traballo está enfocado en cuestións relacionadas co emprego, a educación e a asesoría política.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s