Adiando os tempos no rap?

Sendo sinceros, as consignas machistas e patriarcais son unha realidade nos xéneros musicais ligados ás músicas populares urbanas. A normalidade pola que estas discorren é tal que, en ocasións, poden chegar a ser consideradas mesmo como sinais de identidade no mundo do rap. Non só me refiro a casos manifestos como o emprego indiscriminado de conceptos como puta, perra, zorra, guarra, etc.  Estou a falar de procedementos moito máis profundos, relacionados coa sexualización e obxectualización implícita da muller no pretendido discurso lírico-musical.

Por suposto, a escena española non permanece allea a isto. Hai infinidade de exemplos entre os que poderiamos destacar algúns como: Arce, Calero LDN, Charly Efe, Cheb Rubën, Costa, Natos y Waor, Porta, etc. Escoitamos, case sen querer, milleiros de relatos tóxicos asociados á idealización do amor romántico e á crueldade do desamor: o único que conseguen e difundir unha mensaxe obsesiva, errada, insá e mórbida.

Encontrámonos ante un problema de base e estritamente transversal no que pouco importan os períodos cronolóxicos dos que falemos, as procedencias xeográficas dentro do estado español e os subxéneros musicais e as súas propias estéticas. A configuración lírico-musical de ditos produtos sonoros responde eminentemente a factores extra-musicais. Porén, non todo é de cor preta. As xeracións actuais comezan a ser conscientes do impacto que teñen na sociedade, e a muller pasa a reclamar e a acadar o seu lugar non só no ámbito performativo, senón tamén no creativo.

Artistas e colectivos musicais como Anier, Arianna Puello, Desplante, a desaparecida Gata Cattana, Ira, La Basu, La Furia, Le Fay, Machete en Boca, Mala Rodríguez (alén das súas ridículas e interesadas concepcións sobre a apropiación cultural), Tríbade, Zeidah, Zeta Drástika, etc. Todas elas evidencian -desde a súa pluralidade musical e de mensaxe ou temática- unha conquista progresiva, mais aínda insuficiente, do espazo que lles corresponde no mundo do rap e da cultura hip hop. A presencia da muller, non obstante, é moito maior noutros xéneros das músicas populares urbanas como o trap: dato acorde ás pautas de consumo musical actuais.

Deste xeito, cuestiónanse as falsas construcións de xénero mantidas ao longo da historia da música occidental. Elas, expulsadas do ámbito compositivo, foron subxugadas e infantilizadas musicalmente a partir dunha cadea de factores cuxos elos se retroalimentaban permanente: unha hipotética menor capacidade intelectual, un programa educativo ligado ás actuacións performativas en contextos domésticos, limitacións institucionais e sociais no desenvolvemento da súa actividade musical, a ausencia do fulgor e da frescura do «xenio» á que asociaban conceptos tan potentes como a orixinalidade, a autenticidade e a transcendentalidade, etc. Definitivamente, percorremos un conxunto de barreiras ideolóxicas e de termos de orixe decimonónica e amplamente perigosos que, lamentablemente, aínda seguen a ter repercusións hoxe en día.

adiando os tempos no rapFonte: Unsplash

Por todo isto, resulta un paradoxo a liberdade coa que a meirande parte de nós xulgamos xéneros musicais foráneos sen ser quen de ollar do mesmo modo a nosa propia realidade musical. No meu caso, asisto permanentemente á hipocrisía desvergoñada na que moitos fundamentan os seus xuízos sumarios á hora de valorar casos tan complexos e con tantas ramificacións e variantes musicais como o reguetón. A crítica e a condena firme ao relato machista, aos valores patriarcais e aos erróneos arquetipos de xénero deben de ser a mesma ca no caso do rap español: ninguén o pode dubidar. Porén, isto nunca deberá lexitimar e dar espazo a actitudes e comentarios baseados na xenofobia, no eurocentrismo e na absoluta ignorancia.

SOBRE O AUTOR Aarón Pérez Borrajo. Personal Investigador en Formación e Doutorando FPU en Historia da Arte e Musicoloxía pola Universidade de Salamanca. Máster en Música Hispana e Hispanoamericana (USAL) e Mestrado en Estudos Artísticos na Universidade de Coimbra. Graduado en Historia e Ciencias da Música (USAL).

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s