Sociedade

Na diáspora

Tempo atrás, dinamizando a vida cultural dende a Universidade, como acotío, fun invitado a participar neste novo espazo de inquietude, debate e opinión. Non deixa de ser de agrado semellante iniciativa dende nós, mocidade activa como di aquela canción dos da Ría, nunha baza de diversidade que non sucumbe ao convencionalismo social que condena á inmaturidade e á introversión na súa vertente cultural. Non deixa de ser culpa nosa ese medo a expresarse, a nin sequera propoñelo e canto menos intentalo, a deixar de lado a faceta crítica escrita e perdurábel no tempo máis alá dun agarimoso debate nocturno de cafetería viguesa, malia que tanto nos guste.

Crítica persoal de quen, sen escusa, tarda máis dun par de semanas en abstraerse da intensidade diaria mercantilista da gran urbe que non só atrapa e engancha, senón tamén devén aditiva.Afondando xa no primeiro tema deste breve texto, un continuo movemento social avoga fervorosamente por apoiar a prisión permanente revisábel[1] en loanza da postura gobernamental respecto dun endurecemento de penas e dun maior castigo ao amplo espectro de delitos criminais.

A prisión permanente revisábel non deixa de ser unha cadea perpetua, suxeita a súa suspensión (que non sinónimo de retirada) de observar o tribunal competente o cumprimento de certos requisitos legais: a) un mínimo de 25 anos cumpridos polo penado; b) a súa clasificación no terceiro grao; e, c)  requisito máis aberto á racionalidade do órgano decisorio que comprende unha amalgama de avaliacións da personalidade do reo que fagan prever un prognóstico favorábel de reinserción social[2] (orientación constitucional das penas[3]). A imposición desta pena outorga ao suxeito condenado un grao de vixilancia permanente, pois máis aló de poder ser outorgada a súa suspensión, esta pode ser revocada a futuro polo xuíz ou tribunal de entender que se modificaron aquelas circunstancias que foron avaliadas para poñer en liberdade ao penado. Deste xeito, o poder coercitivo e de castigo do que goza o sistema xudicial dun Estado per se cae con todo o seu peso perpetuándose no tempo sobre quen realice un feito subsumible en calquera dos delitos castigábeis con esta pena.

Ademais, habitual no noso Código Penal (“CP”) trala longa loita contra o terrorismo, estes requisitos amplíanse de ser o suxeito condenado por un delito referente ao terrorismo. Neste caso, será necesario que o reo, inequivocamente, mostre ter abandonado os fins e medios da súa “loita” e colabore, activamente, coas autoridades. Colaboración que poderá acreditarse, en último lugar, cunha declaración de repudio dos seus actos e unha petición expresa de perdón ás vítimas.

A prisión permanente revisábel, como pena máis grave do noso CP, está contemplada para castigar os seguintes delitos[4]: a) asasinato que se execute sobre unha vítima menor de 16 anos; que sexa posterior a un delito contra a liberdade sexual; no que o executante pertenza a organización criminal; ou, que sexa realizado polo condenado sobre máis de dúas vítimas; b) homicidio sobre o rei, raíña, príncipe ou princesa, xefe de Estado estranxeiro ou persoa internacionalmente protexida por Tratado; c) delito de xenocidio; e, d) delito de lesa humanidade. A priori, sen entrar a valorar se hai unhas vidas que merezan maior protección que outras (que cadaquén saque as súas propias conclusións), semella que a pena máis grave do noso CP sómentes se atopa recollida para ás actuacións que maior reproche social puidesen provocar.

O debate doutrinal sobre esta medida represora focalízase na colisión que cerne nos principios dun Estado Democrático e Social de Dereito. Dun lado, a Constitución prevé como fin das penas reeducar e volver a inserir na sociedade aos condenados (fin contrario á cadea perpetua) xunto a un principio humanizador das mesmas (en conexión co anterior). Doutro, debe prevalecer a concepción que sitúa ao Dereito Penal como último recurso ao que o poder público debe recorrer para manter a convivencia social. Todas estas críticas preténdense contrarrestar baixo o paraugas que outorga a posible posterior revisión da pena (que non implica suspensión) suxeita a requisitos abertos, amplos e non concretamente determinados e definidos como unha lei penal require (o cal abre a porta a un estudo caso por caso que poida dar en futuras contradicións entre resolucións xudiciais).

Resumindo, unha cuestión de tal relevancia que pode fragmentar e ataca ás bases que sosteñen unha sociedade democrática e social como a nosa, posta en relevancia nos medios dende unha perspectiva utilitarista cando o escándalo xorde á pantalla, valeira de contido tal postura tendenciosa e desviada do verdadeiro debate.

Demos a benvida a que se abra a xanela.

[1] A prisión permanente revisábel foi introducida pola Lei Orgánica 1/2015, de reforma do Código Penal.

[2] Artigo 92 do CP.

[3] Artigo 25.2 da Constitución española.

[4] Artigos 140, 485, 605, 607 e 607 bis do CP.

SOBRE O AUTOR

Aitor Fernández Neira. Graduado en Dereito pola Universidade de Vigo.

0 comments on “Na diáspora

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: