As barreiras arquitectónicas e a sociedade

Neste mundo de constante cambio e aceleración ó cal algúns chaman progreso, aínda existen cuestións enrocadas nas antípodas do imaxinario colectivo, desprazadas a unha mera anécdota moi lonxe das cuestións que marcan a axenda social. Neste contexto atopamos as persoas discapacitadas, entre as cales me atopo.

barr
Fonte: http://www.protectora.org.ar/atte-al-cliente-trato-digno/el-nuevo-codigo-civil-pone-fin-a-las-barreras-arquitectonicas/28311/

As persoas discapacitadas ficamos acostumadas a presenciar un tratamento hostil e cheo de contradicións baseado en moitos casos no descoñecemento do que significa realmente a discapacidade, e como estafecta as persoas e ó seu entorno. Cabe destacar que dos aproximadamente 7.000 millóns de persoas que ten o planeta, 1.000 millóns presentan algún tipo de discapacidade segundo datos da Organización mundial da saúde (OMS). Baixo o meu punto de vista, o máis sorprendente destas cifras é que teñen unha tendencia alcista, xa que a poboación está envellecendo e o risco de sufrir algunha discapacidade é superior entre os adultos maiores. Tal circunstancia é especialmente significativa en Galicia, sendo a nosa comunidade a rexión mais envellecida de todo o Estado e unha das máis anciáns de toda Europa.

Dito isto, gustaríame plasmar as dificultades que temos que afrontar as persoas con mobilidade reducida, ámbito da discapacidade que coñezo de primeira man: pese a que se levan aprobado numerosas leis, tanto estatais como autonómicas, enfocadas a reducir as barreiras arquitectónicas, por desgracia é bastante sinxelo demostrar que esta intención se atopa perigosamente afastada da realidade, pois as limitacións urbanísticas e de acceso coas que nos atopamos a diario imposibilitan en moitos casos ter unha independencia como o resto da poboación. Deste modo, tanto nas urbes, como o caso de Vigo, como nos pequenos pobos, existen deficiencias no referido a medios de transporte e barreiras urbanísticas.

Enlazando ambas cuestións propoño un exemplo verídico: o Concello de Vigo conta con autobuses con acceso a discapacitados, como case todas as cidades hoxe en día. Ata este punto todo correcto, incluso idílico de cara a unha porcentaxe moi alta da cidadanía. Pero é así realmente? A realidade dista moito do estado de harmonía pretendido. En primeiro lugar, cabe destacar que para acceder ó autocar é necesaria a axuda doutra persoa, dado que as ramplas contan cunha pendente excesivamente pronunciada, a cal é difícil de superar por un mesmo salvo que non se teña inconveniente en rematar no outro punto da rúa… e ao mesmo tempo tampouco podemos esquecer o problema das paradas dos buses. Se ben non todas, moitas están situadas nun borde insalvable para persoa con mobilidade reducida de calquera índole, incluso se esta non é permanente. No ámbito metropolitano, a situación tampouco é nada sinxela. Nos arredores do Concello de Vigo, especialmente na ruta Vigo-O Porriño, estableceuse por primeira vez o ano pasado o primeiro enlace directo adaptado, o que sería unha gran noticia se non fose polo pequeno detalle de que só un dos 10 buses que fan esta ruta conta con acceso a discapacitados.

Malia que pareza xa algo un tanto extemporáneo, non é no único organismo público que sufre esta dificultade, pois como se pode observar na imaxe de comezo do artigo moitos dos mostradores das administracións teñen ese tamaño todas luces discriminatorio coas persoas incapaces de camiñar. Así resúltanos imposible o contacto cara a cara coa persoa encargada de atendernos, problema que inexplicablemente tamén se da en lugares inimaxinables, tales como en centros de saúde, como por exemplo, na clínica O Castro, situada no Concello de Vigo, desafortunada situación que presenciei fai poucos días.

Non obstante, ese non é o único problema co que se pode atopar unha persoa con mobilidade reducida nun lugar de dominio público. Gustaríame por o exemplo dunha facultade de calquera das 3 universidades galegas: a distribución das clases fai que as persoas en cadeira soamente poidan colocarse arriba ou abaixo de todo, sendo a primeira opción a máis común. Esta situación é especialmente delicada, xa que xera un lastre non só espacial ou de preferencia, senón tamén social, prexudicando gravemente a integración inicial do alumnado con mobilidade reducida. O  especialmente doloroso é, que pese as numerosas reclamacións feitas para mellorar esta situación,  todo o mundo mira para outro lado ou en moitos casos a axuda remata coa contestación “ninguén se queixou ata que ti o fixeches”, situación que me aconteceu no primeiro ano de carreira na miña facultade, a de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, cando solicitei que se modificase a pendente da rampla da cafetería, unha vez que descubrín que non podía chegar a barra por min mesmo. A resposta que recibín foi a que podedes observar entre comas en liñas previas, e catro anos despois a situación segue sendo a mesma. Por outro lado, o curso pasado tamén vivín unha situación semellante, cando se modificaron as entradas sen informarme previamente e obrigándome baixar a mín e varias persoas discapacitadas máis por unha costa imposible de asumir sen axuda.

En conclusión, relatando estas situacións non quero caer nun vitimismo absurdo e infantil tan propio da sociedade do show e do establishment na que vivimos actualmente, pero ao mesmo tempo considero que é necesario que este tipo de realidades do noso día a día sexan coñecidas polo maior número de persoas posibles para así intentar mellorar, non só a situación das persoas con calquera tipo de discapacidade, senón tamén da sociedade no seu conxunto, e deste modo a dos anciáns, máis os seus fillos, persoas cadeiras de rodas, con dificultades de mobilidade, cegas, xordas… e todas e todos poidamos convivir dun modo mais cómodo e, sen dúbida, máis fácil. A sociedade débenolo, debémosllo a sociedade.

SOBRE O AUTOR

Andrés Domínguez Bóveda. Graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos pola Universidade de Vigo e estudante do Máster en Dirección e Xestión Laboral na mesma universidade. Escribe sobre temáticas sociais e laborais.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s