Política

O sistema electoral español. Culpa da fórmula d’Hondt?

Cada vez que se achegan as eleccións xerais asoma o debate en torno a proporcionalidade do sistema electoral español, criticado sobre todo polos partidos de ámbito estatal non maioritarios. Pero a que se debe a súa baixa proporcionalidade? Neste artigo trataremos de explicar os motivos que impiden unha maior proporcionalidade do sistema electoral e as principais propostas para solucionala, para o que se realizará un detallado análise da forma na que son electos os deputados ao Congreso, sen entrar en materia respecto ao Senado dada a súa menor importancia, nin tampouco sobre as eleccións municipais e autonómicas.

Vote.pngFonte: https://unsplash.com/photos/IBWJsMObnnU

O funcionamento do sistema electoral español

O poder lexislativo español atópase representado en dúas institucións, a Cámara baixa,  o Congreso dos Deputados, cuxa magnitude é de 350 membros, se ben a Constitución permite que o número de congresistas se sitúe nun mínimo de 300 e un máximo de 400, e a Cámara Alta, o Senado, que ten un número de membros variable. De que xeito son escollidos os representantes parlamentarios?

En primeiro lugar, cómpre sinalar que as circunscricións electorais, é dicir, as divisións territoriais que se establecen para a elección dos representantes parlamentarios, no caso español son as 50 provincias e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Entón, o resultado do reparto dos 350 deputados entre as 52 circunscricións deixa unha magnitude media das mesmas de 6,7 escanos. Non obstante, o número varía en gran medida en base a circunscrición, pois por exemplo Madrid e Barcelona escollen a máis de 30 deputados cada unha, mentres que 28 circunscricións escollen a menos de 6 representantes Por qué acontece isto? Polo prorrateo combinado.

O prorrateo refírese ao mecanismo que rexe o reparto de escanos por circunscrición en base a súa poboación, o cal no caso español é de tipo combinado, e segue este criterio: a cada provincia correspóndelle un número fixo de dous deputados, excepto Ceuta e Melilla, que son representadas con 1, o que suma un total de 102 membros (29%),  sendo escollidos os 248 restantes en función da poboación de cada provincia. Deste xeito, o reparto das eleccións xerais de 2016 foi o seguinte:

Reparto dos escanos no Congreso dos Deputados nas eleccións xerais de xuño de 2016.

Untitled.png Fonte: elaboración propia a partires de http://www.infoelectoral.mir.es/

Pola súa banda, os senadores son electos a través de dúas vías, mediante as propias circunscricións, correspondéndolle 4 a cada unha salvo as illas e Ceuta e Melilla, e  a través dos Parlamentos autonómicos: un por cada Comunidade Autónoma e outro por cada millón de habitantes da mesma.

Agora ben ¿como se distribúen os escanos entre os partidos políticos? Para o reparto de deputados o sistema electoral español utiliza a fórmula d’Hondt, que debe o nome ao seu creador, o xurista belga Victor d’Hondt. O seu procedemento consiste da división da cantidade de votos obtidos por cada candidatura entre unha secuencia de números (entre un, entre dous, entre tes…e así sucesivamente) ata chegar ao tope de deputados que se elixen, dispoñendo os coeficientes nunha táboa para a posterior escolla dos máis grandes ata completar os escanos da circunscrición. Así por exemplo, esta foi a distribución de escanos resultante da aplicación da fórmula d’Hondt na provincia de Lugo nas eleccións xerais de xuño de 2016.

Resultados electorais na provincia de Lugo nas eleccións xerais de xuño de 2016Lugo.png Fonte: elaboración propia a partir de http://www.infoelectoral.mir.es/

Os coeficientes máis grandes son: 1) 90.698 (PP) 2) 42.401 (PSOE) 3) 45.349 (PP) 4) 32.371 (En Marea), de modo que dos 4 deputados que corresponden a provincia de Lugo, 2 corresponden ao Partido Popular, 1 ao Partido Socialista e 1 a En Marea.

Cabe sinalar que existe outro elemento que compón o sistema electoral español, a barreira do 3% dos votos, é dicir: para que un partido político poida obter representación parlamentaria debe acadar cando menos o 3% dos votos válidos da circunscrición, unha medida que en realidade resulta irrelevante, pois non é posible que un partido con menos do 3% dos apoios goce do coeficiente suficiente como para acadar deputados.

¿A que se debe a pouca proporcionalidade?

A proporcionalidade dun sistema electoral atópase determinada pola relación entre o número de votos obtidos por un partido e a cantidade de representantes parlamentarios que acada, sendo máis proporcional canto maior é a igualdade entre ambas variables. O caso español recibe moitas críticas, sobre todo de parte dos partidos políticos máis pequenos, polo baixo índice de proporcionalidade, que chegou a ser do 85%, unha cifra realmente baixa. ¿Pero cal é o motivo de que isto aconteza? ¿É a Lei d’Hondt a principal variable que perverte e proporcionalidade do sistema electoral español?.

Pois ben, en realidade, aínda que a fórmula electoral resultase plenamente proporcional, o pequeno tamaño das circunscricións imposibilitaría unha representación igualitaria, xa que a reducida magnitude das mesmas favorece a concentración de escanos en poucos partidos, o que en consecuencia beneficia aos partidos maioritarios e prexudica aos máis pequenos con voto disperso (ao ser o seu ámbito o estatal). Podemos ver entón como non é a Lei d’Hondt o principal motivo da pouca proporcionalidade do sistema electoral español.

Diferenza de voto obtida por cada partido nas circunscricións de Ourense e Valencia nas eleccións xerais de xuño de 2016

circFonte: elaboración propia a partir de http://www.infoelectoral.mir.es/

Como se pode comprobar na comparativa de gráficas, na circunscrición de Ourense o PP gozou dunha sobrerepresentación elevada, o 25,30%, mentres a do PSOE foi positiva nun 1,67% e o resto de candidaturas obtiveron unha representación negativa, o que se produce polo seu pequeno tamaño, de só catro escanos. Mentres, na provincia de València o resultado das representacións, se ben favorece aos PP e a Compromís-Podemos, é moito máis proporcional, pois magnitude da mesma, de 16 escanos, permite un reparto menos concentrado dos votos.

Doutra banda, a diferencia de valor en función da circunscrición tamén é outra consecuencia resultante do modelo electoral español. Por exemplo: se á provincia de Ourense con 105.893 habitantes lle corresponden 4 deputados, a elección dun deputado ourensán ten lugar co apoio de 26.459, mentres que se na provincia de Valéncia, composta por 2.544.000 habitantes, se escollen 16 deputados, cada un dos mesmos precisa para ser electo 159.000 votos. En resumo, o valor de voto en Ourense é máis de seis veces superior ca en Valencia, unha cuestión cuxa importancia vemos reflexada se atendemos á seguinte táboa:

Valor do escano en función do número de escanos da circunscrición e a súa poboación en 2016Valor.pngFonte: elaboración propia a partir de https://www.ine.es/

A táboa amosa o cálculo do valor do voto en cada un dos tres tipos de circunscricións, as pequenas, compostas de menos de 6 escanos (en total son 26 provincias máis Ceuta e Melilla), as de tamaño medio, cuxo número de escanos oscila entre os 6 e os 9 (corresponden a esta categoría 17 circunscricións), e as de gran magnitude, que gozan dunha cantidade maior aos 10 escanos (en total son 7). Así pois, tendo en conta estes datos, e cruzándoos co número total de habitantes de cada tipo de circunscrición, é posible concluír que nas circunscricións pequenas a media do valor de voto é 82.967, un número que ascende a 187.569 nas de tipo medio, e 160.476 nas máis grandes.

Outra lectura que pode facerse en base aos datos que amosa a táboa é que, se o total da poboación española en 2016 era de 46.596.991, as circunscricións pequenas en conxunto, representando o 20,23% do total, escolleron a 103 deputados, o 29,4% do Parlamento, mentres o total das circunscricións de gran magnitude, representando o 45,76% da poboación escolleron o 36,58% dos membros do Congreso. Neste sentido, a maior proporcionalidade é a das circunscricións de tamaño medio, que co 33,81% dos habitantes elixen o 34% da Cámara Baixa. En resumo, as circunscricións máis pequenas, xeralmente máis rurais e con voto disperso,  posúen unha prima na súa representación (9,17 puntos), e as maiores – con maior taxa de industrialización e poboación urbana – unha penalización (-9,18).

Posibles solucións

Para corrixir os problemas de proporcionalidade do sistema electoral español téñense desenvolto varios tipos de propostas. Un primeiro grupo refírese as iniciativas que pretenden mudar o sistema electoral sen modificar as circunscricións, para o que sería preciso reformar a Constitución, entre as que se atoparían ideas como a redución do número de deputados fixos a 1, o aumento do número de deputados, a utilización dos votos desbotados a nivel provincial, ou ou a aplicación doutra fórmula electoral, como a fórmula Sainte-Laguë, proposta que presentaron Podemos e Ciudadanos xa en 2015.

Esta fórmula segue o mesmo método que a d’Hondt, pero no canto  de realizar as divisións entre a secuencia de números corrente, só se utilizan como divisores os números impares, o que evita a existencia de coeficientes tan grandes e en consecuencia reduce a distorsión. Vexamos un exemplo sobre a provincia da Coruña.

Comparativa dos resultados electorais na provincia da Coruña nas eleccións xerais de xuño de 2016 segundo a aplicación da fórmula d’Hondt ou a fórmula Sainte-Laguë.SainteFonte: elaboración propia a partir de http://www.infoelectoral.mir.es/

Podemos comprobar como coa fórmula Sainte-Laguë o reparto de deputados resulta máis equitativo, pois o PP perdería un a favor de Ciudadanos. Non obstante, trátase dunha media que non tería efecto en circunscricións pequenas nas que existe un ou dous partidos dunha ampla diferenza de votos, como o caso da provincia de Lugo:

Comparativa dos resultados electorais na provincia de Lugo nas eleccións xerais de xuño de 2016 segundo a aplicación da fórmula d’Hondt ou a fórmula Sainte-Laguë.Sainte lugo        Fonte: elaboración propia a partir de http://www.infoelectoral.mir.es/

Outro grupo de propostas refírese a modificación das circunscricións. Unha delas sería a utilización das Comunidades Autónomas no canto das provincias, de forma que a súa maior magnitude acrecentaría a marxe de manobra para o reparto de escanos. Así por exemplo, se as catro provincias galegas se xuntasen nunha única circunscrición, os 12 deputados do PP, os 9 do PSOE e os 5 de En Marea mudarían e o cadro de deputados galegos quedaría composto do seguinte xeito:

Resultados electorais nas eleccións de xuño de 2016 ao utilizar a Comunidade Autónoma de Galicia como circunscrición electoral.AUT.pngFonte: elaboración propia a partir de http://www.infoelectoral.mir.es/

Unha última proposta que tamén incluiría a modificación das circunscricións refírese a creación dunha circunscrición única para todo o Estado, de modo que cada persoa representaría un voto. De aplicarse este método nos últimos comicios o PP perdería 21 escanos e o PSOE 6, Unidos Podemos e Ciudadanos obterían 3 e 14 máis respectivamente, mentres PACMA acadaría representación parlamentaria con 4 escanos. Así mesmo, varios partidos de ámbito non estatal mudarían a súa representación, pois CDC pasaría de 8 a 7  e o PNV de 5 a 4, mentres EH Bildu sumaría un aos seus 2 deputados actuais.

SOBRE O AUTOR    

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutorando en Historia Contemporánea. 

0 comments on “O sistema electoral español. Culpa da fórmula d’Hondt?

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: