Prensa sensacionalista: ulindo o sangue mediático

O sensacionalismo é definido pola RAE como a tendencia a producir sensación, emoción ou impresión, con noticias, sucesos, etc. Trátase dunha palabra que se atopa moi vinculada aos medios de comunicación, en base a cal o sensacionalismo é entendido coma a modalidade xornalística que busca xerar sensacións, non raciocinios, coa información noticiosa, tendo en conta que unha sensación é unha impresión que se produce no ánimo das persoas ao impactar no seus sentidos e no seu sistema nervioso con algún estímulo externo. Con este fin son escollidas condutas ou acontecementos que quebrantan a lei, como os asasinatos ou os roubos, a moralidade aceptada, como as prácticas corruptas ou as violacións, ou simplemente a normalidade, como as traxedias ou os accidentes. Temáticas que nos espazos televisivos son acompañadas de elementos sonoros e audiovisuais, que a vez se combinan coa narración desde o lugar dos sucesos ou os relatos de testemuñas ou protagonistas[i].

Esta definición do que é a prensa sensacionalista ten un ilustrativo exemplo no tratamento que algúns medios de comunicación, e tamén outras personaxes públicas, veñen desenvolvendo dende que o  pasado 13 de xaneiro Julen Roselló caeu nun pozo aberto na localidade de Totalán (Málaga). Unha cobertura informativa unicamente orientada a aproveitarse dunha desgraza allea para fomentar o drama, exaltar o morbo e banalizar sufrimento provocado polo accidente para extraer ata a última gota de protagonismo e audiencia. E o que aínda queda!

marija-zaric-220698-unsplash
Fonte: imaxe libre de dereitos de autor. Recuperada de https://unsplash.com/photos/X1LEno0QBQY

En consecuencia, producíndose imaxes lamentables como un espazo de pantalla dedicado a retransmitir en directo o rescate durante a retransmisión de programas de entretemento, ou a emisión en directo o pasado mércores 16, no programa Espejo Público, de Antena 3, dunha entrevista a avoa do rapaz, que se amosa psicoloxicamente esnaquizada, afirmando dar  a vida pola salvación do seu neto. A presentadora, Susana Griso, contesta que nunha entrevista realizada no programa a un xeólogo experto apuntouse a posibilidade de que as condicións de temperatura e o nivel de osíxeno sexan suficientes para a supervivencia. Cal é realmente o fin desa entrevista? Que información podemos extraer de ver a un familiar próximo sufrindo polo falecemento ou a agonía dun ser querido? Realmente non sabemos que esa é a situación que está a vivir a familia? Por qué un medio de comunicación, que gaba reiteradamente a labor dos profesionais encargados do rescate, consulta de xeito particular a un experto para coñecer a situación? É máis, a avoa do rapaz non estará informada das posibilidades de que o seu neto permaneza con vida?

Por se fose pouco, esa mesma mañá un reporteiro do programa seguiu a avoa do rapaz, que reiteraba que o seu neto estaba vivo, quizais por pura desesperación e non con motivo dunha verdadeira esperanza, ante o que o reporteiro insistía: “Pero lleva mucho tiempo dentro del pozo”.  Ademais, este aproveitamento da desgraza non só se cingue aos familiares, pois por exemplo, Susana Griso entrevistou neste mesmo programa ao alcalde da localidade onde aconteceu a morte de Julen, profundando no drama que este manifesta vivir. ¿Usted está comiendo? ¿Está durmiendo?” replica a presentadora ante as confesións do alcalde de Totalán. Outra vez me pregunto cal é a finalidade da entrevista máis que afondar na desgracia que rodea aos afectados.

Semellante foi o caso doutra canle, outro programa e outra traballadora da TV experta en extraer o máximo rendemento mediático a base de morbo e sensacionalismo, Telecinco e El Programa de Ana Rosa: a canle da empresa Mediaset modificou a súa programación habitual para emitir un especial co rescate de Julen. ¿Tantas horas de programa para que? Pois para presentar cunha narrativa trivial e morbosa un acontecemento tráxico, para amosar a insistencia sobre a previsible morte dun neno como unha manifestación de preocupación, escudándose na unión e a empatía da comunidade ante unha traxedia deste calibre. Pura demagoxia.

En realidade, esta política xornalística baseada no show, o espectáculo, a difamación, instrumentalizando desgrazas para sacar rendemento mediático xa non nos sorprende, ou non debería sorprendernos dada a normalidade coa que é despregada nos medios, e o amplo percorrido co que conta, e ademais con protagonistas que se repiten. De feito, precisamente Ana Rosa Quintana, xunto con varios traballadores do seu programa televisivo, tiveron que acudir ante a xustiza acusados de cometer un delito de coaccións contra Isabel García, muller do presunto asasino de Mari Luz Cortés, unha nena desaparecida dende 2008, confesión que realizaría no seu programa. A forma coa que se conseguiu a confesión foi o que levou a Ana Rosa ante a xustiza, pois unha filtración de El Mundo sacaba a luz o acoso das cámaras, que continuaban gravando a muller, que sufría unha discapacidade psíquica, chorando no chan e suplicando que deixasen de filmala, tras días de retención, chegando a persuadila para que non confesase por teléfono a un familiar o seu paradoiro[ii]

Como este caso ou o de Julen hai infinidade. Un dos máis famosos da hemeroteca é o que foi catalogado por moitos como o que abriu a veda da entrada do xornalismo sensacionalista na televisión en España, o tratamento ao Crime de Alcasser: en xaneiro de 1993 a presentadora do programa de Tú a Tú (Antena 3), Nieves Herrero, retransmitiu en directo o achado dos corpos das tres mozas desaparecidas dende a localidade onde se lles perdera a pista, ao que acudiron varios familiares das vítimas, e que deixou imaxes que quedaron seladas na memoria pública, dando a coñecer os detalles máis escabrosos da tortura e o asasinato e coa presentadora incitando a unha das nais a abrazar unha foto da súa filla, afondando no drama, todo isto acompañado dunha musica e unha narrativa morbosa. Cando menos Nieves Herrero, tras a ola de críticas, recoñeceu o erro, aínda que por certo, non foi a única traballadora da TV nin a única canle que banalizou e fomentou o morbo na cobertura do caso.

Ademais, a diferenza do acontecido con Julen, casos como este último que teñen un claro culpable permiten a este tipo de prensa gozar dun perfecto obxectivo sobre o que verter  o sensacionalismo e o morbo, é dicir, o infractor, pero tamén o seu entorno, que as veces sofre consecuencias sen ter responsabilidade. Non é preciso remontarse moito no tempo, pois por exemplo, tras o descubrimento do culpable do crime de Diana Quer, algúns medios dedicáronse a perseguir aos familiares do asasino, alentando un acoso que acabou con pintadas ameazantes ou a difusión de imaxes dos seus sobriños e a conseguinte persecución por redes sociais. Neste senso, este tipo de acontecementos nos que se infrinxe violentamente a lei entran es escena algúns partidos e figuras políticas tratando de obter réditos electorais e desviar a atención dunha análise máis estrutural do problema.

En definitiva, a escolla dunha serie de temas nos que ademais dos parámetros de novidade, actualidade, proximidade ou importancia, xogan o seu papel criterios como o nivel de impacto, é dicir, o grao de reaccións emocionais que provoca, ou o dramatismo. De aí que o sensacionalismo abarque temas coma a violencia, o sexo ou a vida privada de personaxes públicas. Cal é a lóxica deste tipo de comunicación? O máximo beneficio a calquera custo, todo con tal de obter a maior audiencia posible. O filtro da ética non funciona para a prensa sensacionalista, porque en realidade este tipo de xornalismo naceu buscando satisfacer o apetito dos lectores e xerar nestes un impacto, relegando da moral.

¿De onde sae a prensa sensacionalista?

A súa orixe atópase na pugna polas audiencias xurdida tras a aparición da prensa de masas, é dicir, cando o seu consumo deixa de limitarse as clases altas (evidentemente tratouse dunha transformación paulatina), de xeito que na procura de novos consumidores esta pasará a dar cobertura aos sucesos máis cotiás ou correntes, e a abaratar os prezos dos xornais, de aí o nome de prensa popular ou de masas, a que pronto acompañara unha narrativa sensacionalista. Así pois é en torno a década dos anos trinta do século XIX en Estados Unidos cando o xornal The New York Herald (1835-1924) se alza como pioneiro en apostar polo procura de sensación nas súas publicacións. Logo, nos anos setenta será cando o xornal, tras asumir a súa dirección o fillo do fundador, incremente o uso desta estratexia, o que comezarán a imitar outros xornais europeos e estadounidenses como práctica para asegurar seguidores, sobre todo The New York World (1860-1931), de Joseph Pulitzer, e The New York Journal (1895), propiedade de William Randolp Hearst, dous grandes magnates da comunicación en competición polo seguimento dos lectores.

En efecto, a competencia despregada entre ambos por facerse cos lectores chegaría a tales niveis que a práctica da invención só sería un recurso máis, provocando sucesos como o da Guerra de Cuba (1899-1902), contenda entre Estados Unidos e España pola illa, colonia desta última, que foi alimentada por Hearst ao vincular o afundimento do acoirazado estadounidense Maine na Habana con España, cando en realidade o seu naufraxio tiña a súa razón nas avarías da nave[iii] De feito, a pugna entre Pulitzer e Hearst incluso daría un nome propio ao periodismo sensacionalista, a prensa amarela, cando no 1895 ambos pelexaban polos dereitos de autor dunha tira cómica denominada Hogan´s Alley, cuxo personaxe principal era un neno vestido cunha camisa amarela, coñecido como The Yellow Kid, na que se escribían diálogos ou mensaxes sensacionalistas ou polémicas, publicada en ambos diarios.

Así pois, a prensa sensacionalista ou amarela foise estendendo ao longo do século XX polo resto do planeta, en consonancia coas transformacións sociais e económicas, e tamén tecnolóxicas, das sociedades, e acabou por inmiscirse tamén na prensa seria, contribuíndo a que a liña que separa os medios baseados na veracidade e a cobertura formal e os orientados ao morbo e a trivialización sexa difusa. En consecuencia, a prensa amarela transcendeu as fronteiras e adaptouse aos novos medios, podendo atopala dende o diario Bild alemán ata prensa chicha peruana, e na radio, na TV ou en internet.

A prensa sensacionalista en España

En España a aparición da prensa sensacionalista soe fixarse en 1888, cando aconteceu o episodio coñecido como El Crimen de La Calle de Fuencarral, o asasinato de Luciana Borciano, unha viúva adiñeirada, do que eran sospeitosos o seu fillo e a súa criada. Así, mesturouse un acontecemento misterioso e relevante coas transformacións do xornalismo español, que mudaba o seu carácter político a un máis informativo, vendo nacer a grandes empresas xornalísticas. Deste xeito, a noticia foi tratada cun sensacionalismo sen precedentes polo diario El Liberal (1879-1939), que competía polo mercado de sucesos con La Correspondencia de España (1859-1925) e El Imparcial (1867-1933), favorecendo o nacemento da prensa popular.

Posteriormente, xa entrado o século XX apareceron as primeiras publicacións específicas de sucesos violentos ou escandalosos, aínda que terían unha vida curta dado o baixo nivel de alfabetización, o nivel de vida, a inexistencia dunha verdadeira prensa de masas, etc. Logo, durante o réxime franquista, a censura afectou tamén a esta prensa, moi controlada ao tentar transmitirse a imaxe dun país sen delincuencia, se ben que si se permitiu a existencia de prensa especializada, como El Caso (1952-1987), ao que se lle aplicaba a cartilla de racionamento par a publicación de delitos de sangue, aínda que algúns dos xornais de temática xeral recollían este tipo de casos.

Nos últimos anos do franquismo e en especial ca entrada no proceso de transición á democracia os medios de comunicación sufriron grandes transformacións en consonancia cos cambios políticos e sociais do contexto. Así pois, o maior aperturismo na liberdade de expresión traduciuse no aumento tratamento de acontecementos delituosos e criminais e unha perspectiva morbosa, nacendo algúns acompañantes de El Caso (que ampliou a súa cobertura as “noticias do corazón”), como Diario 16 (1976-2001), ou a creación da revista Interviú (1976-2018), na que aparecían mulleres medio espidas. Por outro lado, o protagonismo que cobrou este tipo de xornalismo na TV potenciouno en boa medida, sobre todo na década dos noventa coa aparición das cadeas privadas, que crearon programas orientados a cobertura de sucesos violentos, escándalos sexuais, cobrando tamén moita importancia o tratamento de asuntos relacionados coa vida privada de persoas famosas, a prensa rosa, e os reality shows [iv].

Non obstante, compre ter en conta o desdebuxada que se atopa a fronteira este a prensa sensacionalista e a prensa seria, dirixida a informar con rigor, supeditando a forma ao contido e evitando corromper a ética. Así pois, ademais das figuras e os medios de comunicación máis coñecidos en relación ao tratamento sensacionalista (a parte de Espejo Publico e El Programa de Ana Rosa poderíamos sinalar algúns como Gran Hermano ou  Supervivientes, da mesma cadea que este último, ou algunhas seccións e noticias concretas dos seus telexornais) o tratamento sensacionalista inmiscise con frecuencia na prensa seria, tamén en seccións alleas a violencia ou ao sexo. Deste xeito, en canais como La Sexta, onde podemos atopar programas que tratan temas de actualidade política cunha narrativa seria e rigorosa, como Salvados, tamén aparecen outros como Pesadilla en la cocina, un copia pega do seu homólogo estadounidense Ramsay’s Kitchen Nightmares, Equipo de investigación, no que a música e a narración alimentan unha sensación de perigo que parecen vivir en todo momento os cámaras, ou Jugones, onde ademais da música e o tratamento dramática de lances que nada teñen que ver co deporte, a miúdo aparecen noticias que relatan as desgrazas de persoas, cuxo nexo co deporte as veces é difícil de atopar.

Tamén hai outros programas nos que o sensacionalismo atópase máis encuberto ao tratar temas teoricamente serios e importantes, como a actualidade política, e contar con traballadores que evitan o sensacionalismo, pero que ao tempo dan voz a algúns xornalistas e traballadores doutros oficios caracterizados polo seu escaso rigor e a súa continua difamación informativa. Véxase Eduardo Inda, un habitual do programa de debate político La Sexta Noche.  Por se fose pouco, a televisión pública tampouco se libra do tratamento sensacionalista da información, pois por exemplo, os fondos públicos están dedicados a un programa de salsa rosa, Corazón, no que por certo colabora o toureiro Fran Rivera, que recentemente compartiu por redes sociais un vídeo no que se amosa moi a gusto nun bar que exaltan a ditadura franquista.

Por outra banda, no relativo aos periódicos a liña é similar, pois ademais das revistas especializadas en temas e narrativa sensacionalista, xornais serios e con gran seguimento tamén abordan noticias cun tratamento deste topo, como por exemplo a desaparición de rapaza británica de 3 anos Madeleine McCann no 2007. Un acontecemento que ocupou portadas no ABC, El País ou El Mundo, que fixeron un gran uso de documentos gráficos dos implicados na desaparición, e relatando os sucesos facendo énfase no drama e o misterio, “La fría desolación de Kate, su belleza robada por la desgracia, su extrema delgadez, empezaban a forjar la imagen de una nueva Lady Di” (El País, 13 de setembro de 2007), e incluso apuntando a indicios sen verdadeira credibilidade: “Nuevas pistas apuntan a que Madeleine prodría encontrarse en Malta” (ABC, 22 de xuño de 2007); “Es posible que Madeleine haya sido trasladada a España” (El Mundo, 2 de xuño de 2007)[v].

En conclusión, este tratamento sensacionalista e morboso da morte dun neno e o sufrimento dos seus seres queridos é só un máis dun inmenso historial da cobertura informativa que denigra os principios morais e a profesión de xornalista, e non será o último mentres o diñeiro siga corrompendo a información. En realidade, casos coma este que suscitan tantas críticas deberían servir para prestar maior atención a un problema estrutural que só as veces se manifesta de forma tan intensa: a información concibida coma unha mercadoría á que espremer co gallo de obter o máximo rendemento, e non coma un dereito.

[i] Torrico, E.R. (2002). El sensacionalismo: algunos elementos para su compresión y análisis. Sala de Prensa. Vol 2. Num 45. Extraído de http://www.saladeprensa.org/art374.htm

[ii] Cuando todo vale por una exclusiva” (El Mundo. 26 de febreiro de 2011)

Ver https://www.elmundo.es/elmundo/2011/02/26/television/1298678176.html

[iii] Carratalá, A. (2015). El Crimen de la Calle Fuencarral (1888): la incursión judicial de la prensa como acusación popular en los inicios del sensacionalismo en España. Revista internacional de Historia de la Comunicación. Vol 1. Num 5. (pp. 1-17)

[iv]  Rodríguez, R.M (2016). La prensa de sucesos en el periodismo español. Revista internacional de Historia de la Comunicación. Vol 1. Num 6. (pp. 22-44)

[v] Redondo, M. (2012). El sensacionalismo y sus penetración en la prensa española de calidad. El caso McCann en El País, El Mundo y ABC”. Estudios sobre el mensaje político. Vol 9. Num 1. (pp. 235-253).

SOBRE O AUTOR

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutorando en Historia Contemporánea (USC).

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s