Empoderarnos ou empoderalos?

Ao longo da Historia da Humanidade os sistemas que ostentan o poder optaron sempre por tentar asimilar as loitas que supuñan unha grave discordancia coa súa estrutura e que o povo asumía como proprias, como úneca solución posibel ós conflictos. Deste xeito, estiveron sempre dispostos a facer pequenas concesións antes que perdelo todo” Revista Area. Mulheres Nacionalistas Galegas (M.N.G). Marzo de 1989.

Hai case tres décadas, nun dos boletíns feministas máis importantes da Galiza publicábanse estas verbas. Hoxe recupéroas para seguir teimando arredor das mesmas. Verbas aplicables ás loitas do pobo no seu conxunto. Aplicables á xente revirada, inconformista, famenta, desencantada, cansa. Cansa de ceder e ceder[1].

Todos os seus berros merecen ser lembrados, mais as miñas intencións na hora de rescatar da imprenta da Historia a reflexión feita na revista Aréa é idéntica á que elas tiveron nos seus anos 80. Quero falar de nós, das mulleres[2], desa loita que se barrunta cada día máis forte e que se presenta coma un dos máis sólidos movementos sociais do noso tempo. Tan é así que espertamos un interese no panorama político antes inexistente e difícil de imaxinar. Pasamos de ser as “libertinas”, as “tolas”, as “egoístas”, as que percibiron as miguiñas concedidas a regañadentes polo sistema, a estar no punto de mira, na axenda política, na boca de todos aqueles que queren agora ser líderes deste movemento transversal[3].

Isto ocorre porque hoxe, somos un movemento incuestionablemente capaz de organizar cada día a máis persoas, de facer unha loita común que se sinte como propia. Pero precisamente por iso o Movemento Feminista actual debe afrontar un novo reto: o de loitar contra a diversificación da súa loita. Podemos e debemos estar orgullosas do noso espallamento, mais sendo sempre conscientes de que cando algo se espalla moito, exponse a perder profundidade. Coido, de feito, que é o que está a acontecer.

No noso pasado máis inmediato (falo de fai uns corenta anos), e alomenos no que respecta ó Estado Español, existía, grosso modo, unha discordancia entre un feminismo máis afín a entrar no xogo político, que evolucionou cara o Feminismo Institucional, e outro máis reticente a esta idea, catalogado como Feminismo Independente. Os obxectivos, nembargante, eran semellantes. Cas súas innegables diferenzas, existía unha meta común, pese a discrepar nos medios para conseguila. E así, na medida en que nos fomos facendo máis fortes, avivamos o interese dun sistema que se veu forzado a “facer pequenas concesións”, para dar a cara ante unha loita que non equivocamente se asumiu como imparable.

Así pois, como desmentir a opresión da muller sería unha absurdeza ó nivel de negar o cambio climático (pese haber quen o fai, ambas as dúas cousas), houbo que acoller as nosas reivindicacións, chegándose incluso a facelas súas. Deles, do sistema que nos oprime. A discrepancia nos medios quedou atrás no tempo, sendo solapada por unha discordancia con respecto da meta, a cal, considero, foi fomentada (nunha especie de contraofensiva ó feminismo) a través da creación dun discurso paralelo máis facilmente asumible polas elites de poder. É aquí onde acho que fai a súa aparición en escena o Feminismo Liberal, cuxo poder sería un gran erro infravalorar, pois parte do que hoxe somos é un logro que debemos concederlle. Somos máis, porén somos máis fortes, pero perdemos a capacidade de combater o paternalismo enganoso e sistemático dun neoliberalismo que nos vende liberdade a costa de soterrar a igualdade.

 Engánanos. Engánanos porque nos falan da liberdade de vender o noso corpo (para as revistas, para a prostitución ou para xestar “subrogadamente” unha crianza). Engánanos porque nos falan dun “empoderamento persoal”, dunha labor que nos queren facer crer unicamente nosa, porque, igual que a economía se regula a si mesma, a sociedade, tamén. Engánanos porque a tipoloxía de loita que nos propoñen non chega a poñer en cuestión en ningún intre a base heteropatriarcal do sistema. É mais, pola contra, o que fai é perpetralo á nosa costa, a costa de facernos crer que os logros obtidos son para nós, mentres eles comercializan co noso corpo e cos nosos conceptos.

Fonte: https://www.camaracivica.com/opinion/feminismo-liberal-liberalpoco-feminista/

Nesta estratexia de diversificación e individualización, fáisenos supostamente libres para decidir e actuar, mais non todas somos iguais de libres na hora de tomar decisións. É entón cando debemos falar noutros termos. Debemos falar de xénero, de raza, de clase, pero non daquela clase arredor da que teorizou Lidia Falcón (as mulleres como clase), senón da clase traballadora, obreira, proletaria, serva. Entramos aquí nun terreo escabroso, que causará o riso de máis de un, pois ninguén se adscribe a tal concepto na actualidade (outro gran logro do sistema). Quero, ademais, salientar o poder dos conceptos, das verbas, do que son e do que poden ser. Levamos décadas falando da liberdade e liberación da muller; idea que foi empregada dende Mulleres Libres (anarquistas na Guerra Civil) ate a revista Interviú(na “Transición á democracia”), pasando pola Sección Feminina de Falanxe (durante o Franquismo). A maneira de entender dita liberdade é diferente en cada un destes casos. Se tivese que establecer algún paralelismo entre as mesmas e a que hoxe estou a cuestionar, achegaríame sen dúbida á que comercializou a industria do destape. Doutro bando, aquela que propoño recuperar, ten máis que ver coa defendida polo feminismo anarquista dos anos trinta, que nos falaba da necesaria liberación da muller da súa tripla escravitude[4]. Hoxe, obtivemos grandes logros entorno a esta última proposta, mais polo camiño deixamos a escravitude proletaria, relegándoa a un esquecemento perpetrado por unhas elites preocupadas polo poder das mulleres como clase. Entorno a este último concepto, cómpre tamén propoñer unha apertura cara unha nova clase oprimida, ca tentativa de acadar unha maior inclusividade.

Estamos, pois, ante un novo desafío que debemos asumir con urxencia. É preciso coller de novo o altofalante, ser escépticas cas concesións feitas dende o poder, pescudar a raíz do noso problema, e cuestionarnos que é empoderarse[5], que é ser libres, e quen pode selo.

[1]Referencia a Rosa Parks, unha das máis importantes figuras do Movemento polos dereitos civís nos EEUU.

[2]Ou de todas aquelas persoas que poidan chegar a sentirse representadas polo movemento.

[3]Palabras pronunciadas por Albert Rivera ante a folga xeral do 8M de 2018.

[4]A triple escravitude da que se falaba dende o colectivo Mulleres Libres refírese a: escravitude da ignorancia, escravitude como muller, e escravitude como proletaria.

[5]Neste senso, é recomendable a lectura de Lourdes Méndez, as súas reflexións arredor do empoderamento e de a quen concerne esta labor: Méndez, L. (2005): Una connivencia implícita: “perspectiva de género”, “empoderamiento” y feminismo institucional. En Andrieu, R. e Mozo, C (coords.). Antropología Feminista y/o del Género. Legitimidad, poder y usos políticos, (pp. 203 – 226). Sevilla: El Monte

SOBRE A AUTORA

Enya Antelo Alvite, doutoranda en Historia Contemporánea. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Escribe sobre Historia Política e Social, especialmente arredor da Historia das Mulleres e de Xénero.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s