Alberto Fujimori. Un ditador que gañaba eleccións.

Meses antes das eleccións xerais de 1990 apenas ninguén en Perú podía imaxinar que Alberto Fujimori, un total descoñecido para a maioría da poboación ía resultar o candidato gañador. Unha década despois, en novembro do ano 2000, a fuxida do presidente tamén foi un feito inesperado que deixou sorprendido ao país andino, e por se fose pouco, o seu proceso de extradición converteuse nunha rocambolesca historia que acabou coa Corte Suprema do Perú condenando a Fujimori a 25 anos de cadea.

A día de hoxe, case 20 anos despois, o nome de Alberto Fujimori segue selado na memoria da maioría dos peruanos, non só pola continuidade institucional do fujimorismo (movemento político continuador da doutrina de Alberto Fujimori)  a través do partido Fuerza Popular, presidido pola súa filla Keiko Fujimori, se non tamén porque a década durante a que Alberto Fujimori ocupou o cargo de presidente (o denominado fujimorato) marcou a vida política do país andino, fragmentando a opinión pública entre partidarios e detractores, polarización que se reflicte na petición de indulto do ex mandatario.

Mobilización en apoio ao indulto a Alberto Fujimori durante o mes de decembro de 2017. LimaWhatsApp Image 2019-02-18 at 23.07.55

Fonte: Gettyimages

¿Como entender estes feitos? ¿De que modo un home e un partido político sen apenas popularidade algunha gañaron as eleccións? ¿Por que un presidente electo desaparece do seu país? ¿De que maneira una década de gobernos transformou o panorama político de Perú? ¿Como una figura política condenada polos tribunais aínda ten crédito entre boa parte da poboación? Para responder a estas cuestións empezaremos por remontarnos ao inicio da década dos noventa e ao contexto no que se celebraron as eleccións dese ano.

A espontánea aparición e o ascenso ao poder de Alberto Fujimori

Alberto Fujimori, un enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade Nacional Agraria, peruano pero de orixe xaponesa -das súas raíces asiáticas procede o seu alcume, El Chino– non contaba con traxectoria política nin era unha figura coñecida publicamente. De feito, tan só un ano antes das eleccións xerais de 1990 creou o seu partido, Cambio 90, formado co apoio dun pequeno grupo de asesores evanxélicos, pero de débil estrutura, sen redes clientelares nin apoio mediático, e cun programa político pouco definido. Baixo estas circunstancias, as posibilidades de Alberto Fujimori de obter un apoio electoral que lle permitise, cando menos, ter peso na toma política de decisións, eran mínimas, e que resultase o candidato gañador parecía inimaxinable, pero a situación que se vivía en Perú a comezos dos anos noventa abría algunhas canles de oportunidade que Fujimori soubo aproveitar. En concreto, podemos distinguir dúas variables que marcaban a realidade peruana nestas datas:

Por unha banda, a crise económica, coas arcas nacionais endebedadas e unhas taxas de inflación moi altas, un deterioro económico que se viña arrastrando dende que a recesión internacional de comezos dos oitenta deixara sentir as súas consecuencia na rexión, non só en Perú, o que repercutiu coa caída de prezos das materias primas e o desaxuste na balanza de comercial. Ante esta situación, o goberno de Belaúnde Terry, presidente do partido de centro dereita, Acción Popular, implantou no 1982 un programa económico de axuste, baseado na aceleración da desvalorización, o desincentivo das importacións, a restrición do crédito no sector privado, a redución da inversión pública e a elevación de prezos e tarifas nas empresas públicas, medidas que tiveron un negativo impacto na economía, provocando un crecemento da inflación e o endebedamento fiscal, situación que deteriorou aínda máis o Fenómeno El Niño, un evento climático que causou graves inundacións no norte e seca no sur costeiro.

Posteriormente, co cambio de goberno en 1985, que foi ocupado por Alán García, líder do APRA, histórico partido do centroesquerda, desenvolveuse un programa de expansión económica que tentaba recuperar o consumo e a demanda interna a través do aumento do emprego e os salarios, o control de prezos e do pago da débeda externa e a estabilización do tipo de cambio, medidas que non evitaron os desequilibrios da balanza de cambio e de prezos dada a continuidade do estancamento das exportacións, a incapacidade para xerar un balance fiscal axeitado e as dificultades para manter e atraer a inversión estranxeira. Entón, o goberno repensou as súas políticas económicas aplicando un programa de estabilización, que tampouco conseguiu frear o incremento da inflación e a caída do poder adquisitivo, o déficit fiscal e a subida de prezos, caendo en picado a produción industrial e medrando a economía informal, dificultando aínda máis a capacidade recadadora do Estado (Portocarrero, F. 1989).

Ecorexións do Perú.

cgdtper.jpg

           Fonte: cienciagrofrafica.carpetapedagogica

Por outra parte, igual que os problemas económicos, o país tamén viña sufrindo dende facía unha década un aumento da violencia, provocado polas accións das guerrillas Movimiento Revolucionario Tupac Amaru (MRTA), e sobre todo o Partido Comunista de Perú-Sendero Luminoso (PCP-SL), e a contestación das Forzas Armadas. Así pois, ao longo dos oitenta ambos grupos foran incrementando a súa actividade e facéndose co control dalgunhas zonas da serra e a selva, para posteriormente trasladar os seus ataques as urbes,  incluída Lima, cidade na que se concentraba case un terzo da poboación total do país. Estas guerrillas pretendían controlar sobre todo os barrios periféricos, os conos, espazos habitados maioritariamente por clases populares e sectores informais, pero despregando ataques tamén en zonas residenciais máis céntricas. Ademais, outro factor que precipitaba o aumento da violencia era o auxe do narcotráfico (CVR, 2003, T I).

Pois ben, neste contexto marcado pola recesión económica e o clima de violencia, o sistema de partidos tradicional sufría un gran desgaste e a sociedade mantiña unha profunda desconfianza cara a clase política e a súa errática xestión gobernamental, situación que Fujimori aproveitou para explotar as súas virtudes políticas, sabendo converter a súa inexperiencia nunha vantaxe ao amosarse coma unha figura política renovada e afastada do estereotipo de político crioulo pertencente a clase política tradicional, coa frase Honestidad, tecnología y trabajo, como slogan.

En definitiva, un outsider da política, cunha visión personalista e tecnocrática da mesma, que cuestionaba o funcionamento e incluso a propia existencia do propio sistema de partidos, conectando co electorado por medio da súa relación directa e persoal, sen canles institucionais. En realidade, Fujimori pertencía a un grupo de outsiders que englobaba a toda a rexión latinoamericana: Collor de Melo en Brasil, Abdalá Bucarán en Ecuador, Carlos Menem en Arxentina, etc.

Así as cousas, baixo esta lóxica, Fujimori desenvolveu unha campaña dirixida aos sectores informais e ás clases populares, e cun discurso populista centrando nos seus ataques no establishment, aludindo continuamente ao binomio pobo contra clase política, ao tempo que tamén fixo uso da súa condición de líder incorrupto de orixe xaponesa para achegarse aos grupos de inmigrantes económicos e aos indios e mestizos. Fronte aos problemas económicos a súa principal baza foi a oposición ó programa neoliberal que propoñía Fredomo (coalición de centro dereita formada polo Partido Popular Cristiano, Acción Popular e Movimiento Libertad, ó que pertencía o candidato da coalición, o escritor Mario Vargas Llosa, favorito de cara aos comicios), e en relación ao clima de violencia, defendía a aplicación de duras penas contra as guerrillas, coa pena de morte como punta de lanza (Freidemberg, F. 2007, pp. 136-140)

Foi así como Alberto Fujimori comezou a gañar lexitimidade entre a poboación e as súas posibilidades ían in creciendo, aínda que Fredomo e o APRA continuaban a ser claros favoritos. Non obstante, os resultados da xornada electoral celebrada en abril confirmaron a consolidación de Fujimori, que obtivo o 20% dos apoios, procedentes sobre todo do estratos socioeconómicos máis baixos, poboación indíxena, de zonas excluídas serra e a selva, traballadores de sectores informais, etc Mentres, Vargas Llosa alcanzou 32,6%, resultados que forzaron unha segunda volta entre ambos, quedando excluído o APRA, que só acadou o 15% dos votos, e que na repetición dos comicios apoiou a Cambio 90 ao considerar que a posibilidade de influír nun goberno pilotado por este sería viable, dada a súa debilidade. A convocatoria electoral corroborou o éxito do discurso populista de Fujimori, que logrou a vitoria cun 62,4% dos votos, superando a un Vargas Llosa para o que o apoio dos partidos conservadores e da elite crioula foi prexudicial (Degregori, C.I e Grompone, R. 1991, pp. 37-51).

O primeiro goberno de Fujimori

Alberto Fujimori tomou posesión do cargo de presidente sen un plan nin un equipo de goberno consolidado, e con só 32 deputados fronte aos 62 de Fredomo e os 53 do APRA. Nesta conxuntura, optou por formar un equipo con persoas próximas aos seu entorno persoal (familiares, compañeiros da universidade, xaponeses de segunda xeración, etc), e facerse co apoio dos actores chave para a súa consolidación no poder:

  • A aprobación dos organismos financeiros nacionais e internacionais, co Grupo de Apoio, liderado por Estados Unidos e Xapón, a cabeza, tras contradicir o seu discurso de campaña e aplicar un programa de políticas neoliberais.
  • Alianza coas Forzas Armadas, cuxa principal nexo de conexión era o ex xefe do aparato castrense Vladimiro Montesinos, principal asesor de Alberto Fujimori. De feito, algunhas versións relatan que as Forzas Armadas xa outorgaran o seu apoio a Cambio 90 antes de que este chegase ao poder, ao garantírselles un amplo espazo de actuación no seo do Estado. Ademais, as axencias de intelixencia estadounidenses tamén ampararon ao aparato militar peruano na súa loita contra as guerrillas e o narcotráfico.

Así as cousas, Cambio 90 abandonou o seu programa de campaña e implantou unha serie de reformas de carácter neoliberal co apoio de Fredomo: recortou o subsidio dos prezos, do gasto social e do emprego público, aumentou os impostos dos servizos públicos, desregularizou o mercado coa privatización de boa parte das empresas públicas e procedeu a apertura da economía á inversión estranxeira. En consecuencia, se ben conseguiu o acomodo do país nos mercados internacionais, a inflación aumentou, a taxa de pobreza alcanzou o 54% da poboación e os salarios caeron un 40% nos dous primeiros anos de goberno. Entón ¿Como xustificar a aplicación dunhas políticas que continuaban deteriorando a economía do país, contradicindo ademais un dos seus principais argumentos da campaña electoral? A bagaxe herdada pola mala xestión e a corrupción dos gobernos anteriores e os obstáculos que supoñían as inoperantes institucións actuaron como escudo,  permitíndolle manter o apoio entre os estratos socioeconómicos máis baixos, pero gañar tamén lexitimidade entre os de maior rango (Roberts, K. 1999).

Por outra banda, a loita contra as guerrillas foi outra gran baza que o Fujimori soubo xogar ao seu favor. Primeiro porque lle outorgou réditos políticos ao explotar as campañas contrasubervivas e amosar os éxitos acadados como propios, e segundo,  porque foi o argumento baixo o que se outorgou poder e confidencialidade as actuacións das Forzas Armadas, ocultando os resultados da súa estratexia contra as guerrillas: masacres de civís, desaparicións forzadas, detencións extraxudiciais, torturas, etc.  Estas accións non só eran cometidas polos militares, senón tamén por comandos paramilitares, como o Grupo Colina, que perpetrou dúas das masacres máis coñecidas dos gobernos de Fujimori, as de Barrios Altos[i] e La Cantuta[ii]. A primeira tivo lugar cando o grupo armado irrompeu en novembro de 1991 nunha casa en Barrios Altos (Lima), e asasinou a 15 civís ao confundilos con senderistas, e a segunda en xullo de 1992, tras a detención e o asasinato de 9 estudantes e un profesor da Universidade La Cantuta, casos que foron desvelados por un sector do aparato castrense desconforme coa súa situación dentro do mesmo.

Baixo estas circunstancias, a tensión do goberno con diversos actores foi unha constante durante os primeiros anos de mandato: os empresarios e tecnócratas tiveron os seus desencontros co executivo ante a negativa deste a aplicar algunhas reformas de liberalización, e pola apertura comercial e a subida de taxas impositivas. Por outro lado, os militares tamén desenvolveron críticas ao goberno pola excesiva intromisión de Montesinos nos seus plans e polas discrepancias entre os cadros nacionais e os estadounidenses. Así mesmo, os mandos eclesiásticos sentíronse prexudicados pola presenza de sectores evanxélicos no goberno e polas tentativas do executivo de aplicar unha política de control da natalidade[iii]. Ademais, a oposición institucional fora unha constante na maioría de cuestións, se ben en materia económica Cambio 90 si conseguira manter o apoio de Fredomo. Ante esta conxuntura, Fujimori decidiu aplacar todas as trabas do sistema político e económico a través dunha manobra coa que aglutinou todos os poderes nas súas mans, o autogolpe (Cotler, J. e Grompone, R. 2001, pp. 23-26)

O autogolpe de 1992 e o novo fujimorato

Coñecedor do apoio que contaba entre boa parte da sociedade e a debilidade da oposición, Cambio 90, coa colaboración das Forzas Armadas, apostou por executar o autogolpe o 5 de abril de 1992, xustificando a violación constitucional coa necesidade de avanzar cara a restauración da orde e a normalidade. Entón, suspendeuse a Constitución de 1979, disolveuse o Parlamento e o Poder xudicial, e Fujimori asumiu todos os poderes na súa persoa, o que, como previra o goberno, contou co apoio dunha parte maioritaria da poboación. Mais a desaprobación que atopou o executivo foi a da comunidade internacional, que con Estados Unidos a cabeza esixiu o restablecemento da orde constitucional e ameazou con retirar a axuda económica ao país e saír do Grupo de Apoio, pretendendo manter unha estabilidade democrática entre os países da Organización de Estados Americanos. Fronte a isto, o goberno decidiu resistir, sustentado polos militares e co apoio das institucións financieiras internacionais e outros gobernos da OEA, e preparou a consolidación do autogolpe.

Así pois, coa intención de ratificar o control de poderes e ao tempo dar unha aparencia de democracia ao réxime, o goberno convocou unha nova Constitución, que foi aprobada en referendo polo 52% da poboación en 1993. O resultado indicaba que o apoio social non era tan forte, pero a debilidade da oposición, con boa parte apartándose do proceso, e a capitalización do apresamento da captura do líder de Sendero Luminoso, Abimaél Guzmán, o 12 de setembro de 1992, foron dabondo. Deuse paso así a un goberno cívico-militar ou unha democracia delegativa, é dicir, emanado dun proceso electoral pero contrario ao cumprimentos das garantías e ao funcionamento das institucións democráticas. En consecuencia, as Forzas Armadas e o SIN, os Servizos de Intelixencia Nacionais, pasaron a actuar como mecanismos gobernamentais, controlando ós medios de comunicación, perseguindo ós opositores políticos e en xeral as figuras más críticas co fujimorato (sindicalistas, estudantes…). Por outra banda, un novo grupo de asesores formado por tecnócratas aplicou unha política destinada a garantir o respaldo das clases populares a través dos programas de asistencia, con especial énfase cara as mulleres, que eran presentados coma unha labor vinculado ao propio Fujimori e que englobaban do redor do 25% dos orzamentos estatais.

En síntese, a capacidade do Réxime para adaptarse as necesidades imperantes e manter unha base de apoio para conservar poder foron efectivos, aínda que as prácticas autoritarias se ían acumulando debaixo do manto democrático e ameazaban con estourar creando un gran deterioro ao goberno, sobre todo tendo en conta as dúbidas da comunidade internacional sobre a súa lexitimidade. Así pois, este clima de autoritarismo que o goberno xustificaba ateigando a información institucional e mediática de referencias á violencia guerrilleira e ao caos económico da década dos oitenta, marcaría tamén as eleccións presidenciais de 1995, ás que Fujimori se podía presentar ao modificar a norma que impedía a reelección na nova Carta Magna (Cotler, J. e Grompone, R. 2001, pp. 93-127).

A segunda metade dos gobernos de Alberto Fujimori

En abril de 1995 Alberto Fujimori superou na convocatoria das eleccións presidenciais ao candidato rival, Ángel Pérez Cuéllar, e o seu partido Unión por el Perú, ao alcanzar o 64% dos votos. Deste xeito, revalidaba posto como presidente, pero a lexitimidade coa que contaba ía en claro in decrescendo, pois as críticas dos medios de comunicación, os gobernos e os organismos internacionais, uníanse as protestas internas contra a falta de garantías, con Pérez Cuéllar espiado polo SIN e perseguido pola prensa afín ao goberno, en especial a prensa sensacionalista, denominada prensa chicha.

En xeral, este segundo período de goberno estivo marcado pola incremento das prácticas antidemocráticas e a caída da estabilidade económica, cos problemas fiscais dos organismos estatais e o descenso do crecemento económico. Para comezar, a aprobación da Lei de Amnistía de 1995 impedía que fosen xulgadas as violacións de dereitos humanos nos últimos 15 anos, o que imposibilitaba o procesamento dos membros das Forzas Armadas e comandos paramilitares. Logo, a Constitución de 1993 mudouse para incluír a denominada Lei de Interpretación Auténtica, que aumentaba a tres o máximo de postulacións a presidencia coa intención de que Fujimori puidese presentarse de novo aos futuros comicios presidenciais. Tratouse dunha medida moi criticada e que reflectía o carácter autoritario do Estado e a ausencia de separación de poderes ao tratarse dunha interpretación da Constitución efectuada polo Parlamento, que ademais, ao ser cuestionada por varios membros do Tribunal Constitucional, acabou con estes destituídos do seu cargo.

Entón, baixo o amparo da Constitución, as persecucións contra os medios de comunicación e os políticos opositores aumentaron, máis aínda logo da derrota electoral do candidato fujimorista Jaime Yoshiyama nos comicios municipais a alcaldía de Lima, fronte a Alberto Andrade, e cando os escándalos de corrupción e violacións de dereitos comezaron a agromar nalgunhas canles de televisión. A resposta do executivo foi financiar un maior número de prensa amarela para desprestixiar aos adversarios do goberno a través de campañas de difamación e actuar como cortinas de fume de asuntos importantes, e o uso de métodos autoritarios contra os medios críticos (García, M. 2001).

Así por exemplo, á canle Frecuencia Latina foille arrebatada ao seu propietario, Baruch Ivcher, logo de que se aducisen irregularidades sobre o seu proceso de obtención da nacionalidade, tras saír a luz no programa Contrapunto varias reportaxes que amosaban a unha axente do SIE, os Servizos de Intelixencia do Exército, denunciando torturas de oficiais,  a relación de Vladimiro Montesinos co narcotráfico e con grupos paramilitares, e as escoitas ilegais a Javier Pérez Cuéllar. Outro caso foi a denuncia de Roxana Canedo, presentadora do programa Enlace Global, en Global Televisión, quen desvelou que fora despedida por non seguir o guión que o director do programa lle comunicaba nunha entrevista a Alberto Fujimori.

Estas confesións foron realizadas por Canedo a César Hildebrandt, outro dos xornalistas máis perseguidos polo réxime: primeiro a sede de Global Televisión de Puno, canle na que traballaba Hildebrant, foi bombardeada en 1996 (posteriormente descubriríase que foran membros do Exército), e logo o boicot publicitario ao seu diario La Liberación, que provocou a súa desintegración. Outros casos serían os secuestros de xornalistas, como o de Gustavo Gorriti, capturado polas Forzas Armadas a causa das críticas despregadas contra o goberno nos xornais La República e Caretas[iiii] (Rospiglioli, F. 2000, pp. 88-97 e 101-109).

Por conseguinte, a pesares de que algúns feitos como a liberación do secuestro da Embaixada do Xapón por membros do MRTA e o conflito fronteirizo con Ecuador, que foron ben valorados pola opinión pública e repercutiron no apoio ao Presidente e as Forzas Armadas, as denuncias de corrupción e violacións de dereitos, o clima de inestabilidade económica, o autoritarismo nun contexto no que as guerrillas se atopaban en declive, etc, xeraban unha cada vez maior contestación social e posta en cuestión do goberno, cuxa lexitimidade caída en picado, non só entre a sociedade civil, senón tamén coa desconfianza dos grupos empresariais (Cotler, J. e Grompone, R. 2001, pp. 152-165).

Porcentaxe de aprobación da xestión dos gobernos de Alberto Fujimori por estratos socioeconómicos

Porcentaxe de aprobación da xestión do goberno por sectores sociais.png                                Fonte: elaboración propia a partires de Freidenber, F, pp. 140

As eleccións presidenciais do ano 2000 e a caída de Alberto Fujimori

A campaña electoral dos comicios presidenciais do ano 2000 foi un claro reflexo da ausencia de garantías democráticas que se vivía en Perú por aquelas datas. A posible reelección de Fujimori grazas a modificación da Carta Magna uníuselle unha pronunciada parcialidade dos medios de comunicación a favor do candidato de ascendencia nipona, tanto polas campañas difamatorias despregadas pola prensa chicha contra os principais opositores, Alberto Andrade, Luis Castañeda e Alejandro Toledo, como polo dispar nivel de cobertura cara os diferentes candidatos e a parcialidade informativa , e en xeral, a utilización das Forzas Armadas e o SIN con fins partidistas.

En síntese, unha campaña de guerra sucia contra os rivais políticos e os medios críticos que causou denuncias de parte da comunidade e a opinión pública internacional e nacional, que esixían garantías para a celebración das eleccións, o que non se cumpriría, pois tanto os observadores internacionais da OEA como os organismos peruanos encargados de avaliar os comicios aduciron a existencia de irregularidades na xornada electoral celebrada o 9 de abril: propaganda electoral nos centros de votación, detencións de cidadáns que acudían a exercer o voto ou identificación ante as Forzas Armadas, falta de transparencia no reconto de votos, etc. En definitiva, unhas eleccións sobre as que pesaban fortemente sospeitas de fraude, e nas que o candidato que conseguira acceder a segunda volta para enfrontarse a Fujimori, Alejandro Toledo, decidiu retirarse, de xeito que Fujimori alcanzou por terceira vez a presidencia, que sen embargo, esta vez daría paso a unha lexislatura ben diferente (García, M. 2001).

Diñeiro invertido por cada candidato en propaganda electoral nos medios de comunicación (TV,radio e prensa escrita)

Diñeiro invertido por cada candidato en propaganda electoral nos medios de comunicación das eleccións presidenciais do 2000.png                                                               Fonte: Iranzo, L.A (2003), pp. 82

Como vimos relatando, cando Alberto Fujimori comezou o seu terceiro período en xullo do 2000, xa esgotara os seus avales como garante da paz, pois a debilidade xa non permitía que a política do medo resultase tan efectiva, e como xestor económico, xa que as clases populares se vían cada vez máis afectadas polas consecuencias das políticas neoliberais, e os casos de corrupción e violacións de dereitos humanos comezaban a saír a luz. De feito, foi a publicación dunhas gravacións nas que Vladimiro Montesinos subornaba a congresista opositor Alberto Kouri a cambio da seu transfuguismo a Camio 90 e o consecuente apoio a Fujimori, os Vladivideos, o que, xunto co descubrimento do seu tráfico de armas as FARC e a evasión de impostos a paraísos fiscais, precipitou un escándalo que desencadeou no colapso de Cambio 90.

Sucedéronse as protestas, e como resposta Fujimori anunciou a anulación do SIN e a convocatoria de eleccións, mentres Montesinos fuxía a Panamá en busca de asilo político, para logo volver a Perú e comunicar a través dunha mensaxe por radio a súa renuncia, pasando a clandestinidade e fuxindo novamente nun navío a Panamá, dende onde ingresaría clandestinamente Venezuela para someterse a unha operación estética co gallo de mudar o rostro, o que non evitou a súa captura en xuño de 2001, sendo extraditado ao país andino.

En definitiva, unha historia rocambolesca que non sería a única que viviría Perú, pois Fujimori tamén imitou os pasos do seu asesor, e tras anunciar o seu viaxe a Brunei para acudir a unha reunión internacional, Perú coñeceu vía fax a renuncia do seu presidente dende Xapón, onde permanecía como asilado político. O Congreso peruano decidiu rexeitar a renuncia de Fujimori e destituílo por incapacidade moral, nomeando Presidente Interino a Valentín Paninagua, para a posterior celebración eleccións e a restauración da democracia.

A fuxida de Alberto FujimoriFuxida Fujimori.png       Fonte: Crónica Viva

Co gallo de avanzar neste proceso de transición, o goberno en funcións de Paniagua comezou a traballar para a elaboración dunha comisión da verdade que recollese os delitos, co fin de procesar aos culpables e dar cobertura as vítimas. O seguinte paso foi o fallo da Corte Iberoamericana contra a Lei de Amnistía de 1995, declarando a súa ilegalidade, o que abriu a vía para que xuíces e fiscais comezasen a investigar as prácticas antidemocráticas do fujimorato. Logo, a Corte Iberoamericana determinou que debían de ser os tribunais peruanos os que aplicasen a xustiza, de xeito que os implicados nas masacres de Barrios Altos e La Cantuta comezaron a ser procesados.

Sen embargo, Fujmori non podía pasar a disposición xudicial porque se atopaba asilado en Xapón, e o país asiático negábase a súa extradición, mais en novembro de 2005 Fujimori sairía do país cara Chile, onde sería detido e enviado a Perú. Unha vez no país do que fora presidente, Fujimori foi xulgado no ano 2007 pola Corte Suprema de Perú, que o condenou a 25 anos de cadea ao decretalo culpable das masacres de Barrios Altos e La Cantuta, o secuestro do xornalista Gustavo Gorriti e do empresario Samuel Dyer, por apropiación ilícita de diñeiro público, por entrar ilegalmente  no domicilio da esposa de Montesinos co gallo de incautar probas, polas escoitas telefónicas de candidatos políticos rivais a través do SIN, por subornos a congresistas opositores e pola compra ilegal dunha canle con fondos do Estado (Burt, J. 2011, pp. 399-422).

Fujimorismo sen Fujimori

Unha vez Alberto Fujimori ingresou na cadea e se elaborou a Comisión da Verdade e a Reconciliación, podería semellar que o fujimorismo era historia de Perú, mais a súa doutrina obtivo continuidade. Primeiro, a súa filla Keiko Fujimori recolleríaa para canalizala no partido Fuerza Popular, que ostenta maioría no Congreso da República, o que reflicte o apoio que aínda posúe o fujimorismo. Por outro lado, parte do sistema político que Cambio 90 moldeou a súa medida segue imperante, incluída a Constitución de 1993, e o seu estilo personalista da política marca un sistema de partidos no que non predomina o dominio das organizacións tradicionais.

Fronte a continuidade do fujimorismo, a sociedade peruana tense agrupado en importantes organizacións para pedir xustiza cara as vítimas e reclamar que as institucións conciencien a poboación sobre o autoritarismo que o país viviu durante a década dos noventa. Unha das expresións máis claras da oposición popular ao fujimorismo foron as mobilizacións contra o indulto que o ex presidente Pedro Pablo Kuczynski lle concedeu a finais de 2017 a Alberto Fujimori (posteriormente revocado pola Corte Suprema de Perú), o que causou amplas protestas de milleiros de peruanos, pero ao mesmo tempo tamén deixou patente o apoio de boa parte da poboación, que avala o papel de Cambio 90, sobre todo pola consecución da caída das guerrillas[iiiii].

Marcha de mulleres afectadas polas esterilizacións forzadas en febreiro de 2016. Lima

        Untitled.png

Fonte: Gettyimages

Precisamente a petición de indulto concedida por Kuczynski provocaría a súa posterior dimisión en marzo de 2018, tras a saír a luz unhas gravacións nas aparece o seu avogado tratando de subornar a congresistas de Fuerza Popular, e que implicaban ademais a Kenki Fujimori, fillo de Alberto Fujimori e congresista de Fuerza Popular. Un Déjà vu dos vladivideos como metáfora da vixencia do fujimorismo máis puro.

[i] Ver El indulto de Kuczinsky divide Perú (El País. 26 de decembro de 2017). https://elpais.com/internacional/2017/12/25/america/1514226251_340721.html

[ii] Ver Crónica de mi secuestro (IDL-Reporteros. 5 de abril de 2017)                                 https://idl-reporteros.pe/cronica-de-mi-secuestro/

[iii] Unha das políticas de Cambio 90 foran as esterilizacións forzadas a mulleres indíxenas co gallo de controlar a natalidade.

Ver Cuando Fujimori quiso acabar con la pobreza y otras historias para no dormir (El Salto Diario. 27 de decembro de 2017) https://www.elsaltodiario.com/derechos-reproductivos/fujimori-otros-casos-esterilizaciones-forzadas

[iiii] Ver LUM – Centro de Documentación e Investigación (2016. Febreiro. 19). Informe sobre el crimen de Barrios Altos. [Archivo de video].  Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=0HwhlTSPq1g&t=1s

[iiiii] Ver LUM – Centro de Documentación e Investigación (2016. Xaneiro. 29). Reportaje: el caso La Cantuta. [Archivo de video].  Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=8S9QAEnG9c0

BIBLIOGRAFÍA

Burt, J. (2011). Violencia y autoritarismo en el Perú: bajo la sombra de Sendero y la dictadura de Fujimori. Lima: IEP; Asociación SER, Equipo Peruano de
Antropología Forense, EPAF

Comisión de la Verdad y Reconciliación (2003). Informe Final, Tomo I I, Lima.

Cotler, J. y Grompone, R. (2001) El fujimorismo: ascenso y caída de un
régimen autoritario
(1º ed., reimp) Lima: Instituto de Estudios Peruanos (IEP)

Degregori, C.I. (2013). La década de la antipolítica: auge y huida de Alberto
Fujimori y Vladimiro Montesinos
. Perú: IEP Ediciones.

Freidemberg, F. (2007) La tentación populista: una vía al poder en América
Latina. Madrid: Síntesis

García, M. (2001). La década de Fujimori: Ascenso, mantenimiento y caída de un líder antipolítico. América Latina Hoy. Vol 28. (pp. 49-86). doi: 10.14201

Iranzo, L.A. (2003). La relación entre medios de comunicación y poder en el
Perú durante la última etapa de la presidencia de Alberto Fujimori. Arxius de
Ciéncies Socials.
Num 4. (pp. 63-86)

Portocarrero, F. (1989). La economía peruana en los años 80. Apuntes. Revista De Ciencias Sociales, (25), 105-118. https://doi.org/https://doi.org/10.21678/apuntes.25.301

Roberts, K. (1999). El neoliberalismo y la transformación del populismo en América Latina. El caso peruano. En Mackinnon, M e Petrone, M. Populismo y neopopulismo en América Latina. El problema de la cenicienta. Buenos Aires: Eudeba.

Rospigliosi, F. (2000). El arte del engaño. Las relaciones entre los militares y la prensa. Perú: Productos Paraíso del Perú S.A.C

SOBRE O AUTOR    

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutorando en Historia Contemporánea.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s