Universidade: de refuxio da cultura a chiringuito empresarial

Aula_Magna
Fonte: elzendaalarchitectuur.wikia.com

A Universidade española ven de vivir unha etapa de forte convulsión debida aos casos de corrupción destapados nos másteres de destacados/as representantes da política institucional. Todo comezou co “Caso Cifuentes”. Ao pouco de estourar este, un grupo de asociacións universitarias da Comunidade de Madrid firmamos un manifesto no cal sinalábamos que a corrupción é só a punta do iceberg, apuntando unha consideración fundamental: que estes casos son o produto natural dunha forma de entender e xestionar a educación que parte unicamente dos intereses privados das empresas e os círculos económicos.

Sobre a universidade e a loita de clases

É necesaria unha pequena contextualización da situación e o papel da Universidade dentro das fronteiras do capitalismo. O certo é que dito sistema atópase ante un grave problema dende o momento no que o acceso á educación postobligatoria é (foi) conquistado por unha base social cada vez máis ampla. Malia que, nun principio, a afluencia masiva á ensinanza superior puidese ser funcional, ao longo vólvese unha situación complicada de xestionar: nun país destinado a cumprir o rol de provedor de materias primas e a ser receptor de turistas, non fan falla persoas cun alto nivel formativo, porque os traballos que se ofertan non precisan de moito coñecemento académico e está ben que a xente teña poucos recursos (en todos os sentidos), para que non sexa difícil lexitimar a explotación e para que a maleta non pese demasiado se hai que emigrar.

Non só é que non fagan falta, senón que a súa existencia supón unha ameaza para a estabilidade do sistema. Digamos que, se todas tivésemos un diploma universitario, sería custoso darlle á meirande parte da poboación un motivo que lles xustificase que o paro ou traballos precarizados son as súas únicas alternativas. “Que el título y, sobre todo, el conocimiento dejen de tener para el titulado medio una repercusión inmediata en su situación en la producción y en la administración querrá decir abiertamente que es injustificable la jerarquización de las funciones [en este ámbito]”[i] Así o apuntaba Manuel Sacristán nun recomendable ensaio sobre a Universidade, publicado fai xa máis de corenta anos pero de plena vixencia.

Así pois, cando temos un exceso de persoas con estudos superiores e un sistema que non pode absorber toda esa cualificación, topámonos con dúas posibilidades: ou superamos a contradición e nos enmarcamos dentro dun novo sistema, cuxas necesidades se correspondan coas da maioría; ou agochamos os problemas debaixo da alfombra: expulsamos das universidades a todas aquelas persoas que non deberían estar nelas, ao tempo que relegamos as licenciaturas a algo “vulgar”, creando outro nivel de estudos o suficientemente elitizado como para que as persoas que se resistan a ser expulsadas poidan acceder a el (os másters).

Madrid coma laboratorio,  a empresa coma horizonte.

Segundo o QS World University Ranking, das dez mellores universidades do mundo, cinco son estadounidenses e catro, británicas[ii]. Das españolas, as mellor consideradas neste ranking son as catalás (UdeB, UAB, UPB e UPF) e as madrileñas (UAM, UCM e UC3M). Os criterios de dito ranking obedecen a “la métrica que mide la reputación de la institución a ojos de los empleadores, el cómo las instituciones preparan a sus estudiantes para un cada vez más competitivo mercado laboral”. En 2016, este mesmo ranking situou a Madrid como a mellor cidade española na que realizar un máster[iii]. Certamente, Cataluña e Madrid (sobre todo Madrid) son a avanzada española no que se refire á adopción do modelo universitario británico e estadounidense…

Desde a nosa entrada na CEE, o país tivo que adaptarse ao marco da globalización. Primeiro tocoulle ao tecido produtivo (a destrución da industria española nos oitenta); desde 1999[iv], á Universidade. E adaptarse ao marco europeo en materia educativa significa, fundamentalmente, reorganizala para: 1) como se apuntaba no apartado anterior, garantir que non todo o mundo teña un mesmo nivel formativo e asegurar a lexitimación da división social no traballo; e 2) orientala aos intereses económicos privados. Foi nesta dirección na que se deseñaron a LOMCE e o 3+2 e na que, hoxe, en Madrid, deséñase a LEMES[v], que é un eslavón máis nesta espiral liberalización.

Cando as asociacións universitarias, sindicatos e demais plataformas da comunidade universitaria madrileña asumimos a tarefa de analizar o proxecto de lei, concluímos que o obxectivo deste era o de acabar coa (mermadísima) autonomía universitaria como medio para supeditar totalmente á Universidade ao produtivismo e ás necesidades empresariais. Identificamos, ao mesmo tempo, que as ferramentas para lograr este obxectivo serían tres, principalmente: o control da financiación, o control do profesorado e a externalización de competencias. Así pois, segundo o borrador do proxecto de lei:

1 A financiación condicional pasaría a ser unha parte moi importante da total, e asignaríase en función do cumprimento dos criterios da Lei. Queda implícita a insuficiencia da financiación base, trasladando ás universidades a necesidade de buscar convenios e proxectos de financiación privados. Ao mesmo tempo, recóllese que a competencia de buscar e concertar ditos proxectos será dos Consellos Sociais[vi]. Pero, se no eido da financiación atopamos algo especialmente relevante é á radical división entre a labor investigadora e a docente, de tal xeito que parte da financiación variable será asignada en función da produtividade investigadora.

A plena división de tarefas pode ter sentido para a lóxica empresarial, pois que o profesorado se especialice en investigar aumentará a produción e a produtividade de coñecemento técnico-científico, pero supón un duro golpe para a Universidade como espazo de formación e aprendizaxe. Fundamentalmente, porque rompe a transmisión de coñecemento, ao imposibilitar o exercicio da docencia ao profesorado investigador e ao afastar ao profesorado docente das innovacións e avances no coñecemento. A que leva isto? Á creación de universidades de primeira (moito máis produtivas, con mellor profesorado e mellor financiación) e de segunda. Do mesmo xeito que hoxe temos institutos de primeira e de segunda.

2 Con respecto ao control do profesorado, destacar a figura do profesor visitante distinguido. Aquí temos que presentar un actor fundamental na escena madrileña: a fundación Madri+d, totalmente opaca e fundada con patrimonio da Conferencia de Empresarios Madrileños e da Asociación para el Progreso de la Dirección no ano 2002.

Pois ben, será competencia desta fundación a acreditación do profesorado visitante distinguido. Esta figura xustifícase porque “se busca una acreditación menos burocrática y menos encorsetada, eliminando los requisitos más cuestionados y que dificultan la atracción de profesorado de gran calidad”. Unha bonita  forma de dicir que un organismo dependente da Comunidade de Madrid, fundado por dous grupos de presión empresariais, famoso pola súa opacidade, contratará a dedo a profesores/as que terán, como mínimo, o soldo dun/ha profesor/a titular .

3 O terceiro punto, o da externalización, está contido nos anteriores, pois (case) todo o narrado supón en si mesmo unha perda de competencias fundamentais para a universidade. A maiores, sinalar que tamén os controis de calidade serán externalizados cara a fundación Madri+D e, sobre todo, algo xa non significativo, senón totalmente explícito sobre a visión que se ten sobre a universidade desde o sistema: o mantemento de titulacións sería decidido pola Consellería de Educación en base a dous criterios: a demanda e a rendibilidade.

Conclusión

Estamos nunha etapa na que é necesaria para o sistema unha reorganización da institucionalización das desigualdades sociais. Cara este fin camiñaron as reformas educativas, polo menos desde a firma da Declaración de Bolonia, e cara este fin camiñaremos mentres non cambie o marco no que nos encadramos. Sexa baixo a forma dun Pacto Nacional Educativo ou mediante Decretos LeiIso si, sempre adornado de retórica, apelando a mantrasomo “modernizar a educación”; “fomentar o emprendemento”; “proxección internacional”…A cuestión é que todos eses slogans redúcense a pensar a universidade por e para as empresas.

Escollín o título do artigo porque é extremadamente significativo que a Universidade teña deixado de presentarse [á sociedade] como o refuxio do mellor do intelecto nacional para pasar a ser amosada coma unha fábrica de man de obra para o mercado.

Camiñamos cara unha Universidade con dúas caras: a da mediocridade e a da excelencia. A primeira será a dos que teñen que conformarse cos graos: cada vez máis curtos, máis condensados e menos formativos, impartidos por un profesorado precarizado e desvinculado da investigación e da produción de coñecemento. A segunda, a da xente que non só pode pagarse un grao, senón que tamén pode permitirse un máster, un título, en moitos casos obrigatorio para o exercicio, no que “poderemos” acceder a formación que, non fai moito tempo, estaba contida nos propios graos.

Estas dúas caras forman parte da mesma moeda: a dunha Universidade desposuída de competencias, na que procesos como a contratación de profesorado, a elaboración de plans de estudos ou os controis de avaliación da calidade (e os criterios de ditos controis) quedarán en mans de organismos externos. Unha Universidade na que, como xa pasa agora, as empresas terán máis poder que a comunidade educativa. Unha Universidade deseñada por e para o mercado. E se nos axentes do mercado (nas empresas) se producen escándalos de corrupción, é porque son estruturas opacas carentes de democracia interna. E se ocorre o mesmo nas institucións do Estado, desde o Parlamento ata as universidades, é porque as lóxicas coas que se constrúen son as de servir ao mercado, para o que a democracia interna e a transparencia tamén son algo bastante banal.

Polo tanto, o grave non está en que Cifuentes, Casado ou a ex-ministra Montón trafiquen con influencias para lucrarse a costa do público; a gravidade radica en que a estruturación das institucións das que nos dotamos para gobernar e construírmos a nosa vida comunitaria sexan as que orixinen as posibilidades para que estes casos ocorran, porque non se dotan dos mecanismos necesarios para garantir unha xestión popular e transparente. O problema non son as froitas, senón as raíces da árbore.

O día no que a Universidade, e as institucións públicas en xeral, funcione e sexa xestionada por e para o ben público será o día no que os casos de corrupción deixen de estar á orde do día semana tras semana. Cando menos, será o día no que contaremos con mecanismos eficientes e efectivos, institucionalizados, que compliquen estas prácticas e que, no caso de producirse, as sinalen e persigan. Isto suporá unha mala nova para os equipos de investigación, pero creo que podemos coincidir en que sería moito mellor non ter que depender da intuición e o traballo xornalístico para estas cuestións.

[i] Sacristán, M; La universidad y la división social del trabajo.  http://archivo.juventudes.org/manuel-sacrist%C3%A1n/por-autora/manuel-sacrist%C3%A1n

[ii]QS World University Rankings (2018). Top 10 universities 2018 [sitio web]. Recuperado de https://www.topuniversities.com/university-rankings/world-university-rankings/2018

[iii] Riesgo, S. (26 de abril de 2016). Recuperado de https://www.mastermania.com/noticias_masters/las-mejores-universidades-de-espana-para-estudiar-un-master-org-4214.html

[iv] Ano no que se firma a Declaración de Bolonia.

[v] Ley del Espacio Madrileño de Educación Superior.

[vi] Os Consellos Sociais son os órganos de representación das empresas dentro das universidades.

SOBRE O AUTOR

Juan González González. Estudante de Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Carlos III. Membro da Agrupación Universitaria Carlos Marx e do colectivo No+BecasxTrabajo. Escribe sobre cuestións relacionadas co mundo educativo, especialmente sobre o mundo universitario, pero tamén de calquera asunto relacionado co activismo ou a vida política madrileña ou estatal.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s