Estados Unidos: construíndo hexemonía a través do cine

Cando cavilamos sobre a loita polo dominio do planeta véñensenos a cabeza imaxes de imperios que exercen o control do mundo facendo uso do seu poderío bélico ou económico. Exércitos imposibles de bater ou organismos financeiros que someten ao resto de Estados a través do ditame de políticas monetarias, fiscais,  comerciais, etc. Máis alá da certeza destas cuestións, resulta indubidable que existen outros métodos por medio das cales se conforma e se mantén a hexemonía, aínda que os seus efectos sexan menos sinxelos de percibir. Trátase de medios culturais e ideolóxicos, enmarcados no poder brando, termo acuñado polo xeopolítico Josep Nye no seu libro Bound to Lead: The Changing Nature of American Power (1990).

Iglesias, P. 2013

En torno a cultura como elemento chave para a construción de hexemonía, o teórico marxista Antonio Gramsci sinalou que, en tanto que o exercicio de hexemonía non só se refire ó poderío dunha clase sobre outra, senón que tamén inclúe a formación dun consenso baixo o que se unifican os intereses de ambas clases, a cultura é un recurso que permite orixinar e reforzar valores e identidades que actúan como elemento de cohesión nunha comunidade, evitando así a ruptura da contradición entre clases[i].

Pois ben, tendo analizada a relevancia da cultura como peza fundamental de hexemonía, examinemos un dos piares da hexemonía cultural, o cine, un potente vehículo propagandístico e un forte dispositivo de implantación e difusión de valores e ideoloxías. En primeiro lugar, porque abarca a súa vez diferentes artes como a literatura, o teatro, a pintura ou a música, e ademais, amparado baixo o paraugas do entretemento, a mensaxe camúflase entre o guión, os efectos, os planos, etc.

En segundo lugar, porque a súa capacidade de alcance é masiva, cruzando fronteiras con facilidade e sendo accesible para un amplo público. Esta importancia do cine como canle de lexitimación e divulgación de intereses queda reflexada no gran número de estudos que dende diversas disciplinas e con diferentes enfoques teñen abordado a temática. Podemos atopar así unha inmensa cantidade de análises sobre o uso do cine nos réximes fascistas en Italia e Alemaña ou sobre a Unión Soviética. Neste artigo contribúese a ampliar a literatura sobre os usos políticos do cine, examinando o papel do cine da construción da hexemonía política estadounidense:

A diferenza do caso soviético ou do fascismo italiano e alemán, onde a  relación entre o Estado e a industria cinematográfica non resulta tan difícil dilucidar, dado o propio nivel de estatalización das actividades cinematográficas, os parámetros de relación entre o Estado e industria cinematográfica estadounidense son diferentes (e probablemente menos visibles que os anteriores), o cal non quere dicir que non exista unha forte relación de cooperación entre ambas partes, a cal ten cabida en canto implica un beneficio mutuo ao crear, reproducir e reforzar ideas hexemónicas ao tempo que axuda ao éxito comercial dos filmes ó axustarse as propias ideas dominantes e ao contextualizarse na normalidade dos espectadores.

Así pois, son moitos os recursos que dende a o Estado se teñen invertido na industria cinematográfica. Ilustrativo é, por exemplo, o vínculo co Pentágono: as relacións de cooperación entre o Departamento de Defensa e Hollywood son visible a través da cesión de medios e apoios para a gravación dalgúns filmes bélicos, como Top Gun (1986), onde se amosa a heroicidade e o patriotismo do exército, e tras cuxo estreo o recrutamento da Marina medrou masivamente[ii]

Alén dos casos nos que a relación entre o Estado e Hollywood é moi estreita, o papel deste último como dispositivo creador , reprodutor e difusor de determinados valores e ideoloxías, tanto dentro do propio territorio nacional como máis alá das súas fronteiras, resulta vital para a construción da hexemonía política estadounidense. Desta sorte, a historia dos Estados Unidos ilústranos como o seu cine foi cambiando en relación aos contextos nacionais e globais e ó tipo de influenza que se pretendera exercer no imaxinario colectivo.

Para comezar, o propio imperialismo fundacional da nación estadounidense é representado na gran pantalla, pero na maioría dos casos o relato non amosa a realidade ou cando menos non é completo. Así por exemplo, a pugna imperial polo dominio de Texas entre o exército mexicano e o estadounidense é amosado en El Alamo (1960) como unha batalla entre valedores da liberdade e defensores dun mundo anticuado e desigual de elites privilexiadas. Noutra orde de cousas, os Estados Unidos tamén teñen feito uso do cine nos períodos bélicos como ferramenta propagandística. Por exemplo Corazones del mundo (1918) recorre a un drama romántico para relatar a barbarie da Primeira Guerra Mundial, tendo como fin último conseguir a aprobación da opinión pública na entrada da mesma. De igual modo tamén é destacable o traballo do cine como defensor dos intereses estadounidenses na Segunda Guerra Mundial, servindo para concienciar sobre a necesidade de entrar na contenda, así como motivar e informar aos soldados da necesidade de loitar contra o inimigo, pero en relación a cinematografía estadounidense e a Segunda Guerra Mundial cabe destacar outra cuestión: o papel xogado na creación do relato da guerra con posterioridade ao conflito bélico.

Salvar al soldado Ryan (1998), Malditos Bastardos (2009),  La Gran Evasión (1963), Doce del patíbulo (1967), Tora! Tora! Tora! (1970), Un puente lejano (1977), La delgada línea roja (1998), Corazones de acero (2014)…Non realizo neste artigo unha crítica en termos cinematográficos destas películas, o que me interesa resaltar e o seu rol como creadores de discurso. Así pois, sen entrar a analizar cada un delas en particular, do que me ocupo é de explicar como as mesmas ilustran o monopolio imperante sobre o relato da Segunda Guerra Mundial: o que pon sobre a mesa esta lista é o claro predominio de filmes estadounidense no mercado do cine sobre este acontecemento bélico, así como o seu desenvolvemento en Europa Occidental, pois se ben existen producións doutros países e na fronte Oriental, como Enemigo a las puertas (2001) ou Stalingrado (1993), en termos xerais a comparación é moi asimétrica.

En consecuencia, a omisión de batallas cruciais acontecidas en Europa Oriental ou do avance soviético cara Berlín supón un non recoñecemento da verdadeira aportación da Unión Soviética na derrota das Potencias do Eixo, ao tempo que o continuado e heroico protagonismo das tropas norteamericanas sobredimensiona o seu papel[iii]. Entón, mentres os datos amosan que o número de falecidos soviéticos é moi superior ao de estadounidenses (existen diferentes fontes de cifras, pero en xeral, a cantidade de mortes soviéticas soe oscilar entre os 24 e os 30 millóns de persoas, mentres que a de estadounidenses non sobrepasa os 500 mil), e que a inmensa maioría de soldados alemáns faleceron no fronte oriental[iv], a percepción xeneralizada é que a vitoria dos aliados ten aos Estados Unidos como o principal artífice.

Ademais, se analizamos esta percepción podemos visualizar como foi trocando a medida que transcorrían os anos. Unha famosa enquisa realizada en Francia pon de manifesto esta cuestión: mentres no 1945 o 57% dos franceses consideraba a Unión Soviética como o país que máis contribuíu a derrota de Alemaña, e tan só o 20% outorgaba a primacía aos Estados Unidos, no 1994 a porcentaxe mudara en gran medida, e Estados Unidos xa ocupaba o 49% das respostas e a Unión Soviética un 25%, proporcións que seguiron evolucionando nesta liña.

La imagen tiene un atributo ALT vacío; su nombre de archivo es sin-tc3adtulo-1.png                                              Fonte: http://www.les-crises.com                                                      

Outra enquisa semellante levada a cabo en diferentes países no ano 2015 volve a enunciar como no imaxinario colectivo predomina a idea da contribución estadounidense como a máis importante na derrota da Alemaña nazi.

La imagen tiene un atributo ALT vacío; su nombre de archivo es sin-tc3adtulo.png

                                            Fonte: http://www.Highcharts.com

Seguindo coa revisión histórica do cine estadounidense, e continuando co contexto bélico, damos paso agora ao período de Guerra Fría: o cine norteamericano reflicte a polarización do mundo durante este tempo e a construción dun claro inimigo, o comunismo soviético e os seus aliados, que representan a ameaza, xerando un medo que afianza a estratexia de seguridade nacional. Diferentes feitos expoñen a realidade xeopolítica mundial dende o bando estadounidense: a coerción e persecución do Comité de Actividades Antiamericanas a aqueles directores ou actores sobre os que existía sospeita de simpatía ou propaganda comunista en Hollywood da boa conta disto, como tamén o fan os filmes bélicos que dividen as batallas en termos morais, bos e malos, heroes norteamericanos contra sádicos soviéticos e vietnamitas, como en Acorralado (1982) e Rambo: Acorralado Parte II (1985), e posteriormente afganos, en Rambo III (1988)[v].

Nesta orde de cousas tamén están Estación Polar Cebra (1963), na que a figura do traidor corresponde co infiltrado soviético, ou Invasión USA (1985). Existen tamén películas nas que se amosa posibilidade de cooperación cos soviéticos, como en La caza del octubre rojo (1984), onde o heroe soviético recibe a colaboración estadounidense para acabar cos malvados plans do seu goberno, ou en Rocky IV (1985), na que o boxeador sinala o camiño ao pobo soviético (“Lo que intento decir es que si yo puedo cambiar y vosotros también… ¡todos pueden cambiar!” , afirma tras o combate,  levantando os aplausos do público e do propio Xefe de Estado, Míjail Gorbachov). Cabe sinalar aquí, que si existen filmes que expresan críticas e mensaxes antibelicistas, como Platoon (1986) ou Apocalypsis now (1979), as cales, sen embargo, non contaron co apoio do Departamento de Defensa.

Entón, temos relatado ata agora o papel do cine norteamericano nos contextos bélicos, mais sen embargo, as producións fílmicas lexitiman moitos máis aspectos que a participación e o apoio nas guerras ou unha visión unilateral sobre a mesma. O cine tamén é unha ferramenta de implantación e defensa dos valores da American Way of Life: O Lobo de Wall Street (2013) representa o triunfo a través do éxito individual e as trabas do Estado, e Bailando con Lobos (1990) amosa como a maneira de saír adiante é o apoio na familia, no clan[vi]. Outras películas xa citadas, Acorralado (1982) e Rambo: Acorralado Parte II (1985), vólvenos a ser de utilidade para visualizar o alento do individualismo e os obstáculos do Estado, pois o protagonista evidencia a superioridade do aparato do militar fronte a sociedade civil e a ineficacia do Estado como axente encargado de resolver problemas (un só home non é que de ser freado pola burocracia), así como o desprezo da sociedade aos veteranos que loitaron en Vietnam. En Os Cazafantasmas (1984), un auténtico blockbuster, acontece unha historia similar, xa que a intromisión da burocracia é o causante dos problemas[vii].

En síntese, Hollywood acabou por converterse no gran dominador do mercado do cine mundial grazas a súa capacidade para instalarse na sociedade estadounidense e traspasar fronteiras, xerando un sentimento de pertenza global. Pensemos en películas como Independence Day (1996), onde se polariza o ben e o mal, e na que Estados Unidos se erixe como salvador do mundo, creando unha identidade común contra o inimigo. Neste caso o adversario é extraplanetario, pero co vimos no artigo, en relación ao contexto o mesmo foi variando ata a actualidade. Así pois, no presente os inimigos que coparon as películas de Hollywood foron en moitos casos islámicos, como en La noche más oscura (2012) ou Red de mentiras (2008) -exercéndose nesta unha xustificación da tortura como forma de salvagardar a seguridade a través dunha visión emocional e moral da violencia-, aínda que os inimigos tamén se enmarcan en cuestións máis modernas, como os ciberataques, en películas como Skyfall (2012), na que a seguridade se presenta por riba da democracia e o Estado de dereito, por exemplo, lexitimando a falsificación de probas para a readmisión do protagonista[viii].

[i]Sacristán. M (2007). Antología/ Antonio Gramsci. México. Siglo XXI
[ii]Argudo, A (2015). Hollywood y propaganda ideológica durante la era Reagan (1981 1989). (Tesis de pregrado). Facultad de Ciencias Políticas y de la Administración, Universidad de Barcelona. Barcelona
[iii]Arancón. F (2007). Hollywood, el ganador de la Segunda Guerra Mundial. Recuperado de https://elordenmundial.com/hollywood-el-ganador-de-la-segunda-guerra-mundial/
[iv]Rozhnov. K (2005). Who won World War II. Recuperado de http://news.bbc.co.uk/2/hi/europe/4508901.stm
[v](2) Argudo, A (2015).
[vi]Fort Apache [HispanTV] (2017, julio, 22). El cine del neoliberalismo. [Arquivo de vídeo].
Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=2bkZftxCBjw&t=57s
[vii](3) Argudo, A (2015).
[viii]Iglesias. P (2013). Cuando las películas votan. Lecciones de ciencias sociales a través
del cine
.Madrid. Los Libros de la Catarata D.L.

SOBRE O AUTOR

Xurxo Antelo Alvite. Graduado en Ciencias Políticas e da Administración e doutotando en Historia Contemporánea.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s