Sociedade

Cambiar o noso tempo é abrir un novo

Agnus Dei.png          Fonte: Zurbarán, F.D. (1635-1640). Agnus Dei [Pintura]. Madrid. Museo del Prado. Recuperado de: https://www.museodelprado.es/coleccion/obra-de-arte/agnus-dei/795b841a-ec81-4d10-bd8b- 

Durante este ano asistimos a diversos episodios dos que o conservadorismo español se aproveitou para efectuar unha política vitimista. Esta política expresa unha relación de dependencia entre o facer político conservador e as vítimas ao explotar a súa condición. A vítima sufre algo inmerecido e inxustificado, acada unha inviolabilidade debido a que ten unha mais-valía moral. Está protexida, non ten responsabilidade e por suposto, tampouco culpabilidade[i].

Escoitada e admirada socialmente, a vítima é o núcleo a partir do que se constrúe a política vitimista, a cal é capaz de elevar unha preferencia relativa a unha inmunidade e inocencia inalcanzables para as preferencias restantesii. Trátase dunha política que esgota o debate, que elimina os tempos necesarios para definir o ben político, e que se adecúa perfectamente ao novo paradigma cultural e económico: rapidez, irresponsabilidade e privatización da esfera pública.

No seu momento, o conservadorismo aproveitou episodios de terrorismo provocados por ETA e o Xihadismo, máis tamén se aproveitaron nos últimos meses casos como os de Diana Quer e Laura Luelmo para elevar universalmente unha preferencia relativa como é o endurecemento do Código Penal ou a extensión da prisión permanente. Á política vitimista do conservadorismo non se lle pode reprochar que comparta a mesma causa que as vítimas, ou que se aliñe coa opinión dominante destas. A crítica deste artigo non se centra na crítica dun contido como, por exemplo, a extensión da prisión permanente revisable, nin entra nun análise da categoría “vítima”, nin de como se exerce o discurso vitimista (que opera visualizando unhas vítimas e ocultando a outras) en base a vítimas simpáticas e antipáticas, e por suposto, tampouco esboza a diferencia conceptual entre vítima e vitimismo.

Menos ambicioso que isto, o presente artigo enmarca mediante un enfoque republicano-democrático o fenómeno da política vitimista do conservadorismo, explicando as principais consecuencias desta na esfera pública. Para este propósito, o artigo recolle primeiramente a reflexión de José Luís Villacañas Berlanga no Levante Mercantil sobre as vítimas[ii].

As vítimas e a política

No medio do debate público sobre a prisión permanente, Villacañas elucidou ideas e matices moi importantes para enmarcar a cuestión. As ideas centrais son as seguintes:

  • A categoría de vítimas puras, referida ás vítimas, que padecen e senten a ausencia dende a cal a Comunidade define o “indefendible” moralmente como valor
  • A separación de estatuto e dominio entre a Moral e a Política. Entendendo a primeira como o terreo pechado dos tabús (“non facer”) onde se establece o bo/malo e se asumen valores indiscutibles que producen cohesión social, e a segunda como terreo de discusión entre múltiples preferencias que buscan adecuar do mellor xeito eses
  • A Moral define o ben moral a partir da identificación do dano prohibido no outro (matar, violar), namentres, o político atopa múltiples obstáculos para definir adecuadamente o “preferible”, o ben político.

Naqueles intres, as vítimas esixiron un endurecemento das penas (unha preferencia relativa) apelando ao seu estatuto moral (recoñecido universalmente). Isto quere dicir, que as vítimas puras, polo feito de selo, reclamaron unha maior autoridade sobre a restante cidadanía na súa intervención política. En última instancia, apelaron ao recoñecemento universal da súa preferencia (sempre relativa) sobre as demais. Á sutileza deste argumento engádese unha conclusión, ao meu parecer do máis acertada, que indica unha relación de dependencia: O conservadorismo en España vencella a súa acción política á mais-valía moral das vítimas.

Política vitimista do conservadorismo no Reino Español

Esta realidade -lembremos o exemplo de ETA e o vínculo entre o PP e a AVT- é perigosa para a construción de institucións republicanas, así como para a deliberación democrática ou a toma de decisión pública. Quen sabe, quizais esteamos en condicións de afirmar que á oligarquía lle interesa pouco as garantías democráticas para decidir o ben común. A cambio, si lles interesa fomentar as shitstorm dende os Mass-Media e as redes sociais, aproveitando a pobreza (hiper)comunicativa que elimina a posibilidade dunha esfera pública digna de tal nome.

Na esfera pública o pluralismo é indispensable para definir o ben común. Este decídese nun espazo normativo no cal as preferencias relativas se enfrontan entre si, é dicir, nunha disensión democrática, e que ten a capacidade de politizar, xa que eleva os problemas da esfera privada á publica. Por suposto, a oligarquía se empeña en evitar a politización da sociedade, e por iso denigra as institucións republicanas, fomenta o desinterese polos asuntos políticos ou trata de individualizar problemas sociais como a precariedade. O conservadorismo socava o pluralismo, a disensión democrática e a politización da vida social, xa que non quere unha esfera pública con garantías. Desta volta, en forma de vitimismo, pregoa unha despolitización que non asume a pluralidade de posicións e preferencias, e simplemente trata de elevar unha preferencia máis a lei. Pero como eliminan as garantías para o correcto funcionamento da esfera pública? Pois ben, reducen un asunto político a moral e non dan explicacións de porque é preferible a posición política defendida, entón, a consecuencia desta forma de actuar é un sepulcro da pluralidade e a democracia, que Villacañas recolle nun parágrafo do seu artigo:

Pero sobre todo, o que resulta máis discutible é que un partido político pretenda identificarse coa causa desas vítimas, organizando un totum revolutum de moral e de política, de tal modo que sitúa ao adversario político na incómoda posición de parecer moralmente insensible cando defende seu sentido do politicamente preferible. O PP especializouse en monopolizar esta plusvalía moral das vítimas e transferila á conta da súa causa política, fíxoo na época de ETA e faino de novo. Este feito é claramente sintomático dunha corrupción política que se nega a ofrecer argumentos de por que algo é preferible e o quere impor como se fose un asunto moral. Na medida en que detrás dos traumas e das vítimas hai mortes e dor, esta forma sinistra de facer política testemuña a máis extremada proxección de sentimentos e afectos na política, e constitúe o exemplo máis consistente, continuo e estable de populismo, ao poñer os sentimentos morais ao servizo da irracionalidade política.

Política republicano-democrática vs Política vitimista

As comunidades defínense moralmente a través do dano no outro, marcando un indiscutible “sentido común” sobre o que non se debe facer. Por iso a moral se move no código binario bo/malo e na semántica do deber ser, e a política, que recolle a negatividade do amigo/inimigo, ten un campo semántico distinto que recolle nun continuo relativo eses valores morais universais. Así pois, a política abre un espazo de discusión e disputa, a morte ou non, entre actores-valores co fin de definir o ben político, mais se esta política é democrática e republicana, entón fixa un conxunto de institucións que, mediante unhas regras do xogo, marcan a competencia entre adversarios (iguais) para acadar dita definición do ben político, renunciando ó exterminio e ó antagonismo ao mesmo tempo que recoñece a dimensión de morte en política mediante o agonismo[iii]. Non se trata nin moito menos de establecer un centrismo liberal baseado no consenso entre actores plurais senón dunha disensión democrática entre adversarios.

Neste senso, o Partido Popular amosa unha noción distinta da Republicano-democrática, pois non recoñece a pluralidade de actores, busca constantemente o consenso centrista para reproducirse no poder e dedícase a traducir legalmente valores sociais que non teñen unha sola tradución política (senón múltiples). O dramático é que deforma o sentido da moral e da política, xa que asignan o universal á política e o relativo á moral cando sitúan aos adversarios políticos como simpatizantes co culpable-malo, polo simple feito de non preferir o mesmo para abordar un problema.

Temos exemplos cotiás: cantas veces non se vincula nos medios a Podemos con ETA por simplemente defender o acercamento dos presos a cárceres vascas, ou cando se insinuou que esta forza política apoiaba o yihadismo por non sentarse con C´s-PP- PSOE despois dos atentados. Temos claro que ninguén concorda coas violacións, nin cos asasinatos, polo que temos claro que non se debe cometer ditas accións, pero no caso de que se cometan debemos definir que leis son preferibles para estes problemas. Este sería que o enunciado republicano-democrático se basease en recoñecer un ben moral que non ten unha unívoca tradución en ben político. Este ben político, chave para constituír o ben común, necesita dunha esfera pública que garanta á disensión, o pluralismo e a politización.

Respecto disto, o Partido Popular válese do seguinte enunciado vitimista: Hai unha lei que elimina un problema co que algúns concordan. O enunciado non distingue o estatuto nin o dominio entre a moral e a política, e entende univocamente un ben político como tradución dun ben moral, ao mesmo tempo que relativiza o ben moral ao anunciar a permisividade dalgúns co culpable. Entón, non se trataría de ter unha preferencia política distinta, senón de ter uns valores compartidos co culpable (se es favorable ao acercamento es un Etarra, se non concordas coa política de seguridade ou exterior es un xihadista, etc..), de aí a necesidade constante da dereita española de establecer inimigos internos.

En resumidas contas, é unha necesidade democrática impugnar a política vitimista do conservadorismo, e para isto a tradición democrático-republicana debe insistir na diferenciación de estatuto e dominio entre a moral e a política, máis nas garantías para unha esfera pública digna de tal nome (pluralismo, disensión democrática e politización). Estes elementos son necesariamente interdependentes, cada un deles é condición necesaria do outro, e por iso mesmo a política vitimista na súa lóxica de universalizar o dominio político ten como consecuencia a despolitización, o totalitarismo ou o consenso centrista.

En consecuencia, activar estes elementos, é dicir, activar unha esfera pública digna, implica radicalizar a democracia en termos de participación activa, de democratización do poder e de visualización do conflito social, garantías defendidas pola tradición republicano-democrática que poñen en tela de xuízo máis cousas que a política vitimista, a cal non deixa de ser un síntoma da historia política de España. Podemos enuncialas: o estado, a nación, as clases sociais, o xénero…

En conclusión, necesitamos tempo para pensar e garantir o exercicio democrático, dado que a democracia pasa necesariamente pola activación dun Demos que para participar na Res- Pública necesita Tempo. Ademais, a oligarquía non quere conceder ningún segundo, non lle resulta produtivo en tanto que democracia choca coa aceleración capitalista, polo que precisamente o recoñecemento formal dunha esfera de opinión pública non pode disociarse das condicións materiais da cidadanía. Aínda que non nós ocupa agora mesmo esta relación, podemos afirmar que a política vitimista tamén nos rouba o tempo, ergo, entre o vello e o novo mundo que hoxe nos disputamos: Cambiar o noso tempo é abrir un novo.

[i] Esta é a consideración a partir dal cal desenvolve a súa tese sobre a ideoloxía vitimista Daniel Giglioli. Ver Giglioli, D. (2017). Crítica de la víctima. Barcelona: Heder Editorial.

[ii] Ver https://www.levante-emv.com/opinion/2018/03/20/victimas-politica/1693555.html

[iii] O proxecto de Democracia radical en Chantal Mouffe e Ernesto Laclau pasaría polo recoñecemento dun pluralismo agonista. Trátase dun proxecto crítico coas teorías asociativas da democracia, coas teorías asociativas da democracia que enfatizan a procura do consenso. Ver Mouffe, C. (2014). Agonística: Pensar el mundo políticamente. Buenos Aires: Fondo de Cultura Económica.

SOBRE O AUTOR

Nicolás Filgueiras González. Estudante de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. Escribe sobre diversos temas, pero interesase especialmente na teoría e a economía política.

0 comments on “Cambiar o noso tempo é abrir un novo

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: